Dan-Air
Dan-Air | ||
---|---|---|
IATA DA | OACI DAN | Indicativo DAN-AIR |
Fundación | 1953 | |
Fin das operacións | 1992 (fusionada con British Airways) | |
Frota | 36 (1992) | |
Holding | Davies and Newman |
Dan-Air (Dan Air Services Limited) foi unha aeroliña baseada no Reino Unido e subsidiaria da firma londiniense de corretaxe marítimo Davies and Newman. Foi fundada en 1953 cun único avión. Inicialmente operaba voos chárter de carga e pasaxeiros dendeos aeroportos de Southend (1953-1955) e Blackbushe (1955-1960) usando distintos avións con motores de pistóns[1] antes de moverse a unha nova base no aeroporto de Gatwick en 1960, seguido da expansión a voos chárter de turismo inclusivo (IT) e servizos regulares durante todo o ano.[2] A introdución de dous reactores de Havilland Comet da serie 4 en 1966 converteu a Dan-Air na segunda aeroliña independente británica, tras British United Airways, en iniciar operacións sostidas con reactores.
A principios dos anos 70 a compañía mercou un par de reactores de longo alcance Boeing 707 para ser usados en voos ao Canadá e aos Estados Unidos.[3][4] En 1973 Dan-Air converteuse na primeira aeroliña británica en operar o trirreactor Boeing 727. A mediados dos anos 70 converteuse na aeroliña independente británica máis grande, tanto en termos de pasaxeiros transportados como en termos de tamaño de frota, operando a frota chárter máis grande do país. Nesa época un membro do persoal de Dan-Air, Yvonne Pope Sintes, converteuse na primeira muller capitá de reactores de Europa.[5][6][7]
A principios dos anos 80 a aeroliña tamén se convertera no operador líder de voos de apoio de á fixa á industria petroleira, operando unha frota de 13 turbohélices Hawker Siddeley 748 entre bases no continente escocés e as illas Shetland contratada por firmas implicadas na explotación de petróleo no Mar do Norte.[8] En 1983 Dan-Air foi a primeira aeroliña en lanzar operacións comerciais co reactor rexional British Aerospace 146. A adquisición dun Airbus A300 en 1986 marcou a estrea de Dan-Air cos avións de fuselaxe ancho, e a finais dos 80 a compañía tivo unha grande expansión das súas actividades regulares, incluída a introdución de servizos de dúas clases nas rutas troncais. O número de pasaxeiros chegou en 1989 aos 6,2 millóns (1,8 millóns en servizos regulares).[9]
A falta de integración vertical cun touroperador, e unha mestura de frota ineficiente dominada por vellos Boeing 727 e BAC One-Eleven converteu a Dan-Air nunha aeroliña pouco competitiva, resultando nunha crecente marxinalización e cada vez máis dificultades financeiras, así como un cambio na dirección e na estratexia a principios dos 90.[10] Tras intentos pouco exitosos de fusionar Dan-Air cun competidor, a aerliña en problemas foi vendida a British Airways n 1992 por unha libra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Simons 1993, p. 10, 3
- ↑ Heathcote-Smith 1973, p. 836
- ↑ Simons 1993, pp. 71-73, 83-84, 120
- ↑ "Dan-Air", Flight International, 519, 9 de outubro de 1975
- ↑ Bennett, Simon (2006). A sociology of commercial flight crew. Aldershot, England: Ashgate Pub. ISBN 978-0-7546-4317-3. OCLC 64510458.
- ↑ Simons 1993, pp. 113-115
- ↑ "Yvonne Pope Sintes obituary" (en inglés). ISSN 0140-0460. Consultado o 2022-05-06.
- ↑ Simons 1993, pp. 93-100
- ↑ Simons 1993, p. 254
- ↑ Simons 1993, pp. 188-190, 193-4, 200-1, 220, 256
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Heathcote-Smith, Charles (31 May 1973). "Airline Profile: Number Forty-Three in the Series – Dan-Air". Flight International (Flightglobal.com) 103 (3351): 836–839.
- Simons, Graham M. (1993). The Spirit of Dan-Air. Peterborough, UK: GMS Enterprises. ISBN 1-870384-20-2.