Saltar ao contido

Notación musical

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Forte (música)»)

Partitura de Frederic Chopin

A notación musical é un sistema de signos para escribir música. Ó longo do tempo e das diferentes culturas desenvolvéronse diferentes sistemas de notación musical. O sistema de máis uso actualmente xurdiu dun proceso que se desenvolveu na cultura occidental. O uso sistemático da notación musical posibilita a conservación dun amplo repertorio musical ao tempo que evita que o músico teña que aprender as pezas de memoria, liberándoo da parte máis mecánica da súa tarefa, co que se pode concentrar na creación de estruturas máis complexas.

O elemento básico de calquera sistema de notación musical é a nota, que representa un único son e as súas características básicas: duración e altura. Os sistemas de notación tamén permiten representar moitas outras características, tales como variacións de intensidade, expresión ou técnicas de execución instrumental.

Notación patrón

[editar | editar a fonte]

Emprégase unha pauta de cinco liñas, chamada pentagrama. O conxunto da pauta e os demais símbolos musicais, representando unha peza musical, denomínase partitura.

Representación das duracións

[editar | editar a fonte]

Tempo e compás - regulan cantas unidades de tempo deben existir en cada compás. Os compases están delimitados na partitura por liñas verticais e determinan a estrutura rítmica da música. O compás escollido está directamente asociado ao xénero musical. Un valse por exemplo ten o ritmo 3/4 e o rock tipicamente usa o compás 4/4.

Nunha fracción de compás, o denominador indica en cantas partes se ten que dividir unha semibreve para obter unha unidade de tempo (na notación actual a redonda é a maior duración posible e por iso todas as duracións están tomadas en referencia a ela). O numerador define cantas unidades de tempo ten o compás. No exemplo de abaixo aparece un tempo de "catro por catro", é dicir, a unidade de tempo ten unha duración de 1/4 de semibreve e o compás ten 4 unidades de tempo. Neste caso, unha redonda ocuparía todo o compás.

Figuras musicais ou rítmicas - valores simbólicos que representan o tempo de duración das notas musicais. Son tamén chamados valores positivos. Os símbolos das figuras úsanse para representar a duración a ser executada. As notas móstranse na figura de abaixo, por orde decrecente de duración. Son: redonda, branca, negra, corchea, semicorchea, fusa e semifusa.

Antigamente existía tamén a breve, como o dobre da duración da semibreve, a longa, como o dobre da duración da breve e a máxima, como o dobre da duración da longa, mais esas notas xa non se adoitan usar na notación actual. Cada nota ten a metade de duración que a anterior. Se pretendéramos representar unha nota dun tempo e medio (por exemplo, o tempo dunha negra sumado co dunha corchea) faise uso dun punto, chamado puntiño, seguido da nota.

A duración real (medida en segundos) dunha nota depende da fórmula do compás e do andamento utilizado. Iso significa que a mesma nota pode ser executada con duración diferente en pezas diferentes ou incluso dentro da mesma música, como nunha mudanza de andamento.

Redonda Branca Negra Corchea Semicorchea Fusa Semifusa
Notas musicais
Notas musicais

Pausas - representan o silencio, isto é, o tempo no que non se produce ningún son, sendo chamados valores negativos. As pausas subdivídense ao igual que as notas en niveis de duración. Cada pausa dura o mesmo tempo relativo que a súa nota correspondente, ou sexa, a pausa máis longa corresponde exactamente á duración dunha redonda. A correspondencia faise na seguinte orde:

Pausas
Pausas

Representación das alturas

[editar | editar a fonte]

Clave - clave de sol, clave de fa, clave de dó. Traspoñen toda a representación musical a unha que se adecúe mellor ao instrumento que se vai reproducir. Por exemplo, as voces graves usan xeralmente a clave de fa, en tanto que as máis agudas usan a clave de sol. Adóitase dicir que a clave de fa comeza onde remata a de sol. A clave é, pois, quen define que nota ocupará cada liña ou espazo no pentagrama.

Varias claves
Varias claves

Alturas - a altura de cada nota represéntase coa súa posición na pauta en referencia á nota definida na clave utilizada, como se amosa abaixo:

Alteracións, dislocacións ou accidentes de ton: a díese, o bemol, a dobre díese e o dobre bemol. Represéntanse sempre antes do símbolo da nota modificando a súa altura e despois do nome das notas, cifras e tonalidades. Unha díese disloca a nota medio ton arriba (na escala), unha dobre díese disloca o son un ton cara a arriba, un bemol disloca a nota medio ton abaixo e o dobre bemol disloca o son un ton para abaixo. Por exemplo, pódese dicir que un "fa díese" (fa#) é a mesma nota que un "sol bemol" (sol♭).

Unha vez que unha díese ou bemol foi aplicado a unha nota, todas as notas da mesma altura manterán a alteración até a fin do compás. No compás seguinte, todos os accidentes perden o seu efecto, polo que en caso de necesitalos haberá que colocalos outra vez. Se desexamos anular o efecto dun accidente aplicado inmediatamente antes dunha clave de tonalidade, debemos usar un becuadro, que devolve á nota o seu ton natural. No exemplo visto arriba podemos notar que a terceira nota do primeiro compás tamén é díese, pois o accidente aplicado á nota anterior segue válido e só é anulado polo becuadro que fai que a cuarta nota sexa novamente un La normal. O segundo compás é similar, coa diferenza de que o accidente aplicado é un bemol. No terceiro compás, un sol, un la dobre bemol e un fa dobre díese. Aínda que teñan nome diferente e ocupen distintas posicións na clave, os accidentes aplicados fan que as tres notas sexan exactamente iguais.

Clave ou tonalidade, que non é máis que a asociación de díeses ou bemois representados xunto á clave, indicando a escala na que a música será expresada. As díeses ou bemois aplicados na clave duran toda a peza ou até que unha nova clave sexa definida (modulación). Por exemplo, unha representación sen díeses ou bemois, será a escala de dó maior. Na figura vemos a clave de tonalidade dunha escala de la maior. Nesta escala todas as notas fa, dó e sol deben ser díeses, por iso lle aplicamos os accidentes na clave.

Expresión

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Expresión (música).

Certos símbolos e textos indícanlle ao intérprete a forma de executar a partitura, incluíndo as variacións de volume (dinámica) e tempo (cinética), así como a maneira correcta de articular as notas e separalas en frases (articulación e acentuación).

Dinámica musical

[editar | editar a fonte]

A intensidade das notas pode variar ao longo dunha música. Iso chámase dinámica. A intensidade indícase baixo o pentagrama con siglas que veñen de expresións en italiano.

  • pp - pianíssimo. Execútase con intensidade moi baixa.
  • p - piano. Execútase con intensidade baixa.
  • mp - mezzo piano. Execútase con intensidade moderada.
  • mf - mezzo forte. Execútase con intensidade moderadamente forte.
  • f - forte. Execútase con intensidade forte.
  • ff - fortissimo. Execútase con intensidade moi forte.

Excepcionalmente empréganse outros símbolos derivados dos anteriores:

  • ppppppp - quasi sine toccare. A intensidade é tan baixa como lle permita ao músico interpretar o instrumento. En notación coñécese un caso, o Concerto para violonchelo de Ligeti, que comeza con esta dinámica.
  • ppppp - molto pianississimo. É moi miúda a intensidade.
  • pppp e ppp - pianississimo. O primeiro adóitase chamar molto pianissimo.
  • ffff e fff - fortississimo. O segundo adóitase chamar molto fortissimo.
  • fffff - molto fortississimo. A intensidade é moi forte, como o seu nome indica.
  • fffffff - quasi comme un inferno. Indica interpretar o instrumento ao nivel máis alto posible. En notación particular, só se coñece un caso, que é o da Sinfonía da Sorpresa de Haydn.

Símbolos de variación de volume ou intensidade: crescendo e diminuendo, en forma de sinais de maior (>) e menor (<) para suxerir o aumento ou diminución de volume, respectivamente. Estas deben comezar onde se inicia a alteración e estirarse até a zona onde a alteración se vai cesar. O volume debe permanecer no novo nivel até que unha nova indicación sexa dada. A variación tamén pode ser brusca, con que só unha nova indicación (p, ff etc.) sexa dada.

Solo de trompa da Sinfonía número 5 de Tchaikovsky..
Esta partitura presenta varias marcas de dinámica.

Cinética musical

[editar | editar a fonte]

Os andamentos, que indican a velocidade de execución, son os seguintes:

  • Grave - É o andamento máis lento de todos
  • Largo - Moi lento, pero non tanto como o Grave
  • Larghetto - Un pouco menos lento que o Largo
  • Adagio - Moderadamente lento
  • Andante - Moderado, nin rápido nin lento
  • Andantino - Semellante ao andante, pero un pouco máis acelerado
  • Allegretto - Moderadamente rápido
  • Allegro - Andamento lizgairo
  • Vivace - Un pouco máis acelerado que o Allegro
  • Presto - Andamento moi rápido
  • Prestissimo - É o andamento máis rápido de todos

Algúns exemplos de combinacións de andamento con expresións:

  • Allegro moderato - Moderadamente rápido.
  • Presto con fuoco - Extremadamente rápido e con expresión intensa.
  • Andante Cantabile - Velocidade moderada e entoando as notas.
  • Adagio Melancólico - Lento e melancólico

Notacións de variación de tempo:

  • rallentando - Indica que a execución se debe volver gradualmente máis lenta.
  • accelerando - Indica que a execución se debe volver cada vez máis rápida.
  • A tempo ou Tempo primo - Volve ao andamento orixinal.
  • Tempo rubato - Indica que o músico pode executar con pequenas variacións de andamento baixo o seu criterio.