Dende o conflito
Dende o conflito | |
---|---|
Título orixinal | Dende o conflito |
Autor/a | María Reimóndez |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Colección | Narrativa |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | outubro de 2014 |
Formato | 15,5 x 23 cm cartonado |
Páxinas | 300 |
ISBN | 978-84-9914-737-6 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
Dende o conflito é unha novela en lingua galega de María Reimóndez, editada por Edicións Xerais de Galicia en 2014 logo de gañar o Premio Xerais[1]. Xunto coas obras A música dos seres vivos e En vías de extinción conforma o «Ciclo dos elementos»[2].
Trama
[editar | editar a fonte]Saínza Combarro é unha xornalista especializada en información internacional. Nas súas reportaxes busca dar voz ás mulleres, e evitar o cinismo e a resignación. En 1999 cobre o xenocidio de Ruanda para The Guardian. Despois comeza a traballar na BBC, e en 2003 cobre a guerra de Iraq, onde vive a morte de José Couso en Bagdad. Nesa etapa fai tamén entrevistas para The Sunday Times, reportaxes sobre a prisión de Abu Ghraib e a zona do Kurdistán.
Regresa a Galiza logo duns ataques de ansiedade, e retoma a relación coas súas irmás Ilduara e Saleta (nomeada así por Saleta Goi). Na primavera de 2005 vai a Adís Abeba para cubrir as eleccións en Etiopía, nas que resultou reelixido Meles Zenawi malia as protestas populares polas sospeitas de fraude electoral. Logo dunha etapa de estrés, pídelle permiso á súa xefa para pasar un ano na zona rural de Etiopía para escribir un libro. Pasa ese tempo sobrevivindo con mulleres rurais, e a experiencia dá pé ao libro En terras de altos cumios, publicado en 2008. Durante este tempo perde a relación coa súa amiga Aurora, xornalista que vive en Barcelona, e traballa en El País na sección de deportes, e que traballou tamén en L'Équipe. Doutra banda, na súa casa Saínza vive a separación da súa nai, farmacéutica en Vilalba, e o seu pai, médico en Santiago de Compostela.
Comeza unha relación con Max, un home de Berlín, e múdase alí para escribir A semente da guerra. Alemaña 50 anos despois da Segunda Guerra Mundial (2010). En 2009 vai a Sri Lanka, e despois en Afganistán sofre feridas de metralla por un atentado, que acaba coa vida da súa compañeira Jane, fotógrafa. Cando el, que traballa de enxeñeiro na industria aeronáutica, decide deixar a relación, Saínza vese moi afectada.
En 2010 vai a Léogâne e Porto Príncipe, e alóxase coas tropas brasileiras da misión das Nacións Unidas en Haití. Despois de que Max decidise deixar a relación de parella regresa a Santiago de Compostela, onde se establece. O libro remata en xaneiro de 2013 cun final aberto con Saínza marchando a Malí.
Narración
[editar | editar a fonte]A obra está narrada en terceira persoa. A trama esténdese aproximadamente ao longo de catorce anos, con varias analepses á infancia e mocidade de Saínza.
Hai citas de Sofía Casanova, Marie Colvin, Jon Swain, Martha Gellhorn, Lara Logan e Bay Fang, e referencias a Emma Goldman e Margaret Mitchell.
A trama da novela entra en relación con outras obras da autora, xa sexa de forma explícita (indícase que un dos personaxes que aparece é a protagonista de En vías de extinción) como de forma implícita:
Dende o conflito lese e goréntase como un libro independente do que representa a produción da escritora ata agora e non resulta difícil conxecturar que ha colmar as expectativas que nela se poidan depositar. Con todo, teño para min que gañará e renderá aínda máis a lectura, en matices e irisacións, de situármola en conexión coas diversas pezas narrativas da autora ata o presente, isto é, se a lectora ou o lector fai memoria, lembra, le ou relé a produción narrativa de María Reimóndez desde aquela estrea que supuxo Caderno de bitácora até os máis recentes A alternativa está aquí, Volvo!, O regreso de Usha ou Presente continuo. De así facelo ha decatarse de que nese todo latexa un corpus pragado de referencias que se cruzan constituíndo unha rede sutilmente construída que posibilita ir trazando o ronsel singular dunha moi suxestiva proposta creativa.Ramón Nicolás, 2014[3]
Boa parte das vivencias da protagonista foron vividas en primeira persoa pola propia autora[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "«Dende o conflito» de María Reimóndez, premio Xerais de novela 2014". Edicións Xerais. 8 de xuño de 2014. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020.
- ↑ "María Reimóndez conversará na #PrazaDosLibros sobre as tres obras que forman parte do seu Ciclo dos elementos". María Reimóndez. 20 de xullo de 2016.
- ↑ Ramón Nicolás (31 de outubro de 2014). "Dende o conflito, de María Reimóndez". Caderno da crítica.
- ↑ César Lorenzo Gil (4 de febreiro de 2015). "Dende o conflito: as aventuras da santa viaxeira". Biosbardia. Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2019. Consultado o 14 de xaneiro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Dende o conflito". María Reimóndez.