Saltar ao contido

Día Internacional do Orgullo LGTB

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Día do Orgullo Gai»)

O Día Internacional do Orgullo LGTB, refírese a unha xornada na que teñen lugar unha serie de accións reivindicativas da comunidade LGTB+, co gallo de reafirmaren a súa orientación sexual, reivindicaren os seus dereitos e mais para faceren denuncia das actitudes homófobas.

A festa ten lugar o 28 de xuño, polo que a maioría das celebracións fanse ao redor desa data ou no sábado inmediatamente posterior. A noción básica do «orgullo LGTB+» consiste en que ningunha persoa debe sentir vergoña do que é, sexa cal for o seu sexo ou orientación sexual.

En 1969, clientes do bar Stonewall Inn, en Nova York, frecuentado por homosexuais e transexuais, fixéronlle fronte á acción policial alí ocorrida, desencadeándose dous días de protestas que culminaron na marcha do 1 de xullo de 1970, precursora das do Orgullo LGTB.

Marchas e celebracións

[editar | editar a fonte]
Orgullo LGTB+ de Reiquiavik en 2004.

A celebración é coñecida sobre todo polas coloridas «marchas do orgullo» (en inglés «pride parades») que coinciden, no hemisferio norte, co inicio do verán. Os símbolos do orgullo LGTB+ son a bandeira coas cores do arco da vella e os triángulos rosas. Hoxe en día, após se teren superado en moitos países as leis que penalizaban a homosexualidade, reivindícase o mesmo para o resto do mundo.

En Europa, cada ano os colectivos homosexuais elixen unha cidade distinta de forma itinerante para celebrar en conxunto o orgullo LGTB+ de todo o continente. Esta marcha é denominada Europride.