Saltar ao contido

Octavio Augusto

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Augusto»)

Modelo:BiografíaImperator Editar o valor en Wikidata
Octavio Augusto
Pater Patriae Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Imperator Caesar Divi f. Augustus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(la) C. Octavius C.f. Editar o valor en Wikidata
23 de setembro de 63 a. C. Editar o valor en Wikidata
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte19 de agosto de 14 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Nola (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorte natural Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMausoleo de Augusto Editar o valor en Wikidata
Senador romano
valor descoñecido – valor descoñecido
Maxistrado monetario
43 a. C. – 36 a. C.
Triumvir rei publicae constituendae (pt) Traducir
43 a. C. – 33 a. C.
Cónsul romano
33 a. C. – 33 a. C.
Xunto con: Lúcio Volcácio Tulo (pt) Traducir
Emperador romano
xaneiro de 27 a. C. – 19 de agosto de 14
← sen valor – Tiberio →
Pontífice máximo
13 a. C. –
← Lépido (pt) Traducir
Censor romano
Tribuno (pt) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónRelixión na Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico da Roma antiga, militar da Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Período de tempoRepública Romana Tardía, Alto Imperio Romano, Exipto grecorromano, Era do Exipto romano, principado e Dinastía Xulio-Claudia Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rango militarImperator Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloAugusto (título) Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía Xulio-Claudia, César (família) (pt) Traducir e Octavii Rufi (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeCláudia Pulcra (42 a. C.–40 a. C.), divorcio
Escribónia (40 a. C.–38 a. C.), divorcio
Lívia Drusa (37 a. C.–14), morte Editar o valor en Wikidata
ParellaSalvia Titisenia
Sarmentus Editar o valor en Wikidata
FillosAgripa Póstumo, fillo adoptivo
 () Marco Vipsanio AgripaXulia a Maior
Lucio César, fillo adoptivo
 () Marco Vipsanio AgripaXulia a Maior
Caio César, fillo adoptivo
 () Marco Vipsanio AgripaXulia a Maior
Xulia a Maior
 () Escribónia
Tiberio, adopted stepson
 () Tibério Cláudio NeroLívia Drusa Editar o valor en Wikidata
PaisCaio Octavio
Xulio César Editar o valor en Wikidata  e Acia Editar o valor en Wikidata
IrmánsOctávia
Otávia, a Velha Editar o valor en Wikidata
ParentesXulio César, tío avó, pai adotivo
Júlia Cesaris, avoa materna
Marco Cláudio Marcelo, sobriño, xenro
Nero Cláudio Druso, fillastro
Tiberio, fillastro
Cornelia, fillastra Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética (1926—1947)
Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1026401 Find a Grave: 8215554 Editar o valor en Wikidata

Gaius Iulius Caesar Octavianus Augustus, chamado tamén César Augusto e Octavio Augusto, nado en Roma o 23 de setembro do 63 a. C. e finado en Nola o 19 de agosto do 14,[n. 1] foi o primeiro emperador romano. Gobernou desde o ano 27 a. C. ata a súa morte no 14 d. C.,[n. 2] tras un prolongado reinado de catro décadas. É coñecido por ser o fundador do Principado Romano, que é a primeira fase do Imperio Romano, así mesmo é considerado un dos maiores líderes da historia da humanidade.[1]

Nado baixo o nome de Caio Octavio (Gaius Octavius), foi adoptado polo seu tío avó Xulio César no seu testamento do ano 44 a. C. No 27 a. C. o senado romano concedeu a Octavio usar o cognomen de «Augusto», e por conseguinte converteuse en Emperador César Augusto (Imperator Caesar Augustus).[n. 3] Por mor dos varios nomes que ostentou, é común chamalo «Octavio» ao referirse aos sucesos acontecidos entre os anos 63 e 44 a. C. e «Augusto» despois do 27 a. C. Nas fontes gregas, Augusto é coñecido como Ὀκταβίος (romanizado «Octavíos», galeguizado «Octavio»), Καῖσαρ (romanizado «Kaisar», galeguizado «César»), Αὔγουστος (romanizado «Augoustos», galeguizado «Augusto») ou Σεβαστός (romanizado «Sebastós», galeguizado «Venerable», tradución literal de Augustus), dependendo do contexto.

O mozo Octavio converteuse en herdeiro de Xulio César tras o asasinato deste no 44 a. C. Un ano despois, no 43 a. C., conformou xunto con Marco Antonio e Lépido unha ditadura militar coñecida como o Segundo Triunvirato. Como triunviro, Octavio gobernou Roma e a maior parte das súas provincias[n. 4] como un autócrata, facéndose co poder consular tras as mortes dos cónsules Aulo Hircio e Caio Vibio Pansa e facéndose reelixir a si mesmo todos os anos. Tempo despois, o triunvirato iríase rompendo ante as ambicións dos seus creadores: Lépido foi obrigado a exiliarse, mentres que Marco Antonio terminou suicidándose tras a súa derrota na batalla naval de Accio fronte á frota de Octavio, dirixida por Agripa no 31 a. C.

Coa desaparición do Segundo Triunvirato, Octavio restaurou os principios da República, co que o poder gobernamental pasou a establecerse no Senado, aínda que na práctica el retería o seu poder autocrático. Pasaron varios anos para que se chegase a determinar a estrutura exacta pola cal unha entidade republicana podería ser dirixida por un único gobernante; o resultado pasou a coñecerse como o Principado. O título imperial nunca chegou a considerarse como un cargo similar ao que significara a ditadura romana da República, e que César e Sila ostentaran con anterioridade; Augusto rexeitou formalmente devandito cargo despois de que a sociedade romana «rogáselle que asumise a ditadura».[2] Por lei, Augusto contaba con toda unha colección de poderes perpetuos conferidos polo Senado, incluíndo aqueles relativos ao tribuno da plebe e o censor. Ocupou o consulado ata o ano 23 a. C.[3] Doutra banda, o seu poder real foi crecendo grazas ao seu poder económico e aos recursos obtidos das súas conquistas, creando relacións de clientela ao longo do Imperio romano,[n. 5] e gañándose a lealdade de moitos soldados e veteranos militares, a autoridade implícita nas moitas honras e títulos que lle eran concedidos polo Senado,[4] e o respecto da xente. O control de Augusto sobre a maioría das lexións de Roma existentes supuxo unha ameaza armada que podía ser usada contra o Senado, permitíndolle desta forma coaccionar as decisións do mesmo. Con este poder para eliminar a oposición senatorial mediante o uso de armas, o Senado pasou a adoptar un perfil dócil cara ao seu status soberano. O seu reinado por medio do clientelismo, o poder militar e a acumulación dos cargos propios da extinta República, converteuse no modelo para seguir para os posteriores gobernantes.

O mandato de Augusto iniciou unha era de paz relativa coñecida como a Pax romana ou Pax Augusta (na súa honra). Agás polas constantes guerras fronteirizas, e coa excepción dunha guerra civil de sucesión imperial que durou un ano,[5] a sociedade do Mediterráneo gozou dun ambiente pacífico durante máis de dous séculos. De igual forma, Augusto expandiu o Imperio romano, asegurando no proceso as súas fronteiras mediante a subordinación a Roma das rexións circundantes. Ademais, celebrou un acordo de paz co Imperio parto —o máis poderoso dos seus veciños— pola vía diplomática, reformou o sistema tributario romano, desenvolveu redes de camiños que contaban cun sistema oficial de mensaxería, estableceu un exército permanente (así como un pequeno corpo de mariña), e creou a Garda Pretoriana xunto a forzas policiais de seguridade, tanto para manter a orde como para combater os incendios en Roma. Resulta destacable engadir que gran parte da cidade reconstruíuse baixo o seu reinado.

Tras a súa morte en 14 d. C., o Senado o divinizouno, sendo posteriormente adorado polo pobo romano.[6] A maneira de legado, os seus nomes «César» e «Augusto» serían adoptados por todos os emperadores posteriores, e o mes de Sextilis sería renombrado «Agosto» na súa honra. Así mesmo, os seus logros son relatados nun documento coñecido como Res Gestae Divi Augusti que, a pedimento do propio Augusto, foi gravado nun par de piares de bronce e colocado enfronte do seu mausoleo, chegando tempo despois a tallarse en gran cantidade de edificacións, moitas das cales sobreviviron. Con todo, este material é considerado pouco obxectivo historicamente, e máis ben é tratado como un escrito publicitario cuxo obxectivo é ofrecer unha visión idílica do principado exercido por Augusto. Tras un longo proceso para liquidar os problemas ao redor do seu herdeiro, César Augusto foi sucedido polo seu fillastro Tiberio. Houbo rumores, non confirmados, de que morreu envelenado pola súa esposa Livia.

Ao longo da súa vida, Augusto foi coñecido por moitos nomes:

  • Ao nacer, foi chamado Caio Octavio (Gaius Octavius) en homenaxe ao seu pai biolóxico. Os historiadores adoitan referirse a el simplemente como Octavio entre o seu nacemento no 63 a.C. e a súa adopción por Xulio César en 44 a.C. (despois da morte de Xulio César); [7]
  • Na súa adopción por César, tomou o nome do seu pai adoptivo e converteuse en Caio Xulio César Octaviano (Caius Julius Caesar Octavianus), segundo o estándar romano de nomeamento por adopción. Deixou "Octaviano" rapidamente e os seus contemporáneos referíronse a el como "César" durante o período, pero os historiadores seguen a chamarlle Octavio entre 44 a. C. e 27 a. C.; [8][9]
  • No 42 a. C., Octavio iniciou o templo do Divino Xulio, ou templo do Cometa Estelar, e engadiu "Fillo do Divino" (Divi Filius) ao seu nome, co obxectivo de fortalecer os seus lazos políticos cos antigos soldados do César, despois da súa deificación, converténdose en Caio Xulio César, Fillo do Divino (Gaius Julius Caesar Divi Filius);[10]
  • No 38 a. C., Octavio substituíu o seu nome "Caius" e o seu nome "Xulius" por "Emperador" (Imperator), o título co que as tropas saudaban ao seu líder tras un éxito militar, converténdose oficialmente en "Emperador César, Fillo do Divino" (Imperator Caesar Divi Filius).[11]
  • No 27 a. C., tras a derrota de Marco Antonio e Cleopatra, o senado romano votou novos títulos para el, quen se converteu oficialmente en "Emperador César, Fillo do Divino, Augusto" (Imperator Caesar Divi Filius Augustus).[11][n. 6] Foi nos acontecementos de 27 a. C. cando obtivo o seu nome tradicional de Augusto, que os historiadores empregan para referirse a el desde este momento ata a súa morte en14 d. C..

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Antecedentes familiares

[editar | editar a fonte]

Era fillo de Caio Octavio, un negociante pertencente ao Ordo Equestris, que pertencía á gens Octavia, unha rica familia de Velitrae, actual Velletri,[12][13] que estaba situada a preto de 40 quilómetros de Roma. Caio foi o primeiro da gens en obter cargos públicos e un lugar no Senado (polo tanto, era un homo novus).[14] Con todo, a nai, Acia a Maior, procedía dunha familia de rango senatorial e de nacemento ilustre durante varias xeracións. De feito, estaba emparentada tanto con Xulio César como con Cneo Pompeio, o Grande;[15] máis concretamente, era filla da irmá de César, Xulia a Menor, e de Marco Acio Balbo; polo que Octavio, era bisneto de César.[16]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Ácia segundo o Promptuarii Iconum Insigniorum

Augusto xa naceu na urbs o 23 de setembro do 63 a.C.,[17][18] máis concretamente na zona chamada Curis Veteribus (en galego, Curias Vellas), nunha mansión situada no outeiro Palatino, moi preto do Foro Romano e do Arco de Tito (nunhas escavacións de 2011, atopouse a que se cría que podería ser a súa casa natal).[19][20]

Cando naceu, foi chamado Gaius Octauius Thurinus[21] (Caio Octavio Turino) sendo a denominación "Turino" unha probable referencia á vitoria do seu pai en Turios sobre unha rebelión de escravos no 60 a. C.[21][22] Debido á superpoboación de Roma naquel momento, Octavio foi levado á cidade natal do seu pai, Velletri, para ser criado alí. Nas súas Memorias, o futuro emperador só fai unha breve referencia á súa familia natural da orde ecuestre: o seu bisavó paterno servira como tribuno militar en Sicilia, baixo o mando de Lucio Emilio Papo, durante a Segunda guerra púnica, mentres que o seu o avó exerceu en varios cargos políticos rexionais. O seu pai, tamén chamado Caio Octavio, foi pretor e gobernador de Macedonia,[23][n. 7] e a súa nai, Acia, era sobriña de Xulio César, quen o adoptou no 45 a. C. e designouno herdeiro seu.

Quedou orfo de pai no ano 59 a. C., cando tiña catro anos de idade.[24] A súa nai contraería novas nupcias cun exgobernador de Siria, Lucio Marcio Filipo,[25] quen afirmaba ser descendente de Alexandre o Grande e que foi elixido cónsul no 56 a. C. Contrario ao que puidese pensarse, Filipo nunca mostrou moito interese no mozo Octavio; debido ao anterior, Octavio foi criado pola súa avoa materna Xulia a Menor.

No 52 e 51 a. C., Xulia a Menor faleceu e Octavio foi o encargado de pronunciar o discurso fúnebre da súa avoa,[26] o que pode indicar que estaban moi unidos e que se trataba dun mozo xa con capacidade.[27] A partir dese momento a súa nai e o seu padrasto asumiron un rol máis activo na súa educación. Sábese que Filipo educouno cunha disciplina férrea nos vindieros anos.[28][29] Catro anos despois, o mozo foi investido coa toga viril,[30] un ano antes que a idade establecida para os demais mozos romanos, aspecto que demostra a súa madurez prematura.[29] O biógrafo Suetonio dicía del que «Posuía unha rara beleza (...) Tiña uns ollos vivos e brillantes (...) Tiña dentes pequenos, brancos e desiguais, o cabelo lixeiramente rizado e algo louro; as cellas xuntas, as orellas medianas, o nariz aguileña e puntiaguda, a cute entre morena e branca, curta estatura (...)».[31] Así mesmo, un par de feitos evidenciaron a súa dispoñibilidade para asumir cargos e obrigacións a temperá idade: no 47 a. C., resultou elixido membro do Colexio de pontífices[32][33][29] e ao ano seguinte foi posto a cargo dos xogos gregos que se realizaron en honra ao Templo de Venus Genetrix, construído por Xulio César.[33] De acordo con Nicolao de Damasco, Octavio desexaba unirse ás tropas de César para a súa campaña en África, pero abandonou o proxecto ao opoñerse a súa nai.[34] No 46 a. C., cando Acia deulle o desexado permiso para unirse a César en Hispania, Octavio caeu enfermo e non puido viaxar.

Unha vez recuperado, navegou cara á fronte pero naufragou; tras chegar á costa con algúns dos seus compañeiros, cruzou territorio hostil antes de chegar ao campamento de César, algo que impresionou de maneira considerable ao seu tío avó.[30] O historiador Veleio Patérculo reportou que, despois diso, César permitiu que o mozo compartise o seu carro.[35] De volta en Roma, César depositou discretamente un novo testamento ante as sacerdotisas Vestales, nomeando a Octavio como principal beneficiario.[36]

Ascenso o poder

[editar | editar a fonte]

O testamento de César

[editar | editar a fonte]
Xulio César foi asasinado no 44 a. C. durante os idos de marzo. Morte di Giulio Cesare (1798), pintura de Vincenzo Camuccini.

Para cando Xulio César foi asasinado nos idos de marzo (o 15 de marzo) de 44 a. C., Octavio achábase estudando e formando parte dun adestramento militar en Apolonia de Iliria, (na localización da cidade moderna de Pojan). Tras rexeitar o consello dalgúns oficiais do exército de que tomase refuxio coas tropas en Macedonia, o mozo navegou a Italia para pescudar se tiña algunhas potenciais fortunas políticas ou, sequera, posibilidades de afianzar a súa seguridade.[37] Ao chegar a Lupiae, preto de Bríndisi, decatouse do contido do testamento de César, e só entón decidiu loitar por converterse no herdeiro político do seu tío avó, así como beneficiario das dúas terceiras partes do seu patrimonio.[33][37][38] Doutra banda, ao non ter ningún fillo lexítimo,[39] César adoptou a Octavio como o seu fillo e principal herdeiro.[40] Tras a adopción, Octavio asumiu o nome do seu tío avó, Caio Xulio César. Aínda que os romanos que eran adoptados nunha nova familia usualmente retiñan os seus nomes orixinais (por exemplo, «Octaviano» para todo aquel que fora un «Octavio», «Emiliano» para un «Emilio», etc.), non hai proba algunha de que el usase nalgún momento o nome Octaviano, o cal puido volver moi lóxico o dato das súas orixes modestas.[41][42][43] Con todo, a pesar de que nunca usase de maneira oficial o nome Octaviano, para evitar confundir ao ditador co seu herdeiro, os historiadores adoitan referirse ao novo César —entre a súa adopción e asunción, no 27 a. C., de nome Augusto— como Octaviano.[43] Nalgún momento, Marco Antonio dixo que Octaviano fora adoptado por César a través de favores sexuais, aínda que Suetonio mencionou, na súa obra Vidas dos doce césares, que a acusación de Antonio consistía verdadeiramente nunha calumnia política.[44]

Debido ao seu propósito de realizar unha entrada exitosa nos banzos da xerarquía política romana, Octavio non podía confiar nos seus fondos monetarios que eran limitados.[45] Foi despois dunha cálida acollida por parte dos soldados do César en Brindisi[46] cando Octavio reclamou unha parte dos recursos que foran destinados á guerra prevista contra o imperio parto —o veciño máis poderoso de Roma— no Oriente Medio.[45] O diñeiro acumulado equivalía a setecentos millóns de sestercios, monto que se achaba almacenado en Brindisi, o lugar de espera en Italia para as operacións militares en territorio oriental.[47] Unha posterior investigación senatorial ao redor da desaparición dos fondos públicos rexeitou tomar accións legais contra Octavio, debido a que el usara, de forma subsecuente, todo aquel diñeiro acumulado para aumentar as súas tropas contra o archienemigo do senado, Marco Antonio.[46] Octavio levou a cabo outra acción audaz no 44 a. C. cando, sen posuír permiso oficial, apropiouse do tributo anual que fora enviado da provincia do Oriente Próximo de Roma a Italia.[42][48]

Co paso do tempo, Octavio empezou a reforzar as súas tropas cos lexionarios veteranos de César e os corpos militares deseñados para a guerra contra os partos, obtendo un maior apoio ao salientar o seu status como herdeiro de César.[37][49] Na súa marcha a Roma a través de Italia, a presenza de Octavio e os seus novos fondos adquiridos atraeron a moitos exveteranos de César en Campania.[42] Para xuño, reunira un exército de tres mil veteranos leais, cada un cun salario de cincocentos denarios.[50][51][52]

Ao chegar a Roma, o 6 de maio do 44 a. C.,[42] Octavio atopou ao cónsul Marco Antonio, excolega de César, nunha fráxil tregua cos asasinos do ditador; a estes concedéuselles unha amnistía xeral o 17 de marzo, aínda que Antonio lograra expulsar á maioría deles de Roma.[42] Isto último debíase ao eloxio «enardecedor» que deu no funeral de César, dirixindo a opinión pública en contra dos asasinos.[42] Aínda que Antonio estaba a acumular apoio político, Octavio aínda tiña a oportunidade de rivalizar con el para ser o dirixente da facción que apoiaba a César. Ademais, Antonio perdera o apoio de moitos romanos e partidarios de César cando se opuxo, en primeira instancia, á moción feita para elevar a César a un status divino.[53] Octavio non tivo éxito ao tentar persuadir a Antonio de que renunciase ao diñeiro de César para que llo entregase a el; con todo obtivo, durante o verán, o apoio dos simpatizantes de César, quen vía ao novo herdeiro como o mal menor e esperaban que fose manipulalo, ou servirse del nos seus esforzos para desfacerse de Antonio.[54] En setembro, o orador optimate Marco Tulio Cicerón comezou a atacar a Antonio nunha serie de discursos nos que denunciaba que representaba a maior ameaza para a orde do Senado.[55][56] Coa opinión dos romanos cada vez máis na súa contra e sabendo que o seu ano de poder consular chegaba pronto ao seu fin, Antonio tentou aprobar unha serie de leis que lle outorgarían finalmente o control sobre Gallia Cisalpina, territorio de Décimo Xunio Bruto Albino, un dos asasinos de César.[57][58] Mentres tanto, Octavio recrutou un exército privado en Italia ao enrolar aos veteranos de César, e o 28 de novembro obtivo a lealdade de dúas das lexións de Antonio grazas á súa oferta de recompensas de carácter económico.[59][60][61] Á vista da forza militar de Octavio, Antonio percibiu o perigo que supoñía para el permanecer en Roma e, para o alivio do Senado, partiu cara á Galia Cisalpina, que lle debía ser entregada para o seu goberno a partir do 1 de xaneiro.[61]

Primeiro conflito con Antonio

[editar | editar a fonte]
Busto de Marco Antonio, partidario de Xulio César e notable personalidade militar en Roma.

Despois de que Décimo Bruto rexeitase entregar a Galia Cisalpina a Antonio, Antonio sitiouno en Mutina (actual Módena).[62] As resolucións ditadas polo Senado para deter a violencia foron ignoradas por Antonio, a propósito de que o Senado carecía dun exército propio co cal desafialo. O anterior, deulle unha oportunidade a Octavio, quen se sabía que posuía forzas armadas.[60] Durante esta época, Antonio acusou a Octavio de conspirar contra el, e de tentar asasinalo.[29] Octavio publica entón unha resposta ridiculizando a acusación. Con todo, o mozo non estaba completamente desamparado para afrontar as acusacións, xa que tiña do seu lado a varios personaxes importantes que estaban dispostos a axudalo. Entre eles, Cicerón, que tiña un profundo odio cara a Antonio,[29] defendeu a Octavio contra as burlas de Antonio sobre a ausencia de nobre liñaxe no mozo; este respondeu: «non temos un exemplo máis brillante de devoción tradicional entre os nosos mozos».[63] Isto foi, en parte, unha refutación á acusación dirixida por Antonio a Octavio, pois Cicerón citou a Antonio cando lle dixo a aquel: «Ti, raparigo, débeslle todo o teu nome».[64][65] Con base nesta difícil alianza orquestrada polo senador anticesariano Cicerón, o Senado nomeou a Octavio senador o 1 de xaneiro do 43 a. C., e así mesmo outorgoulle o poder de votar xunto cos cónsules.[60][61] Aínda cando o Senado brindoulle o seu apoio, o seu verdadeiro obxectivo era debilitar as faccións partidarias de César e axudar a Bruto, quen se achaba asediado por Antonio.[29] Así, Octavio recibiu o imperium propretoriano, o cal fixo que a súa situación ao mando dun exército fose legal —a diferenza do poder exercido por Antonio—[29] e así podería ir socorrer o asedio, xunto cos cónsules Hircio e Caio Vibio Pansa.[60][66] En abril de 43 a. C., as forzas de Antonio foron vencidas nas batallas de Forum Gallorum e Mutina, forzando a Antonio a retirarse de Gallia Narbonensis. Con todo, ambos os cónsules morreron durante os enfrontamentos, o que deixou a Octavio como o único comandante en xefe dos seus exércitos.[67][68]

O Senado, despois de entregar un maior número de condecoracións a Décimo Bruto que a Octavio por derrotar a Antonio, tentou darlle o dominio das lexións consulares a Décimo Bruto, pero Octavio decidiu non cooperar.[69] Pola contra, Octavio permaneceu na chaira padana e rexeitou axudar nas futuras ofensivas en contra de Antonio.[70] En xullo, unha embaixada de centurións enviada por Octavio chegou a Roma para esixir que se entregase a Octavio o consulado que quedara vacante tras as mortes de Hircio e de Pansa.[71] Así mesmo, esixiu que, por unha banda, o decreto que declaraba a Antonio como inimigo público fose anulado[70] e, polo outro, que se disolvese a amnistía dada aos conspiradores responsables da morte de César.[29] Cando recibiu a negativa do Senado, Octavio marchou sobre a cidade de Roma ao mando de oito lexións.[70] Non se atopou con ningunha oposición militar en Roma, a pesar de que o Senado enviara ao pretor Manio Aquilio Craso ao Piceno a recrutar tropas,[72] e o 19 de agosto do 43 a. C. foi elixido cónsul xunto co seu familiar Quinto Pedio.[73][74] Mentres tanto, Antonio formaba unha alianza con Lépido, outro líder cesariano.[75]

Segundo triunvirato

[editar | editar a fonte]

Proscripcións

[editar | editar a fonte]
Áureos mostrando os retratos de Marco Antonio (esquerda) e Octaviano (dereita), emitidos en 41 a. C. para celebrar a institución do Segundo Triunvirato por Octaviano, Antonio e Lépido en 43 a. C. Ambos os lados posúen a inscrición «III VIR R P C», que significa «Tres homes con autoridade consular na organización do Estado».[76]

A pesar da súa derrota en Módena, Antonio aínda contaba cun considerable apoio entre as tropas romanas, chegando a reagrupar as súas forzas na Galia, onde chegou a reunir ata 17 lexións. Con todo, tanto Lépido como Octaviano sabían que, de seguir enfrontándose entre eles, os partidarios cesarianos reduciríanse de maneira significativa, o cal daría vantaxe aos asasinos de César xa que non se verían na necesidade de usar as súas forzas. Por iso, Lépido expuxo a necesidade dunha alianza entre eles;[29] nun encontro realizado preto de Boloña en outubro de 43 a. C., Octaviano, Antonio e Lépido formaron unha ditadura militar coñecida como o Segundo Triunvirato,[77] cuxo obxectivo primordial era o restablecemento da autoridade estatal.[28] O acordo entre os triunviros cristalizaría na lei Titia aprobada pola asemblea romana, en virtude da cal os triunviros obtiñan poderes especiais por unha duración de cinco anos. Este carácter oficial distingue o Segundo Triunvirato do Primeiro Triunvirato integrado por Cneo Pompeio Magno, Xulio César e Marco Licinio Craso, que non pasou de ser un mero acordo político privado entre as partes, a través do cal controlaban as eleccións e decisións das distintas institucións da República.[77][78]

A continuación, os triunviros puxeron en marcha unha serie de proscripcións nas que supostamente se puxo fóra da lei a trescentos senadores e dous mil équites, sendo privados das súas propiedades e inclusive, para aqueles que non lograsen escapar, das súas vidas.[79] A cifra de trescentos senadores provén do cálculo de Apiano, aínda que Tito Livio, autor anterior a el, afirmou que soamente foran perseguidos cento trinta.[80] Este decreto publicado polo triunvirato debeuse en parte a unha necesidade de obter diñeiro para pagar os salarios das tropas que haberían de participar no inminente enfrontamento contra os asasinos de César, Marco Xunio Bruto e Caio Casio Longino.[81] Ofrecéronse recompensas a cambio da detención dos proscritos —vinte e cinco mil dracmas aos soldados que matasen a un proscrito e levasen a súa cabeza a Roma, e a manumisión aos escravos que asasinasen os seus amos proscritos—[28][29] para incentivar que os cidadáns lles perseguisen, mentres que os activos e propiedades dos detidos eran requisadas e quedaban en poder dos triunviros.[79]

Os historiadores romanos contemporáneos contradinse entre eles en relación con cal dos triunviros foi máis responsable polas proscripcions e os asasinatos. Con todo, as fontes coinciden no feito de que a promulgación das proscripcions foi un acordo feito conxuntamente polas tres faccións co propósito de eliminar aos inimigos políticos.[82] Veleyo Patérculo afirmou que Octaviano tratara de evitar as proscripcions de cargos públicos, e acusa a Lépido e a Antonio de ser os culpables de poñelas en marcha.[83]> Dion Casio tamén defendeu a Octaviano ao mencionar que tratou de descartar á maior cantidade posible de persoas das listas de proscritos, mentres que Antonio e Lépido, ao estar involucrados na política un maior tempo que el, tiñan máis inimigos que liquidar.[83] Apiano rexeitou esta afirmación e mantiña que Octaviano compartía un interese equiparable ao de Antonio e Lépido para erradicar aos seus adversarios políticos.[84] Suetonio, pola súa banda, relata os feitos dicindo que Octaviano, aínda que se mostrou ao principio remiso ás proscripciones, finalmente perseguiu aos seus rivais con mesmo máis rigor que os outros dous triunviros.[82][85] Plutarco describiu este acontecemento como desapiadado, cualificándoo como un intercambio encarnizado de amigos e familiares entre Antonio, Lépido e Octaviano. Por exemplo, Octaviano permitiu a proscripción do seu aliado Cicerón, mentres que Antonio admitiu a do seu tío materno Lucio Julio César e Lépido a do seu irmán Lucio Emilio Paulo.[83] Algunhas fontes conciben que o feito de proscribir amigos e familiares era para apropiarse das súas propiedades e amasar unha fortuna maior co fin de asegurar a súa hexemonía en Roma.[29]

Batalla de Filipos e división territorial

[editar | editar a fonte]
Mapa onde se ilustran os movementos dos distintos exércitos involucrados na batalla de Filipos, no 42 a. C.

O 1 de xaneiro do ano 42 a. C. o Senado recoñeceu de maneira póstuma a Xulio César como unha divindade do estado romano: Divus Iulius. Para apoiar a súa causa, Octavio fixo fincapé no feito de que, en consecuencia, el, como fillo adoptivo de César, era agora Divi filius («Fillo do Deus»).[86] Tras isto, Antonio e Octavio enviaron por mar a 28 lexións para enfrontarse aos exércitos de Bruto e Casio, que instalaran a súa base de poder en Grecia.[87] Tras dous enfrontamentos en Filipos, Macedonia, en outubro dese mesmo ano, o exército cesariano logrou a vitoria e tanto Bruto como Casio suicidáronse. De acordo a Suetonio, Octavio «non mostrou moderación na vitoria, enviando a Roma a cabeza de Bruto, para que a lanzasen aos pés da estatua de César, aumentando así con sanguentas ultraxes os castigos que impuxo aos prisioneiros máis ilustres».[88] Por outra banda, Marco Antonio usaría logo os exemplos das devanditas batallas para menosprezar a Octavio, posto que as dúas contendas foran gañadas de forma decisiva co uso das tropas de Antonio.[89] Ademais de esixir o recoñecemento polas vitorias, Antonio cualificou a Octavio como un covarde por entregarlle o control militar directo das súas lexións a Marco Vipsanio Agripa.[89]

En calquera caso, tras a batalla de Filipos os triunviros chegaron a un novo acordo territorial para a repartición de poder: mentres que Antonio deixaba a Galia, as provincias de Hispania e Italia en mans de Octaviano, recibía o control da parte oriental do imperio. Antonio viaxou a Exipto, onde se aliou coa raíña Cleopatra VII, a examante de Xullo César e nai do fillo natural de César, Cesarión. Sentíndose frustrado pola decisión tomada por Antonio, quen lle cedeu Hispania a Octaviano, Lépido quedou soamente coa provincia de África.[90] Octaviano tivo que decidir en que lugares de Italia debería asentar ás decenas de miles de veteranos da campaña de Macedonia, algo que os triunviros comprometéronse a cumprir desde un inicio. Ademais, as decenas de miles que pelexaran ao lado republicano con Bruto e Casio, que facilmente poderían aliarse cun opoñente político de Octaviano no caso de que non se lles contentase, requirían igualmente un lugar para establecerse.[90] Xa non había máis terreo público controlado polo goberno para destinalo como asentamento para os seus soldados, polo que Octaviano debía elixir unha entre dúas opcións: enfrontarse a moitos cidadáns romanos mediante a confiscación das súas terras ou enfrontarse a moitos soldados romanos, que á súa vez poderían provocar unha gran oposición na súa contra no corazón de Roma. Finalmente, Octaviano elixiu a primeira opción.[91] En total, houbo até 18 cidades romanas afectadas polos novos asentamentos, inclusive poboacións enteiras que foron expulsadas ou, polo menos, desaloxadas parcialmente das súas terras.[92]

Rebelión e alianzas matrimoniais

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Guerra civil de Perusia.

A insatisfacción xeneralizada con Octavio polos asentamentos dos seus soldados incitou a moitos a que se concentrasen de lado de Lucio Antonio, irmán de Marco Antonio, que contaba co apoio dunha maioría considerable no Senado.[92] Mentres tanto, Octaviano pediu o divorcio de Claudia (filla de Fulvia e do seu primeiro esposo, Publio Clodio Pulcro), reclamando que o matrimonio nunca se chegou a consumar; como resultado, decidiu devolvela coa súa nai, a esposa de Antonio. Fulvia, insultada, decidiu responder: xunto con Lucio Antonio, formou un exército en Italia para aliarse ás forzas de Antonio en contra de Octaviano. Con todo, a aposta política de Lucio e Fulvia ao oporse a Octaviano era moi arriscada, xa que o exército romano aínda dependía dos triunviros para obter os seus salarios.[92] Lucio e os seus aliados terminaron sendo asediados en Perusia (actual Perugia), onde Octaviano os obrigou a renderse a principios do 40 a. C.[92] Lucio e o seu exército foron perdoados grazas ao seu parentesco con Antonio, cuxa influencia era predominante en Oriente, mentres que Fulvia foi exiliada a Sición.[93] Con todo, Octaviano mostrouse desapiadado cos aliados políticos de Lucio; o 15 de marzo, aniversario do asasinato de Xullo César, mandou executar a trescentos senadores romanos e équites acusados de aliarse con Lucio.[94] Así mesmo, Perusia foi saqueada e incendiada como advertencia aos demais.[93] Este evento sanguento manchou dalgunha forma o legado de Octaviano, chegando a ser criticado por moitos, entre eles o poeta augusto Propercio.[94]

Escribonia foi a segunda esposa de Octavio e nai da súa única filla natural, Xulia a Maior.[94]

Doutra banda Sexto Pompeio, fillo do extriunviro Cneo Pompeio Magno, converteuse nun xeneral renegado desde a vitoria de César sobre o seu pai e sobre o bando republicano. Finalmente estableceuse en Sicilia e Sardeña como parte dun acordo alcanzado co Segundo Triunvirato no 39 a. C.[95] Tanto Antonio como Octaviano competían por consolidar unha alianza con el, quen ironicamente era membro do partido republicano, e opositor á facción cesariana.[94] Octaviano conseguiu unha alianza temporal con el cando casou con Escribonia, filla de Lucio Escribonio Libón —sogro e partidario de Pompeyo—.[94] Escribonia concibiu a única filla natural de Octaviano, Xulia a Maior, quen naceu o mesmo día que Octaviano pediu o seu divorcio para casar con Livia Drusilla, pouco menos dun ano despois de casar con Escribonia.[94]

Mentres tanto, en Exipto, Antonio comezou unha relación amorosa con Cleopatra, concibindo con ela tres fillos (Alexandre Helios, Cleopatra Selene II e Ptolomeo Filadelfo).[29] Consciente da súa relación cada vez máis deteriorada con Octaviano, Antonio deixou a Cleopatra e, no 40 a. C., navegou a Italia cunha gran forza para enfrontarse a Octaviano, logrando pór asedio sobre a cidade de Bríndisi. Con todo, este novo conflito demostrou ser insosteible tanto para Octaviano como para Antonio; os seus centurións, que se converteron en figuras politicamente importantes, negáronse a loitar debido á súa causa cesariana, e as lexións baixo o seu comando seguiron o seu exemplo.[96][97] Mentres tanto, en Sición, a esposa de Antonio faleceu dunha repentina enfermidade xusto cando Antonio estaba en camiño para atoparse con ela. Os dous acontecementos, é dicir, a morte de Fulvia e o motín dos centurións, permitiron que os triunviros lograsen unha reconciliación.[96][97] No outono do 40 a. C., Octaviano e Antonio aprobaron o Tratado de Brindisi polo cal Lépido seguiría en África, Antonio en Oriente e Octaviano en Occidente. A península italiana quedou accesible a todos eles para o recrutamento dos soldados aínda que, en realidade, esta disposición resultaba inútil para Antonio desde Oriente.[96] Co fin de consolidar aínda máis a súa alianza con Antonio, Octaviano ofreceulle á súa irmá, Octavia a Menor, en matrimonio a finais dese ano.[96] Durante o seu matrimonio, Octavia procreó dúas fillas (coñecidas como Antonia a Maior e Antonia a Menor).

Guerra con Sexto Pompeio

[editar | editar a fonte]
Denario de Sexto Pompeio, acuñado en honra á súa vitoria sobre a frota de Octaviano. No anverso pódese ver o faro de Mesina, que serviu para derrotar a Octaviano. No reverso, o monstro Escila.

En Italia, Sexto Pompeio ameazou a Octaviano con rexeitar os envíos de gran á península por medio do Mediterráneo; o propio fillo de Pompeio fora posto a cargo como comandante naval co obxectivo de provocar unha fame negra xeneralizada en Italia.[97] O control de Pompeio sobre o mar levouno a adoptar o nome Neptuni filius («fillo de Neptuno»).[98] No 39 a. C., levou a cabo un acordo de paz temporal con el mediante o tratado de Miseno; o bloqueo de Italia foi levantado unha vez que Octaviano lle concedeu a Pompeio os territorios de Sardeña, Córsega, Sicilia e o Peloponeso, asegurándolle tamén unha posición futura como cónsul a partir do 35 a. C.[97][98] Con todo, o acordo territorial entre os triunviros e Sexto Pompeio comezou a desmoronarse cando Octaviano se divorciou de Escribonia e contraeu matrimonio con Livia, o 17 de xaneiro do 38 a. C.[99] Así mesmo, un dos comandantes navais de Pompeio traizoouno e devolveu o control de Córsega e Sardeña a Octaviano. Para atacar a Pompeio, Octaviano necesitaba apoio adicional de Antonio, polo que decidiu establecer un novo acordo con tal de estender a duración do Segundo Triunvirato por outros cinco anos máis, a partir do 37 a. C.[100][101] Aínda que Antonio accedeu a apoialo contra Pompeio, este esperaba obter tamén axuda para a súa campaña contra o Imperio parto, a maneira de vinganza da derrota sufrida na batalla de Carras no 53 a. C.[101] Nun encontro celebrado en Tarento, Antonio concedeulle cento vinte barcos a Octaviano para que fosen usados contra Pompeio, mentres que Octaviano lle enviaría vinte mil lexionarios que Antonio usaría contra os partos.[102] Con todo, Octaviano enviou só unha décima parte da súa proposta orixinal, o cal foi visto por Antonio como unha provocación intencionada pola súa parte.[102]

O goberno de Octavio fíxose popular en Occidente en virtude do seu impulso á agricultura e da integración das provincias con Roma. Mentres tanto, Marco Antonio sucumbira á influencia de Cleopatra VII de Exipto e practicaba unha política orientalizante, pouco propicia aos intereses romanos; Octavio explotou no seu favor esta circunstancia, declarando a guerra a Cleopatra no -32Guerra Ptolemaica»). Após a vitoria naval de Accio (-31), entrou en Alexandría, onde Marco Antonio e Cleopatra se suicidaron (-30). Coa anexión de Exipto, Octavio deu a Roma o control sobre todo o Mediterráneo.

Estatua de Augusto.
Museos Vaticanos.

Aproveitando o seu prestixio, Octavio transformou o réxime político da República romana nunha especie de monarquía que recibe os nomes de Principado ou Imperio; o novo réxime consistía nun equilibrio de poder entre o Senado romano e o pobo romano, por unha banda, e o emperador e a súa casa, por outro. Inicialmente, fíxose renovar cada ano o mandato como cónsul en solitario, ao cal foi engadindo novos títulos que reafirmaron o seu poder:

  • princeps senatus (o primeiro dos senadores) no -28;
  • augustus (título relixioso que reflectía a súa misión divina) e imperator proconsularis da Galia, a Hispania e a Siria (o que lle outorgaba o mando militar) no -27;
  • tribuno vitalicio (con poder de veto sobre as decisións dos maxistrados) no -23;
  • cónsul vitalicio e prefecto dos costumes no -19;
  • sumo pontífice (xefe relixioso do Imperio) no -12; e
  • «pai da patria» no ano -2.

Aínda que rexeitou a súa divinización en vida, aproveitou no seu favor o culto dos xenios, fomentando un culto ao emperador que se converteu nun vínculo adicional entre os habitantes do Imperio. Paralelamente, reformou as institucións romanas, adaptándoas á necesidade de xestionar un imperio tan extenso: creou o Consello do Príncipe, órgano de goberno integrado por homes da súa confianza (Agripa, Mecenas); dividiu as provincias en senatoriais (confiadas a un gobernador sen mando militar nomeado polo Senado) e imperiais (gobernadas por un legado do emperador); reorganizou o sistema monetario e tamén o fiscal, someténdoo á súa xestión directa e facéndoo menos gravoso; protexeu o culto; favoreceu á orde ecuestre fronte á aristocracia senatorial; asegurou os límites do Imperio fronte aos partos e aos xermanos; e continuou a expansión na zona do Danubio e o mar Negro.

Entre as debilidades do seu poder destaca o non ter sucesor (non tivo fillos homes dos seus tres matrimonios); acabou por adoptar o seu fillastro e xenro Tiberio (fillo da súa esposa Livia), ao cal asociou no poder desde o 13, e que o sucedería sen dificultade logo da súa morte.

No plano cultural o Século de Augusto foi moi produtivo e cheo de promesas creadoras, inaugurando unha época clásica para a arte europea, un clasicismo latino que, aínda no Renacemento, mil anos despois, estaría dando froitos. Augusto fundou bibliotecas públicas; a literatura latina, primitivamente influenciada polos gregos, adquiriu independencia e tornouse unha das máis brillantes do mundo occidental.

O mes agosto foi bautizado como Augustus na súa honra; até entón designábase Sextilis (ver Calendario romano).

  1. Blackburn & Holford-Strevens (2003), p. 670-1 "Estas son as datas contemporáneas, pois Augusto viviu baixo dous calendarios: o romano ata o 45 a.C. e o xuliano, despois do 45 a.C. Por mor de discrepancias coas intencións orixinais de Xulio César, Augusto restaurou o calendario xuliano no 8 a.C., polo que a correspondencia entre o calendario xuliano prolíptico e o calendario romano actual é incerta antes do 8 a. C."
  2. Estas son datas contemporáneas; Augusto viviu baixo dous calendarios, o romano ata 45 a. C., e o xuliano despois do 45 a. C. Debido a discrepancias coas intencións orixinais de Xulio César, Augusto restaurou o calendario xuliano no 8 a. C., polo que a correspondencia entre o calendario xuliano proléptico e o actual calendario romano é incerta antes do 8 a. C. (Blackburn & Holford-Strevens, 2003: 670-1)
  3. Formalmente Imperator Caesar, Divi filius, Augustus, ‘Emperador César Augusto, fillo do Divino (Xulio César)’.
  4. Algunhas provincias seguiron sendo gobernadas directamente polo senado romano.
  5. O «estado cliente» é un dos varios termos utilizados para describir a subordinación dun estado a outro máis poderoso en cuestións internacionais. É o menos específico dos devanditos termos, e máis ben puidese ser tratado como unha categoría ampla na que se inclúen outros conceptos tales como o estado satélite, estado asociado, estado monicreque, neocolonia, protectorado, e estado vasallo (tamén coñecido como estado tributario). Un dos usuarios máis prolíficos deste tipo de clientelismo foi a república de Roma que, no canto de conquistar e absorber territorios para así dar forma a un imperio, optou por converter en estados clientes aqueles territorios que ía derrotando, unha política que prevalecería aproximadamente ata o século I d. C., cando comezou a exercerse en Roma o dominio imperial.
  6. O nome final de Augusto tiña un significado equivalente de "Comandante César, Fillo do Divino, o Emperador".
  7. Suetonio, Vida de Octavio Augusto, I-IV. (O Marco Octavio, que vetou a lei agraria proposta por Tiberio Graco no 133 a.C., posiblemente fose o seu devanceiro).
Referencias
  1. "Augustus | Biography, Accomplishments, Full Name, & Facts". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 11 de decembro do 2022. 
  2. Gruen (2005), p. 35.
  3. Dion (1987), p. 153.
  4. Eck (2003), p. 3.
  5. Martin, Ronald H. (1981). Tacitus and the Writing of History. University of California Press. pp. 104–105. ISBN 0520044274. 
  6. Eck (2003), p. 124.
  7. Forsyth 2003, p. 14.
  8. Shelton 1998, p. 58.
  9. Brice 2014, p. 101.
  10. McCullough 2013, p. 457.
  11. 11,0 11,1 Birley 2012, p. 12.
  12. Suetonio, Augustus, 1
  13. Suetonio, Augustus, 94
  14. Suetonio, Augustus, 94
  15. Wells 1995
  16. Suetonio, Augustus, 4
  17. "Suetonius • Life of Augustus". penelope.uchicago.edu. (Día e mes segundo o calendario romano; ver a nota a). 3 de setembro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024. 
  18. Suetonius, Augustus 5–6.
  19. Larcan, Laura (26 de outubro de 2011). "Ecco la Domus di Augusto La casa natale del primo imperatore". repubblica.it (en italiano). Consultado o 3 de xullo de 2021. 
  20. Caso de los Cobos, Guillermo (27 de outubro de 2011). "Sacan a la luz la casa natal del emperador César Augusto". terraeantiqvae.com (en castelán). Consultado o 3 de xullo de 2021. 
  21. 21,0 21,1 Suetonio, Vida de Octavio Augusto V-VII.
  22. "Augusto de Prima PortaAugusto. Octavio". artehistoria.jcyl.es (en castelán). 8 de abril de 2010. Archived from the original on 08 de abril de 2010. Consultado o 3 de xullo de 2021. 
  23. Rowell (1962), p. 14
  24. Chisholm (1981), 23.
  25. Suetonio, Vida de Augusto IV-VIII; Nicolao de Damasco, Augustus p. 3.
  26. Suetonio, Vida de Augusto VIII; Quintiliano, 12.6.1.
  27. Everitt (2008), p. 19
  28. 28,0 28,1 28,2 "Augusto.Octavio". Artehistoria.jcyl.es. Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2010. Consultado o 11 de decembro do 2022. 
  29. 29,00 29,01 29,02 29,03 29,04 29,05 29,06 29,07 29,08 29,09 29,10 29,11 "César Augusto". Imperivm.org. Arquivado dende o orixinal o 5 de xaneiro de 2010. Consultado o 11 de decembro do 2022. 
  30. 30,0 30,1 Suetonio, Vida de Augusto VIII
  31. Suetonio, Vida de Augusto LXXIX.
  32. Nicolo de Damasco, Augustus p. 4.
  33. 33,0 33,1 33,2 Rowell (1962), p. 16.
  34. Nicolao de Damasco, Augustus p. 6.
  35. "LacusCurtius • Velleius Paterculus — Book II, Chapters 59‑93 (59.3)". penelope.uchicago.edu (en castelán). 23 de outubro de 2006. Consultado o 27 de abril de 2024. 
  36. Suetonio, Julio César LXXXIII.
  37. 37,0 37,1 37,2 Eck (2003), p. 9.
  38. Apiano, Civil Wars 3.9-11.
  39. A súa filla Julia morrera no 54 a. C.
  40. Rowell (1962), p. 15.
  41. Mackay (2004), p. 160.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 42,5 Eck (2003), p. 10.
  43. 43,0 43,1 Southern 2013, p. 47.
  44. Suetonio, Vida de Augusto LXVIII, LXX1.
  45. 45,0 45,1 Eck (2003), pp. 9-10.
  46. 46,0 46,1 Rowell (1962), p. 19.
  47. Rowell (1962), p. 18.
  48. Eder (2005), p. 18.
  49. Apiano, Civil Wars 3.11-12.
  50. Chisholm (1981), p. 24.
  51. Chisholm (1981), p. 27.
  52. Rowell (1962), p. 20.
  53. Eck (2003), p. 11.
  54. Syme 2010, pp. 145-157.
  55. Chisholm (1981), p. 26.
  56. Rowell (1962), p. 30.
  57. Eck (2003), pp. 11-12.
  58. Rowell (1962), p. 21.
  59. Syme 2010, pp. 162-163.
  60. 60,0 60,1 60,2 60,3 Eck (2003), p. 12.
  61. 61,0 61,1 61,2 Rowell (1962), p. 23.
  62. Rowell (1962), p. 24.
  63. Chisholm (1981), p. 29.
  64. Chisholm (1981), p. 30.
  65. Rowell (1962), pp. 19-20.
  66. Syme 2010, p. 215.
  67. Syme 2010, pp. 218-221.
  68. Scullard (1982), p. 157.
  69. Rowell (1962), pp. 26-27.
  70. 70,0 70,1 70,2 Rowell (1962), p. 27.
  71. Chisholm (1981), pp. 32-33.
  72. Apiano, Guerras civiles. III, 93-94.
  73. Eck (2003), p. 14.
  74. Rowell (1962), p. 28.
  75. Syme 2010, pp. 221-233.
  76. Sear, David R. "Common Legend Abbreviations On Roman Coins" (en inglés). Consultado o 8 de outubro do 2023. 
  77. 77,0 77,1 Eck (2003), p. 15.
  78. Scullard (1982), p. 163.
  79. 79,0 79,1 Eck (2003), p. 16.
  80. Southern 2013, p. 99.
  81. Scullard (1982), p. 164.
  82. 82,0 82,1 Scott (1933), pp. 19-20.
  83. 83,0 83,1 83,2 Scott (1933), p. 19.
  84. Scott (1933), p. 20.
  85. Suetonio Vida de Augusto XXVII.
  86. Syme 2010, p. 253.
  87. Eck (2003), p. 17.
  88. Suetonio Vida de Augusto XIII.
  89. 89,0 89,1 Eck (2003), pp. 17-18.
  90. 90,0 90,1 Eck (2003), p. 18.
  91. Eck (2003), pp. 18-19.
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 Eck (2003), p. 19.
  93. 93,0 93,1 Rowell (1962), p. 32.
  94. 94,0 94,1 94,2 94,3 94,4 94,5 Eck (2003), p. 20.
  95. Scullard (1982), p. 162.
  96. 96,0 96,1 96,2 96,3 Eck (2003) p. 21.
  97. 97,0 97,1 97,2 97,3 Eder (2005), p. 19.
  98. 98,0 98,1 Eck (2003), p. 22.
  99. Eck (2003), p. 23.
  100. Scullard (1982), p. 163
  101. 101,0 101,1 Eck (2003), p. 24.
  102. 102,0 102,1 Eck (2003), p. 25.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]