Aurelio Miras Portugal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de maio de 1950 (74 anos) O Carballiño, España |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Popular |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Aurelio Miras Azor |
Irmáns | María Teresa Miras Portugal |
Aurelio Domingo Miras Portugal, nado no Carballiño o 28 de maio de 1950, é un político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Aurelio Miras Azor e irmán de María Teresa Miras Portugal, sendo un mozo universitario activo na loita antifranquista foi captado, xunto con outra xente nova ourensá, por Euloxio Gómez Franqueira para formar unha forza de centro autonomista que acabou integrada en Unión de Centro Democrático. Licenciado en Dereito. Foi concelleiro do Carballiño e deputado provincial de Ourense dende 1979 a 1987 por UCD. Foi tamén membro do Parlamento de Galicia por UCD de 1981 a 1985, de Coalición Galega de 1985 a 1989, de Centristas de Galicia dende 1990 e 1993, e do Partido Popular de 1993 a 1997 e de 2005 a 2009. Exerceu a presidencia da Comisión 7ª de Agricultura, alimentación, gandería e montes e foi relator, entre outras, da consensuada proposición de lei de normalización lingüística. En 1997 foi nomeado Director Xeral de Turismo, no ano 2001 Secretario Xeral de Comunidades Galegas. Foi conselleiro ao longo de toda a derradeira lexislatura de Fraga Iribarne. Foille concedido en 2004 o profesorado honoris causa pola Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires, na especialidade de Ciencias Políticas.
Director Xeral de Turismo
[editar | editar a fonte]Nomeado en 1997. Á fronte da administración turística levou a cabo unha política impulsada por Manuel Fraga Iribarne caracterizada por:
- O desenvolvemento regulamentario da Lei de Ordenación e Promoción do turismo de 1997 mediante a redacción do regulamento de ordenación hoteleira, o regulamento de municipios turísticos, o regulamento de festas de interese turístico, o regulamento de guías turísticos especializados, o regulamento de turismo activo, diversos proxectos de refundición normativa e a posta en marcha dunha escala de inspección turística.[1]
- A potenciación do subsector termal mediante o fomento da modernización e creación de novos establecementos e instalacións (balnearios de Laias, Lobios, Guitiriz, Mondariz, termas da Chavasqueira...)[2]
- A rehabilitación de grandes mosteiros para uso hoteleiro (mosteiro de San Clodio, mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, e o mosteiro de Aciveiro)[3] e a potenciación da figura hotel monumento.
- O desenvolvemento do Plan de Excelencia Turística de Baiona e o Plan de dinamización turística das Terras de Trives e a posta en marcha do Plan de Excelencia Turística de Santiago de Compostela, o de Sanxenxo-O Grove e Viveiro e o plan de dinamización turística do Ribeiro-Carballiño.[4]
- A potenciación do turismo urbano e de Congresos e Convencións [5] a cooperación transfronteiriza con Portugal e o turismo de natureza (proxecto municipio turístico verde en Mondoñedo e proxecto Life Tambre I no canón do Tambre e fraga de Nimo).
- A coordinación de Turgalicia e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo para a celebración do Ano Santo Xacobeo de 1999.
Conselleiro de Cooperación Exterior, Emigración e Inmigración
[editar | editar a fonte]Nomeado Conselleiro en 2001 na última lexislatura de Fraga, exerceu en sucesivas remodelacións as competencias de cooperación exterior, emigración e inmigración.
Cooperación Exterior
[editar | editar a fonte]Redactou o proxecto de Lei de cooperación ao desenvolvemento e incrementou os fondos destinados aos países en vías de desenvolvemento.
Cooperación co IGADI e o INCYDE para a potenciación da presenza internacional da empresa e da cultura de Galicia [6]
Emigración[7]
[editar | editar a fonte]Tivo que afrontar a fonda crise económica que afectou á Arxentina (corralito) e o Uruguai entre os anos 2001 e 2003, para o que deseñou un sistema de envío e entrega profesionalizada de medicamentos e alimentos, e crises humanitarias como as inundacións de Caracas e Santa Fe.
Creou a Fundación Galicia Emigración para canalizar coordinadamente a axuda de particulares e as principais empresas afincadas en Galicia enviada a aqueles países durante a devandita crise. Creou o portal web da emigración Galiciaberta.
Divulgou as figuras de Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco Amor en Venezuela e a Arxentina, respectivamente e en colaboración co Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega levou a cabo a recuperación e dixitalización do patrimonio documental da diáspora.
Inmigración
[editar | editar a fonte]Deseñou a primeira política autonómica na materia mediante o fomento do asociacionismo, a orientación social e laboral e axudas sociais e individuais. Celebrou convenios de colaboración cos concellos de maior poboación inmigrante.
Trala crise do Prestige manifestouse partidario, xunto con outros conselleiros, dunha acción propia non supeditada á actuación do Estado. Esta situación saldouse coa saída de Xosé Cuíña do goberno galego[8]; na seguinte remodelación, perdeu as competencias en cooperación exterior creando, en troques, unha Dirección Xeral de Inmigración.
Deputado autonómico
[editar | editar a fonte]Como deputado autonómico do PP na oposición, durante o período do goberno bipartito PSOE-BNG, contribuíu ao consenso na elaboración do ditame da Comisión especial de emigración. Foi relator do proxecto de Lei de Turismo de Galicia onde chegou a consensuar varias emendas aínda que o seu grupo parlamentario acabou votando en contra do mesmo.
Predecesor: Non existe |
conselleiro de Emigración 2001-2005 |
Sucesor: ' |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ García Iglesias, Diego Bernal e outros. Galicia 1981-2001 pax. 137 ISBN 84-453-3149-3
- ↑ opus cit. pax. 131 a 133
- ↑ opus cit. pax. 134-135
- ↑ opus cit. pax. 138
- ↑ Xunta de Galicia. Galicia 1997 pax. 374. ISBN 84-453-1915-9
- ↑ Xunta de Galicia. Galicia 2003, pax. 473 ISBN 84-453-3459-X
- ↑ Xunta de Galicia. Opus cit. pax. 467
- ↑ A gran historia de Galicia. Tomo XIV. Volume 2, Ed- La Voz de Galicia, pp. 192 e 193 ISBN 978-84-96931-32-9
- Conselleiros da Xunta de Galicia
- Deputados do Parlamento de Galicia por UCD
- Deputados do Parlamento de Galicia por CG
- Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG
- Nados no Carballiño
- Nados en 1950
- Deputados da I Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Concelleiros do Carballiño
- Deputados provinciais de Ourense
- Concelleiros de Galicia durante a democracia
- Deputados da III Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia