Saltar ao contido

Cinema negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cinema negro ou film noir é un xénero cinematográfico que se desenvolveu nos Estados Unidos durante a década de 1940 e 1950. Adoita ser considerado como o primeiro filme deste tipo The Maltese Falcon, de John Huston, con Humphrey Bogart e Mary Astor, estreado en 1941.

Características

[editar | editar a fonte]

O termo de film noir foi acuñado por vez primeira polo italiano Nino Frank e é usado pola crítica cinematográfica para describir un xénero de definición bastante imprecisa, cuxa diferenciación doutros xéneros como o cinema de gángsters ou o cinema social é só parcial. Decote, os filmes caracterizados como de cinema negro xiran arredor de feitos delituosos e criminais cun forte contido expresivo e unha característica estilización visual. A súa construción formal está preto do expresionismo. Emprégase unha linguaxe elíptica e metafórica onde se describe a escena caracterizada por unha iluminación tenebrosa en clarescuro, escenas nocturnas con humidade no ambiente, xógase co uso de sombras para exaltar a psicoloxía dos personaxes. Algúns destes efectos eran especialmente impactantes en branco e negro. Asemade, a personalidade dos personaxes e as súas motivacións son difíciles de estabelecer (caso paradigmático son os detectives privados, frecuentes protagonistas do xénero, tales como Sam Spade ou Philip Marlowe). As fronteiras entre bos e malos esvaécense e o heroe acostuma a ser un antiheroe atenazado por un pasado escuro.

O cinema negro presenta unha sociedade violenta, cínica e corrupta que ameaza non só o heroe/protagonista do filme senón tamén outros personaxes, dentro dun ambiente de pesimismo fatalista. Os finais adoitan ser agridoces ou mesmo de fracaso. Outro punto característico do cinema negro é a presenza da femme fatal, a muller fatal, quen, aparentemente inofensiva, pode conducir as súas vítimas ao perigo ou á morte. As novelas de Dashiell Hammett e Raymond Chandler, cos seus detectives Spade e Marlowe son frecuentes fontes dos guións do xénero.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre cine é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.