Die Zauberflöte
Die Zauberflöte, en galego A frauta máxica, é a última ópera (concretamente un singspiel, nome que recibe a ópera cómica en alemán e onde se intercalan partes faladas) composta por Wolfgang Amadeus Mozart con libreto de Emanuel Schikaneder, baseado en parte en Lulu, oder die Zauberflöte, de A.J. Liebeskind e en parte na obra Sethos de Jean Terrasson.
Die Zauberflöte A frauta máxica | |
---|---|
Cartel da estrea. | |
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 2 actos |
Idioma orixinal do libreto | Alemán |
Libretista | Emanuel Schikaneder |
Estrea | 30 de setembro de 1791 |
Teatro da estrea | Freihaustheater auf der Wieden |
Lugar da estrea | Viena |
Duración | 2 horas 30 minutos |
Música | |
Compositor | Wolfgang Amadeus Mozart |
Personaxes | |
Tamino (tenor) |
Foi representada por primeira vez en vida do compositor austríaco, estreándose no Theater an der Wien de Viena o 30 de setembro de 1791 baixo a dirección do propio Mozart, apenas dous meses antes da súa morte.
Historia
editarO empresario teatral Emanuel Schikaneder pasaba graves apuros económicos, e o compositor, gran amigo seu desde a mocidade e na súa mesma situación financeira, decidiu escribir para el unha obra que podería obter unha boa recadación. Porén, variou por completo a acción ao saber que un teatro rival ía estrear outra ópera con temática similar, dotándoa dunha significación simbólica supostamente de acordo con certas prácticas masónicas, co que o elemento mítico e marabilloso adquiriu en Die Zauberflöte un gran papel. Moitas das ideas e motivos da ópera recordan os da filosofía da ilustración.
Mozart fora iniciado na loxa masónica de Viena Zur Wohltätigkeit ("A Beneficencia") o 14 de decembro de 1784, e Schikaneder era irmán masón de Mozart. Cando tivo lugar a estrea da ópera, a masonería acababa de ser prohibida nos dominios do Emperador Xosé II pola súa relación no país cos Iluminados de Baviera. Schikaneder Foi o primeiro que interpretou o papel de Papageno, mentres que o papel da Raíña da Noite foi interpretado por Josepha Hofer, cuñada de Mozart.
Der Zauberflöte segue a ser importante dentro do repertorio operístico estándar e aparece como a número 4 na lista de Operabase das óperas máis representadas en todo o mundo no período 2005-2010.[1] O seu status como obra mestra da ópera é incuestionable, especialmente dentro do máis reducido ámbito do singspiel.
Algunhas das súas melodías son moi coñecidas, como o dúo de Papageno e Papagena, ou a aria de coloratura da Raíña da Noite titulada Der Hölle Rache kocht in meinem Herzen ("A vinganza do inferno ferve no meu corazón") e a aria do príncipe Tamino.
Argumento
editarActo I
editar- Cadro I: Nas terras rochosas
O príncipe Tamino chega até terras rochosas perseguido por unha serpe. Perdeu a súa arma e roga pola súa vida até que se desmaia ("Zu Hilfe! Zu Hilfe!"). Pero enseguida é salvado polas Tres Damas (Die Drei Damen), que matan o monstro. Ao ver o mozo namoran del, mais abandónano coa promesa de volver de novo. Tamino esperta atordado, xunto ao cadáver da serpe, e escoita un asubío. Papageno, un ser metade paxaro e metade home, que carga cunha gran gaiola, achégase a el cantando ("Der Vogelfänger bin ich ja"). Tamino pregúntalle quen é, e Papageno explícalle que é o paxareiro da Raíña da Noite (Die Königin der Nacht), quen lle dá comida a cambio de paxaros.
Tamino pensa que Papageno o salvou ao matar a serpe, e Papageno non lle di a verdade. Chegan entón as Tres Damas, que ao ver que Papageno mentiu, lle pechan a boca cun cadeado de ouro. Ao dirixirse a Tamino, entréganlle un retrato dunha rapaza fermosa. Se el non permanece indiferente a ela, terá por recompensa fama, honra e felicidade.
Na intimidade, Tamino amosa co seu canto que a rapaza lle gusta moito ("Dies Bildnis ist bezaubernd schön"). Non sabe quen é a retratada, pero sabe que o namora. As Tres Damas aparecen ante Tamino e dinlle que a Raíña escoitou o seu canto e quere que sexa el quen rescate a súa filla. Esta é Pamina, a e está secuestrada por un demo chamado Sarastro que vive nun castelo moi ben vixiado. Entón, decidido, Tamino proponse salvar e liberar a Pamina. De repente escóitase un trebón e cae a noite. As montañas ábrense dando paso á Raíña da Noite, que vén sentada sobre un trono de estrelas, facéndose a escuridade tras dela. Na súa delicada e completa aria de tres tempos distintos ("Oh zittre nicht, mein lieber Sohn!") persuade a Tamino para que a rescate e, a cambio, deixará que quede con ela para sempre. Despois disto, a Raíña retírase entre as montañas e aparece de novo o día.
Tamino, pensando en soidade se o que viu é certo, encóntrase con Papageno no camiño, que non pode falar polo castigo ("Hm, hm, hm"). Entón aparecen as Tres Damas, que liberan a Papageno do seu castigo, pero este non debe mentir nunca máis: o castigo debe servir de advertencia! A Tamino ofrécenlle unha frauta máxica de ouro, que modifica o estado de ánimo da persoa que a escoite, facéndoa máis feliz: provoca ledicia no triste, e namora o solteiro. Papageno debe acompañar a Tamino, pero este ten medo de Sarastro; abandonaría a Tamino por non ir. As Damas, para evitalo, regálanlle ao paxareiro unhas pequenas campás máxicas de prata que o protexerán co seu son. Despídense deles dicíndolles antes que, para guiarse e atopar o castelo, han de seguir os pasos de tres rapaces novos, fermosos, nobres e sabios.
- Cadro II: Na habitación con xeroglíficos do Palacio de Sarastro
Uns escravos e Monostatos entran con Pamina, suxéitana e átana. Esta intenta evitar a Monostatos, quen a acosa e a desexa. Achégase a ela sen saber con que intencióes ("Du feines Täubchen, nur herein!"). Nese momento entra Papageno, que encontra a Pamina xunto ao negro Monostatos. Ambos os dous asústanse pola estraña aparencia do outro, e escapan, pero Papageno regresa, preséntase ante Pamina e dille que hai un príncipe namorado dela que a vai rescatar por encargo da súa nai a Raíña. Antes de saír, cantan un dúo sobre a necesidade que senten de amor nas vidas ("Bei Männern, welche Liebe fühlen").
- Cadro III: No bosque ante o palacio de Sarastro
Tamino é conducido até o palacio de Sarastro polos tres rapaces, quen lle din que sexa firme, paciente e calado. O templo ten tres portas: no medio a da sabedoría, na dereita a da razón, e na esquerda a da natureza. Entra pola porta da sabedoría porque as outras lle impiden pasar, Atrás! (Zurück!). Preséntase ante el un orador a quen lle pregunta, pero as súas respostas créanlle moita confusión ("Zum Ziele hin führt dich diese Bahn"). Parece ser que Sarastro non é malvado, segundo conta, senón que protexe a Pamina, mais non pode dicirlle máis nada por mor dun xuramento. Tamino, que quere atopar a Pamina por riba de todas as cousas, comeza a tocar a súa frauta, e o son atrae os animais do bosque. Ao tocar a frauta escóitase a melodía que sempre toca Papageno ("Wie stark ist nicht dein Zauberton").
Pamina e Papageno buscan tamén a Tamino e escoitan a súa frauta. Monostatos, ao oír a Papageno, aparece e intenta atrapalos. Chama aos seus escravos, que veñen con cadeas, pero Papageno utiliza o regalo das Tres Damas e coas súas campás logra detelos e failles bailar e cantar ("Schnelle Füße, rascher Mut" e "Das klinget so herrlich").
Escóitanse entón trombóns e Sarastro é anunciado por un coro invisible ("Es lebe Sarastro, Sarastro lebe!"). Entra de forma triunfal, cos seus sacerdotes e montado nun carro tirado por seis leóns. Pamina implóralle que lle perdoe a súa fuxida; ela quería escapar de Monostatos, quen a estaba a acosar. Sarastro xa sabía todo isto, e sabe amais que está namorada de Tamino. O motivo de que estea secuestrada é que se segue coa súa nai perderá a súa felicidade, di Sarastro, pois a Raíña xa deixou de exercer a función de nai.
Tamino entra suxeito por Monostatos e os dous mozos recoñécense e abrázanse fortemente, o que provoca a furia de Monostatos, que os separa inmediatamente e roga ao seu señor que os castigue. Sarastro, imparcial, sentenza un castigo de setenta e sete azoutes sobre Monostatos, ao cal levan os seus sacerdotes. Para terminar, ordena que acompañen a Papageno e a Tamino ao templo das probas, coas cabezas cubertas con sacos, para seren iniciados.
Acto II
editar- Cadro I: Un bosque con palmeiras
Sarastro e os seus sacerdotes, en procesión solemne, reúnense no seu templo ("Ihr Eingeweihten der Goetter Isis und Osiris"). Debaten a posibilidade de acoller a Papageno e a Tamino e inicialos nas súas prácticas. Todos aceptan a proposta, pero deberán ser virtuosos e superar unha serie de probas. Neste momento canta Sarastro a aria con coro "O, Isis und Osiris" rogando aos deuses que os fortalezan con virtudes e os acollan en caso de que deban morrer.
- Cadro II: Nunha sala, de noite, con tormenta
Tres sacerdotes conducen a Tamino e Papageno até a sala onde se farán as probas e quítanlles os sacos. Tamino e Papageno inician unha conversa, e comezan a soar uns tronos que atemorizan a Papageno. Despois entran uns sacerdotes con lapas, cos que Tamino sentenza que estaría disposto a dar a súa vida pola amizade e o amor e someterse a probas para acadalo. Sobre isto Papageno non está moi de acordo; el é un home primitivo ("Ich bin so ein Naturmensch"), e non acepta iniciarse até que lle aseguran unha muller nova e fermosa, Papagena. Pero debe prometer non falar con ela se a ve. Teñen que permanecer en silencio, e non falar con muller ningunha. Neste dúo detállanse as principais motivacións da proba ("Bewahret euch vor Weibertuecken").
Os tres sacerdotes abandonan a sala e déixanos na escuridade. Nese momento aparecen as Tres Damas e cantan o quinteto ("Wie? Wie? Wie?"), que os intentan convencer de que ese non é un bo lugar. Papageno non para de preguntar a Tamino se o que din é verdade, pero Tamino, que é forte, non pensa no que poidan dicir. Elas insisten en que a Raíña da Noite se dirixe cara ao templo, mentres que Papageno se desmaia. Pero escóitanse os sacerdotes, que as expulsan até que desaparecen no chan. Entran estes e levan a Tamino. Fan que Papageno se levante para poder seguir guiándoo.
- Cadro III: Un xardín
Pamina dorme baixo a luz da Lúa. Entón entra Monostatos e canta a súa aria sen que ninguén o vexa ("Alles fühlt der Liebe Freuden"), na que se lamenta da súa posición comprometida. Non pode amar un ser tan fermoso como a Lúa porque o negro é feo. Achégase a Pamina, pero a Raíña da Noite xorde do chan. Pamina esperta e Monostatos escóndese. A Raíña enfurécese ao ver que Tamino se puxo do lado de Sarastro, e clama vinganza. Na aria máis famosa da ópera ("Der Hölle Rache kocht in meinem Herzen") expresa que se sente enganada e obriga a Pamina que mate a Sarastro, ameazándoa con abandonala para sempre. Dálle o coitelo á súa filla para que asasine a Sarastro e marcha enfurecida. Monostatos sae de onde estaba escondido, e decide vingar a Sarastro pedindo que case con el, pero Pamina négase. Chega Sarastro para consolar a Pamina e tomar xustiza do xeito común dentro deses muros, onde non existe a vinganza ("In diesen heil'gen Hallen").
- Cadro IV: Na sala das probas
Mentres, Tamino e Papageno seguen superando as distintas probas impostas. Neste momento enfróntanse á proba do silencio, mais Papageno non cala. Aparece unha muller vella e fea que ofrece auga a Papageno, que non para de falar con ela. A muller dille que ten 18 anos e dous minutos, e que ten un amante, o mesmo Papageno. Cando este vai preguntar o nome da anciá, soa un trono e a vella desaparece. Os tres rapaces chegan para traerlles comida e os seus instrumentos. Entregan a Tamino a frauta e a Papageno as campás, e desaparecen. Tamino toca a frauta mentres Papageno come e bebe. Pamina aparece ao escoitar a frauta, pero como Tamino non lle fala pensa que xa non a quere, e doída canta a aria "Ach, ich fühl's, es ist verschwunden".
- Cadro V: Unha gran sala abovedada, no interior dunha pirámide
Sarastro, xunto co coro dos sacerdotes, inicia un ritual ("O, Isis und Osiris, welche Wonne"). Trátase dunha das pasaxes corais máis representativas da época. Tamino escoita as palabras do gran sacerdote fronte a el. Entón entra Pamina cun saco na cabeza acompañada polos sacerdotes xunto a Tamino. Sarastro quítalle o saco. Non cesa de preguntar por Tamino, que está ao seu carón, pero Tamino non fala con ela. Neste trío relátase a historia ("Soll ich dich, Treuer, nicht mehr sehn?"). Deben separarse e os dous o aceptan porque lles prometen que volverán atoparse.
- Cadro VI: Xardín pequeno
Papageno está só e perdido na sala onde se realizan as probas. Non encontra a saída, sempre lle din 'Atrás!' (Zurück!). Ao achegarse a un sacerdote, este repróchalle que o seu comportamento merece un castigo, pero os deuses, benignos, perdónano. A cambio nunca sentirá as ledicias dos iniciados. Papageno confórmase cun vaso de viño, que lle é concedido, e cunha rapaza ("Ein Mädchen oder Weibchen wünscht Papageno sich!") que lle faga caso e o queira. Cantando, encontra a súa muller, pero é a mesma anciá que lle pide a súa eternidade. El accede con desgana porque, se non, vivirá encarcerado sen unha amiga e sen vivir no mundo que tanto lle gusta. Nese momento ela convértese nunha rapaza fermosa, Papagena, pero pérdea porque se achega un sacerdote, que lle dei que aínda non é digno dela. Papageno afúndese na terra porque non quere facer caso ao sacerdote.
- Cadro VII: Un xardín
Os tres rapaces anuncian a chegada da mañá e falan de Pamina ("Bald prangt, den Morgen zu verkuenden!"). Pamina, ao crerse rexeitada por Tamino, decide suicidarse. Está a piques de facelo, pero os tres xenios sálvana a tempo e pídenlle que teña paciencia ("Ha, Unglückliche, halt ein!").
- Cadro VIII: Dúas montañas, unha bota lume e a outra auga
Dous homes con armadura traen a Tamino para que supere as probas de auga e lume. Antes da proba Pamina aparece disposta a velo ("Der, welcher wandert diese Strasse voll Beschwerden"). Deciden que, como Pamina non teme a morte, é digna de ser iniciada. Ambos os dous danse a man. Tamino toca a frauta para poder atravesar a columna de lume. Tamino volve tocar a frauta e atravesan á montaña que bota auga. Aparece despois a entrada a un templo moi iluminado, dentro do cal se oen gritos de triunfo e ledicia ("Tamino mein! O welch ein Glück" e "Wir wandelten durch Feuergluten").
- Cadro IX: Pequeno xardín
Papageno, ao ver que perdeu a Papagena, búscaa desesperadamente cantando e tocando o seu chifre ("Papagena, Papagena! Weibchen! Täubchen!"). Decide aforcarse, e achégase a unha árbore cunha corda. Pide que se apiaden, pero non se oe nada. Resignado, disponse a colgarse. Os tres rapaces detéñeno e aconséllanlle que toque as campás. Soa entón o dúo coa súa amada Papagena, coa que decide ter numerosa descendencia ("Pa-Pa-Pa-Papagena!").
- Cadro X: Subterráneos do templo
A Raíña da Noite, xunto con Monostatos, quen se uniu a ela, aparece do solo e en silencio ("Nur stille, stille, stille, stille!") intentan atacar o poder dos sacerdotes e de Sarastro entrando no templo. A Raíña prometeulle a Monostatos a súa filla e este ensínalle o camiño. Oen ruídos: son os sacerdotes, que os vencen con raios e tronos. A Raíña da Noite e Monostatos son expulsados e trágaos a terra. Sarastro convoca o reino da luz e o reino da verdade. No coro final ("Die Strahlen der Sonne vertreiben die Nacht") cántase a fermosura e a sabedoría que foron coroadas para sempre naquel lugar.
Elenco orixinal
editarPersonaxe | Rexistro | Primeira representación, 30 de setembro, 1791 (Director: Wolfgang Amadeus Mozart) |
---|---|---|
Tamino | tenor | Benedikt Schack |
Papageno | barítono | Emanuel Schikaneder |
Pamina | soprano | Anna Gottlieb |
Königin der Nacht (Raíña da Noite) | soprano de gran coloratura | Josepha Hofer |
Sarastro | Bajo | Franz Xaver Gerl |
As Tres Damas | 2 sopranos e unha mezzo-soprano | Mlle Klöpfer, Mlle Hofmann, Mme Elisab[e]th Schack |
Monostatos | tenor | Johann Joseph Nouseul |
Os Tres Rapaces (ou xenios) | 2 sopranos e un/unha mezzo, voces brancas. | Anna Schikaneder; Anselm Handelgruber; Franz Anton Maurer |
Orador | baixo | Herr Winter |
Dous Sacerdotes | tenor e barítono | Johann Michael Kistler, Urban Schikaneder |
Papagena | soprano | Barbara Gerl |
Dous homes armados | tenor e baixo | Johann Michael Kistler, Herr Moll |
Notas
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Die Zauberflöte |
Ligazóns externas
editar- Ópera completa gravada en directo na Royal Opera House de Londres