Richard Strauss

director de orquestra e compositor alemán

Richard Strauss, nado en Múnic o 11 de xuño de 1864 e finado en Garmisch-Partenkirchen, Baviera, o 8 de setembro de 1949, foi un director de orquestra e compositor alemán de música clásica, particularmente salientable polos seus poemas sinfónicos, óperas e lieder. A súa longa traxectoria abrangue dende o romanticismo serodio até a metade do século XX. Membro dunha familia de grandes intérpretes e compositores vieneses, Richard Strauss, o polifonista moderno máis importante, é un caso sobranceiro na historia da música, tanto pola influencia exercida sobre os seus contemporáneos, como pola autonomía dunha obra sen fendas nin descontinuidades.[1] Strauss tivo sobre todo dous referentes musicais, Wolfgang Amadeus Mozart e Richard Wagner, e no seu traballo ámbalas dúas figuras loitaron pola posesión da súa ánima artística.[2] Declarouse de conviccións ateas.[3]

Modelo:BiografíaRichard Strauss

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(de) Richard Georg Strauss Editar o valor en Wikidata
11 de xuño de 1864 Editar o valor en Wikidata
Múnic (Confederación Xermánica) Editar o valor en Wikidata
Morte8 de setembro de 1949 Editar o valor en Wikidata (85 anos)
Garmisch-Partenkirchen (Alemaña do Oeste) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaFriedhof Garmisch Editar o valor en Wikidata
RelixiónAteísmo cristán Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncompositor, libretista, director de orquestra, músico Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoÓpera, sinfonía, música clásica e Sardana Editar o valor en Wikidata
Catálogo críticoRichard-Strauss-Werkverzeichnis (1993) Editar o valor en Wikidata
InstrumentoPiano Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxePauline de Ahna Editar o valor en Wikidata
PaisFranz Strauss Editar o valor en Wikidata  e Josephine Strauss Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Штраус Рихард)
Encyclopædia Britannica
1922 Encyclopædia Britannica (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0006309 IBDB: 76480
BNE: XX843379 Spotify: 6pAwHPeExeUbMd5w7Iny6D iTunes: 198064 Last fm: Richard+Strauss Musicbrainz: 4cb43d82-824e-4034-b03d-1a98f36f6e16 Songkick: 408421 Discogs: 108439 IMSLP: Category:Strauss,_Richard Allmusic: mn0000307408 WikiTree: Strauss-677 Find a Grave: 13380799 Deezer: 10881 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

1864-1894 Mocidade en Múnic

editar

Formación musical

editar

Franz Strauss (1822-1905) abriuse camiño dende orixes humildes a través do seu talento musical. En 1847, Franz entrou na orquestra do Ópera da Corte de Múnic, e conseguiu converterse no primeiro trompa durante 42 anos.[4] Era considerado como un dos mellores do seu tempo neste instrumento. O 29 de agosto de 1863, con corenta e un anos, casou con Josephine Pschorr (1838-1910), de 25 anos e filla dun adiñeirado empresario cervexeiro[5] local.[6] A parella mudouse á casa dos Pschorr, en Múnic, onde naceu Richard Georg Strauss o 11 de xuño de 1864. A segunda filla, Berta Johann, naceu en 1867.[7]

A nai era amable e sensible, e o pai tiña unha personalidade dominante, temperamental e un chisco tiránica, seguramente polas dificultades que viviu como fillo ilexítimo e pola desgraza persoal que padeceu coa morte da súa primeira muller e dous fillos por mor dun contaxio de cólera.[5] Franz inculcou ó seu fillo o aprecio pola dilixencia e o aforro, e tamén precisas habilidades musicais e o amor ós clásicos: Mozart (sobre todo); a familia Strauss era como unha escola musical. Ó mozo Strauss gustáballe camiñar co seu pai para escoitar como tocaba a banda no cambio de garda en Marienplatz. De volta para casa asubiaba as melodías que sentira. Con catro anos, o seu primeiro mestre de piano foi o arpista da corte August Tombo. En 1869, múdanse de casa, dende Altheimer Eck, a carón da fábrica da súa nai, a Neuhauserstrasse.[6] Nesta época compuxo as súas primeiras obras: Schneiderpolka (A polca do xastre) e Weihnachtslied (Canción de Nadal). Tamén á idade de seis anos vi á escola da catedral e comeza a estudar violín con Benno Walter,[1] curmán do seu pai e concertista na orquestra da corte.[6]

 
Ludwig Thuille, con quen Strauss mantivo unha longa amizade e correspondencia.
 
Alexander Ritter introduciu Richard Wagner a Strauss.

No ano 1871 escoita as primeiras óperas: Der Freischütz e Die Zauberflöte. Na sala Odeón de Muúnic intervén no coro de nenos en Tannhäuser.[6] Coñece a Ludwig Thuille, cando Pauline Nagiller, unha viúva amiga da nai de Richard, se converte na titora legal de Thuille.[8] En 1874, entra no Ludwig-Gymnasium para completar a súa educación secundaria. No ano seguinte comeza a estudar teoría musical con Friedrich Wilhelm Meyer, así comeza os estudos musicais dun xeito sistemático.[9]

Ós trece anos completa unha Serenata para orquestra, musicada por primeira vez sen ningunha axuda, dedicada a Meyer. Até aquel intre, xa levaba feitas quince composicións, a maioría para piano, cancións e música de cámara.[6] En 1878, traba amizade con Friedrich Rösch, que sería o seu gran confidente, avogado persoal e colega musical con avanzados estudos de piano.[6]

Poucos se sorprenderon cando a nai de Richard comezou a murchar baixo a personalidade do seu marido. A finais de 1870, xa padecía episodios prolongados de depresión, causados por un sentimento crecente de inferioridade (que Franz fixo pouco por disipar), e non pasou moito tempo até que a súa mente comezou a fallar. Longas estadías en institucións psiquiátricas primitivas non axudaron a mellorar a situación, e en 1899 Josephine ameazou con suicidarse.[4]

En 1879, Thuille é admitido na Königliche Musikschule de Múnic, a escola onde Franz daba clases de trompa. Máis influente como teórico que como compositor, co paso do tempo converteríase nun bo amigo de Richard desfrutando xuntos os concertos. Consérvase a correspondencia que Strauss lle enviou entre 1877 e 1879 mentres Thuille asistía ó Gymnasium de Innsbruck.[8] En 1880 acaba os estudos con Meyer e o ano seguinte publica a súa primeira obra: Festmarsch para gran orquestra, Op. 1,[6] mentres diversas obras súas se interpretan publicamente con éxito en Múnic.[9]

Viena, Berlín, Meiningen

editar

Entra na Universidade de Múnic en 1882 e ese mesmo ano acompaña o seu pai a Bayreuth para ver as primeiras representacións de Parsifal e visita Viena, onde coñece a Hans Richter e Eduard Hanslick. En decembro de 1884 emprende unha viaxe de tres meses a Berlín, onde se atopa con Hans von Bülow, Joseph Joachim, Philipp Spitta, e outras figuras musicais do momento.[6] Alí asistiu a óperas e concertos interpretados polos mellores músicos do mundo. Asemade, tamén tivo a oportunidade de dar a coñecer a súa obra.[8]

Ós dezaoito anos, Strauss xa escribira unhas 140 pezas, entre elas case 60 cancións e máis de 40 obras para piano.[7] Daquela, as súas composicións eran moi conservadoras, dentro do estilo de Robert Schumann, ou Felix Mendelssohn, de acordo coas ensinanzas recibidas do seu pai.

 
Richard Strauss, de mozo.

A través das conexións do seu pai, Strauss coñeceu os músicos máis importantes da época, entre eles o director Hans von Bülow, que lle encargou a Suite en si bemol maior para trece instrumentos de vento, Op. 4, para a Orquestra de Meiningen, que el dirixía. Von Bülow convidou a Strauss a dirixir na estrea deste traballo en Múnic en novembro de 1884. Foi tamén a súa estrea como director.[2] Once meses despois Von Bülow ofreceulle o posto de segundo director desta orquestra e dous meses despois, director titular. A partir de entón, a eminencia de Strauss como director foi paralela ó seu ascenso como compositor. Ocupou o posto de terceiro director da Ópera de Múnic (1886-1889), director da Orquestra da cort de Weimar (1889-1894), segundo e despois director principal en Múnic (1894-1898), director de orquestra (e máis tarde director) da Ópera da Corte Real de Berlín (1898-1919), e codirector musical da Ópera Estatal de Viena (1919-1924).[2]

Alí coñece a Alexander Ritter, salientable violinista e marido dunha sobriña de Richard Wagner, do cal era un grande admirador.[6] Ritter exerceu unha influencia decisiva no mozo músico e converteuno á arte de Franz Liszt e de Wagner. Strauss xa se alimentara da música de Wagner en segredo, para non desgustar o seu pai.[2] Ritter instou a Strauss a abandonar as formas clásicas e a expresar as súas ideas musicais por medio do poema sinfónico, tal como fixera Liszt.[2]

Na Ópera de Múnic

editar

En 1886, despois dunha viaxe a Italia,[1] completa a sinfonía fantástica Aus Italien, de carácter descriptivo.[10] Trasládase á orquestra da corte de Múnic como terceiro director, traballando a carón de Hermann Levi e Franz Fischer. Na primavera comeza unha historia de amor con Cäcilie Wenzel, actriz da corte.[6] En agosto de 1887 coñece a Pauline de Ahna, unha alumna de canto, que se convertería na súa esposa. Escribe o seu primeiro lied popular: Serenata. Op. 17.[1]

Director de Weimar

editar
 
Pauline de Ahna, soprano alumna de Strauss, que en 1894 se converteu na súa esposa.

No ano seguinte é o asistente musical en Bayreuth de Parsifal. Acaba os poemas sinfónicos Macbeth e Don Juan,[1] a primeira peza que amosa a súa madureza, brillante tecnicamente e dun gran pulo vital.[10] En novembro de 1889 dirixiu a estrea do poema sinfónico Don Juan e obtivo un contrato coa orquestra de Weimar como director, que durou até 1894.[2] Don Juan consagrou a Strauss como un dos compositores máis importantes do momento, con gran prestixio a nivel internacional, que o acompañou até a súa morte. A recepción triunfal desta obra levouno a ser proclamado o herdeiro de Wagner.

Cara a finais do século XIX, Strauss pon atención na ópera. O verán de 1887, Ritter xa suxerira o argumento medieval de Guntram e Strauss embarcouse na tarefa de escribir el mesmo o libreto, seguindo os pasos do mestre Wagner. O nome do protagonista, Guntram, é unha mestura de Gunther e Wolfram, e o seu carácter un híbrido de Tannhäuser e Parsifal. Do mesmo ronsel xurdiron Freihild e Freidhold. Strauss acabou o bosquexo de Guntram no hotel Shepheard's do Cairo a noite de Nadal de 1892, e anotou: "Grazas a Deus! E ó sagrado Wagner!". A partitura completa estivo lista o 5 de setembro seguinte. A ópera estreouse en Weimar o 10 de maio de 1894, con dirección do mesmo Strauss e dedicada ós seus pais.[11] Ese mesmo día anunciou o seu compromiso matrimonial con Pauline de Ahna, creadora do papel de Freihild. As críticas foron bastante frías. Moito peores foron as da estrea en Múnic o ano seguinte, que só salvaron a interpretació de Pauline. Axiña a obra deixou de programarse.

Richard e Pauline coñecíanse dende 1887, cando foi a súa alumna de canto e casaron en setembro de 1894. A personalidade tempestuosa e con falta de tacto de Paulina, era o envés do carácter distante do seu marido. O seu comportamento excéntrico é obxecto dun bo feixe de anécdotas, a maioría verdadeiras. Porén, o matrimonio funcionou, entre eles adorábanse e así o demostran os 55 anos que pasaron xuntos.[2]

Guntram era unha obra immersa nun claro e formal neowagnerismo, que constituíu un serio fracaso diante dun público, o alemán, ó que lle gustaba menos Wagner en comparanza co público francés, e que estaba impresionado, entre finais e comezos de século, polo verismo. Esta mazada desalentou a Strauss de escribir música para escena até seis anos despois. En 1940, estreouse en Weimar unha versión revisada, con media hora menos de música que a orixinal. Malia basearse nun libreto frouxo que non funciounou ben dramaticamente, defectos que a manteñen fóra do repertorio, Guntram contén momentos moi inspirados que anuncian a linguaxe musical do Strauss maduro, pechado no xustillo wagneriano do cal se desprendeu axiña. Por exemplo, a fermosa e extensa aria de Freihild do terceiro acto fixa xa un modelo ó que Strauss se adherirá fielmente na súa produción posterior até culminar coa escena final de Capriccio. Xunto a pasaxes de audacia comparable as Gurre-Lieder de Schönberg atopamos autocitas (tema da nenez da Morte e transfiguración na aria de Guntram do primeiro acto, e "autocitas futuras". Algúns temas tiveron cabemento en posteriores poemas sinfónics: na primeira sección do Preludio séntese un tema de Ein Heldenleben, e o tema das violas atopámolo de novo en Don Quixote.[12]

 
Richard Strauss en 1909.

Despois escribiría unha serie de poemas sinfónicos Tod und Verkläung (Morte e transfiguración, 1888-1889), Till Eulenspigiegels lustige Streiche (1894-1895), Also sprach Zarathustra (Así falou Zaratustra, 1896), moi coñecidos no presente por formar parte da banda sonora do filme 2001: Unha odisea do espazo de Stanley Kubrick, Don Quixote (1897), e Ein Heldenleben (Unha vida de heroe, 1897-1898). Eran verdadeiros dramas musicais sen texto, programáticos, nos que salienta o progresivo perfeccionamento da linguaxe musical e da instrumentación, así como a caracterización psicolóxica das personaxes e da descrición das situacións a través de motivos condutores ou leitmotiv, segundo o procedemento que Wagner levou á máxima expresión.[9]

1898-1918, Berlín, os anos de ouro

editar
 
Richard Strauss en 1910.

Despois de diversos enfrontamentos coa dirección do Teatro de Múnic, en marzo de 1988 decátase que Felix Weingartner quería abandonar a Ópera de Berlín e Strauss intésase polo posto. En abril, nunha visita á cidade para presenciar unha interpretación do seu melodrama Enoch Arden, chega a un acordo co director dos Reais Teatros Prusianos; asina un contrato de dez anos como primeiro director da Ópera Real de Berlín, compartido con Karl Muck. Os vinte anos que pasou en Berlín, especialmente os anteriores ó estoupido da primeira guerra mundial, serán o período máis importante para Strauss, tanto como director como compositor.[5]

Os anos 1898 e 1899 estreáronse respectivamente, dous dos máis ambiciosos poemas sinfónicos de Strauss, Don Quixote e Ein Heldenleben ('Unha vida de heroe'). En 1900, comeza a composición de Feuersnot, especie de parodia en clave humorística de Die Meistersinger von Nürnberg, da cal se pode considerar unha continuación nalgúns aspectos. Por diversos motivos, esta segunda ópera anticipa a futura textura do drama straussiano, no que se refire ó uso exuberante do marco orquestral e, singularmente, momentos de Der Rosenkavalier e mesmo a inquietante mobilidade de Elektra. A estrea fíxose o 21 de novembro de 1901 no Hoftheater de Dresden, dirixida por Ernst von Schuch. Foi un grande éxito, mais non rotundo. Daquela, os teatros oficiais eran dignos centros de moral e pedagoxía social, e a obra era excesivamente sensual e picante.[1] Gustav Mahler dirixiu a súa estrea en Viena na Hofoper o 29 de xaneiro de 1902, en presenza do compositor, pero foi un fracaso, malia a axeitada preparación musical de Mahler.[13] O público non perdoou a Strauss a mofa que reflicte, a medio camiño entre o panfleto político e a sátira.[9]

 
Hugo von Hofmannsthal en 1893.

Despois de Feuersnot, Strauss concentrouse na composición de Taillefer, un enorme fresco sinfónico-coral con 146 instrumentistas e coro mixto, sobre a balada homónima de Ludwig Uhland.[14]

En 1902, asistiu en Berlín á representación da obra de teatro de Oscar Wilde Salome, coa posta en escena do célebre Max Reinhardt. Salome proporcionoulle a Strauss un entusiasmo impetuoso e de novo o irresistible impulso de crear música para escena. Strauss asistiu tamén á representación de Elektra do poeta e dramaturgo austríaco Hugo von Hofmannsthal en 1904, a montaxe volvía ser de Max Reinhardt. Strauss atopábase neses intres entregado á composición da súa Salome[9] sobre un libreto propio, que finalmente estrearía en 1905. Malia que Salome foi considerada por algúns como blasfema e obscena, triunfou en todos os principais teatros de ópera cunha reacción tan extrema como a que tivo Don Juan, agás en Viena, onde a censura prohibiulle a Gustav Mahler poñela en escena.[2] A ópera é famosa pola súa Danza dos sete veos, que na súa época resultou escandalosa. Con Salome levou ás súas últimas consecuencias a linguaxe cromático wagneriano.[10] Pódese falar a partir de entón con propiedade dun "estilo Salome" imperante na época, no cal teñen tanto cabemento, en plena eclosión do modernismo, tanto a ópera straussiana, com os gravados de Beardsley ou a pintura de Gustav Klimt.[9]

En 1904, el e Paulina, que foi a principal expoñente das súas cancións, foron de xira polos Estados Unidos, e na cidade de Nova York fíxose a estrea da súa Symphonia Domestica, amorosa contemplación da súa intimidade familiar.[14]

En 1909, a ópera Elektra marcou a primeira colaboración con Hugo von Hofmannsthal. Nos vinte anos seguintes, cinco óperas máis levaban a música de Strauss e o libreto de Hofmannsthal. En 1911, estreouse a súa segunda ópera xuntos, Der Rosenkavalier, que conseguiu un éxito popular de primeira magnitude. As súas óperas posteriores xuntos foron Ariadne auf Naxos (1912, Ariadna en Naxos), Die Frau ohne Schatten (1919, A dona sen sombra) e Die ägyptische Helena (1928, A Helena exipcia). Porén, en 1929 Hofmannsthal morreu mentres traballaba na ópera Arabella, feito que deixou Strauss sen consolo.[2]

Elektra estreouse en Dresden en 1909 e o mesmo ano chegou a Viena grazas á intervención de Gustav Mahler, amigo de Strauss e que daquela ocupaba o lugar de director musical do teatro da Ópera do Ring da capital austríaca. Xunto con Salome, configura un tratamento vocal e orquestral de trazos marcadamente expresionistas, afastados (agás polo us do leitmotiv) dos preceptos wagnerianos das dúas primeiras óperas straussianas, Guntram e Feuersnot.

1919-1924, Viena entre dous imperios

editar

Despois de 1908, Strauss foise a vivir a Garmisch, en Baviera, nunha vila que construíu cos dereitos de autor de Salome. Dirixiu en Berlín até 1919, cando accedeu a converterse no director adxunto de Franz Schalk da Ópera Estatal de Viena. O seu nomenamento foi desafortunado, xa que coincidiu cun estado de ánimo despois da guerra que relegou a Strauss e compositores románticos semellantes na categoría de "pasados de moda". Strauss nin tiña interese nin era experto en política, nacional ou musical, e dimitiu do seu cargo en Viena en 1924. Esta inxenuidade política minou a reputación de Strauss cando os nazis chegaron ó poder en Alemanya en 1933. Aínda que era quen de manipular os grandes duques e emperadores, demostrou non ser rival para os totalitarios implacables do Terceiro Reich, e sen decatarse deixouse utilizar por eles durante un tempo. Así, dende 1933 até 1935 exerceu como presidente de Reichsmusikkammer de Alemaña, que foi a Oficina da Música do Estado. Mais o último ano caeu en desgraza co réxime nazi. Despois da morte de Hofmannsthal en 1929, colaborou co dramaturgo xudeu Stefan Zweig nunha ópera cómica, Die Frau ohne Schatten (1935, A muller sen sombra). Esta colaboración foi inaceptable para os nazis. A ópera foi prohibida despois de catro actuacións e Strauss viuse obrigado a traballar co libretista Joseph Gregorio. O feito que a esposa do seu fillo fose xudía tamén se vai aliar na súa contra. Por enriba de todo, Strauss era un home de familia, e empregou toda a súa influencia como compositor alemán vivo máis importante para protexer a súa nora e os seus dous fillos. Pasou parte da segunda guerra mundial en Viena, onde estaba fóra dos reflectores, e en 1945 foi trasladado a Suíza. Tribunais de desnazificación aliados finalmente limparon o seu nome, e Strauss volveu a Garmisch en 1949, onde morreu tres meses despois da celebración do seu aniversario número 85.

Morte de Hofmannsthal: crise persoal e política

editar
 
Sonata de Richard Strauss para pianola conservada no Museo da Música de Barcelona.

A seguinte ópera de Strauss foi Elektra, na cal fai uso dunha linguaxe disonante máis extrema, e onde colaborou co poeta Hugo von Hofmannsthal, con quen volvería a traballar noutras ocasións. Nestas derradeiras composicións Strauss moderou a súa linguaxe harmónica, co resultado de obras como Der Rosenkavalier (O cabaleiro da rosa, 1910), a cal obtivo un grande éxito. Strauss continuou compoñendo óperas a intervalos regulares até 1940. Ariadne auf Naxos (Ariadna en Naxos, 1912), Die Frau ohne Schatten (A muller sen sombra, 1918), Intermezzo (1923), Die Ägyptische Helena (1927) e Arabella (1932), todas con colaboración de Hofmannsthal; e Die schweigsame Frau (1934), con Stefan Zweig como libretista; Friedenstag (1936) e Daphne (1937, libreto de Joseph Gregor e Zweig); Die Liebe der Danae (1940, con Gregor) e Capriccio (con libreto de Clemens Krauss) (1941).

Despois de estrear Arabella en Dresden, en novembro de 1933 Joseph Goebbels designouno sen consultarlle, presidente da Reichsmusikkammer (Asociación de Compositores Alemáns).[9] Strauss resolveu seguir no seu cargo e probou a manterse apolítico, unha decisión pola cal foi cándido. Malia isto, o 18 de agosto de 1934 asinou un manifesto a prol de Hitler no xornal nazi Völkischer Beobachter co gallo do referendo sobre o xefe de estado do Reich.[15] Hitler forzou a Strauss a renunciar á súa postura en 1935, despois de que o compositor rexeitase quitar a Stefan Zweig (xudeu) do cartel de Die schweigsame Frau (A muller silenciosa); Zweig er o autor do libreto, xudeu e amigo de Strauss.

En 1936 compon o Himno dos Xogos Olímpicos de Berlín.[9] A súa decisión de producir Friedenstag en 1938, unha ópera cun acto que presenta unha fortaleza asediada durante as guerras mundiais –esencialmente un himno á paz e cun criticismo velado ó Terceiro Reich– nun tempo no que unha nación enteira estaba preparada para a guerra, foi visto como extraordinariamente valente. Cos seus contrastes entre liberdade e escravitude, guerra e paz, luz e escuridade, este traballo considérase máis relacionado con Fidelio que calquera outra ópera recente de Strauss. Coa fin da segunda guerra mundial foi listado na Gottbegnadeten-Liste de artistas considerados insubstituíbles que estaban exentos de servizos na fronte para protexer a herdanza cultural alemá.

En 1942 estrea Capriccio en Múnic. En 1944 prepara para Salzburgo a ópera Die Liebe der Danae que non chegou a estrearse até 1952.[9] En 1948 Strauss compuxo o seu derradeiro traballo: Vier letzte Lieder (Catro derradeiras cancións) para soprano e orquestra. Toda a súa vida compuxera lieder, pero estes son os máis coñecidos. A linguaxe harmónica e melódica foi considerada ás veces como pasada de moda para a súa época cando se compara a súa obra coa dos novos compositores. As cancións nunca foron populares, nin para o público, nin para as actuacións.

 
A tumba en 2024.

Richard Strauss morreu o 8 de setembro de 1949 en Garmisch-Partenkirchen, Alemaña. Os restos de Strauss foron incinerados. A urna está enterrada no cemiterio de Garmisch en Garmisch-Partenkirchen nunha tumba na que se atopan a súa muller Pauline, o seu fillo Franz (1898-1980) e a súa muller Alice (1904-1991), o neto Richard (1927-2007) e a súa muller Gabrielle, de solteira Hotter (1939-2020), e o neto Christian e a súa esposa Brigitte, de solteira Eckhardt (1925-1988).

Richard Strauss non estaba relacionado, nin debe ser confundido, con Johann Strauss ou os seus fillos, compositores vieneses de valses populares.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Panofsky, Walter (1988). Richard Strauss. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-8539-9. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Biografía en britannica.com
  3. Brainz.org (ed.). "The 50 Most Brilliant Atheists of All Time" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2010. Consultado o 22 de xullo de 2013. 
  4. 4,0 4,1 Matthew Boyden: Richard Strauss
  5. 5,0 5,1 5,2 Pérez Adrián, Enrique (2000). Strauss. Discografia recomendada. Obra completa comentada. Barcelona: Ediciones Península. ISBN 84-8307-306-4. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 Youmans, Charles (2010). The Cambridge Companion to Richard Strauss. Cambridge University Press. ISBN 9780521899307. 
  7. 7,0 7,1 "Biographie. Richard Strauss". www.richardstrauss.at. Consultado o 2021-04-03. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Gilliam, Bryan (2003). Vida de Richard Strauss. Ediciones AKAL. ISBN 9788483232538. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Alier, Roger (1984). Elektra. Richard Strauss. Barcelona: Edicions Daimon. ISBN 84-231-2703-6. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Richard Strauss". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  11. "Detalles en operone.de". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2017. Consultado o 22 de novembro de 2017. 
  12. Análise de Guntram en diverdi.com
  13. Dorn Morrison, Julie (1999). Mahler, Strauss, and Feuersnot: Emblems of Modernity at the Vienna Court Opera. Opera Quarterly (1999) 15(3): 377-389. 
  14. 14,0 14,1 Alier, Roger (1984). Salomé. Richard Strauss. Barcelona: Edicions Daimon. ISBN 84-231-2692-7. 
  15. "Langer Abschied". Der Spiegel (en alemán). 5 de xuño del 1989. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar