Ribadeo

concello da comarca da Mariña Oriental, na provincia de Lugo

Ribadeo é un concello da provincia de Lugo, pertence á comarca da Mariña Oriental. Segundo o IGE, a comezos de 2018 tiña 9 900[1] habitantes (en 2015, 9 929), despois de superar por primeira vez en 2011 a barreira dos 10 000 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ribadense».

Modelo:Xeografía políticaRibadeo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°32′14″N 7°02′35″O / 43.537222, -7.043056
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor en Wikidata
CapitalRibadeo Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación9.828 (2023) Editar o valor en Wikidata (90,05 hab./km²)
Xentilicioribadense Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie109,14 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Cantábrico Editar o valor en Wikidata
Altitude47 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altomonte Mondigo (568 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataApalpador (2023–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Ribadeo Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27700 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE27051 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data?

Páxina webribadeo.gal Editar o valor en Wikidata
Facebook: ConcellodeRibadeo Twitter: ConcelloRibadeo Instagram: concelloribadeo Editar o valor en Wikidata

Xeografía

editar
 
Vista da illa Pancha, na parte galega da saída da ría de Ribadeo. Ó fondo, o mar Cantábrico. Á dereita, a ría.

Localízase no extremo nororiental da provincia; ó norte linda co mar Cantábrico (uns 15 km de costa), ó leste coa ría de Ribadeo, que o separa do concello asturiano de Castropol. No extremo sueste, en Porto (parroquia de Vilausende) limita co municipio asturiano da Veiga (con nome oficial A Veiga/Vegadeo).[2] Esta beira oriental ten uns 15 km, dos que algo máis de 11 son de ría. Ó sur linda co municipio de Trabada en toda a súa extensión, uns 12 km. Ó oeste limita con Barreiros, ó longo duns 15 km. De leste a oeste, pola parte máis ancha, mide 12,75 km, e de norte a sur uns 10,5 km. As coordenadas xeográficas do Concello abranguen dos 43°27′40″ N ós 43°33′46″ N, e dende os 7°1′9″ O a 7°12′25″ O. Está asentado sobre terreos xistosos formados por lousais uniformes, con niveis de cuarcitas e areíscas atravesados por filóns de cuarzo e un esporádico afloramento eruptivo nas proximidades de Rinlo.

 
Placa altimétrica de Ribadeo, sita no interior da casa do Concello.

O seu relevo ten unha relativa suavidade e con penachos de cresterías de cuarcitas, que se resolven en dúas unidades morfolóxicas, perfectamente definidas: ó norte e sobre o mar, unha plataforma litoral, que corresponde á denominada rasa cantábrica, mentres que no resto do territorio presenta unha sucesión de outeiros, cuxa máxima altitude se sitúa ó redor dos 555 metros. Este aspecto orográfico xeral queda limitado por unha primeira aliñación setentrional constituída por elevacións que comezan cerca de Liñeira e continúa polo extremo oriental de Cereixido (308 m), Acebedo (314 m) ou Canoíños (335 m), entre outros, e unha segunda aliñación (zona occidental e meridional) que se forma cos cumios de Penalonga (509 m), Mondigo (571 m) e o Val das Eguas (438 m). Estas aliñacións montañosas actúan como divisoria de augas entre a cunca do Eo e os regatos que verten directamente ó mar Cantábrico.

 
Vista da Pena Furada, na parte galega da ría de Ribadeo. Ó fondo, a enseada de Arnao, na parte asturiana da ría.

Montes

editar
  • Cereixido (308 m)
  • A Coroa (367 m)
  • Acebedo (314 m)
  • Canoíños (335 m)
  • Pico de Pastoriza (204 m)
  • Fontes do Lobo (186 m)
  • Santa Cruz (192 m; 150 m no miradoiro)[3]
  • Montes Vequeixo (378 m)
  • Penalonga (509 m)
  • Mondigo (571 m)
  • Foxas (198 m)
  • A Capela (182 m)
  • Vilar (205 m)
  • Penedo Corvo (435 m)
  • As Grandas (418 m)
  • Val das Eguas (438 m)

Hidrografía

editar

A aba setentrional encóntrase percorrida por varios regatos que teñen os seus correspondentes nacementos nas ladeiras montañosas próximas á costa; a medida que esta rede fluvial se vai separando da divisoria de augas, os regatos descenden bruscamente cara á plataforma litoral, formando vales encaixados. A rede fluvial da zona meridional está formada por ríos de maior lonxitude que, dirixíndose cara ao leste, verten o seu caudal no río Eo ou na propia ría, accidente xeográfico procedente dun val fluvial que rompe a continuidade da plataforma de arrasamento, encaixándose nela por unha elevación costeira, por un descenso do nivel mariño, ou ben por un mecanismo de erosión remontante ó perde-la anchura a rasa polo retroceso cara a terra do acantilado.

 
Vista da Punta da Cruz, na parte asturiana da saída da ría, dende preto da Pena Furada, sobre a ría. Ó fondo, o mar Cantábrico. En primeiro termo, a ría.

Regatos

editar
  • Vilaselán
  • Capela
  • San Xián
  • Perdón
  • Esteiro
  • Teixeiras
  • Noceda
  • Ferreira
  • Xallán
  • Deveiga

Praias

editar

O termo municipal conta con varios areais e coídos ao longo do seu litoral, a maioría situados na franxa cantábrica, en mar aberto, mais tamén algunhas praias recolectas na propia ría. A continuación lístanse as principais de oeste a leste.

Ribadeo tivo unha estación meteorolóxica para toma de datos de pluviosidade e vento na Illa Pancha a finais dos anos 1920[4], e tamén dende aquela época ata a actualidade consérvanse datos completos aínda que descontinuados da Estación Meteorolóxica da Granxa Escola Pedro Murias[4].

Ribadeo posúe unhas características bastante similares ás das outras dúas comarcas que forman A Mariña lucense, con temperaturas suaves na costa (sendo a media de 14 °C na estación Pedro Murias de Vilaframil[5]) e precipitacións medias durante todo o ano, cunha media de 1019 mm. Xa no interior, as temperaturas van descendendo e aumentan as precipitacións a medida que nos achegamos á montaña, cunha clara influencia nas condicións climatolóxicas dos ventos cantábricos, o que ocasiona unha oscilación térmica de 11,2 °C.

Na vexetación referente, temos por un lado a típica vexetación dominante das marismas costeiras atlánticas (Zostera marina, Zostera noltii, xuncais e canaveiras), e por outra unha gran superficie forestal ocupada por eucaliptos e piñeiros.

Historia

editar

Antigüidade

editar

Ribadeo debe o seu nome o río Eo, xa que, segundo Isidoro Millán, procede de "ripa-de-uve",[6] nome prelatino que significaría húmido, mollar ou bañar. O nome de Eo aparece no documento do rei Silo (ano 775), quizais o documento escrito máis antigo da Península[7], baixo a forma "IUBE". A pesar de que, como sucede na maioría das poboacións urbanas de Galicia, a vila de Ribadeo carece dunha historia actualizada e completa, podemos sinalar que grazas ós traballos de eruditos locais (San Julián e Francisco Lanza) e as investigacións dos séculos XVI-XIX, pode describirse unha estampa bastante satisfactoria do Ribadeo moderno, quedando a prehistoria, a historia antiga e a medieval un tanto descoñecidas.

 
Vista do Parque do Cargadoiro. Está construído na zona que a principios do século XX ocupaba o depósito de mineral de ferro procedente de Vilaoudriz, cunha pasarela que era a ponte que actuaba de cargadoiro.

Os primeiros vestixios históricos son de orixe fenicia, un asentamento mineiro-comercial alá nos séculos XX a XVI a.C. Aínda que é probable a presenza posterior de cartaxineses e gregos, pola importancia do seu comercio en Galicia, non se dispón de datos da súa incidencia na ría. Non hai certeza sobre o grupo étnico celta que poboaba a zona, segundo algúns foron os eosios e para outros foron os cibarcos. Sexa como for, houberon recibir a visita dos romanos, pero non hai achados de restos das calzadas, fontes, templos etc., tan só pequenas pezas de cerámica, algunhas moedas etc. En resumo, a existencia dalgunha mámoa testemuña un poboamento temperán, ó igual que sucede cos numerosos castros e os achados de torques, que evidencian unha florecente cultura do bronce.

 
Vista actual dunha antiga ponte sobre a vía abandonada do ferrocarril da liña Ribadeo - Vilaoudriz. O tramo actualmente forma parte do Camiño do Norte de Santiago de Compostela.

Dos primeiros séculos da nosa era cabe supoñer que a poboación celta-romana foi evolucionando dunha maneira similar a como se fixo no resto de Galicia. Máis adiante chegarían os suevos e parece ser que o declive foi bastante importante. Fálase de que un xenro de Paio de Asturias, chamado Afonso o Católico, repoboou Ribadeo quizais con refuxiados cristiáns que fuxían do avance musulmán. A igrexa de Ribadeo foi catedral ata o ano 918, no que Ordoño cambiou a sé a Mondoñedo, pero non duraría moito tempo.

Vestixios arqueolóxicos

editar

Destaca o asentamento paleolítico de Louselas (Vilaselán). Hai mámoas no monte Mondigo. Asemade, hai restos da fortaleza dos castros en Vilaosende.

Hai castros en Vilaselán, Piñeira, A Devesa (aquí atópase unha praia co mesmo nome pola abundancia de restos que se atoparon, hoxe ocupados por unha construción), Vilaosende, As Anzas e Arante. Hai restos de murallas e castelo na vila de Ribadeo.

Asemade cabería falar do Carneiro alado e doutros lugares aínda a investigar, como as marcas atopadas na rocha nas inmediacións de Pena Furada ou na enseada previa á Illa Pancha.

Idade Media

editar

Repoboada ou non por Afonso o Católico, o certo é que a mediados do século XII a vila asentábase na enseada da Vilavella, pois o primitivo núcleo de Cabanela e Porcillán foi abandonado fuxindo dos ataques dos hérulos e normandos nos séculos IX e X. Pero, realmente só a partir do século XII se pode falar dunha historia de Ribadeo con fundamento. Sobre o 1128 Afonso VII levou a cabo un reordenamento territorial, ampliando as terras do reguengo a costa das do bispo. Nesta data, no territorio que logo constituiría o alfoz de Ribadeo existían xa 21 parroquias, polo que esta zona era, conseguintemente, a principios do século XII, un lugar densamente poboado. De aí que Fernando II, no 1183, decidise crear unha vila, é dicir, eleva-lo rango de tal a un núcleo xa existente, outorgándolle unha carta de poboamento con varios privilexios, entre eles o da posibilidade de celebrar un mercado.

Tamén concede ó bispado de Mondoñedo os dereitos sobre o territorio dependente da igrexa de Santiago de Vigo,[8] que chegaban ata o porto de San Xulián (Porcillán), onde comezaba Vilaselán. Os desexos da monarquía de favorece-la nova vila percíbense tamén no feito de que no ano 1202 se ampliou considerablemente o seu alfoz: ademais do mesmo foro, a vila recolleu, pouco a pouco, outros elementos característicos do ámbito urbano: igrexa colexiata, conventos de San Francisco e Santa Clara (séculos XIII-XIV), murallas (derrubadas no s. XVIII e das que queda unha torre do s. XIII). Os traballos de investigación de Fernando Alsina expoñen -para esta data- a ruralización das súas xentes, dedicadas en maior medida ó aproveitamento agropecuario e en menor medida á artesanía. A paisaxe para os séculos XIV e XV era máis alentador: explotación das súas fragas, cultivo da vide e exportacións comerciais. Máis precisas son as noticias referentes a fidalguía do núcleo, feito que condicionará o goberno da vila e o seu alfoz dende finais do século XV ata comezos do XIX. Hai que ter en conta que neste anos posteriores producíranse cambios na sé bispal entre Mondoñedo e Ribadeo, que acabarán no ano 1270, cando Nuno II conceda a Colexiata, que chegará ata e século XIX.

No 1369, a loita polo trono entre Pedro I o Cruel e Henrique de Trastámara, marcou un cambio de rumbo para Ribadeo, que de estar baixo protección real pasou a ser un condado, en mans dun francés, Pierre de Villaines (Pierre le Begue, segundo outros) que a recibe coma pago polos seus servizos o 20 de decembro de 1369. Ó pouco tempo, este vendería o condado a Rui López Davalos, que se converteu no II conde de Ribadeo e que caeu en desgraza ante o novo rei Xoán II, o cal se viu na obriga, a falta de descendencia por parte do conde, de dividir o condado; aínda que máis tarde volveuno a unir, despois de concederllo no ano 1431 a Rodrigo de Villandrando. Despois dunha sucesión de condes, o condado seguiu unificado ata que co casamento de Rodrigo de Silva e Sarmiento de Villandrando e a III dona da familia de Híjar, incorporouse ó condado da Casa de Híjar, ata o século XIX, no que, coa morte do XXIV conde de Ribadeo e XVI duque de Híjar, Afonso de Silva y Fernández de Córdoba (no ano 1955), pasou á Casa de Alba. A herdeira foi a súa neta Cayetana Fitz-James Stuart y Silva, XXV condesa de Ribadeo.

Ao comezo dos tempos modernos -sobre o 1500- Ribadeo aparece, en definitiva, baixo o dominio particular dos seus condes, no que concirne ao seu goberno, e dende o punto de vista económico da vila encontrábase estreitamente vinculada á economía do Atlántico, grazas ás exportacións de madeira en dirección a Sevilla e Lisboa, a construción de naos e a emigración cara a Sevilla e Indias.

Idade Moderna

editar
 
Ribadeo no debuxo de Pedro Teixeira en 1634.

Ata 1660-1680 a vida comercial da vila xira en torno ó comercio da madeira, como o demostran as escrituras de frete e outros contratos entre mercadores. Dende o punto de vista social é significativo que, entre os séculos XVI-XVIII, a relación entre fidalgos e comerciantes fose fluída e aberta, sen que se poida establecer distincións artificiosas entrambos grupos. Pese a que o movemento económico era intenso no século XVI e na primeira metade do XVII, as dimensións da vila eran reducidas: uns 254 veciños no 1587, e practicamente os mesmos -243- no 1646. A mediados do século XVIII o comercio da madeira deixou de te-la importancia de antes, e o tráfico do porto baseábase na importación de sal, ferro e téxtiles. Este cambio de orientación económica produciuse cando se autorizou a importación directa e con desgravacións dende a Europa do Norte.

No ano 1751 o condado parecía ter sete freguesías e oito vilas: Ribadeo, Vilaselán, Vilaframil (A Devesa), Vilandriz (A Devesa), Vilagüiz (A Devesa), Vilamariz (Arante) e Vilavella (Ribadeo). Dende entón, o ritmo da zona cambiou, asentándose nela unha serie de comerciantes, en particular asturianos -Ibáñez, Campoamor, Villaamil, Lanza-, a cuxos almacéns se acudían na busca de liño, para elaborar os panos que posteriormente se exportaban a Castela. Neste momento, despois da absorción do Condado, Ribadeo é un señorío xurisdicional cunha serie de privilexios tributarios para os señores xurisdicionais ata case o final da súa existencia no 1812. Neste mesmo ano, o dato demográfico dos veciños do señorío era de 948, repartidos da seguinte forma: Ribadeo (280), Arante (65), Cubelas (140), Obe (91), Vilaselán (53), A Devesa (207), Rinlo (68) e Piñeira (64).

 
Vista do estaleiro de Rivadeo[sic], J. Cuevas, La Ilustración Gallega y Asturiana, 1879.

A fusión en catro das sete antigas provincias galegas, en 1822, foille bo a Ribadeo xa que reducía o custo dos gravames, pero por pouco tempo. No 1823 volven a ser de novo sete e no 1833 establécense xa, definitivamente, as catro provincias actuais, co que Ribadeo deixa de formar parte da provincia de Mondoñedo, cidade coa que sempre mantivo enfrontamentos porque a sé episcopal, receosa da puxanza comercial da vila do Eo, gravou cunha gran cantidade de impostos, que incluso fixo fuxir a Castropol a unha parte importante da burguesía comerciante. Territorialmente, no 1835, algunhas parroquias do sur do concello de Ribadeo uníronse para constituír o concello de Cedofeita pero no 1843, a Xunta Provisional de Goberno de Ribadeo abortou esta iniciativa e nunca máis houbo problemas coa integridade territorial do concello.

 
Frontal da igrexa parroquial de Santa María do Campo, no centro urbano ribadense.

O século XIX marca un punto de inflexión decisivo entre o Ribadeo antigo e o moderno coa desaparición da muralla, ademais doutras construcións que marcaban a vida da vila durante os séculos anteriores. O señorío de Ribadeo abarcaba as seguintes parroquias do concello: Santa María do Campo (Ribadeo), Santa María de Vilaselán, San Juan de Piñeira, Santa Eulalia (Santalla) de A Devesa, San Vicente de Cubelas, San Juan de Obe e San Pedro de Arante. O tráfico comercial e a vida económica do porto viuse seriamente afectada pero puido sosterse durante o século XIX, ó permitírselle na década dos 40 comerciar con América, e diversifica-las súas importacións con fertilizantes e coiros e aproveitarse do florecemento agrícola, baseado no cultivo do trigo, o millo e a pataca.

Século XX e actualidade

editar

A comezos do século XX e ata mediados do mesmo, o tren mineiro da Liña Ribadeo - Vilaoudriz deu un bo empurrón a todo o contorno do río Eo, dende A Pontenova (onde se cargaba o mineral) ata o embarcadoiro de mineral de Ribadeo, hoxe pasarela-miradoiro turístico, onde se facía a descarga nos barcos. Foron aqueles uns anos de grande actividade social e cultural. Xurdiron varias sociedades culturais e bibliotecas. Abriu farmacia Manuela Barreiro Pico, a primeira muller farmacéutica de Galicia[9]. A mediados de século creouse a Escola Agraria Pedro Murias, sustentada por un indiano en Cuba. No 1915 constrúese a Torre dos Moreno, unha das obras arquitectónicas máis características de Ribadeo, edificio que xa contaba con ascensor e sistemas de recollida de lixo por medio de tubaxes internas.

Das sociedades que se crearon a principios do século aínda existen dúas con patrimonios moi importantes, pero con pouca actividade. Unha é a Sociedade Filantrópico Dramática, propietaria do Cine Teatro, onde se organizaban actuacións con artistas ribadenses coma o cantante de ópera Manolo Cortés, os Ruiseñores do Eo e a Coral Polifónica. A outra é a Sociedade de Socorros Mutuos A Concordia, unha especie de seguridade social para os desamparados, que recentemente chegou a un acordo co Concello para crear un Centro de Día de asistencia ós maiores, situado no antigo matadoiro. Naceron tamén numerosas publicacións, algunhas efémeras, entre as que destacan Las Riberas del Eo e La Comarca del Eo (esta última fundada en 1919 por Francisco Lanza e vicedecana dos semanarios galegos, actualmente baixo a dirección do Progreso de Lugo).

O 23 de xullo de 1936 entraron en Ribadeo as forzas do bando sublevado, nomeando como alcalde a Antonio Moreda Rodríguez.[10] En consoancia con aqueles tempos, o 20 de xullo de 1937 acórdase pola corporación municipal restituír o costume de asistir ós actos eclesiásticos da Semana Santa. Asemade, nesas datas producíronse incidentes que levaron consigo mortes. De feito, en 2022 colocáronse catro ducias de Pedras da Memoria e en xullo de 2023 produciuse a exhumación de dous corpos dunha zona común do cemiterio.

 
Vista do porto deportivo dende o Miradoiro da ermida de San Miguel.

Ribadeo mantivo ata os anos sesenta a cabeceira de Partido Xudicial, do que só queda como resto un xulgado de 1ª instancia.

No derradeiro terzo do século XX creouse o primeiro Instituto de Bacharelato da zona (na actualidade as instalacións forman parte do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo). Nun primeiro momento foi denominado "Instituto Laboral" debido a que nel se realizaban prácticas dos diferentes oficios e profesións. Tamén se constrúe o actual Parador Nacional de Turismo, cunhas excelentes vistas sobre a ría. Un pouco posterior foi a construción da liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. O porto traballaba neses momentos a pleno rendemento, coa Aduana da provincia de Lugo, e segue aumentando o ritmo ano a ano. Xa nas dúas últimas décadas do século XX, un dos acontecementos máis importantes foi a construción da ponte dos Santos (rematada no verán de 1987), factor que provocou na vila unha concentración e o auxe do comercio e servizos.

Goberno e política

editar
 
Histórico número de Concelleiros por agrupación en democracia, ata 2015.
 
Histórico número de votos por agrupación en democracia, ata 2015.

Nas eleccións municipais do 2003, o goberno municipal estivo formado polos concelleiros do PSOE e BNG (4 e 3 concelleiros, respectivamente), sendo o alcalde Balbino Pérez Vacas (PSOE) e tenente de alcalde Fernando Suárez Barcia (BNG), e estando o PP, con 5 concelleiros na oposición. Os anteriores gobernos municipais foron do Bloque Nacionalista Galego (antes de 1995) e do Partido Popular (1995-2003). Tralas eleccións municipais do 2007 o goberno municipal formouse pola coalición entre BNG e PSdeG-PSOE, sendo alcalde Fernando Suárez Barcia (BNG). Por número de votos o partido máis votado foi o BNG co 30,77% dos votos, seguido polo PP co 28,98%, polo PSOE co 24,43% e pola Unión do Pobo Ribadense (UPRI) co 18%.

Nas eleccións de 2011 e 2015, o BNG acadou a maioría absoluta de concelleiros, sendo alcalde Fernando Suárez Barcia en ambos mandatos e, de novo, nas eleccións municipais de 2019 mantivo a alcaldía coa maioría absoluta.[11] A finais de ano de 2014, pasou dos 10 000 habitantes, co que foron elixidos 17 concelleiros nas eleccións de 2015. A finais de 2018, contaba 9.962 habitantes[12], co que a partir das eleccións de 2019, volta a ter 13 concelleiros.

Economía e sociedade

editar
 
Vista dunha das típicas casas de indianos.

Literalmente pódese dicir que Ribadeo pasou durante o século XX por varios estadios: dende fins do XIX ata 1910 houbo un considerable aumento da poboación, grazas ó crecemento vexetativo e a unha débil emigración. Entre 1910 e 1920 entrou nunha etapa de caída demográfica, debido ó menor crecemento vexetativo por causa dun aumento na emigración. Dende 1920 ata 1940 viviuse unha etapa de forte crecemento, alcanzándose na última das datas o maior número de habitantes en todo o século. Polo contrario, entre 1940 e 1970 e, a causa dunha forte emigración, prodúcese unha forte caída do compoñente demográfico, alcanzándose en 1970 un número de poboadores menor que no ano 1900. Xa por último, dende a década dos setenta en adiante asístese a unha recuperación demográfica polo freo da emigración.

Na actualidade, a poboación asenta sobre doce parroquias, que engloban a 137 entidades de poboación, destacando os núcleos de Rinlo e Ribadeo.

Economía

editar
 
Vista da ponte dos Santos, que une as beiras galega e asturiana da ría. En primeiro termo, o porto deportivo de Porcillán. A ponte é chamada así por ter dúas capelas próximas, unha a cada extremo (San Miguel na parte galega, San Román en Castropol, na asturiana). Vese ó fondo a saída da ría ó mar e, á esquerda, o forte de San Damián tras o cargadoiro de mineral.

Ó igual que sucedeu no pasado, o sector produtivo dominante do municipio continúa sendo o terciario, na vila, e o primario nas parroquias rurais, o seu antigo alfoz. Por se-la localidade mellor equipada de toda a Comarca da Mariña Oriental, a vila ten e conserva -dende antigo- unha importante función comercial, portuaria e de servizos, polo que exerce unha forte atracción sobre a contorna rexional e sobre o occidente asturiano. O comercio, o turismo, os servizos profesionais e as actividades de lecer confiren á economía local un marcado rango urbano. O seu porto comercial pasou de mover máis de 220 000 millóns de toneladas o ano (celulosa, area de mina, magnesita, aglomerado, madeira, entre as principais cargas; millo, polpa de remolacha, entre as descargas máis importantes) a comezos de século a supera o medio millón na década dos 2010. Cun único porto na antigüidade, Ribadeo tivo un embarcadoiro de mineral proveniente de Vilaoudriz a comezos do século XX, e, tras desaparecer aquel (aproveitado hoxe para nunha pasarela panorámica) a comezos do século XXI conta con tres portos: o pesqueiro, cun movemento minguante, o deportivo, con máis de 700 amarres no 2020 e o comercial.

O sector primario dá ocupación a un terzo da poboación activa, tendo experimentado unha considerable melloría coa concentración parcelaria na maioría das parroquias. Coa mecanización e a modernización dos labores agrícolas logrouse deixar de lado o sistema de autoconsumo, para iniciar unha produción plural de explotación forestal e gandeira, de produción láctea e cárnica preferentemente. Dentro do sector gandeiro, destaca a produción vacúa seguida da porcina e, en menor medida, a cabalar e avícola; por todo iso, vese claramente como a labranza vaise convertendo nun sector subsidiario da gandería, verdadeira fonte da riqueza municipal. O sector pesqueiro, ten unha importancia económica secundaria dende finais do século XX. Coa construción do peirao de Mirasol, o porto da vila recuperou algo do auxe comercial de tempos atrás, ó fomentarse a súa dedicación o tráfico comercial interior con produtos minerais, madeira e os seus derivados. Polo que se refire á pesca, as capturas oriéntanse cara a especies como a pescada, o peixe sapo, a sardiña, o percebe e o mexillón, entre outras, constituíndose na principal fonte de ingresos para algunhas familias tanto da vila como da próxima poboación de Rinlo. Nos derradeiros anos, a exportación de algas e o cultivo de ostra e ameixa xaponesa conseguiu diversifica-lo sector. Complementan o espectro económico a construción, á que se dedica o 12% da poboación activa, e a pequena industria co 13,6% dos activos ocupacionais. En 2012 inaugurouse o Parque empresarial de Ribadeo situado xunto á A-8.

 
Aparcadoiro cuberto (Eroski - Vegalsa), área comercial de Vilar.

Industrias

editar

Transformación madeireira, agroalimentarias e conserveiras. Dá acubillo ó Centro de Cultivos Mariños, departamento do CIMA.[13]

Comercio

editar

É o centro comercial dunha ampla comarca. A comezos do século XXI estableceuse unha área comercial en Vilar[14], que en 2018 consta de dous hipermercados xeralistas e varias grandes superficies adicadas a mercadorías concretas.

ACISA Ribadeo é a asociación de comerciantes, industriais e autónomos que agrupa a boa parte do sector no concello dende o ano 1989.[15]

Demografía

editar
Censo total 2015 9.929 habitantes
Menores de 15 anos 1.304 (13,13 %)
Entre 15 e 64 anos 6.215 (62,59 %)
Maiores de 65 anos 2.410 (24,27 %)

Fonte: Instituto Nacional de Estatística (INE) 1857-2018.[16]

Evolución da poboación
 1587  1646  1812  1900  1930  1950  1960  1981  1986  1991  1996  1998  1999  2000  2001  2002  2003
  254   243   948   8847   9168   9364   9138   9068   8973   8761   8813   8872   8953   9034   9110   9163   9186
 2004  2005  2006  2007  2008  2009  2010  2011  2012  2013  2014  2015  2016  2017  2018
  9270   9407   9704   9854   9983   9988   10023   10061   9994   10010   9929   9972   9270   9962   9900
Fontes: INE e IGE. Os criterios de rexistro do censo variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.
Os datos do rexistro do censo dos anos 1587, 1646 e 1812 son aproximados.

Transportes

editar

Na actualidade a conexión principal é por estrada, con conexións con Asturias (pola ponte dos Santos) e a costa galega (Foz, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela) mediante a A-8 e a N-634, e un ramal desta (N-642 e N-640) a Lugo. Autobuses regulares enlazan coas principais vilas e cidades do contorno.

A vía férrea (vía estreita Ferrol-Xixón) comunica con Ferrol e Xixón e Oviedo pola costa. No pasado, un ferrocarril comunicaba coa Pontenova.

Ata a construción da ponte dos Santos había servizo de barcas que conectaba con As Figueiras e Castropol. Na actualidade quedou reducido a servizo de paseo turístico. Seguen chegando de xeito esporádico barcos ó porto deportivo.[17]

Ten un pequeno aeródromo en Vilaframil usado por avionetas.

Deportes

editar

Dispón de instalacións deportivas de tipo marítimo (club náutico, club de remo, Club de piragüismo Altruánetc.) a máis do tradicional campo de fútbol do Ribadeo FC[18] no que se celebra anualmente o Trofeo Emma Cuervo con equipos visitantes, tres pavillóns cubertos, club de tenis, dous clubs de ciclismo, club de montaña, de xadrez etc., que fan que a actividade deportiva ó longo do ano sexa ampla, mantida tanto pola oferta como pola demanda. Recentemente uniuse a esta oferta o refundado club de baloncesto da vila.

Deporte cinexético

editar

Este deporte, máis coñecido como caza, está moi presente nesta vila, ó igual que en toda a comarca [Cómpre referencia]. Na actualidade existe unha sociedade, chamada Sociedade "O Faisán". O deporte cinexético ten moitos seguidores nesta vila e na comarca, abonde dicir que o número de seguidores na comarca da Mariña son tantos como os do fútbol (sobre uns 1.000), aínda que as pezas de caza máis importantes son só o raposo, o xabarín e o corzo (este último máis abundante). Actualmente tamén se celebra un concurso con cans atraelados de rastro de xabarín cada ano.

Cultura

editar

Na vila hai diversas asociacións culturais, como a Asociación Cultural Francisco Lanza, o grupo de teatro, a coral polifónica, Asociación de amigos da Gaita Galega e a Banda de Ribadeo. A tradición musical contempla figuras xa pasadas, como a obra de Carlos Cid ou as Meniñas da saudade.

Bibliotecas
editar

Na vila existe a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, que se complementa por unha banda coas bibliotecas dos diferentes centros de ensino e con diversas instalacións bibliotecarias en varias parroquias.

Medios de comunicación

editar

No 2012 editábase La Comarca del Eo (semanal), e é sede dunha emisora de radio, De la costa (cadea COPE).

Tivo diversos semanarios, como Las Riberas del Eo e Bandera Católica, así como no mesmo 2012 cerrou a súa emisora local Onda Cero. El Progreso mantén unha delegación, e La Voz de Galicia unha correspondencia.

Centros de ensino

editar
Ensino regrado obrigado
editar
Ensino complementario
editar

Gastronomía

editar

É famosa polos seus doces, especialmente os elaborados no convento de Santa Clara, entre os que os máis coñecidos son a torta Primavera e a torta San Honoré. Dende o 2004 celébrase a festa do Percebe en Rinlo, a comezos de agosto[19].

Turismo

editar

Recibe turismo de praia e campo ou cultural, na praia das Catedrais ou a propia ría e diversos lugares de importancia histórica no mesmo Ribadeo. Ten moitos lugares que poden servir de miradoiros, destacando o do monte de Santa Cruz sobre o pobo e o da Atalaia, do pobo sobre a ría, fronte ás Figueiras (Asturias) e o maior dos tesos ou tesóns da ría. Tamén é destacable a avifauna da ría, asentada na lama do seu interior.

Nos derradeiros anos organízanse unha serie de actos culturais, propiciando o turismo deste tipo. Destacan as xornadas 'Mar por Medio', ligazón coa cultura inglesa e as Xornadas de Medio Ambiente.

 
Palco da Música, palco no Parque de San Francisco Ribadense.

Monumentos e lugares de interese

editar

Arquitectura

editar
 
Casa do Concello, antiga casa do Marqués de Sargadelos, entre a torre dos Moreno e a Aduana (nova). A notar o escudo da fachada, que tamén o é de Ribadeo (a versión actual está modernizada), e a escultura do Marqués, recentemente exposta baixando as escaleiras do Pazo Municipal.
 
Mapa coa disposición das parroquias.

A oferta artístico-cultural do concello é ampla e variada e moi difícil de enumerar. O patrimonio relixioso está integrado por:

  • A Igrexa de San Pedro de Arante (século XVIII), cunha nave central cuberta por bóveda de canón e arcos de medio punto que rematan noutra bóveda de pavillón sobre tres arcos de pedra, tamén de medio punto. No interior, tres retablos: dous deles barrocos e o outro clásico.
  • A Santa Baia da Devesa (século XVI), pero con reformas posteriores. Consta dunha nave con bóveda de aresta a tres tramos, sobre arcos faxons. Na fachada un arco escarzano e unha torre de dous corpos rematada pola cúpula de media laranxa. No seu interior, un retablo neoclásico do século XIX e tres barrocos do XVIII. En canto o apartado da ourivaría posúe tres cálices e un copón, de prata e ouro, respectivamente.
  • A igrexa de Santa María de Ove (século XVII), con retablo rococó no presbiterio, de dous corpos. Nas naves laterais, outros dous do mesmo estilo.
  • A igrexa de San Xoán de Piñeira, coa cruz parroquial de prata rococó do derradeiro terzo do século XVIII, con probabilidade obra do taller compostelán.
  • A igrexa de Santa Baia de Vilaosende, con imaxes barrocas, do século XVIII.
  • A igrexa de Santa María de Vilaselán (século XVIII), cunha nave rectangular con catro arcos faxons, capela maior co arco triunfal e bóveda de aresta, dúas sacristías, torre de campas sobre o frontispicio e pórtico contiguo o muro dereito da nave. No interior, retablo maior, de estilo neoclásico e dous laterais, de similar factura.
  • A igrexa de Santa María do Campo, coñecida como igrexa de San Francisco. Na súa reconstrución conserváronse bastantes elementos da fábrica primitiva, como as dúas portadas góticas do século XIV, decoradas con motivos vexetais. No seu interior destacan os arcos románicos que dan acceso a sala capitular antiga e dous retablos barrocos do XVIII.
  • O Cemiterio de Ribadeo alberga unha capela con vidreiras e asemade tumbas notables.

O apartado relixioso complétase co convento de Santa Clara e varias capelas, espalladas por todo o termo municipal, como son: as de Santa María Madalena e a ermida da Nosa Señora das Virtudes, na parroquia de Arante; a capela de San Ramón (Devesa), con retablo barroco do XVIII, o que se lle engadou un Cristo do XVII; a Capela de Santo Estevo (Ove), cun retablo barroco dun corpo e tres fornelas; a Capela da Atalaia, o templo máis antigo que se conserva na vila, que foi reconstruída durante a repoboación que Fernando II fixo en 1182. Volveu a reconstruírse a principios do século, e só conserva a porta principal gótica do XV. Está formada por unha soa nave, arco triunfal e presbiterio, e na fachada, escudo da vila.

Polo que o Convento de Santa Clara se refire, levántase na praza do Campo, créndose a súa fundación no século XI, sendo reconstruído entre os séculos XIII e XIV. O conxunto está formado por un edificio rectangular, cun claustro do XVIII e igrexa, cunha soa nave cuberta con artesoado e arco triunfal oxival. No seu interior destaca unha lámpada rococó (XVIII) e diversas tallas e imaxes dos séculos XVII e XVIII.

 
Vista da Torre dos Moreno, no Cantón dos Moreno.
 
Aduana vella, sobre o Porto de Porcillán.
 
Imaxe da frontal máis característica: Aduana, Casa do Concello (Pazo do Marqués de Sargadelos), Torre dos Moreno.

A arquitectura civil presenta dous tipos de construcións, segundo se traten de construcións civís o militares. Nas primeiras destacan:

  • Casa Consistorial ou Pazo de Ibáñez (neoclásico do século XVIII) que, na súa orixe, a finais do século XIX, foi residencia do marqués de Sargadelos. Construída sobre unha antiga edificación de 1568, consta dun soportal de tres arcos con miradoiro isabelino, fundido en Sargadelos, e catro balcóns de frontóns triangulares. No seu interior consérvanse valiosos lenzos de Pérez Couto, Prieto Cousent e Pérez Martínez.
  • Torre dos Moreno, edificio construído a finais dos 1910[20], con ornamentacións modernistas e concepción moi avanzada polo emprego dunha estrutura mixta de formigón e ferro. A súa pequena cúpula encóntrase sostida por catro cariátides e tellado de cerámica vidrada.
  • Torre-Pazo de Cedofeita, construído a finais do século XV ou principios do XVI. Todo o edificio está construído en lousa, cos esquinais e linteis en granito. A súa planta é rectangular, con dous pisos e unha torre. O conxunto complétase cun hórreo, pombal, muíño e capela.
  • Restos do Pazo de Quinta Longa (Vilaosende), conxunto en mal estado de conservación, composto por patio, corredor, cociña e capela. No muro oriental loce unha pedra de armas ovalada, cos emblemas dos Montenegro e Luaces.
  • Edificio da Aduana (século XVIII), testemuña dun pasado económico vigoroso.
  • Casa do Patín, construción civil máis antiga da vila, da que tan só se conserva a fachada.

Ó longo do casco urbano, aínda se conservan fermosas residencias burguesas finiseculares, con influencia indiana; ou o edificio do Mercado Municipal, construído en 1935, cunha estrutura metálica e composición interesante.

Finalmente, como exemplo de arquitectura militar, cómpre cita-lo Castelo de San Damián, construído a principios do século XVII polo Marqués de Cerralbo, e medio reconstruído no ano 1774;[21] foi entregado, con posterioridade a 1809, ó concello para a súa definitiva rehabilitación.

Entre as casas de indianos, construídas polos emigrados a Cuba na primeira parte do século XX, están a Torre dos Moreno, Casa do Óptico, Cuartel Vello, Casa da Axudantía, Casa dos Ananos, Casa de Sela, Casa de Boado, Casa de Don Clemente, Casa de Torres, Casa de Rodríguez Blas, Casa de Andés, La Calzada, Casas de San Roque e Casa de Don Inocencio.

Igrexas: Santa María Madalena (Cedofeita); Couxela; Cubelas; Santa Baia da Devesa; San Xoán de Ove; Piñeira; Rinlo; Vilaframil; Vilaselán; Vilaosende; Santa María do Campo; Convento de Santa Clara (XIII).

Capelas: San Lázaro; Virxe do Camiño; San Roque; Capela e Mirador da Atalaia; Capela do Carme en Piñeiro; Capela Maior; Capela de Santiago (Piñeiro); Da Natividade (Biso); Do Carmen (Vilela); San Sidro (Marelle); A Asunción (Las Anzas); Santa Filomena e San Ramón (A Devesa); Santo Estevo; Bo Xesús e Santa Lucía. Asemade, no cemiterio existe unha capela.

Castelos, Pazos e Casas: Castelo de San Damián; Pazo de Cedofeita; Torre dos Moreno; Pazo de Casa Grande; Casa e Capela de Guimarán; Hospital de San Sebastián e Cárcere; Palacio de Ibáñez, marqués de Sargadelos; Casa da Aduana; Casa do Patín; Cuartel Vello; Pazo de Quintalonga (Vilaosende); Casas da Banca.

Feiras, festas e tradicións

editar
 
Vista sobre a ría, tomada dende Castropol (Asturias). Ó fondo, a ponte dos Santos. En primeiro termo, a ría, onde se ve tamén un pouco do tesón de area, e a fronte da ría na beira ribadense, o paseo marítimo.

Feiras e mercados:

  • Os mércores (Ribadeo);
  • Os domingos, apertura de comercios. No verán, mercado do campo.
  • Feira do mel (mes de agosto).

Festas e romarías:

Ribadeo, con catro festas ó longo do ano, é a parroquia que máis festas celebra, das doce que compoñen o concello. As Patronais de Ribadeo, que teñen como día máis importante o 8 de setembro, celébranse na honra a Santa María do Campo (patroa de Ribadeo).

Arredor do día 16 de xullo fanse as Festas da Virxe do Carme[22] -ou do Carmo- (patroa dos mariñeiros), cunha procesión de embarcacións pola ría, levando a bordo a Virxe. Nesta procesión tirase á auga unha coroa de flores, en memoria dos mariñeiros mortos no mar.

O primeiro domingo de agosto celébrase a Xira de Santa Cruz,[23] romaría campestre na ermida do mesmo nome, con concursos de gaitas, bailes, coros etc... Non lonxe desta data, concretamente o 16 de agosto fanse as Festas de San Roque na capela de San Roque. Xa no 4 de outubro (o mesmo día que empezan as de San Froilán en Lugo) celébranse as Festas de San Francisco, na rúa San Francisco.

Ademais, tamén ten outras celebracións:

 
Vista das estatuas dos cocos e igrexa de San Roque.
  • Mercado de Nadal (Ribadeo);
  • Semana do Cine Infantil (en decembro);
  • Milla Popular de San Silvestre (31 de decembro);
  • Entroido de Ribadeo
  • Concurso Gastronómico de Filloas (entroido);
  • Gran Desfile de entroido;
  • Queimada de entroido;
  • Semana Santa;
  • Romaría das Cruces, na Ponte, Arante (luns anterior á semana de Corpus Christi);
  • Virxe do Carme (mes de xullo);
  • Xira de Santa Cruz e Día da Gaita Galega (primeiro domingo de agosto);
  • Feira do mel e festexos na honra a San Roque (16 de agosto);
  • Festas patronais en honra á Virxe do Campo (8 de setembro);
  • Subida o monte Mondigo en Bicicleta;
  • Trofeo Emma Cuervo;
  • Marcha Cicloturística Concello de Ribadeo;
  • Semana Náutica Ría de Ribadeo;
  • Torneo Aberto de Tenis;
  • Volta Aérea a Galicia de ultralixeiros;
  • Concurso de redacción Diadema de Ribadeo;
  • Xornadas de Cultura Galega.

Ademais, non se debe esquecer toda unha serie de festexos tradicionais, celebrados en cada parroquia e dotados dun ambiente festivo e familiar. Na romaría de Arante realízase unha procesión onde se levan sete cruces ou pendóns das sete distintas parroquias o 31 de maio.

 
Vista da ría en marea baixa. Ó fondo, a zona da saída. En primeiro termo, a zona ZEPA. Á dereita, a costa asturiana por Castropol e A Veiga. O centro urbano está cara ó fondo á dereita (non é visible na foto).

No apartado etnográfico, cabe suliñar que aún viven nos ribadenses trazos da historia que lles axuda, en certa medida, a ter unha independencia cara ao resto da provincia galega. De feito tamén se narraba que nos primeiros días de 1809 e, con ocasión da invasión francesa, Melchor Díaz da Rocha (alcalde maior de Sante) ofreceu unha feroz resistencia as tropas do xeneral francés François M. Fournier. O 25 de xaneiro de 1809 entraron en Ribadeo as tropas francesas, esixindo gran cantidade de alimentos ás aldeas dos arredores. Polos abusos, o alcalde de Sante convocou aos veciños das parroquias de Sante, Vidal, Vilaosende, Cedofeita, Balboa e Coxela para que se negasen as esixencias do invasor; así foi como o 29 de xaneiro, Díaz da Rocha presentouse ante os franceses con 300 veciños armados con trabucos, chuzos e fouces, dispostos a defende-lo camiño entre Mondoñedo e Ribadeo, infrinxíndolles unha dura derrota. Porén, coa chegada dos reforzos de Lugo e Ferrol, os franceses lograron entrar en Ribadeo definitivamente. A pesar do fracaso da empresa, o feito non deixa de ser significativo, xa que grazas a el foi posible que, seis meses despois, o exército francés batérase na retirada cara a Astorga, abandonando definitivamente as terras galegas.

Os Cocos (o Coco e a Coca) son bonecos que saen ás rúas en días de festa, acompañados de cabezudos.

editar
  • Castropol, corral de vacas,/ As Figueiras, de cabritos,/ A Veiga, de folgazais,/ Ribadeo, de señoritos [24][25][26].
  • Castropol, corral de vacas,/ As Figueiras, de cabritos,/ Ribadeo, de folgazais,/ e a Veiga, de señoritos[27][28].
  • O meu maridiño/ foi a Ribadeu;/ mal demo cho leve/ que aixiña me veu![29]

Galería de imaxes

editar
Artigo principal: Galería de imaxes de Ribadeo.

Lugares

editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello vexa: Lugares de Ribadeo.

Parroquias

editar
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Ribadeo

Arante (San Pedro) | Cedofeita (Santa María Madanela) | Couxela (Santiago) | Covelas (San Vicente) | A Devesa (Santalla) | Ove (San Xoán) | Piñeira (San Xoán) | Ribadeo (Santa María) | Rinlo (San Pedro) | Santalla de Vilausende (Santalla) | Vilaframil (San Lourenzo) | Vilaselán (Santa María)

  1. "IGE - Principais resultados". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2016. Consultado o 2018-12-02. 
  2. "Determinación de los topónimos oficiales del concejo de Vegadeo" (PDF). sede.asturias.es. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-12-2023. Consultado o 26-7-2019. 
  3. "sigpac". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2010. Consultado o 8 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 Resumen de las observaciones efectuadas durante el año 1929. Servicio Meteorológico Español. 1935. 
  5. "Un ano de temperie en Ribadeo". Física e Química en Ribadeo. Consultado o 28/10/2017. 
  6. Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo. 
  7. Aparicio, Javier Iglesia (2012-07-23). "Silo, rey de Asturias". Historia del Condado de Castilla (en castelán). Consultado o 2019-01-28. 
  8. Lanza 1991, p. 31.
  9. "Un grupo de ribadenses homenaxea o luns á ribadense Manuela Barreiro Pico, primeira muller farmacéutica de Galicia". La Comarca del Eo. 17/06/2017. p. 1. 
  10. "Revista Dixital en galego de pensamento nacionalista. Noticias, artigos, opinións e comentarios de diversos colaboradores de Terra e Tempo sobre Cultura e Lingua Galega". www.terraetempo.gal. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-08. 
  11. "Municipales. Mayo 2019". infoelectoral.mir.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20-08-2020. Consultado o 17-8-2020. 
  12. "IGE - Principais resultados". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2016. Consultado o 2018-12-20. 
  13. "Centro de Investigacións Mariñas. Memoria 2015" (PDF). Consultado o 27/09/2023. 
  14. José Alonso (6 de novembro de 2016). "Vilar, de ser un barrio de las afueras de Ribadeo a capital comercial asturgalaica". La Voz de Galicia (en castelán). 
  15. "Todo ultimado para a Gala anual de acisa que conmemora o día 22 o seu 30 aniversario". La Comarca del Eo. 16/02/2019. 
  16. "INEbase / Demografía y población /Padrón. Población por municipios /Nomenclátor: Población del Padrón Continuo por unidad poblacional / Resultados". www.ine.es. Consultado o 2019-01-23. 
  17. Antonio, Gregorio Montes (2005). Ribadeando : 2004, Ribadeo de 1-X a 31-D. Ribadeo: Xesdo. ISBN 9788460956037. OCLC 434509354. 
  18. ribadeofc.blogspot.com
  19. Miriam Sevillano (7 de agosto de 2016). "Rinlo vuelve a brillar con el percebe". Consultado o 8 de agosto de 2016. 
  20. Agremon (20150621). "Ribadeando: Bandera católica e a ribadense Torre dos Moreno". Ribadeando. Consultado o 2019-03-08. 
  21. Lanza (1991), p. 148
  22. "Ribadeo renueva su devoción a la Virxe do Carme llevándola en barco por la ría". 24 de xullo de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2016. 
  23. Eiroá, Inma (8 de agosto de 2016). "La Xira de Santa Cruz busca sus orígenes con la gaita como enseña". Consultado o 8 de agosto de 2016. 
  24. Castropol é concello asturiano da Ría de Ribadeo; As Figueiras é unha parroquia de Castropol; Ribadeo é concello de Lugo e os da Veiga son os veciños dos arredores da boca do río Eo.
  25. Fermín Bouza Brey: “Ditos referentes a xentes e pobos” en Nós 45, 15.09.1927, 13; no texto: folgazáis.
  26. Francisco Lanza: “Falan os de Ribadeo” en Nós 1933, 118, 208).
  27. Recollida en Taramundi (Asturias).
  28. Dorothé Schubarth e Antón Santamarina: Cancioneiro Popular Galego, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1988, vol. IV, 396a.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 121.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Cuervas-Mons García-Braga, Antonio (2000). Castropol, Vegadeo, Ribadeo y su ría (en castelán). Ediciones Júcar. ISBN 84-334-1489-5. 
  • Lanza Álvarez, Francisco (1991). Ribadeo antiguo (en castelán). (edición orixinal: Madrid 1931) (2ª ed.). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-536-3. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar