'Patafísica

(Redirección desde «Patafísica»)

A 'Patafísica é un sistema pseudo-filosófico inventado polo escritor francés Alfred Jarry que este definiu como "a ciencia das solucións imaxinarias". A 'patafísica é unha parodia das teorías e métodos da ciencia moderna e utiliza habitualmente expresións sen sentido. Jarry foi un precursor do surrealismo.

Alfred Jarry en bicicleta en Alfortville.
Reprodución do diploma de Boris Vian, membro do Colexio de 'Patafísica.

Historia

editar

O termo apareceu por primeira vez no artigo de Jarry "Guiñol", publicado o 28 de abril de 1893 en L'Echo de Paris litteraire illustré e a definición canónica é a que aparece en Gestes et opinions du Docteur Faustroll, pataphysicien, II, VIII.[1] Raymond Queneau afirmaba que a 'patafísica descansaba sobre "a verdade das contradicións e as excepcións".

Os autores franceses Raymond Queneau, Jean Genet, Boris Vian, Jacques Prévert, Jean Dubuffet, Ionesco e Jean Ferry téñense incluído a si propios na tradición 'patafísica e a eles se deben algunhas das mellores creacións.

O Colexio de 'Patafísica, fundado o 11 de maio de 1948, agrupa a artistas e escritores interesados na filosofía da "patafísica". O lema do colexio é Eadem mutata resurgo ("Érgome de novo o mesmo aínda que mudado"), e está presidido pola Súa Magnificiencia, o Barón Jean Mollet. Segundo Warren Motte, de entre os membros do colexio destacan Noël Arnaud (Rexente de 'Patafísica Xeral e Clínico de Retoriconose, así como Confirmador Superior da Orde da Gran Gidouille), Luc Étienne, coñecido tamén como Luc Etienne Périn (Rexente), Latis (Secretario Xeral Privado do Barón Vice-Conservador), François le Lionnais (Rexente), Jean Lescure (Rexente de Anabatmoloxía) e Raymond Queneau (Sátrapa Transcendente). Como tales, os seus membros están vinculados a Oulipo. As publicacións do colexio inclúen os Cadernos do Colexio de 'Patafísica e os Informes do Colexio de 'Patafísica.

Un escritor americano, Pablo López, ten mesmo desenvolvido unha extensión da "ciencia", a "patáfora".

Aínda que Francia foi sempre o centro do mundo 'patafísico, teñen aparecido seguidores no resto do planeta. En 1966 Juan Esteban Fassio recibiu a encomenda de deseñar o mapa do Colexio de 'Patafísica e dos seus institutos no estranxeiro. Na década de 1950, Buenos Aires e Milán foran as primeiras cidades en albergar institutos de 'Patafísica. Londres, Edimburgo, Budapest e Liexa seguíronas nos anos sesenta. Nos setenta, Alemaña, Suecia, Suíza, Canadá e moitos outros países demostraban que a internacionalización da 'patafísica era irreversíbel.

Nos anos sesenta, utilizouse a 'patafísica como principio conceptual en varias formas de arte, en concreto no pop art e na cultura popular. As obras tendían a centrarse nos procesos de creación e son habituais os elementos aleatorios e as escollas arbitrarias.

A mención máis famosa á 'patafísica é a da canción "Maxwell's Silver Hammer" do grupo de pop británico The Beatles:

Joan was quizzical studied pataphysical science in the home / Late nights all alone with a test tube oh oh oh oh

Tamén se atopa en obras de Marcel Duchamp e John Cage.

Patáfora

editar

A patáfora é unha extensión da metáfora que, partindo da ciencia da patafísica de Alfred Jarry, inventou e desenvolveu o autor americano Pablo López.

Da mesma maneira que a metáfora vai máis alá do significado literal, a patáfora engade unha nova dimensión á metáfora mesma.

  1. Jarry, Alfred (1911). Gestes et opinions du docteur Faustroll, Pataphysicien: Roman néo-scientifique (en francés). Bibliothèque numérique romande.  en Gallica

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar