Futurismo
Futurismo, primeiro dos movementos de vangarda artística, xurdido en Italia en 1909 por Filippo Tommaso Marinetti, que redactou o seu Manifeste du Futurisme, o primeiro doutros moitos, o 20 de febreiro de 1909, no diario Le Figaro de París.
Estética
editarInspirado pola Patafísica de Alfed Jarry e Remy de Gourmont e por procedementos literarios que como este movemento literario non asumían ningunha tradición formal nin cultural previa, Marinetti foi chegando a concibir esta nova estética. O futurismo foi chamado así pola súa intención de romper absolutamente coa arte do pasado (o chamado Pasadismo) ó considerar que os museos son equivalentes ós cemiterios, en especial en Italia, onde a tradición artística do pasado agromaba por tódalas partes e impregnábao todo. Había que facer, pois, táboa rasa do pasado e crear unha arte nova dende cero, acorde coa mentalidade moderna, os novos tempos e as novas realidades. Para iso toma como modelo as máquinas e as súas virtudes: a forza, a rapidez, a velocidade, a enerxía, o movemento, a deshumanización. Diametralmente en contra do Expresionismo, un ismo ou vangarda humanista un pouco posterior, dignifica a guerra como espazo onde a maquinización, a enerxía e a deshumanización alcanzaron cotas máximas. Proscribe o sentimental e o anecdótico e non asume absolutamente nada do pasado, nin sequera a métrica en literatura. Intenta substituír os nexos por notacións alxébricas e buscar un léxico radicalmente inzado de tecnoloxismos e barbarismos, inzado de infinitivos, exclamacións e interxeccións que denotan enerxía. Cultiva amais unha interesante forma de teatro, o chamado teatro sintético, en que as accións ocorren a velocidade de vertixe e o argumento desenvólvese e acaba en apenas dez minutos, e elúdese o elemento humano ocultando as figuras humanas, que só poden adiviñarse por metonimia (só se ven os pés dos actores).
A estética futurista pregoa tamén unha ética, de raíz fundamentalmente machista, misóxina e provocadora, amante do deporte e da guerra ("única hixiene do mundo", segundo Marinetti), da violencia e do perigo. Igualmente, o futurismo e o propio Marinetti foi politizándose cada vez máis ata coincidir coa tese do fascismo, en cuxo partido ingresou o italiano en 1919.
O futurismo foi un movemento fundamentalmente italiano e de carácter literario (o propio Marinetti), plástico (o pintor arxentino Emilio Pettoruti e os pintores italianos Gino Severini, Carlo Carrà, Giacomo Balla ou o escultor Umberto Boccioni), arquitectónico (Antonio Sant'Elia) e musical (o ruidismo do compositor Luigi Russolo, antecedente directo da chamada música concreta), pero tivo algúns seguidores en Rusia (o poeta Vladimir Maiakovski), en Bélxica (o escritor Émile Verhaeren) e en Portugal (Fernando Pessoa, quen divulgou o movemento a través da revista Orpheu, 1915); así a todo, tras atinxir o seu cumio a mediados dos anos vinte, a estética futurista foi disgregándose ata desaparecer na década dos corenta.
Transcendencia do futurismo
editarA importancia que tivo o futurismo, máis alá dos seus dubidosos méritos estéticos, foi a de facer partir a estética dende cero a comezos do século XX, de forma que posibilitou unha espectacular renovación dos principios e técnicas artísticas, que ten consecuencias incluso na actualidade. Foi o primeiro dos ismos ou vangardas artísticas e o seu valor como movemento rompedor posibilitou e facilitou o camiño ás demais correntes que refrescaron o panorama artístico da primeira metade do século XX.
O futurismo en España
editarO primeiro dos movementos de vangarda artística e o seu Manifesto de 1909 foron coñecidos en España ese mesmo ano grazas a Ramón Gómez de la Serna e a súa revista Prometeo, inda que moitos dos que comentaron en España este movemento mencionaron un precedente catalán, o Futurisme de Gabriel Alomar, que creou unha revista con ese título (Futurisme) en 1907.
Así a todo, nunca chegou a existir en España un futurismo articulado como tal, a diferenza do que ocorreu en Portugal. Sufriron a súa influencia pintores que marcharon a Italia, como o uruguaio Rafael Barradas, Enric C. Ricart ou Rafael Sala, e outros que non o fixeron, como Celso Lagar, Antonio de Guezala ou Joan Sandalinas. En poesía tomaron algúns elementos desta estética os cataláns Josep Maria Junoy, J. V. Foix, Joaquim Folguera, Sebastià Sánchez-Juan, Bonaventura Vallespinosa i Salvat e sobre todo Joan Salvat-Papasseit; así mesmo, o Ultraísmo asumiu case tódolos seus postulados estéticos, deixándose ver o influxo futurista en libros como Hélices de Guillermo de Torre. Xa nos anos 20, toman algúns elementos do futurismo Ramón de Basterra na súa lírica e Ernesto Giménez Caballero, un dos patrocinadores da visita a España (Barcelona, Madrid e Bilbao) de Marinetti, en 1928, se ben neses momentos os aspectos literarios tiñan menos que ver cós políticos, xa que a evolución ideolóxica do italiano cara ó fascismo era neses momentos similar á do creador de La Gaceta Literaria. En Ismos (1931) Ramón Gómez da Serna disertou sobre esta estética que procurara difundir en 1910.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Guillermo de Torre, Literaturas europeas de Vanguardia, Madrid, 1925 e Historia de las literaturas de Vanguardia, Madrid, 1965.
- Juan Manuel Bonet, Diccionario de las Vanguardias en España (1907-1936). Madrid, 1995.
Ligazóns externas
editar- O futurismo italiano
- Pelta, Raquel (xaneiro 2012). "Cuando la letra puede cambiar el mundo. Futurismo, Dadá y tipos". www.monografica.org (en castelán) (2). Consultado o 23 de maio de 2019.