Boeing 80
Boeing 80 | |
---|---|
Tipo | pasaxeiros |
Fabricante | Boeing |
Primeiro voo | 27 de xullo de 1928 |
Retirado | 1934 |
Principais usuarios | Boeing Air Transport |
Unidades construídas | 16 |
Custo unitario | 75.000 $ (Model 80A)[1] |
O Boeing 80 foi un avión trimotor de pasaxeiros estadounidense dos anos 20. Foi fabricado por Boeing Airplane Company para a súa propia aeroliña, Boeing Air Transport, e transportou con éxito tanto correo como pasaxeiros en servizos regulares.
Desenvolvemento e deseño
[editar | editar a fonte]Boeing Air Transport fundouna o 17 de febreiro de 1927 William Boeing para operar o servizo Contract Air Mail (CAM) entre San Francisco e Chicago (CAM.18), facéndose coa ruta o 1 de xullo dese ano.[2] Inicialmente a ruta foi operada polos biplanos dun único motor Boeing 40A, que podían levar catro pasaxeiros, proporionando un suplemento á subvención polo transporte do correo.
Co obxectivo de aproveitar mellor a vantaxe do tráfico de pasaxeiros, Boeing decidiu que precisaba un avión máis grande e que fose máis axeitado para levar pasaxe, e a comezos de 1928 deseñou un trimotor copaz de levar 12 pasaxeiros, o Model 80.[3] A diferenza do Fokker F.VII e do Ford Trimotor operados por outras aeroliñas, o Model 80 era un biplano, elección feita para ter mellores actuacións nas engalaxes e aterraxes cando operaba en aeródromos complicados das súas rutas, moitos deles a altitudes relativamente grandes. A fuselaxe era de construción de tubos de aluminio e aceiro cuberto por tela, e levaba aos seus 12 pasaxeiros en filas de tres asentos nunha cabina ben equipada, que incluía tapicería de coiro, lámpadas de lectura, calefacción e auga quente.[4][5][6] Os dous tripulantes sentábanse nunha cabina de voo pechada diante da pasaxe. As ás eran de aceiro e duraluminio cubertas por tela, coas puntas de madeira desmontables para mellorar o seu estacionamento nos hangares.[4][5]
O primeiro Model 80, impulsado por tres motores radiais Pratt & Whitney Wasp, voou o 27 de xullo de 1928.[5][6] Foi seguido por tres avións máis ata que a produción cambiou para o mellorado Model 80A, que era máis grande, levando ata 18 pasaxeiros, e estaba impulsado polo máis potente Pratt & Whitney Hornet. O Model 80A voou por vez primeia o 18 de xullo de 1929[7] e recibiu o seu certificado de navegabilidade o 20 de agosto dese ano.[8][9]
Historia operacional
[editar | editar a fonte]O Model 80 realizou o seu primeiro servizo programado de correo e pasaxe para Boeing Air Transport o 20 de setembro de 1928,[6] e pouco despois demostrou ser un éxito.[5] O mellorado Model 80A entrou en servizo en setembro de 1929.[10]
En maio de 1930 Boeing Air Transport introduciu tripulantes de cabina femininas, contratando a oito entre as que estaba a azafata xefe Ellen Church; todas eran enfermeiras tituladas solteiras. Os voos con azafatas comezarían o 15 de maio.[11] Os Model 80 e 80A estiveron en servizo con Boeing Air Transport (posteriormente chamada United Airlines) ata que foron substituídos por bimotores monoplanos Boeing 247 en 1934.[10]
Variantes
[editar | editar a fonte]- Model 80 - versión orixinal de produción con motores Pratt & Whitney Wasp (4 fabricados)
- Model 80A - aerodinámica mellorada e motores Pratt & Whitney Hornet (10 fabricados)
- Model 80A-1 - versión con empenaxe revisada ao engadirlle unha aleta en cada plano de cola; os 10 Model 80A foron convertidos
- Model 80B-1 - único Model 80A fabricado con cabina de voo aberta. Posteriormente modificado como un Model 80A-1
- Model 226 - un único Model 80A convertido como transporte executivo para Standard Oil. Cola modificada que posteriormente se adoptou en todos os Model 80A (ver Model 80A-1)
Operadores
[editar | editar a fonte]- Boeing Air Transport
- Monterey Peninsula Airways
- Morrison-Knudsen Company
- Robert Campbell Reeve
- Standard Oil, California
- United Airlines
Avión supervivente
[editar | editar a fonte]Un único Model 80A-1, modificado como cargueiro para usar en Alasca, foi recuperado dun vertedoiro no aeroporto de Anchorage en 1960, e tras a súa restauración hoxe en día atópase exposto no Museo do Voo en Seattle.[10][12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bowers 1989, p. 140.
- ↑ Davies Air Enthusiast xaneiro/febreiro 2007, pp. 66-67.
- ↑ Bowers 1989, p. 136.
- ↑ 4,0 4,1 Boeing (ed.). "Model 80 commercial transport - Historical Snapshot". Consultado o 27 de decembro de 2016.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Taylor 1983, p. 72.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Davies Air Enthusiast xaneiro/febreiro 2007, p. 71.
- ↑ Davies Air Enthusiast marzo/abril 2007, p. 62.
- ↑ Bowers 1989, p. 571.
- ↑ Davies Air Enthusiast marzo/abril 2007, p. 63.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Taylor 1983, p.73.
- ↑ Davies Air Enthusiast marzo/abril 2007, p. 67.
- ↑ The Museum of Flight (ed.). "Boeing 80A-1". Consultado o 27 de decembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Peter M. Boeing Aircraft since 1916. Londres: Putnam, 1989. ISBN 0-85177-804-6.
- Davies, Ed. "Boeing's Airline: The Life and Times of Boeing Air Transport, Part One". Air Enthusiast, nº 127, xaneiro/febreiro 2007, pp. 64–74. Stamford, RU: Key Publishing.
- Davies, Ed. "Boeing's Airline: The Life and Times of Boeing Air Transport, Part Two". Air Enthusiast, nº 128, marzo/abril 2007. Stamford, RU: Key Publishing. pp. 62–73.
- Taylor, H.A. "When Boeing Flew the Mails". Air Enthusiast, nº 22, agosto–novembro 1983, pp. 64–74. Bromley, RU: Pilot Press.