Camposancos, A Guarda
Entidade local menor | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
Santa Isabel de Camposancos, ou A Visitación de Santa María de Camposancos,[2] é unha parroquia que se localiza no concello da Guarda. É unha das 9 entidades locais menores de Galicia. Segundo o padrón municipal de 2020, ten 1.073 habitantes distribuídos en 9 entidades de poboación. En 2014 tiña 1.088 (567 mulleres e 521 homes), en 2004 contaba con 987 habitantes, e en 1999, con 913. Está situada na beira dereita da foz do río Miño, polo que tamén dá ao océano Atlántico. Pertence á diocese de Tui-Vigo, na que está incluída o arciprestado da Guarda-Tebra.
Historia
[editar | editar a fonte]Etimoloxicamente, o topónimo Camposancos é de orixe latina e equivale a "campos en ángulo"[3].
Sábese que no lugar existiu un mosteiro templario do cal non quedan restos agás as columnas aparecidas nunhas reformas. En 1798 Camposancos erixiuse en parroquia independente ao separarse da de Salcidos. A igrexa parroquial de Santa Isabel comezou a construírse en 1816 e non se rematou ata 1856.
Durante o antigo réxime o couto medieval de Camposancos pertenceu como anexo ao partido xurisdicional de Barrantes (provincia de Tui) e dependeu do bispado de Tui, que arrendaba os seus bens aos veciños da parroquia, até que foi abolido este foro en 1870. Trala división territorial de España en 1833 constituíuse como concello de seu, pero en 1836 pasou a integrarse no termo municipal da Guarda.
Camposancos ten a consideración de entidade local menor desde o 23 de maio de 1925, o que lle permitiu ter o seu propio alcalde e un edificio oficial. Para levar a cabo calquera actuación en Camposancos, o concello da Guarda debía por lei informar á entidade local de tal actuación, aínda que esta non tivese o poder de cancelala. A metade dos impostos que recadaba a localidade pasaban á entidade local.
Colexio dos xesuítas de Camposancos e campo de concentración
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Colexio dos xesuítas de Camposancos e Campo de concentración de Camposancos.
O colexio dos xesuítas de Camposancos foi fundado en 1876. Por primeira vez en España, os xesuítas intentaban instituír unha universidade privada, que finalmente só estivo en activo durante cinco anos. O colexio chegou a contar cun prestixio enorme ata o punto de que del xurdiron dúas notables institucións como a Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comillas. Entre os alumnos avantaxados que saíron do colexio están o político pontevedrés Manuel Portela Valladares, que chegaría a ser ministro e presidente do goberno na Segunda República, ou o filósofo, escritor e político Antón Losada Diéguez. De 1916 a 1932 foi ocupado polos seus irmáns de relixión portugueses, etapa durante a cal contou con estudantes como o director de cine Manoel de Oliveira. So a Segunda República a orde dos xesuítas foi expulsada e o centro pasou a ser un sanatorio.
Convertido en hospital, o recinto do Colexio dos Xesuítas acolleu durante a guerra civil española e a posguerra o campo de concentración de Camposancos. Habilitado como centro de reclusión a finais de 1937, chegou a estar ocupado en 1938 por 1.066 reos, cando a capacidade —segundo informe oficial do réxime franquista— era de 868 presos. As fontes diverxen en torno a poboación reclusa que pasou por el, mais oscila entre os 2.000 e os 3.000 presos.
En 1943 volveu ser un centro de ensino dos xesuítas, aínda que non retornou ó esplendor doutrora e pechou as aulas en 1959.
Dada a súa privilexiada posición na foz do Miño, houbo un proxecto dunha construtora para converter o edificio nun complexo turístico de luxo.[Cómpre referencia]
Presente
[editar | editar a fonte]A Comunidade de Montes Veciñais de Camposancos celebra desde hai anos unha festa gastronómica na que se enxalza a paleta e o lacón: a paletada-laconada de Santo Amaro.
A II Xuntanza de Palilleiras de Galicia celebrouse nos salóns da Asociación “Os Amigos” de Camposancos o 25 de xullo de 2006 a coa participación de 65 afeccionadas á arte do encaixe de bolillos.
División eclesiástica
[editar | editar a fonte]Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.[5]
Política
[editar | editar a fonte]Nas eleccións locais de 2019 presentáronse tres candidaturas á entidade local de Camposancos:
- BNG: 282 votos
- PSdeG-PSOE : 192 votos
- PP: 158 votos
- En branco : 12 votos
- Nulos : 17 votos
Mercedes Martínez Vázquez (BNG) foi proclamada alcaldesa pedánea[6].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Estación marítima.
-
Estaleiro na Pasaxe.
-
Colexio dos xesuítas en ruínas (2011).
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Camposancos
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Camposancos no concello da Guarda (Pontevedra) | |
---|---|
A Armona | Bouza da Fonte | O Couto | A Granxa | O Muíño | O Outeiro | Palomar | A Pasaxe | Sa | Salgueiró |
Parroquias da Guarda
[editar | editar a fonte]Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Guarda | |
---|---|
Camposancos (Santa Isabel) | A Guarda (Santa María) | Salcidos (San Lourenzo) |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ "Camposancos, A Visitación de Sta. María" (PDF). Diocese de Tui-Vigo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/03/2016. Consultado o 23/8/2015.
- ↑ Infomaxe (2014-09-12). "Paxinas da Guarda: (A GUARDA) CAMPOSANCOS ( III )". Paxinas da Guarda. Consultado o 2021-03-23.
- ↑ Saa González, Ignacio (2014/11/10). Constantino Candeira. Porto de Camposancos (Río Miño)
- ↑ "A GUARDA-TEBRA archivos". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2023-09-13.
- ↑ Disposición 13263 do BOE núm. 223 de 2019
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camposancos, A Guarda |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Arquivo da Entidade Local Menor de Camposancos Arquivado 23 de decembro de 2009 en Wayback Machine. Deputación de Pontevedra
- Campo de concentración de Camposancos Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. asturiasrepublicana.com
- Memorial de CamposancosArquivado 25 de febreiro de 2016 en Wayback Machine., un documental de José Ballesta de Diego.