Chester Krause
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de decembro 1923 Helvetia, Estados Unidos de América (en) |
Morte | 25 de xuño de 2016 (92 anos) Iola. Wisconsin Estados Unidos |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Q89547790 | Fundador de Krause Publications. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e negocios. |
Ocupación | numismático, editor |
Período de actividade | 1952 - |
Premios | |
Véxase a sección "Recoñecementos". |
Chester Lee Krause, nado o 16 de decembro de 1923 en Helvetia, Wisconsin, e finado o 15 de xuño de 2016 en Iola, no mesmo Estado, foi un numismático e editor estadounidense, coñecido por ser o fundador da editora Krause Publications, na década de 1950.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Krause naceu na vila de Helvetia, no condado de Waupaca, en Wisconsin, o 16 de decembro de 1923. Era fillo de Carl Krause (falecido en 1954) e de Cora Neil (1980), e pasou a súa infancia na granxa familiar como o menor dos seus seis fillos.[1] Adquiriu a súa primeira educación nunha sala da súa propia casa e aprendeu o oficio de albanel, que tamén exercía o seu pai, e logo cursou o seu ensino secundario en Iola, onde se graduou en 1941.[2][3]
Igual que os seus dous irmáns varóns, Chester foi recrutado polo exército durante a segunda guerra mundial. No seu caso, serviu como mecánico de automóbiles en Bélxica, Luxemburgo e Alemaña, entre 1943 e 1946.[1][2][3]
Carreira
[editar | editar a fonte]Acabada a guerra retornou a Iola, onde a súa familia se asentou logo de vender a granxa en 1950, e alí estableceuse como construtor independente, e dous anos máis tarde, en 1952, comezou a compatibilizar esta dedicación coa de editor. Cun investimento inicial de 1.000 dólares, en outubro dese mesmo ano creou a revista Numismatic News, transformando o seu interese pola numismática, que o acompañaba desde neno, nun labor profesional, como vehículo para a información numismática aos coleccionistas de zonas afastadas das grandes cidades dos EEUU. A nova compañía, chamada Krause Publications, medrou considerablemente durante o lustro seguinte e en 1957 Krause construíu o seu derradeiro edificio, para centrar os seus intereses no ámbito editorial.[2][3][4] En 1963 contratou a Clifford Mishler, de Míchigan, con quen mantivo unha vinculación profesional durante moitos anos.[1]
A crise do coleccionismo numismático nos Estados Unidos na década de 1960 obrigouno a diversificar o seu negocio editorial, ampliándoo a outros coleccionismos. En 1971 comezou a publicar a revista Old Cars ("Coches antigos"), outra das súas paixóns, xa que era un coleccionista destes vehículos.[2] Ademais, o seu pasado como mecánico militar fixo que mantivese sempre o interese por este tipo de vehículos, o que o levou tamén a adquirir e publicar a cabeceira Military Vehicles Magazine.[1]
A época de máxima expansión foi a década de 1980, cando a súa editora abrangueu unha ducia de publicacións periódicas, dedicadas ao mundo do coleccionismo, e arredor de 150 títulos de libros. Entre as publicacións máis salientables desta época están as series Standard Catalog of World Coins (desde 1972) e Standard Catalog of World Paper Money, ambas con numerosas edicións actualizadas que se manteñen ata os nosos días, nalgunhas ocasións desagregadas en varios volumes por períodos.[2][5][6]
Este éxito nos negocios foi acompañado dun importante labor filantrópico, subvencionado numerosas iniciativas de índole social.[2]
En 1986, aos 63 anos, Krause deixou a dirección executiva da compañía, aínda que se mantivo como presidente. No momento da súa xubilación, Krause Publications tiña arredor de 400 empregados e unha facturación de 50 millóns de dólares. En 1990, Krause cedeulle a Mishler o control da compañía e na seguinte década este foi reducindo a súa participación, vendéndolles accións aos empregados.[1][2][7]
En xaneiro de 2014, Krause padeceu un derramo cerebral que minguou as súas capacidades, e en 2016 sufriu unha caída. No transcurso do tratamento a raíz desta caída tivo unha insuficiencia cardíaca que, finalmente, provocou o seu falecemento nun hospital de Iola, o 25 de xuño de 2016.[2][3]
Krause formou parte do equipo de dirección da American Numismatic Association entre 2007 e 2010. Tamén na ANA mantivo a súa colaboración con Clifford Mishler, que presidiu a sociedade de 2009 a 2011.[1]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1967): Medalla do mérito, da American Numismatic Association.[8]
- (1976): Premio Clemy, do Numismatic Literary Guild.[9]
- (1977): Premio Farran Zerbe Memorial, da American Numismatic Association.[8][10]
- (1991): Premio Glenn Smedley Memorial, da American Numismatic Association.[8]
- (1994): Premio á traxectoria, da American Numismatic Association.[8]
- (1999): Numismático do ano, da American Numismatic Association.[8]
- (2005): Servizo exemplar, da American Numismatic Association.[8]
- (2007): Trussets' Award, da American Numismatic Society.[11]
- (2009): Premio Burnett Anderson Memorial, da American Numismatic Association (ANA), a American Numismatic Society (ANS) e o Gremio Literario Numismático (Numismatic Literary Guild -NLG-).[8]
Premio Chester L. Krause Memorial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Premio Chester L. Krause Memorial.
Na súa memoria, a Amarican Numismatic Association (ANA) en 2021 deulle o nome de Chester L. Krause Memorial ao maior recoñecemento da entidade, outorgado aos membros destacados polos seus anos de dedicación tanto á asociación como á numismática.[12] Este premio denominábase anteriormente Farran Zerbe Memorial, mais ese ano a ANA votou para retirar o nome do antigo presidente da entidade por mor das súas actividades fraudulentas e desleais no pasado.[13][14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Memoriam: Chester “Chet” Krause, 1923-2016". En Coin Week. 27 de xuño de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Chester L. Krause. Obituary". Voie Funeral Home.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Chester L. Krause 1923-2016". Legacy.com
- ↑ "Krause Publications. The Early Days". The Historical Marker Database (HMdb.org)
- ↑ "Krause, Chester L.". WorldCat Identities.
- ↑ M. J. Goc. (1992). Just plain Chet: the history of Krause Publications. Krause Publications, Iola. ISBN 9780873412315
- ↑ Kaiser, R. (2002). "Workers may own Krause Publications, but get no say in firm's sale". En Chicago Tribune. 3 de xullo.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association.
- ↑ "The Clemy Award Winners". Numismatic Literary Guild.
- ↑ "Farran Zerbe Memorial Award Arquivado 03 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
- ↑ "Recipients of the Trustees’ Award". American Numismatic Society.
- ↑ "ANA Service Awards". American Numismatic Association.
- ↑ "New Name for ANA Accolade". American Numismatic Association. 21 de setembro de 2021.
- ↑ Jewett, L. (2021). "ANA’s highest honor to get a new name after 70 years". En Coin World. 24 de setembro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gilkes, P. (2016). "Numismatic News founder Chet Krause dies at 92". En Coin World. 28 de xuño.
- Hagerty, J. R. (2016). "Chester Krause Built a Big Hobby Magazine Publisher in a Tiny Wisconsin Town". En The Wall Street Journal. 8 de xullo.
- Krause, C. L.; Sieber, A. G. (2008). "I'm Chet" : the autobiography of Chet Krause. Krause Publications, Iola.
- Smith, P. (2012). "Krause, Chester Lee". En American Numismatic Biographies. Páxina 214.
- Unser, D. L. (2016). "Chester L. Krause Dies at 92". En Coinnews.net. 1 de xullo.