Ditadura
A ditadura é unha forma de goberno no que unha persoa, ou un grupo de persoas máis ou menos extenso, exerce o poder en virtude dunha afirmación persoal,[2] sen limitacións legais ou constitucionais efectivas.[3] Unha das formas de réxime máis común é a ditadura militar.
O concepto de ditadura úsase contemporaneamente dunha forma moito máis laxa para designar todo tipo de réximes non democráticos modernos[4]. Este "estiramento conceptual" do termo restoulle precisión e capacidade de diferenciación ao colocar baixo unha mesma etiqueta a réximes políticos que teñen pouco en común. Así, refírense como ditaduras as monarquías árabes, os sistemas de partido único, os gobernos militares de suramérica, os fundamentalismos islámicos ou as autocracias africanas e do sueste asiático. Para evitar ese "estiramento conceptual" e darlle máis precisión ao concepto, pódense sinalar catro características das ditaduras: a concentración do poder, a precariedade das regras sucesorias, a non subxección a leis e o seu carácter transitorio.[2]
É importante sinalar que algúns autores non diferencian os conceptos de ditadura e autoritarismo, consideran ambos conceptos rivais e que realmente non existe ningunha vantaxe clara dun sobre outro para nomear os réximes políticos non democráticos modernos[2] mentres que outros si o fan.[5] Entre estes últimos hainos que consideran o autoritarismo e o totalitarismo como dúas formas de ditaduras; mentres que outros reservan o termo ditadura para momentos interinos de crise de goberno entre o réxime tradicional, democrático ou autoritario.[2]
Historia
editarNas súas orixes, o termo ditadura tivo unha connotación positiva. Procede do latín dictator, e xorde na Roma clásica arredor do 500 a.C. para nomear, na República Romana, os maxistrados designados por un período non superior a seis meses. Estes tiñan poderes extraordinarios para afrontar circunstancias excepcionais, como unha guerra (dictatura rei gerendae causa) ou unha revolta perigosa para a República (dictatura seditionis sedandae et rei gerenda causa).[2][3] O ditador era nomeado por un ou ambos cónsules a proposta do Senado, e debía ser refrendado pola Comitia Curata, unha especie de asemblea popular.[3] Aínda que os poderes do ditador eran moi amplos, estaba sometido a controis e non eran ilimitados xa que, por exemplo, non podía declarar a guerra, cambiar as leis ou establecer novos impostos. Tiña baixo o seu mandato a 24 fasces, os equivalentes aos cónsules, e o primeiro acto era nomear o seu oficial de cabalaría (magister equitum). Os cónsules e outros maxistrados continuaban nos seus cargos durante a ditadura, mais estaban suxeitos á autoridade do ditador,[3] quen concentraba en si mesmo o poder dos dous cónsules, pero o seu mandato (imperium maximum) duraba a metade, é dicir, o dobre de poder pola metade de tempo.[2]
A súa figura foi moi útil na República e especialmente frecuente ata o século III a.C. cando comezou a decaer, especialmente fóra de Italia ao mostrarse ineficaz polo seu mandato limitado. Cara ao 300 a.C. limitouse o poder do ditador mediante o dereito de apelación e o veto dos tribunos militares. A partir dese momento, os ditadores nomeábanse só para asuntos menores como nalgúns casos de celebración de eleccións.[3]
A invasión cartaxinesa supuxo unha renacenza temporal do cargo, os últimos ditadores que dirixiron tropas no campo de batalla foron Quintus Fabius Maximus Verrucosus o ano 217 a.C. e Marcus Junius Pera o ano seguinte durante os primeiros estadios da segunda guerra púnica.[6] O último ditador electo na maneira tradicional foi Gaius Servilius Geminus, o 202 a.C..[7] O termo foi posteriormente usado no século I a.C. para definir os mandatos de Sila e Xulio César, máis semellantes ao concepto contemporáneo de ditadura que á maxistratura orixinal. Finalmente a figura foi abolida o 44 a.C. (lex Antonia de dictatura tollenda).[2]
A institución romana da ditadura era, pois, o contrario a un despotismo ilexítimo, xa que o ditador era máis un salvador da República ca un tirano. Polo seu carácter constitucional e estar temporalmente limitada, a ditadura clásica foi valorada positivamente por autores como Niccolò Machiavelli e Jean-Jacques Rousseau.[2]
A finais do Antigo Réxime o termo desenvolveu un sentido figurado, e durante o período do Terror da Revolución Francesa adquiriu o sentido político actual.[8][3]Con todo, continuou mantendo certa connotación positiva da institución clásica romana. Así, as "ditaduras" de Oliver Cromwell en Inglaterra e Napoleón Bonaparte en Francia, malia romperen coa legalidade vixente, foron vistas na época como unha salvación para a nación fronte a un perigo existente. Mesmo Giuseppe Garibaldi e Karl Marx seguían utilizando o concepto sen connotacións negativas. De feito, Garibaldi autoproclamouse ditador cando asumiu o poder en Sicilia en 1860.[2]
Coa decadencia das monarquías hereditarias no século XIX, as dúas principais alternativas de goberno son a democracia constitucional e a ditadura.[3] O concepto de ditadura comeza a adquirir o seu significado moderno. Toma unha connotación negativa coa aparición das ditaduras soberanas ou revolucionarias, que aspiran a crear unha situación na que sexa posible impoñer unha constitución "auténtica", co fin de crear unha nova orde sobre os restos da anterior. Neste punto perde o seu carácter simplemente executivo e amplíase ás funcións lexislativas e mesmo constituíntes. Baséanse no pretexto de non poderen apoiarse na tradición ou lexislación previa, ao se tratar de fundar unha nova orde. Os modelos de ditaduras do século XIX son a Francia de Napoleón III e a Alemaña de Otto von Bismarck.[2]
Quizais a versión máis radical e coñecida é a ditadura do proletariado. Karl Marx formúlaa nun momento no que o concepto non tiña aínda o significado negativo actual. O concepto referíase a un estado transitorio entre o Estado burgués e unha nova sociedade sen clases. O mesmo sentido tiña para Friedrich Engels, un case estado que desaparecería cando se extinguira o obxecto da opresión, é dicir, as clases sociais. O concepto cambia radicalmente con Lenin e o comunismo soviético, que o vincula coa idea de vangarda revolucionaria e de centralismo democrático. Neste caso, denota a idea de hexemonía dunha clase que pode adoptar calquera tipo de goberno, sexa democrático ou non.[2]
En Hispanoamérica, xorden ditadores nalgúns países independizados de España. Estes ditadores ou caudillos autoproclamábanse líderes á fronte dun pequeno grupo armado e apoderábanse dun anaco de territorio para marchar posteriormente sobre un débil goberno nacional. Algúns exemplos destes son Antonio López de Santa Ana en México e Juan Manuel de Rosas na Arxentina.[3]
O termo adquire o seu carácter pexorativo de xeito definitivo no século XX. No período de entreguerras utilizouse para referirse aos réximes non democráticos que apareceron neses anos. Aínda así, os réximes fascista italiano e nacionalsocialista alemán non dubidaban en proclamárense ditaduras. A partir do final da segunda guerra mundial, todos os gobernos, mesmo os máis autoritarios e antidemocráticos, suprimen o uso do termo. Desde a métade do século, o termo fica vinculado aos vellos conceptos de autocracia, tiranía e despotismo,[2] e toma diferentes formas:
- Nuns casos, os ditadores son colocados no poder por oficiais militares nacionalistas, como Juan Domingo Perón na Arxentina
- Outros toman o poder tras gañaren eleccións democráticas. Posteriormente suprimen a oposición e establecer o unipartidismo, como pasou en moitos países africanos e asiáticos poscoloniais
- Ás veces un grupo de oficiais do exército toma o poder e establece unha ditadura militar, das que hai abundantes exemplos en América Latina[3]
Tipos de ditaduras
editarClasificación de Abal
editarA casuística das ditaduras é moi ampla e está clasificada sen criterios claros. Tendo en conta o criterio elixido, o politicólogo arxentino Juan Manuel Abal Medina fai as seguintes propostas de clasificación[2]:
Segundo o nivel de alteración da sociedade
editarAtendendo ao grao de pluralismo social, os niveis de mobilización política e a intensidade da penetración coercitiva na sociedade e os medios utilizados para ese fin, pódense distinguir as ditaduras autoritarias, as totalitarias e as cesaristas.
- Ditaduras autoritarias: Buscan despolitizar e desmobilizar á sociedade. Non pretenden homoxeneizar á sociedade nin exercen un control total sobre ela, e permiten un pequeno grao de pluralismo político. Ás veces admiten partidos políticos carentes de ideoloxía e que non teñen un rol importante no réxime, ao ser máis importante a mentalidade ca ideoloxía. Poden usar o terror e a propaganda pero sen a mesma extensión que nos réximes totalitarios.[4] O limitado pluralismo pode tomar distintas formas e, dentro delas, diferentes grupos e institucións teñen un papel máis ou menos preeminente.[9]
- Trala vitoria dos aliados na segunda guerra mundial, os países que se enfrentaban á tarefa de construír unha nación e afrontar a crise da modernidade podían optar por dous modelos políticos básicos: as competitivas democracias occidentais e o modelo soviético, que parecían excluír o modelo do autoritarismo democrático desenvolvido no período de entreguerras nos novos países do leste e sueste de Europa. Inicialmente, só Portugal apareceu como sobrevivente das reaccións autoritarias burocráticas ao fallo da democracia na Europa de entreguerras. A derrota do fascismo desacreditara calquera mobilización cara a un réxime autoritario de partido único que non se basease no modelo do partido comunista de vangarda. Aínda así, en España o réxime de Francisco Franco sobreviviu ao ostracismo das Nacións Unidas. Consistía nunha mestura de autoritarismo burocrático con elementos debilitados de réxime fascista de partido único e, dende 1942, o desenvolvemento dun estatismo orgánico. O nacionalismo arxentino, como reacción ás presións estranxeiras e ás oportunidades creadas por unha nova clase traballadora xurdida da industrialización debida á exportación de material de substitución durante a guerra, levou á transformación dun réxime oligárquico-militar nun populismo autoritario con certos compoñentes fascistas, o peronismo.[10]
- Ditaduras totalitarias: Usan a ideoloxía como principal fonte para lexitimarse. Buscan homoxeneizar a sociedade, polo que non permiten ningún grao de pluralismo, e fomentan a crenza na ideoloxía propia mediante a propaganda gobernamental. Pretenden transformar a natureza humana mediante a revolución social, para o cal poñen especial énfase na mobilización de masas. Pretenden un control total sobre a sociedade, o exército, os medios de comunicación e as organizacións económicas e sociais, e non dubidan en exercer o terror. Cun alto nivel de organización, teñen como figuras clave o líder, a policía secreta e o partido.[4]
- Exemplos de réximes totalitarios son a Alemaña nazi, a Italia fascista, os réximes comunistas da Unión Soviética e Europa do leste e a China comunista[4].
- Ditaduras cesaristas: Nalgunhas ocasións engádese este terceiro grupo. Céntrase na autoridade suprema dun xefe militar e na fe na súa capacidade persoal, á que mesmo se lle atribúen trazos heroicos.[11]
Segundo a finalidade perseguida
editar- Ditaduras revolucionarias: pretenden alterar a orde preexistente.
- Ditaduras conservadoras: pretenden preservar a orde preexistente.
- Outros autores engaden as ditaduras mixtas ou termidorianas: similares ao Directorio termidoriano da Revolución francesa. Aplícase, por exemplo, ao período de transición en España entre a ditadura de Franco e a democracia[12].
Segundo a extracción da elite dominante
editar- Proveniente da clase política.
- Proveniente do aparato burocrático.
- Proveniente das forzas armadas. Neste grupo son de especial interese as ditaduras militares, nas que se poden diferenciar dous tipos:
- Aquelas nas que o poder é asumido por un grupo de militares.
- Outras nas que as forzas armadas, dende a súa condición de órgano autónomo, apoian un individuo ou grupo para que ostente o poder.
Clasificación de Geddes, Hadenius e Teorell
editarBarbara Geddes examinou todos os réximes ditatoriais posteriores á segunda guerra mundial cunha duración mínima de tres anos, para o que analizou como varían as ditaduras respecto das súas estruturas institucionais. Este criterio levouna a agrupar as ditaduras en personalistas, de partido único, militares ou híbridas destas tres. O criterio que segue é se o cargo político e a influencia sobre a política está controlada por unha soa persoa (coma nos réximes personalistas), un partido hexemónico (coma nos réximes de partido único), ou pola institución militar (coma nos réximes militares).[13]
Un punto débil da tipoloxía de Geddes é que non reflicte os cambios que se producen na estrutura do poder ao longo do tempo. Ademais moitos réximes acaban clasificándose como híbridos porque o nivel de personalismo vai variando co tempo. Finalmente, a clasificación de Geddes exclúe as monarquías, deixando fóra unha manchea de ditaduras.[13]
En resposta a isto, Hadenius e Teorell desenvolven a súa propia tipoloxía que, esencialmente, é unha versión matizada da de Geddes. Categorizan os réximes como monárquicos, sen partido, militares, de partido único e multipartidista. Coa excepción das monarquías, esta tipoloxía cadra ben cos grupos personalista, militar e de partido único de Geddes.[13]
Ditaduras militares
editar- Artigo principal: Ditadura militar.
Estas instáuranse tras un golpe de estado por un oficial ou unha xunta militar. Gobernan sen renderen contas mentres o oficial ou a xunta teñan o apoio das forzas armadas.[14] A diferenza dos políticos civís, que valoran sobre todo acadar e manter o cargo, os militares consideran primordial a "supervivencia e eficacia do exército en si". Debido a isto, a maior ameaza para as elites militares é a división dos militares e o inicio dunha guerra civil. Calquera rivalidade ou fractura dentro da elite militar pode levalos a regresar aos cuarteis e deixar o poder voluntariamente, mesmo sen ter para eles repercusións negativas. Por iso as ditaduras militares adoitan ser de menor duración. Tamén son moi vulnerables ás crises económicas debido ás presións internas que ditas crises poden provocar, e son máis propensas a deixar o poder mediante unha transición negociada e ordenada.[15] Moitas ditaduras militares teñen un gran número de persoal civil, como burócratas, empresarios, políticos e tecnócratas. Porén, non significa que sexan réximes civís-militares, xa que son os militares quen toman as "decisións de consecuencias decisivas".[14]
Finer (1962) identifica polo menos cinco diferentes formas estruturais de réxime e goberno militar: dúas directas, unha dual e dúas indirectas.[16]
- A máis estándar das formas directas é a dun goberno liderado por unha xunta militar que actúa como consello de ministros, no que un deles exerce como presidente do país. A forma directa case-civil é a que se arroupa a si mesma con evidencias de (suposta) lexitimización civil, que poden incluír institucións civís e/ou un partido político que a apoie, as cales non deixan de ser ornamentos civís, emanados e dependentes dos militares.
- Pola contra, o compoñente civil na forma dual de réxime militar, un partido político ou outra organización civil que o sosteña, foi desenvolvido polo ditador militar como unha forza civil de confianza que poida servir de contrapeso á visión e influencia do exército. Desta forma fortalécese o poder ditatorial grazas ao balance de poder entre as bases civil e militar do réxime. Aínda que poida parecer moi semellante á forma directa case-civil, a forma dual ten un propósito moi diferente, o ditador non pretende disfrazar o réxime tras unha fachada civil, pretende conseguir unha maior autonomía persoal fronte ao exército.
- As formas indirectas controlan o poder mediante a instalación dun goberno monicreque que manexan á súa vontade. Desta forman eluden responsabilidades aínda que realmente gobernan. As dúas formas indirectas diferencianse no grao de control que os militares exercen no goberno civil: poden controlar todas as actividades deste ou exercer só controis intermitentes para asegurarse certos obxectivos (forma indirecta limitada).
Ditaduras de partido único
editar- Artigo principal: Unipartidismo.
Nestes réximes é un partido o que domina a política. Trátase dunha noción moito máis recente que a de goberno militar, pois a institución de partido político é, en comparación, máis recente cá do exército. A primeira organización que se pode considerar como partido político diferenciado do concepto de facción parlamentaria foi probablemente a rede nacional dos clubs locais xacobinos que evolucionou durante a Revolución francesa. Durante o século XIX a aparición dos partidos políticos estivo máis ligada ao ascenso das democracias cás ditaduras. Non foi ata o século XX que os partidos políticos chegaron a ser un compoñente clave dalgunhas ditaduras.[17]
Os estudosos do sistema de partido único sinalan a diferenza entre se os réximes teñen un partido político, como ocorre nalgunhas ditaduras militares, ou se o partido é a institución que goberna, máis ca un simple instrumento do poder. Polo tanto, describir un sistema como de partido único é realmente describir como funciona.[18]
Huntington e Moore argúen* que a fortaleza dun sistema de partido único susténtase na intensidade e duración da loita por adquirir poder, e diferencian entre sistemas de partido único débiles e fortes, baseándose na concentración do poder. Nos sistemas débiles hai polo menos outro actor (un líder, o exército ou a policía) que eclipsa o rol do partido; mentres que nos fortes o partido asume o rol dominante, non habendo alternancia no poder entre partidos políticos nin tan sequera baixos niveis de pluralismo. Estes autores discuten en detalle os diferentes tipos de estados de partido único fortes segundo o nivel de institucionalización e as estratexias do partido para permanecer no poder. Así, distinguen os sistemas de partido único revolucionarios e os consolidados. Os primeiros caracterízanse polo dinamismo social, liderado autocrático e carismático, partido disciplinado, ideoloxía altamente desenvolvida, énfase na propaganda e a mobilización de masas, combinado todo coa coerción e o terror. Pola contra, os sistemas de partido único consolidados evolucionaron desde o inicio revolucionario pasando por distintas fases de transformación, reafirmación e adaptación; teñen características máis administrativas ca revolucionarias, con baixos niveis de mobilización política e obxectivos máis pragmáticos. Os líderes políticos son menos "personalistas, carismáticos e autocráticos" e máis "oligárquicos, burocráticos e institucionalizados".[19] Huntington engade un pequeno terceiro grupo, o dos partidos únicos excluíntes que buscaban suprimir toda actividade política ou restrinxila a só unha parte da sociedade.[17]
Tucker propón outra clasificación destes réximes conforme a ideoloxía. Clasifícaos en comunistas, fascistas e nacionalistas. A diferenza entre os dous primeiros é obvia, pero ten especial coidado en definir o sistema nacionalista como aquel que está "baixo os auspicios dun partido único" nacionalista, en lugar da definición máis específica de "baixo o goberno dun partido único". Esta definición permítelle incluír o Kemalismo en Turquía e o réxime de Gamal Abdel Nasser en Exipto como exemplos nacionalistas, que para Finer son exemplos de réximes militares duais.[17]
Ditaduras personalistas
editarNestes réximes, todo o poder está en mans dun só individuo. Unha persoa domina o aparato estatal, o exército e o partido gobernante (de ser o caso), e non existe ningunha institución autónoma fóra do seu control. Aínda que o ditador pode crear un partido político ou aliarse cun xa existente, non deixa de ser unha simple ferramenta nas mans deste. Os ditadores personalistas son frecuentemente membros das forzas armadas, en activo ou na reserva.[20]
A estrutura das ditaduras personalistas varía significativamente dun réxime a outro dependendo das preferencias particulares do líder. Porén, todas teñen no cumio da xerarquía política ao líder, quen goza dun poder político desproporcionado. Malia o seu vasto poder, o ditador personalista sente que non pode confiar en ninguén, pois non ten maneira de saber se os seus subordinados están dicíndolle a verdade por temor a desagradalo. Para asegurarse a súa lealdade, o ditador recorre maioritariamente ao medo e, nalgúns casos, ao fomento da confianza. Hai poucas similitudes na estrutura interna dos réximes personalistas. Uns teñen partidos políticos, lexislaturas e eleccións, outros non. Algúns teñen unha única forza militar, mentres que outros teñen múltiples unidades militares e paramilitares. Nalgúns a estrutura interna está claramente definida, e noutros as regras non están claras ou son descoñecidas. A política nas ditaduras personalistas é inextricable da omnipresencia do líder, quen pode moldear a sociedade ao seu antollo e extraer recursos do estado de forma implacable. A medida en que estes ditadores perseguirán tales medidas dependerá da idiosincrasia individual.[20]. De acordo cun estudo de 2019, as ditaduras personalistas son máis represivas cás outras formas de ditaduras.[21]
Robert Jackson e Carl Rosberg distinguen catro tipos de ditaduras personalistas: proféticas, principescas, autocráticas e tiránicas.
- Nas proféticas, os obxectivos do líder van máis alá de manterse no poder. Ten unha visión de como estruturar a sociedade e para tal fin enfatiza grandemente a ideoloxía.
- O líder principesco manipula estratexicamente aos seus seguidores, e fórzaos a competiren entre eles para ter o favor do líder.
- O tipo autocrático é moi similar ao anterior, o líder goberna co apoio duns poucos sectores clave da sociedade. Porén, non se asegura o seu apoio dun xeito estratéxico, senón por mandato imperativo.
- O tiránico, o máis corrupto de todos, exerce o poder sen ningunha restrición e emprega o medo como principal arma para sobrevivir. A violencia está amplamente estendida e úsase con frecuencia de xeito arbitrario.
Agás o ditador profético, quen busca reordenar a sociedade conforme á súa visión ideolóxica, os outros tres tipos teñen como principal obxectivo manterse no poder, a través de diferentes medios.[20].
Ditaduras monárquicas
editarNas monárquicas, "unha persoa de sangue real herdou a xefatura de estado de acordo coa práctica aceptada ou a constitución vixente". A lexitimidade do réxime e dos seus actores está intimamente ligada á consanguinidade e á liñaxe familiar. O acceso aos cargos públicos, a elaboración de políticas e as forzas armadas están controladas polo monarca ou a dinastía.
Exclúense desta definición as monarquías cerimoniais ou constitucionais. O poder político está en mans dun goberno civil, mentres que o monarca fica relegado a un papel cerimonial, con moi pouco poder real ou mesmo sen el. Tal é o caso das monarquías europeas, coma a de España, Reino Unido, Países Baixos ou algúns países nórdicos.
En 2011, Ezrow e Frantz tiñan catalogadas as seguintes oito ditaduras monárquicas (entre parénteses indícase o ano de instauración do réxime): [22]
- Arabia Saudita (1927)
- Brunei (1959)
- Emiratos Árabes Unidos (1971)
- Kuwait (1961)
- Marrocos (1956)
- Omán (1741)
- Eswatini (1968)
- Xordania (1946)
Nas monarquías dinásticas, a familia real controla o poder e ocupa os principais cargos e ministerios. Pola súa parte, nas monarquías non dinásticas o poder está totalmente concentrado no monarca.[23] Algunhas monarquías ditatoriais teñen lexislaturas e eleccións, aínda que non atinxen á elección do líder. Outras tamén permiten a formación e actuación de partidos políticos. Porén, como ocorre nas ditaduras de partido único, estas institucións son simples instrumentos para a supervivencia do réxime, máis ca medios de acción política.[22]
A lonxevidade das ditaduras monárquicas apóiase nestes trazos:[23]
- Adáptanse ás circunstancias
- Están lexitimadas pola tradición
- Apóianse na cohesión familiar
- Usan o clientelismo para mercaren lealdade
- Son altamente consultivas
- Teñen institucións aparentemente democráticas para minorar posibles críticas
- Exercen unha represión selectiva
- Teñen a lealdade do exército
- Contan con procedementos institucionalizados para a sucesión
Ditaduras híbridas
editarComo o seu nome suxire, combinan cualidades das ditaduras personalistas, de partido único e militares. As formas máis comúns son os híbridos personalista/de partido único e personalista/militar. Máis raras son as que combinan partido único/militar, e as que comparten características das tres: personalista/partido único/militar, coñecidas como tripla ameaza.[24]
Aínda que as ditaduras híbridas son menos comúns, teñen certa presenza no mundo. Exemplos son a ditadura personalista/militar en Paquistán (1977-1988), a personalista/de partido único en Cuba (desde 1959), e a tripla ameaza en Exipto (1952-2011)[24]
As ditaduras modernas
editarAtención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
O réxime ditatorial moderno case sempre resulta de convulsións sociais profundas, xeralmente provocadas por revolucións ou guerras. As ditaduras son normalmente impostas por grupos de poder, sexan militares ou revolucionarios. Xeralmente, a imposición do movemento que resulta neste réxime de excepción é en función da defensa de intereses minoritarios, económico-financeiros, étnicos, ideolóxicos e outros.
Non sempre as ditaduras se dan por golpe militar, poden xurdir por golpe de estado político; exemplo de movemento desta orde deuse coa ditadura de Adolf Hitler na Alemaña nazi (nazi) , en que o golpe se desencadeou a partir das propias estruturas de goberno; aproveitáronse as debilidades dun sistema marrado e entraron partidos cuxas ideoloxías non eran democráticas. Unha vez instalados no poder, alá permaneceron e impoñéndose á vontade popular, suprimindo toda oposición (os demais partidos etc).
Outras ditaduras apóianse en teorías máis elaboradas, utilizando a lexislación imposta, moitas veces admitindo unha democracia con partidos políticos, inclusive con eleccións e algunhas veces ata permitindo unha certa oposición, aínda que controlada. Os dispositivos legais pasan a institucionalizarse, funcionando de tal forma que sempre gañará o partido daqueles que convocaron á elección.
As ditaduras acostuman utilizar a forza bruta para se manteren no poder, aplicándoa de forma sistemática e constante. Outro medio é a propaganda institucional, propaganda política constante e de saturación, así como o culto á personalidade do líder, ou líderes, ou mesmo do país, para manter o apoio da opinión pública; unha das formas máis eficientes de impor á poboación un determinado sistema é a propaganda subliminar, onde as defensas mentais non están tan en garda contra a información que se está a introducir no inconsciente colectivo. Esta faise por saturación en todos os medios de comunicación. A censura tamén ten un papel moi importante, pois non deixa chegar a información relevantes á opinión pública que está a ser manipulada. Desta forma, fican atados os dous extremos: primeiro satúrase o ambiente con propaganda a favor do réxime, despois censúranse todas as noticias malas que poidan vir a alterar o estado mental favorábel ao sistema imposto.
As ditaduras de África e Asia
editarNa África e Asia cóntanse moitas ditaduras, de diversas orientacións ideolóxicas: na China, Mao Tse Tung tomou o poder despois de expulsar para a illa de Formosa (Taiwán) o exército do xeneral Chiang Kai-shek, no Irán, a ditadura de Mohammad Reza Pahlavi, derrubado en 1979 por unha revolución musulmá; na Indonesia, a do xeneral Sukarno, seguida pola do xeneral Suharto; en Filipinas, a de Ferdinand Marcos, obrigado a abandonar o país en 1986.
As ditaduras da América Latina
editarCoa guerra fría aparece o compoñente ideolóxico e a participación activa das ditaduras militares nos gobernos da América Latina. En Cuba, Chile, a Arxentina, o Uruguai, Paraguai e o Brasil.
Na América Latina, a historia está chea de ditaduras, golpes e contra golpes, revolucións e contra-revolucións. O principal é o caudillismo, que consiste na glorificación dun líder e na construción dun partido en torno del e non de conviccións políticas, ou ideoloxía. Despois, coa polarización causada pola guerra fría, ficou claro que esta desculpa fora utilizada para manter os ditadores no poder. Entre tantas personaxes, destacan Antonio López de Santa Anna e José Antonio Páez, en México; Francisco Solano López e Dr. Francis, no Paraguai. Na Venezuela, con Juan Vicente Gómez cuxa ditadura foi extremadamente tiránica, entre outras tantas que xurdiron en todo o continente.
Ditaduras da Arxentina
editarNa Arxentina, temos Juan Manuel de Rosas, Juan Domingo Perón, alén dos militares, que fixeron da ditadura arxentina un sistema extremadamente controlador e tiránico.
Ditaduras do Brasil
editarGetúlio Vargas chegou ao poder a través da Revolución de 1930. Baixo presión promulgou en 1934 unha Constitución democrática. En 1937, alegando unha suposta conspiración comunista, coñecida como Plano Cohen, Vargas outorga unha nova Constitución, aumentando os seus poderes e evitando eleccións directas, e instaura a censura e un Estado policial que durou ata 1945. Ese período ditatorial coñécese como Estado Novo.
A democracia restaurouse despois da caída de Vargas e foi mantida, a pesar de varias tentativas de golpe de estado, ata o Golpe Militar de 1964 apoiado e financiado polos Estados Unidos. Getúlio Vargas volveu ao cargo político máximo da república brasileira en 1950 democraticamente, porén a presión da oposición, máis especificamente da UDN e dalgúns militares, levárono ao suicidio en 1954. Debido á forte conmoción popular os movementos golpistas foron arrefriados por unha década.
Na ditadura militar que se seguiu ao golpe e durou vinte e un anos (1964-1985) houbo represión policial, exilios políticos, establecemento de lexislación autoritaria, con supresión dos dereitos civís, uso da máquina estatal en favor da propaganda institucional e política, manipulación da opinión pública a través de institutos de propaganda gobernamental e empresas privadas que se beneficiaron do golpe. A censura, torturas, asasinatos de líderes opositores institucionalizáronse polo AI-5, na práctica unha emenda á Constitución de 1967, que baseada na Doutrina de Seguranza Nacional instaurou un Estado policial.
Durante a ditadura militar, o Brasil foi gobernado por dous mariscais e tres xenerais. O primeiro goberno foi o do mariscal Humberto de Alencar Castelo Branco que durou de 1964-1967. O segundo goberno foi o do mariscal Artur da Costa e Silva que durou de 1967-1969. O terceiro goberno foi o do xeneral Emílio Garrastazu Médici que durou de 1969-1974. O cuarto goberno foi o do xeneral Ernesto Geisel que durou de 1974-1979. O quinto goberno foi o do xeneral João Figueiredo que durou de 1979-1985.
Do outro lado houbo resistencia de opositores ao goberno militar, primeiramente a través dos precarios medios legais dispoñíbeis dentro do propio réxime; posteriormente, coa intensificación da represión violenta aos dereitos civís e políticos (principalmente os dereitos de libre expresión e asociación), organizáronse grupos de protesta e resistencia que se valeron de medios diversos tales como a desobediencia civil, a clandestinidade e as accións armadas como secuestros, asaltos violentos, guerrilla urbana etc.
A chamada "loita armada" obtiña recursos a través da expropiación forzada de capital, como asaltos e con iso financiaba actividades guerrilleiras na cidade e no campo.
Ditaduras cubanas
editarFulgencio Batista y Zaldívar, foi líder de Cuba de 1933 a 1940 aproveitando o levantamento popular que derrubara a outro ditador Geraldo Machado, sendo de 1940 ata 1944 o presidente oficial do país, e de 1952 a 1959 foi un ditador. Batista lidera un golpe de estado e implanta a ditadura. O golpe militar que instituíu Fulgencio Batista como líder político cubano, derrubando Carlos Prio Socarras deuse en marzo de 1952, nas palabras de Reinaldo Arenas, "a ditadura de Batista comezou logo cunha gran represión que non tiña só carácter político, mais tamén carácter moral". Desa ditadura pásase a que co triunfo da revolución en 1959, remate implantando unha ditadura comunista substituíndo un dos máis sanguentos réximes políticos que coñeceu América Latina, o de Fulgencio Batista. Fidel Castro, xunto cos seus compañeiros na revolución, afirmaban que estaban contra o réxime anterior, e só se mostraron abertamente comunistas despois da toma do poder.
Exemplos históricos: diversidade de ditaduras
editarAtención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Con criterios de poder autoritario, manténdose pola opresión, e con ausencia de eleccións libres, un gran número de réximes, con funcionamentos e ideoloxías diversas poden se cualificados de ditatoriais.
Partido únicoeditar
Partido único comunistaeditar |
Ditadura militareditar
TeocraciaeditarOutras ditaduraseditar |
Notas
editar- ↑ Del Testa 2003, p. 83
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Abal 2000, pp. 191-195
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Saxena 2015, Capítulo 1: Dictatorships
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Ezrow 2011, pp. 1-5
- ↑ Lindstaedt 2019, p. 41
- ↑ Broughton 1951, p. 215
- ↑ Broughton 1951, p. 316
- ↑ Rey 2010, Dictature
- ↑ Linz 2000, p. 175
- ↑ Linz 2000, p. 192
- ↑ gramsci.org (ed.). "El Cesarismo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2008. Consultado o 7 de febreiro de 2020.
- ↑ Muniesa 2005, p. 87
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Ezrow 2011, p. 15
- ↑ 14,0 14,1 Maniruzzaman 1992, p. 247
- ↑ Ezrow 2011, pp. 59-61
- ↑ Brooker 2014, p. 27
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Brooker 2014, pp. 29-30
- ↑ Brooker 2014, p. 25
- ↑ Ezrow 2011, pp. 6-7
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Ezrow 2011, pp. 215-220
- ↑ Frantz 2019, pp. 372-377
- ↑ 22,0 22,1 Ezrow 2011, pp. 240-241
- ↑ 23,0 23,1 Ezrow 2011, p. 260
- ↑ 24,0 24,1 Ezrow 2011, pp. 270,273
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ditadura |
Bibliografía
editar- Abal Medina, Juan Manuel (2000). "Dictadura". Léxico de la política (en castelán). Compilado por Laura Baca Olamendi, Judit Bosker-Liwerant, Fernando Castañeda, Isidro H. Cisneros e Germán Pérez Fernández. México: Fondo de Cultura Económica. ISBN 9789681661076.
- Brooker, Paul (2014). Non-Democratic Regimes (en inglés) (3ª ed.). Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-137-30579-4.
- Broughton, Thomas Robert Shannon (1951). American Philological Association, ed. The magistrates of the Roman Republic. Philological monographs (en inglés). vol 1: 509 B.C. - 100 B.C.
- Del Testa, David W.; Lemoine, Florence; Strickland, John (2003). Del Testa, David W., ed. Government Leaders, Military Rulers, and Political Activists (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-1-57356-153-2.
- Ezrow, Natasha; Frantz, Erica (2011). Dictators and dictatorships. Understanding authoritarian regimes and their leaders (en inglés). Continuum. ISBN 978-1-4411-1468-6.
- Frantz, Erica; Kendall-Taylor, Andrea; Wright, Joseph; Xu, Xu (10 de decembro de 2019). "Personalization of Power and Repression in Dictatorships". The Journal of Politics (en inglés) (The University of Chicago Press Journals) 82 (1: xaneiro 2020): 372–377. doi:10.1086/706049.
- Lindstaedt, Natasha; Frantz, Erica (2019). Democracies and Authoritarian Regimes (en inglés). Oxford University Press. ISBN 019882081X.
- Linz, Juan José (2000). Totalitarian and Authoritarian Regimes (en inglés). Lynne Rienner Publishers. ISBN 1555878903.
- Maniruzzaman, Talukder (1992). "Military Dictatorships". En Hawkesworth, Mary; Kogan, Maurice. Encyclopedia of Government and Politics (en inglés). 1: Political Science. Routledge. ISBN 0-415-03092-7.
- Muniesa, Bernat (2005). Dictadura y transición (en castelán). vol 2: La monarquía parlamentaria. Edicions Universitat Barcelona. ISBN 8447528901.
- Rey, Alain, ed. (2010). Dictionnaire Historique de la langue française (en francés) (9ª ed.). Les Dictionnaires Le Robert. ISBN 978-232-100013-6.
- Saxena, Shalini, ed. (2015). Dictatorship, Fascism, and Totalitarianism (en inglés). Encyclopaedia Britannica. ISBN 1622753518.