Saltar ao contido

Castelo de Dunstaffnage

Castelo de Dunstaffnage
monumento planificado

O castelo de Dunstaffnage visto desde o leste, coa casa do garda no centro.
Coordenadas56°27′17″N 5°26′13″O / 56.454652777778, -5.4369361111111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(c. anos 1220)
Véxase tamén
Castelos de Gran Bretaña
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Dunstaffnage (en inglés: Dunstaffnage Castle) é un castelo parcialmente en ruínas, situado en Argyll e Bute, no oeste de Escocia. A 4,8 km ao noroeste de Oban, está situado nunha plataforma de rocha conglomerada nun promontorio ao suroeste da entrada ao lago Etive, bordeado en tres dos seus lados polo mar. O seu nome deriva de dúas voces: dün, que significa «fortificación» en gaélico, e stafr-nis, que significa «cabo do estado» en nórdico.

O castelo, que data do século XIII, é un dos máis antigos de Escocia construídos en pedra, nun grupo que inclúe ao castelo de Sween e ao castelo de Tioram.[1] Estando nunha localización estratéxica, foi construído polos señores MacDougall de Lorn, e foi mantido desde o século XV polo Clan Campbell. Até o día de hoxe, hai un capitán hereditario de Dunstaffnage, aínda que xa non reside no castelo. Dunstaffnage é xestionado por Historic Scotland e atópase aberto ao público, aínda que a casa do garda do século XVI consérvase como propiedade privada do capitán.

Antes de Dunstaffnage

[editar | editar a fonte]

Antes da construción do castelo, Dunstaffnage pode ser a localización dunha fortaleza Dalriada, coñecida como Dun Monaidh, durante o século VII.[2] John Monipennie rexistrou en 1612 que a Pedra do Destino foi gardada aquí logo de ser traída de Irlanda e movida ao palacio de Scone en 843. Con todo, Iona e Dunadd son consideradas como máis probables debido ás súas coñecidas conexións cos reis Dalriada.[3]

A fachada sur do Castelo de Dunstaffnage.

Os MacDougall

[editar | editar a fonte]

O castelo en si mesmo foi construído durante o segundo cuarto do século XII, como fogar de Duncan MacDougall, señor de Lorn e neto de Somerled.[4] Duncan foi atacado sen éxito polo seu irmán noruegués, Uspak, quen logo falecería nun ataque das forzas nórdicas ao castelo de Rothesay nos anos 1230. Tamén viaxou a Roma en 1237, e foi o fundador do próximo Priorado de Ardchattan.[5] O fillo de Duncan, Ewen MacDougall, herdou o título do seu pai nos anos 1240 e expandiu a influencia MacDougall, chamándose a si mesmo «rei das Illas». É probable que Ewen construíra as tres torres que rodean ao castelo e o salón interno, tamén ampliando este último.[6]

Tralo rexeitamento de Alexandre III á influencia nórdica en Argyll, os MacDougall apoiaron á monarquía escocesa, e Alexandre, o fillo de Ewen, foi nomeado como primeiro sheriff de Argyll en 1293. Con todo, eles apoiaron a Balliol durante as Guerras de independencia de Escocia que finalizaron uns anos despois. O inimigo de Balliol, Roberto Bruce, defendeu ao clan MacDougall na batalla do Paso de Brander en 1308 ou 1309, e logo dun breve asedio, tomou o control do castelo de Dunstaffnage.[7]

Fortaleza real

[editar | editar a fonte]

Agora propiedade da Coroa, Dunstaffnage foi controlado por unha serie de coidadores. Xacobe I tomou o castelo en 1431, durante a batalla de Inverlochy, cando os seus inimigos estaban escondidos dentro. En 1455 Xacobe Douglas, noveno conde de Douglas quedou en Dunstaffnage para tratar con Xoán MacDonald, señor das Illas.[8] A isto seguiulle o ataque de Xacobe II ao poder de Douglas, o que induciu á firma do Tratado de Westminster-Ardtornish. Un propietario posterior, rival de Alan MacDougall, Xoán Stewart de Lorn, foi apuñalado polos seus partidarios de camiño cara á súa voda na capela de Dunstaffnage en 1463, aínda que sobreviviu o suficiente para facer os seus votos. Aínda que MacDougall tomou o castelo, foi desaloxado por Xacobe III, quen outorgou Dunstaffnage a Colin Campbell, primeiro conde de Argyll en 1470.[9]

Clan Campbell

[editar | editar a fonte]
Plano do castelo.

Os condes de Argyll designaron capitáns para supervisar e manter preparado o castelo de Dunstaffnage. Fixéronse cambios nas estruturas, particularmente na casa do garda, que foi reconstruída durante este tempo. Os Campbell foron aliados leais da casa real, e Dunstaffnage foi usado como base de expedicións do goberno contra, entre outros, os señores das Illas MacDonald, durante os séculos XV e XVI. Xacobe IV visitou Dunstaffnage en dúas ocasións.[8]

Dunstaffnage viu acción durante a Guerra Civil, participando contra o exército de Montrose en 1644. O castelo foi incendiado por tropas reais, tralo fracaso do levantamento do noveno conde de Argyll en 1685, contra o católico Xacobe VII.[10] Durante os levantamentos xacobitas de 1715 e 1745, o castelo estivo ocupado por tropas do goberno. Flora MacDonald, quen axudou ao príncipe Carlos a escapar de Escocia, foi encarcerada aquí brevemente mentres estaba de paso cara á súa prisión en Londres.[8]

Deterioración e restauración

[editar | editar a fonte]

Os Campbell construíron unha nova casa sobre a parte antiga do oeste en 1725. Con todo, o resto do castelo xa estaba en ruínas. En 1810 un incendio accidental destruíu o interior do castelo. Isto provocou que os capitáns deixasen de vivir aquí e se trasladaran á Casa de Dunstaffnage, a uns 2 km ao sueste, ata que esta tamén se incendiase en 1940.[11] Un inquilino viviu na casa de 1725, dentro do castelo, até 1888.[12]

O traballo de restauración foi realizado en 1903 polo duque de Argyll, dono do castelo. Isto foi seguido en 1912 por un proceso xudicial, cando a Corte de Sesión descartou que Angus Campbell, o vixésimo capitán hereditario, tivese dereito de residencia a pesar da propiedade do duque de Argyll sobre o castelo. Os traballos foron atrasados pola primeira guerra mundial e a planeada restauración total nunca se completou.[13] En 1958 o 21º capitán e duque acordou ceder o castelo ao estado.[12] Desde entón permanece como propiedade de Historic Scotland. O castelo e a capela están categorizados como edificios e monumentos clasificados do Reino Unido.

Descrición

[editar | editar a fonte]
O lado noroccidental de 1725, coa casa do garda á dereita, visto desde o parapeto.

Dunstaffnage é unha estrutura cuadrangular irregular de gran solidez, con torres circulares en tres dos seus ángulos. Miden aproximadamente 35 por 30 m, e teñen unha circunferencia de preto de 120 m (400 pés). Os muros son de cascallo, con capas de arenita, e teñen 18 m (60 pés) de alto, incluíndo a plataforma de cimentos conglomerados. As paredes teñen máis de 3 m (10 pés) de grosor, proporcionando unha gran defensa para esta localización altamente estratéxica, protexendo a entrada ao lago Etive e máis aló ao Paso de Brander, e actualmente dominando unha vista espléndida. O parapeto foi parcialmente restaurado con novas baldosas de pedra. Un canón de latón recuperado de restos de naufraxios da Armada Española foi montado nos muros.[14]

Torres circulares

[editar | editar a fonte]

Pouco despois da construción dos seus muros, tres torres circulares foron construídas ao norte, leste e oeste do castelo. A torre do norte, ou da homenaxe, a maior, comprende orixinalmente tres ou catro pisos e hospedou probablemente os apartamentos privados dos señores.[15] Só se pode entrar na torre do oeste a través do parapeto. O soto contén unha prisión en forma de foso á cal se accedía a través desta torre. A torre do leste foi reconstruída case de forma completa a finais do século XV como casa do garda. Probablemente cada torre estivo cuberta algunha vez por un tellado cónico.[16]

A casa do garda, cos restos do salón do nordés no seu lado esquerdo.

A casa do garda

[editar | editar a fonte]

A casa do garda foi construída polos Campbell a finais do século XV, en substitución dunha antiga torre circular na esquina oriental. A súa entrada dá a un corredor en cuxa primeira metade hai un soto, e na outra están as habitacións do garda. O primeiro acceso á entrada é por unha escaleira de pedra que substitúe a unha ponte levadiza.[17] A torre foi remodelada no século XVIII para proporcionar habitacións de recepción e un dormitorio privado. As xanelas lumieiradas na parte máis alta están tapadas polos cimentos da casa de 1725, e levan a data, as armas de Campbell e as iniciais AEC e DLC, por Aeneas Campbell, undécimo capitán, e a súa esposa Dame Lilias. Os cimentos foron movidos durante os traballos de restauración de 1903.[18]

Lados internos

[editar | editar a fonte]

O lado oriental estaba situado entre as torres do norte e do leste. Este foi o lado principal das construcións, e contiña un gran salón con adegas.[19] O salón tiña dobres xanelas de arco oxival, decoradas con deseños tallados, que logo foron obstruídas; os seus contornos poden ser observados na muralla circundante do leste.

Un segundo lado mantíñase ao longo da parede noroccidental, e puido estar conectado ao salón pola torre da homenaxe. En 1725 o lado foi remodelado nunha casa de dous pisos, á cal se entraba por unha escaleira de pedra, e en cuxa parte máis alta había xanelas lumieiradas que agora forman parte da casa do garda. O pozo da fronte procede da primeira construción, aínda que a pedra grande data do século XIX.[20]

Capela de Dunstaffnage

[editar | editar a fonte]
Final ao lado oriental da Capela Dunstaffnage, mostrando as xanelas oxivais e máis aló o mausoleo dos Campbell.

Unha capela do século XIII xace en ruínas a preto de 150 m ao suroeste do castelo. Tamén foi construída por Duncan MacDougall de Lorn como unha capela privada e contén cachotaría de gran calidade. Ten 20 m de longo por 6 m de ancho, e tiña antigamente un tellado de madeira. As xanelas oxivais teñen esculturas de dentes de can e arcos ben abertos internamente. A capela xa estaba en ruínas en 1740, cando un mausoleo foi construído ao final do seu lado oriental co fin de ser utilizado como lugar de último descanso para os capitáns de Dunstaffnage e as súas familias.[21]

Capitán de Dunstaffnage

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, un oficial chamado capitán hereditario de Dunstaffnage é o responsable do castelo e da súa defensa. O oficial aínda existe e para reter o título, agora máis ben unha sinecura sen significado militar, o titular debe pasar tres noites por ano no castelo. Actualmente, ningunha outra responsabilidade ou privilexio se engaden ao posto.

Coméntase que unha pantasma, coñecida como «Ell-maid de Dunstaffnage», aparece no castelo. Sendo un tipo de gruagach, dise que as aparicións da pantasma están asociadas con eventos nas vidas dos herdeiros.[8]

  1. Tabraham, p. 33.
  2. Coventry, p. 19, e Grove, p. 19. Grove nota que non hai evidencia arqueolóxica firme sobre a ocupación do sitio no século VII.
  3. Grove, p. 19.
  4. Walker, p. 237.
  5. Tabraham p. 36.
  6. Grove, p. 23 e Tabraham, p. 36 mencionan escavacións que amosan que a torre do norte, polo menos, foi unha antiga adición á estrutura, e suxire que Ewen MacDougall pode ter feito estes cambios para axeitala ó seu maior rango.
  7. John MacDougall solicitou sen éxito axuda para esta etapa a Eduardo II de Inglaterra. Grove, p. 25.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Coventry, p. 195.
  9. Grove, p. 26.
  10. Coventry, p. 195, Grove, p. 27.
  11. Informe da Construción Listada.
  12. 12,0 12,1 Grove, p. 29.
  13. Grove, p. 29, Walker, p. 238.
  14. Enciclopedia Británica, 1911.
  15. Grove, p. 11.
  16. Lindsay, p. 215.
  17. Lindsay, p. 213.
  18. Walker, p. 238.
  19. Lindsay, p. 214, Grove, p. 11.
  20. Grove, p. 13.
  21. Grove, p. 15, Walker, p. 241.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Coventry, Martin The Castles of Scotland (3ª edición), Goblinshead, 2001
  • Grove, Doreen Dunstaffnage Castle & Chapel, Historic Scotland, 2004
  • Lindsay, Maurice The Castles of Scotland, Constable & Co. 1986
  • Tabraham, Chris Scotland's Castles, BT Batsford/Historic Scotland, 1997
  • Walker, Frank Arneil The Buildings of Scotland: Argyll and Bute, Penguin, 2000
  • Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Dunstaffnage". Encyclopædia Britannica (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés).  

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]