Estadio Municipal de Balaídos
Estadio Municipal de Balaídos | |
---|---|
Datos | |
Coordenadas | 42°12′43″N 8°44′25″O / 42.211861, -8.740328 |
Localización | Vigo, Galicia |
Construción | |
Inauguración | 30 de decembro de 1928 |
Arquitecto | Jenaro de la Fuente |
Estadio | |
Superficie | Herba |
Dimensións | 105 x 69 |
Capacidade | 24791[1] |
Propietario | Concello de Vigo |
Operadora | Celta de Vigo |
Localía | Real Club Celta de Vigo |
Eventos | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Estadio Municipal de Balaídos (Abanca-Balaídos por motivos de patrocinio)[2] é un estadio de fútbol situado no barrio de Balaídos, na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.
Historia
[editar | editar a fonte]O topónimo do lugar deriva de Abeladíos, facendo referencia a un lugar onde abondan as abeleiras[3]. O estadio é obra do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez e foi inaugurado o 30 de decembro de 1928 cun partido entre o Celta de Vigo e o Real Unión de Irún, no que gañou o Celta por 7-0.[4] Entre 1967 e 1971 o concello levou a cabo unha reforma en profundidade unha por unha a tódalas bancadas, dándolle a configuración actual, salvo a banda de Río (que recibe o seu nome por estar sobre o río Lagares).
No ano 1969 realizouse unha remodelación para ampliar a zona de pé e asento baixo viseira nas bancadas de Marcador, Tribuna e Gol. O proxecto foi asinado polo arquitecto Antón Román Conde en colaboración coa empresa madrileña Construcciones Laminares S.L., dos arquitectos José Ruiz-Castillo y Ucelay e mais Ricardo Urgoiti, especializados nas láminas de formigón armado. Representou un grande desafío técnico xa que debía construírse en moi pouco tempo e a cuberta de formigón acadaba na lonxitude máxima os 16,5 metros.[5]
Posteriormente foi remodelado con motivo da acollida do Mundial de Fútbol de 1982, na que se completa a remodelación anterior e reformase entre outras cousas a bancada de Río. Tamén se fixeron obras no campo en 2004 con motivo da primeira participación do Celta na súa historia na Liga de Campións, e adecuando o estadio á normativa da FIFA. Naquel momento o estadio tería unha capacidade de 31.800 espectadores.
A comezos da tempada 2012/13 acometeuse unha reforma para acondicionar o vetusto estadio, tapando o foso que circundaba o terreo de xogo e eliminando algunha das primeiras filas da bancada, nas que era moi mala a visibilidade, para eliminar os obstáculos entre o afeccionado e o terreo de xogo, emulando así os campos de xogo ingleses[6]. Con esta remodelación a capacidade do estadio quedaría en pouco menos de 30.000 asentos.
En 2015 comezou unha reforma en todo o recinto, modernizando as bancadas de Tribuna e Río, renovando completamente a cuberta exterior e reconstruíndo os fondos achegándoos ó terreo de xogo. Trala inauguración da nova bancada de Marcador o 4 de xuño de 2023 con 6209 novas butacas, comezarase o proceso para a nova bancada de Gol, cunha estrutura semellante que levará ó Estadio de Balaídos a unha capacidade final que roldará os 27000 espectadores en 2026.[7]
Partidos internacionais
[editar | editar a fonte]Ao longo da historia acolleu diversos partidos internacionais da selección galega e enfrontamentos da selección española e a portuguesa.
O 2 de abril de 1933 acolleu o encontro España-Portugal (3-0). Antes do partido a galega Emilia Docet, miss España dese ano, saíu ao campo cun traxe típico portugués, acompañada doutras rapazas co traxe galego. Acadouse unha recadación de 130.000 pesetas[8]. Os combinados peninsulares volveron enfrontarse o 26 de setembro de 1979 (1-1) e o 19 de xaneiro de 1994 (2-2).
O 27 de decembro de 2007 a selección galega enfrontouse ó Camerún, no terceiro partido da época contemporánea. Rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Xulio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87[9].
Mundial de Fútbol de 1982
[editar | editar a fonte]O 14 de xuño de 1982 foi a primeira ocasión en que se celebrou en Galicia un encontro dunha Copa Mundial de Fútbol. Os participantes, Italia e Polonia, que ese día empataron a cero goles, serían, ao finalizar o campionato, gañador e terceiro clasificado respectivamente.
Xogáronse, en total, tres partidos:
Italia | 0 – 0 | Polonia | 14 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo Asistencia: 33.000 Árbitro: Michel Vautrot (Francia) | ||
Italia | 1 – 1 | Perú | 18 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo Asistencia: 25.000 Árbitro: Walter Eschweiler (Alemaña Federal) | ||
Conti 18' | Díaz 83' | ||||
Italia | 1 – 1 | Camerún | 23 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo Asistencia: 20.000 Árbitro: Bogdan Dotchev (Bulgaria) | ||
Graziani 60' | M'Bida 61' | ||||
Outros eventos
[editar | editar a fonte]Amais de encontros deportivos, o estadio de Balaídos acolleu tamén diversas actuacións musicais[10].
O 29 de xullo de 1990 actuou Madonna ante 20.000 persoas, como parte da súa xira Blond Ambition Tour, con Siniestro Total como abreconcertos. A artista cantou varias cancións cunha camiseta do Celta.[11]. En xullo de 1992 o festival Afroamérica trouxo durante dous días artistas como Tracy Chapman, B.B. King, Gilberto Gil, Willy DeVille, Dr. John, Celia Cruz con Tito Puente e Milton Nascimento. O 21 de agosto de 1992 a banda Dire Straits actuou ante 40.000 persoas. O 18 de xullo de 1998 tocaron The Rolling Stones, na xira Bridges to Babylon, ante 35.000 espectadores. O 21 de xullo de 2001 actuou Alejandro Sanz ante 15.000 persoas. En 2023 actuou a banda Guns N' Roses.[12]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Celta-Juventus na Copa da UEFA.
-
Bancada de Río.
-
Marcador.
-
Bancada de Gol.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Instalacións". rccelta.es. Consultado o 3de agosto de 2023.
- ↑ "O estadio pasa a chamarse Abanca Balaídos". Faro de Vigo. 05-06-2018. Consultado o 01-06-2022.
- ↑ "Balaídos: existen máis lugares con ese nome? Que significa?" Arquivado 18 de maio de 2015 en Wayback Machine., no blog Toponimia de Vigo, 6 de setembro de 2012.
- ↑ Jorge Lamas (30 de decembro de 2008). "Balaídos cumple hoy 80 años". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ Conde, A. Román; Presa, Emilio; Lumbreras, José (1972-04-30). "Nuevo estadio municipal de Balaidos – España". Informes de la Construcción (en castelán) 24 (239): 73–79. ISSN 1988-3234. doi:10.3989/ic.1972.v24.i239.3254.
- ↑ "Balaídos estrena "maquillaje" en el partido contra el Wigan", artigo de Armando Álvarez en Faro de Vigo, 11 de agosto de 2012 (en castelán).
- ↑ "Abel Caballero: "Reitero el compromiso de licitar Gol en cuanto se acabe la grada de Marcador"". Cadena Ser (en castelán). 15 de marzo de 2023.
- ↑ "El duelo ibérico en 33 anécdotas", artigo en Marca, 16 de novembro de 2010 (en castelán).
- ↑ "Un pobo contra os elementos" Arquivado 29 de febreiro de 2008 en Wayback Machine., artigo n' A Nosa Terra, 29 de decembro de 2007.
- ↑ "Madonna marcou en Balaídos, en 1990, o inicio da presenza das grandes estrelas da canción", artigo en La Voz de Galicia, 24 de febreiro de 2008.
- ↑ Veinte años de la "Revolución Rubia" de Vigo", artigo no Faro de Vigo, 30 de xullo de 2010 (en castelán).
- ↑ "Los Guns N' Roses golpean un paraíso llamado Vigo". Faro de Vigo (en castelán). 12 de xuño de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estadio Municipal de Balaídos |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mapa do Estadio Arquivado 13 de abril de 2013 en Wayback Machine. (en castelán)
- Estadios de España (en inglés)
- Proxecto do Novo Balaídos (en castelán)