Batalla de Hastings
Batalla de Hastings | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Conquista normanda de Inglaterra | |||||||
Harold Rex Interfectus Est: "O rei Haroldo morreu". Escena do Tapiz de Bayeux representando a Batalla de Hastings e a morte de Harold. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Normandos | Ingleses | ||||||
Líderes | |||||||
Guillerme o conquistador Alan Rufus Guillerme FitzOsbern Eustaquio II |
Harold Godwinson † Gyrth Godwinson † Leofwine Godwinson † | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Descoñecido, estimacións dende 7 000 ata 12 000 | Descoñecido, estimacións dende 5 000 ata 13 000 |
A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.
A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066, e estableceu unha cabeza de praia para a súa conquista. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.
Descoñécese o número exacto das forzas presentes na batalla. As estimacións modernas indican cifras de ó redor de 10 000 soldados de Guillerme e uns 7 000 de Haroldo. O exército inglés estaba composto na súa maioría de infantaría e tiña poucos arqueiros, mentres que só a metade a forza de invasión era infantaría, co resto dividido en partes iguais entre cabalaría e arqueiros. Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. Os primeiros esforzos dos invasores para rachar as liñas inglesas foron pouco efectivos. Os normandos pasaron entón a adoptar unha táctica que consistiu en simular unha fuxida por mor do pánico para posteriormente volver loitar cos seus perseguidores. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.
A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme. O número de baixas non se coñece con exactitude, pero segundo algúns historiadores as estimacións indican que morreron 2 000 invasores xunto cuns 4 000 ingleses. Guillerme fundou un mosteiro no lugar da batalla, e o altar maior da igrexa da abadía está presuntamente localizado no lugar no que morreu Haroldo.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]En 911 Carlos III de Francia permitiu que un grupo de viquingos se asentasen en Normandía baixo o mando do seu líder Rollo.[1] O seu asentamento tivo éxito,[2] e adaptáronse rapidamente á cultura indíxena, renunciando ó paganismo, converténdose ó cristianismo,[3] e mesturándose coa poboación local.[4] Estes viquingos pasaron a ser coñecidos como os "homes do norte", do que derivaron os nomes de "Normandía" e "normandos".[2] Tras un tempo as fronteiras do ducado normando expandíronse cara ó oeste.[5] No ano 1002, o rei Æthelred II de Inglaterra casou con Emma, irmá de Ricardo II de Normandía.[6] O seu fillo, Eduardo o Confesor, pasou moitos anos no exilio en Normandía, e pasou a ser o sucesor do trono de Inglaterra en 1042.[7] Isto deu lugar ao establecemento dun grande interese normando na política inglesa, xa que Eduardo procurou o apoio dos normandos en gran medida, levando consigo cortesáns, soldados e cregos normandos, e dándolles posicións de poder, particularmente na Igrexa. Eduardo non tiña fillos e atopábase no medio dun conflito con Godwin de Wessex e os fillos deste último, polo que é probable que fomentase as ambicións do duque Guillerme II de Normandía para ser o seu sucesor no trono de Inglaterra.[8]
Crise de sucesión en Inglaterra
[editar | editar a fonte]Tralo pasamento do rei Eduardo o 5 de xaneiro de 1066,[9][a] a falta dun claro herdeiro levou a unha sucesión disputada na que varios contendentes reclamaron o trono de Inglaterra.[11] O sucesor inmediato de Eduardo era o conde de Wessex Haroldo Godwinson, o aristócrata inglés máis rico e poderoso naquel entón e fillo de Godwin, quen fora opoñente de Eduardo. O Witenagemot de Inglaterra elixiuno como rei e foi coroado polo arcebispo de York Ealdred,[12] aínda que a propaganda normanda afirmou que a cerimonia fora levada a cabo por Stigand, arcebispo de Canterbury que fora escollido como tal de forma non canónica.[11][13] Haroldo tivo que facer fronte a varios contendentes ó trono,[12] entre eles Edgar Ætheling[14] e Svend II de Dinamarca.[15][16] Porén, os principais contendentes foron dous rexentes veciños, o duque Guillerme de Normandía e Haraldo III de Noruega, coñecido como Haraldo Hardrada. Guillerme afirmaba que recibira a promesa do trono por parte do rei Eduardo e que Haroldo acordara isto baixo xuramento.[12][17] Haraldo III de Noruega tamén disputou a sucesión. A súa demanda do trono baseábase nun acordo entre o seu predecesor Magnus I de Noruega e o anterior rei de Inglaterra Canuto, establecendo que se algún deles falecía sen herdeiro, o outro pasaría a herdar Inglaterra e Noruega.[18] Guillerme e Haraldo Hardrada comezaron de forma inmediata as preparacións de tropas e navíos para dúas invasións separadas.[19]
Invasións de Tostig e Hardrada
[editar | editar a fonte]A comezos de 1066, o irmán exiliado de Haroldo, Tostig Godwinson, asaltou o sueste de Inglaterra cunha frota que recrutara en Flandres,[12] á que se uniron varias naves procedentes das illas Orcadas. Ameazado pola frota de Haroldo, Tostig foi cara ó norte e realizou incursións en Anglia Oriental e Lincolnshire. Porén, as súas forzas foron rexeitadas por parte de Edwin de Mercia e Morcar de Northumbria e obrigadas a volver embarcar. A maioría dos seus seguidores desertaron, polo que Tostig marchou cara a Escocia, onde pasou un tempo recrutando novas forzas.[20] Haraldo Hardrada, rei de Noruega, invadiu o norte de Inglaterra a comezos de setembro, liderando unha frota de máis de 300 navíos que levaban uns 15 000 homes. O exército de Hardrada aumentou ó incluír as forzas de Tostig, que apoiaba a súa reclamación do trono. Avanzando cara a York, os noruegueses ocuparon a cidade tras derrotar un exército inglés baixo as ordes de Edwin e Morcar o 20 de setembro na batalla de Fulford.[12][21]
Preparativos de Haroldo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Batalla de Stamford Bridge.
O exército inglés organizábase en liñas rexionais, cos fyrd, ou levas locais, servindo baixo un magnate local, ben un conde, bispo ou sheriff.[22] Os fyrd estaban compostos por homes que posuían a súa propia terra, equipados pola súa comunidade para satisfacer as demandas de forzas militares do rei. Debía servir polo menos un home[23] por cada cinco hides[23] ou unidades de terra nominalmente capaces de soportar unha unidade familiar.[24] No seu conxunto, Inglaterra podía xuntar uns 14 000 homes para os fyrd cando o rei chamaba a filas. Estes adoitaban servir durante dous meses, agás en estados de emerxencia. Era pouco común que se chamase ó conxunto total de fyrd, e entre 1046 e 1065 isto só ocorreu en tres ocasións, en 1051, 1052 e 1065.[23] O rei e algúns condes tiñan tamén un grupo de homes de armas persoal, os housecarls, que formaban a columna principal das forzas reais. Os thegn, as elites propietarias locais, loitaban xunto os housecarls reais ou xunto as forzas dun conde ou outro magnate.[22] Os fyrd e os housecarls loitaban a pé, sendo a principal diferenza que estes últimos tiñan armaduras de mellor calidade. Por outra banda, o exército inglés non contaba cun número significativo de arqueiros.[25]
Haroldo pasou gran parte do ano 1066 na costa sur cun grande exército e unha gran frota á espera da invasión de Guillerme. A maioría das súas forzas era unha milicia que precisaba recoller a súa propia colleita, polo que o 8 de setembro Haroldo tivo que retirar esta milicia xunto á frota.[26] Cando recibiu a nova da invasión norueguesa no norte apresurouse cara a aló, xuntando as súas forzas polo camiño, e tomou os noruegueses por sorpresa derrotándoos na batalla de Stamford Bridge o 25 de setembro. Haraldo Hardrada e Tostig pereceron na batalla,[12] e os noruegueses sufriron un gran número de baixas, bastando 24 dos 300 barcos orixinais para levar de volta ós sobreviventes. A vitoria inglesa tivo tamén un gran custo, e o exército de Haroldo quedou nun debilitado estado.[27]
Preparativos de Guillerme e desembarco
[editar | editar a fonte]Guillerme reuniu unha gran frota e exército para a invasión procedente de Normandía e outros lugares de Francia, incluíndo varios continxentes da Bretaña e Flandres.[28] Os preparativos duraron uns nove meses, xa que a frota foi construída dende cero.[b] Segundo algunhas crónicas normandas, conseguiu tamén varios apoios diplomáticos para a invasión, aínda que a certeza destes informes está suxeita a un debate histórico. A afirmación máis notable é que o Papa Alexandre II deulle un estandarte papal como símbolo do seu apoio, feito que só se rexistra na crónica de Guillerme de Poitiers e non en narracións máis coetáneas.[31] En abril de 1066 o cometa Halley puido divisarse no ceo, con abundantes rexistros do feito por toda Europa. As crónicas da época conectaron a aparición deste cometa coa crise de sucesión en Inglaterra.[32][c]
As forzas invasoras reuníronse en Saint-Valery-sur-Somme, preparadas para cruzar o canal da Mancha o 12 de agosto.[34] Porén, o comezo da viaxe foi atrasado, ben por un tempo pouco favorable ou para evitar que a máis poderosa frota Inglesa interceptara os navíos. Os normandos cruzaron cara a Inglaterra poucos días despois da vitoria de Haroldo sobre os noruegueses, trala dispersión da forza naval deste, e desembarcaron en Pevensey (East Sussex) o 28 de setembro.[28][d][e] Uns poucos navíos foron apartados da ruta por mor do vento e chegaron a Romney, onde os normandos loitaron cos fyrd locais.[30] Tralo desembarco, o exército de Guillerme construíu un castelo de madeira en Hastings, dende o que levaron a cabo incursións nas zonas próximas,[28] así como varias fortificacións en Pevensey.[49]
Avance de Haroldo cara ó sur
[editar | editar a fonte]Tras derrotar o seu irmán Tostig e a Haraldo Hardrada no norte, Haroldo deixou gran parte das súas forzas no norte, incluíndo as de Morcar e Edwin, e marchou co resto do exército cara ó sur para tratar coa ameaza da invasión normanda.[50] Non se coñece con seguridade cando tivo coñecemento Haroldo do desembarco de Guillerme, pero con toda probabilidade foi durante a súa marcha cara ó sur. Haroldo parou en Londres e permaneceu alí durante unha semana antes de Hastings, polo que probablemente tardou unha semana na súa marcha cara ó sur, avanzando unha media de 43 km por día,[51] cubrindo un total aproximado de 320 km.[52] Haroldo acampou en Caldbec Hill a noite do 13 de outubro. Este lugar atopábase a uns 13 km do castelo de Guillerme en Hastings.[53] Algunhas das primeiras crónicas francesas coetáneas mencionan un emisario ou emisarios enviados por Haroldo para negociar con Guillerme, pero non chegaron a acadar ningún resultado.[54]
Aínda que Haroldo tentou sorprender os normandos, os exploradores de Guillerme informaron da chegada dos ingleses. Os eventos precedentes á batalla non se coñecen con exactitude, e as fontes presentan recontos contraditorios, pero todas elas concordan en que Guillerme liderou o seu exército dende o seu castelo e avanzou cara ó inimigo.[54] Haroldo tomara unha posición defensiva no alto de Senlac Hill (Battle, East Sussex), a uns 9,7 km do castelo de Guillerme.[55]
Composición das forzas en Hastings
[editar | editar a fonte]Exército normando
[editar | editar a fonte]Descoñécese o número exacto e composición das forzas de Guillerme.[29] Un documento da época afirma que Guillerme tiña 776 navíos, pero os historiadores cren que este número pode ser esaxerado.[56] Os números de efectivos indicados polos escritores coetáneos considéranse moi esaxerados, variando dende os 14 000 ata os 150 000 soldados.[57] Os historiadores modernos tampouco concordan con exactitude nas estimacións para o número de efectivos do exército de Guillerme. Os números que se indican son: entre 7 000 e 8 000 homes, entre 1 000 e 2 000 deles parte da cabalaría;[58] entre 10 000 e 12 000 homes;[57] 10 000 homes, 3 000 deles de cabalaría;[59] ou 7 500 homes.[29] O exército estaba composto por cabalaría, infantaría e arqueiros ou besteiros, cun número case igual de cabalaría e arqueiros, e un número de soldados de a pé igual cós outros dous tipos xuntos.[60] Consérvanse listas posteriores cos nomes dos nobres que acompañaron a Guillerme, pero moitas delas inclúen nomes de máis. Só foron identificados de forma fiable uns 35 individuos con nome como acompañantes de Guillerme en Hastings.[29][61][f]
A principal armadura empregada polo exército normando eran cotas de malla, que habitualmente chegaban á altura do xeonllo, cunhas fendeduras que lles permitían montar a cabalo, e algunhas delas con mangas que chegaban ós cóbados. Algunhas das cotas poderían ter unhas escamas metálicas ou de coiro engadidas na túnica. Os cascos adoitaban ser metálicos e de forma cónica, cunha banda metálica na fronte que se estendía cara a abaixo para protexer o nariz.[63] Tanto a cabalaría como a infantaría levaban escudos. Os de infantaría adoitaban ser circulares e feitos de madeira, con reforzos metálicos. A cabalaría levaba escudos en forma de papaventos e ían armados cunha lanza. Tanto a infantaría como a cabalaría loitaban cunha espada recta, larga e de dobre fío. A infantaría tamén adoitaba usar xavelinas e lanzas.[64] Os arqueiros empregaban arcos simples ou béstas, e non adoitaban portar armadura.[65]
Exército inglés
[editar | editar a fonte]Descoñécese o número exacto de soldados no exército de Haroldo, xa que os rexistros coetáneos non ofrecen números fiables. Algunhas fontes normandas indican unhas forzas de entre 400 000 e 1 200 000 homes no bando de Haroldo.[g] As fontes inglesas indican números moi baixos para o exército de Haroldo, segundo algúns historiadores para facer crer que a derrota inglesa fose menos devastadora.[66] Historiadores máis recentes suxeriron un número de efectivos de entre 5 000 e 13 000 homes no exército inglés,[67] e a maioría de historiadores modernos concordan que as tropas inglesas constaban dun número de entre 7 000 e 8 000 soldados.[25][68] Este exército estaría composto por unha mestura de fyrd e housecarls. Nos rexistros figuran poucos nomes dos ingleses que participaron en Hastings.[29] Os historiadores concordan en que uns 20 individuos con nome loitaron xunto a Haroldo en Hastings, incluíndo os seus irmáns Gyrth e Leofwine.[62][h]
O exército inglés consistía na súa totalidade de infantaría. É posible que algúns dos membros de clase máis alta cabalgasen cara á batalla, pero ó unirse a ela desmontaron e loitaron a pé.[69] O núcleo do exército estaba formado polos housecarls, cunha cota de malla, casco de forma cónica, e escudos.[69] Gran parte deles empregaban unha machada de batalla danesa, pero tamén podían levar consigo unha espada.[70] O resto do exército estaba formado por levas dos fyrd, infantaría non profesional con armaduras máis lixeiras. A maioría da infantaría formou parte do muro de escudos, no que os homes das primeiras liñas xuntaban os seus escudos, mentres que tras eles estaban os soldados coas machadas e outros homes con xavelinas, así coma os arqueiros.[71]
Batalla
[editar | editar a fonte]Prolegómenos e localización
[editar | editar a fonte]Os recontos primarios presentan contradicións entre eles en varios aspectos, polo que resulta imposible describir a batalla de forma completamente exacta.[72] Os únicos feitos non disputados son que a loita comezou as 9 am o sábado 14 de outubro de 1066 e que a batalla continuou ata o anoitecer.[73] A posta de sol ese día foi as 4:54 p.m., quedando o campo de batalla maioritariamente escuro as 5:54 p.m. e en completa escuridade sobre as 6:24 p.m. A lúa ese día non saíu ata as 11:12 p.m., polo que trala posta do sol quedaba moi pouca luz no campo de batalla.[74] Segundo o reconto de Guillerme de Jumièges, o duque Guillerme mantivo o seu exército armado e preparado para un ataque sorpresa nocturno toda a noite anterior.[72] A batalla tivo lugar a uns 11 km ó norte de Hastings, coñecida posteriormente como a vila de Battle,[75] entre dous outeiros: Caldbec Hill ó norte e Telham Hill ó sur. A zona era un arboredo, cun pantano próximo.[76]
A Crónica anglosaxoa chamouna a "batalla xunto a vella maceira". Corenta anos despois, o cronista anglonormando Orderic Vitalis describiu a batalla como Senlac,[i] unha adaptación normando-francesa da palabra en inglés antigo Sandlacu, que significa 'auga areosa', que no inglés moderno adaptaríase a sandlake 'lago de area'.[77] Este podería ser o nome que recibía naquel entón o regato que cruzaba o campo de batalla.[79] As primeiras referencias ó seu nome final aparecen no Domesday Book de 1087, no que se denomina bellum Hasestingas ou batalla de Hastings.[80]
O amencer tivo lugar as 6:48 am esa mañá, e segundo os informes daquel día foi máis brillante do habitual,[81] aínda que non quedou rexistro das condicións atmosféricas que había ese día.[82] A ruta que o exército inglés tomou para chegar ó campo de batalla non se coñece con precisión, xa que puido tomar varios camiños posibles. Un deles era unha vella estrada romana que ía dende Rochester ata Hastings. Os historiadores cren que esta é a máis probable por mor dun gran depósito de moedas atopado próximo a ela no ano 1876. Outra das posibles rutas é unha estrada romana entre Londres e Lewes que desembocaba en camiños locais cara ó campo de batalla.[72] Algúns recontos da batalla indican que os normandos avanzaron dende Hastings ata o campo de batalla, pero a crónica coetánea de Guillerme de Jumièges sitúa os normandos no lugar xa dende a noite anterior.[83] A maioría dos historiadores tenden a concordar co primeiro punto de vista,[55][81][84][85] aínda que M. K. Lawson concorda coa versión de Guillerme de Jumièges.[83]
Disposición dos exércitos
[editar | editar a fonte]O lugar da batalla de Hastings é Senlac Hill, lugar dos restos da posterior abadía de Battle, e a loita principal tería sido nas terras ó sur e oeste do lugar da abadía.[86] Segundo Lawson e outros historiadores modernos,[87] as forzas de Haroldo despregáronse nunha pequena e densa formación no cumio de Caldbec Hill,[81] cos flancos protexidos polos arboredos, un regato e un terreo pantanoso diante deles.[85] Lawson indica tamén a posibilidade de que a liña inglesa podería ter sido algo máis longa chegando a arrodear un dos regatos próximos.[87] Os ingleses formaron un muro de escudos, xuntando os escudos nas primeiras liñas para protexerse do ataque.[88]
O despregue normando coñécese con máis exactitude.[89] Guillerme apostou as súas forzas en tres grupos ou battles, que se correspondían aproximadamente cos lugares de orixe das tropas. As unidades á esquerda eran os bretóns,[90] xunto cos de Anjou, Poitou e Maine. Esta división estaba liderada por Alan Rufus, un parente do conde da Bretaña.[88] O centro estaba composto polos normandos,[90] baixo o mando directo de Guillerme e con moitos dos seus parentes e tropas persoais agrupados no grupo ducal.[88] O último grupo da dereita estaba composto polos franceses,[90] xunto con outros homes procedentes de Picardía, Boulogne e Flandres. Este grupo estaba comandado por Guillerme FitzOsbern e o conde Eustaquio II de Boloña.[88] As primeiras liñas estaban formadas por arqueiros, e tras eles unha liña de soldados de infantaría con lanzas.[90] Existe a probabilidade de que tamén houbese algúns besteiros e tirafondeiros xunto ós arqueiros.[88] A cabalaría mantívose na reserva,[90] e un pequeno grupo de cregos e serventes situouse na base de Telham Hill, aínda que estes non participarían na batalla.[88]
A disposición das forzas de Guillerme implica que planeaba comezar a batalla cos arqueiros nas primeiras liñas debilitando o inimigo con frechas, seguido da infantaría que pasaría ó combate corpo a corpo. A infantaría crearía espazos abertos nas liñas inglesas que poderían ser aproveitados polas cargas de cabalaría para atravesar as liñas inglesas e perseguir os soldados que fuxiran.[88]
Comezo da batalla
[editar | editar a fonte]A batalla comezou cos arqueiros normandos disparando cara ó muro de escudos inglés na parte superior do outeiro, sen acadar grandes resultados xa que o ángulo de disparo cara á cima provocou que as frechas rebotasen nos escudos ingleses ou pasasen por riba do obxectivo.[90][j] A falta de arqueiros ingleses prexudicou ós arqueiros normandos, que non tiñan suficientes frechas inglesas para recuperar e volver usar.[91] Tralo ataque inicial dos arqueiros, Guillerme enviou os lanceiros cara a adiante para atacar as liñas inglesas, ó que estes responderon lanzando unha chuvia de lanzas, machadas e pedras.[90] A infantaría normanda non foi quen de forzar aperturas no muro de escudos, e a cabalaría normanda avanzou para fornecer apoio.[91] A cabalaría tampouco conseguiu atravesar as liñas, o que deu comezo a unha retirada xeral, iniciada pola división bretoa do flanco esquerdo.[92] Entre os atacantes comezou a espallarse o rumor de que o duque Guillerme falecera, provocando a confusión entre as tropas. As forzas inglesas comezaron a perseguir os invasores que fuxían, pero Guillerme comezou a cabalgar entre os seus soldados, amosando a súa cara e gritando que aínda estaba vivo,[93] e pasou entón a liderar un contraataque contra os perseguidores ingleses. Uns poucos destes repregáronse nunha cuíña, pero non conseguiron conter os normandos.[92]
Descoñécese se Haroldo ordenou a persecución inglesa ou se foi espontánea. Wace relata que Haroldo ordenoulles ós seus homes que mantivesen a formación pero non existen máis rexistros que inclúan este detalle. O Tapiz de Bayeux representa a morte dos irmáns de Haroldo Gyrth e Leofwine xusto antes da loita na cuíña. Isto interpretouse como que os dous irmáns foron os que lideraron a persecución inglesa.[94] A obra Carmen de Hastingae Proelio relata unha historia distinta para a morte de Gyrth, afirmando que o duque Guillerme foi quen matou o irmán de Haroldo en combate, posiblemente pensando que era o propio Haroldo. Guillerme de Poitiers afirma que os corpos de Gyrth e Leofwine foron atopados preto do de Haroldo, implicando que faleceron posteriormente durante a batalla. O historiador militar Peter Marren especulou que se Gyrth e Leofwine pereceron no comezo da batalla, este feito podería ter empuxado a Haroldo a manterse na mesma e loitar ata a fin.[95]
Fuxidas simuladas
[editar | editar a fonte]A primeira hora da tarde houbo un momento de calma, cunha probable pausa na loita na que os soldados aproveitarían para descansar e comer.[94] Guillerme aproveitou este tempo para adoptar unha nova estratexia, probablemente inspirada pola persecución previa dos ingleses que foron arrodeados polos normandos. Nesta nova táctica, os normandos enviarían a súa cabalaría contra o muro de escudos e atraerían os ingleses a realizar novas persecucións, o que podería provocar crebaduras nas liñas inglesas.[96] Guillerme de Poitiers afirmou que esta táctica foi levada a cabo en dúas ocasións durante a batalla. Existen argumentos que indican que o reconto dos cronistas coetáneos desta táctica tiñan a intención de escusar a retirada das tropas normandas da batalla, máis é improbable que ese fose o motivo, xa que a retirada inicial tamén se trata con detalle e hai rexistros do uso desta mesma táctica por parte doutros exércitos normandos nesa mesma época.[94][k] Algúns historiadores argumentaron que a historia do uso da fuxida simulada como unha táctica deliberada foi inventada trala batalla, pero a maioría de historiadores concorda en que os normandos fixeron uso dela en Hastings.[97]
Malia que as fuxidas simuladas non racharon as liñas inglesas, axudaron a reducir o número de housecarls presentes no muro de escudos inglés, os que substituíron membros do fyrd, mantendo así o muro de escudos.[94] Os arqueiros volveron tomar parte na loita antes e durante un asalto da cabalaría e da infantaría liderado polo duque Guillerme. Malia que as fontes do século XII afirman que os arqueiros tiñan ordes de disparar cun grande ángulo sobre o muro de escudos, non hai rexistro de dita acción nos recontos máis coetáneos.[98] Non se coñece con exactitude cantos asaltos lanzaron os normandos contra as liñas inglesas, pero algunhas fontes si teñen rexistro de varias accións de batalla por parte dos normandos e dos ingleses que tiveron lugar durante a loita pola tarde.[99] O Carmen de Hastingae Proelio afirma que dous dos cabalos que montou o duque Guillerme morreron mentres cabalgaba durante a loita, aínda que a crónica de Guillerme de Poitiers's afirma que foron tres cabalos os que pereceron desta forma.[100]
Morte de Haroldo
[editar | editar a fonte]Haroldo pereceu cara ó final da batalla, aínda que as fontes presentan contradicións neste feito. Guillerme de Poitiers só menciona a súa morte, sen fornecer detalles de como sucedeu. O Tapiz de Bayeux tampouco ofrece información conclusiva ó respecto. Nel represéntase unha figura agarrando unha frecha cravada no seu ollo xunto a outro guerreiro caendo polo golpe dunha espada. Sobre ámbalas dúas figuras indícase a frase "Aquí morreu o rei Haroldo".[98] Non se coñece con certeza que figura representa a Haroldo, ou se ámbalas dúas son a súa mesma representación.[101][l] O primeiro rexistro escrito da historia tradicional que indica que Haroldo morreu ó recibir unha frecha no ollo data dos anos 1080, procedente dunha historia dos normandos escrita por un monxe italiano, Amado de Montecassino.[102][m] Guillerme de Malmesbury indicou que Haroldo morreu ó recibir unha frecha no ollo que lle atravesou o cerebro, e que un cabaleiro feriuno ó mesmo tempo. Wace repite esta narración da frecha no ollo. O Carmen de Hastingae Proelio afirma que o duque Guillerme foi quen matou a Haroldo, pero isto considérase pouco probable xa que de ser así deberían existir máis rexistros escritos deste feito.[98] O escrito de Guillerme de Jumièges considérase aínda menos probable, xa que indica que Haroldo pereceu pola mañá durante a primeira loita. A obra Chronicle of Battle Abbey afirma que non se coñece quen matou a Haroldo, xa que a súa morte tivo lugar no fragor da batalla.[104] O biógrafo Ian Walker afirma que Haroldo probablemente finou ó recibir unha frecha no ollo, aínda que tamén indica a posibilidade de que recibise unha ferida mortal por parte dun cabaleiro normando ademais desta ferida mortal no ollo.[105] Pola súa banda o biógrafo Peter Rex, tras revisar as distintas crónicas do feito, concluíu que non é posible declarar de forma conclusiva como morreu Haroldo realmente.[103]
A morte de Haroldo deixou o exército inglés sen líder, e comezou o seu colapso.[96] Moitos dos soldados fuxiron, aínda que os soldados da corte real se reuniron xunto o corpo de Haroldo e continuaron a loita ata o final.[98] Os normandos comezaron a perseguir as tropas inglesas que fuxían, e agás por unha acción na retagarda no lugar coñecido como Malfosse 'gabia funesta', a batalla concluíu.[96] Non se coñecen con certeza os eventos exactos no lugar de Malfosse nin o seu lugar exacto, pero si que varios ingleses foron alí atacados polas forzas do duque mentres fuxían, e que foi alí onde Eustaquio de Boulogne resultou gravemente ferido.[106]
Resultado da batalla
[editar | editar a fonte]A derrota de Haroldo atribúese a varias circunstancias, unha delas a necesidade de defenderse de dúas invasións case simultáneas. O feito de que Haroldo retirase as súas forzas no sur de Inglaterra o 8 de setembro tamén contribuíu a súa derrota. Varios historiadores indican que Haroldo tivo a culpa de non apresurarse cara ó sur e de non reunir máis forzas antes de enfrontarse a Guillerme en Hastings, aínda que non teñen claro que as forzas que si conseguiu reunir fosen insuficientes para vencer o exército de Guillerme.[107] Por outra banda, a duración da batalla, que durou un día completo, indica que as forzas inglesas non se viron prexudicadas polo cansazo trala súa marcha cara ó sur.[108] Outro factor indicado polos historiadores é a posibilidade de que Haroldo non confiase nos condes Edwin de Mercia e Morcar de Northumbria tras derrotar a Tostig, e o feito de que declinase levalos consigo a eles e ós seus exércitos cara ó sur.[107] Segundo Marren, un dos motivos polos que Haroldo apresurou o comezo da batalla foi o de conter os estragos provocados por Guillerme no sur e previr que se vise libre de actuar fóra da súa cabeza de praia.[109]
Considérase que gran parte da culpa da derrota reside nos propios eventos da batalla.[107] Guillerme era un líder militar máis experimentado,[110] e a falta de cabalaría no bando inglés limitou as opcións tácticas de Haroldo.[108] Algúns escritores criticaron a Haroldo por non aproveitar a oportunidade que lle ofreceu o rumor da morte de Guillerme nos primeiros compases da batalla.[111] Considérase tamén que os ingleses non actuaron correctamente ó non manterse estritamente á defensiva, xa que cando perseguiron os normandos que fuxían expuxeron os seus flancos a un ataque.[109] O que non está claro para os historiadores é se isto se debeu á inexperiencia dos comandantes ingleses ou á indisciplina dos seus soldados.[110] Finalmente, a morte de Haroldo foi decisiva para a batalla, xa que deu paso á desbandada e á desorde das forzas inglesas.[108] O historiador David Nicolle afirmou que o exército de Guillerme "demostrou, non sen dificultades, a superioridade das tácticas mixtas de cabalería e infantería dos normandos sobre as tradicións xermano-escandinavas de infantería dos anglosaxóns".[112]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]O día despois da batalla foi identificado o corpo de Haroldo, ben pola súa armadura ou polas marcas do seu corpo.[n] O seu estandarte persoal foi presentado perante Guillerme,[113] e enviado posteriormente ó papado.[98] Os corpos dos ingleses que finaron na batalla, incluíndo algúns dos irmáns e housecarls de Haroldo, deixáronse no campo de batalla,[114] aínda que algúns levaron os dos seus familiares posteriormente.[115] Os normandos que pereceron na batalla foron soterrados nunha gran tumba comunal, da que se descoñece a súa localización.[116][o]
Descoñécense os números exactos de baixas. As fontes indican que o número de ingleses falecidos foi dun 50% dos que tomaron parte na batalla, aínda que algúns historiadores consideran este número demasiado alto. Dos normandos que loitaron en Hastings, as fontes afirman que un de cada sete faleceu na batalla, pero contan só os nobres, polo que a proporción de falecidos podería ter sido maior. Malia que os números de Orderic Vitalis están esaxerados,[p] a súa proporción dun de cada catro baixas considérase máis acertada. Marren especulou que probablemente uns 2 000 normandos e outros 4 000 ingleses morreron na batalla de Hastings.[117]
Unha historia tradicional relata que Gytha, a nai de Haroldo, ofreceulle ó duque Guillerme o peso do seu fillo en ouro pola súa custodia, pero a oferta foi rexeitada. Guillerme ordenou que o corpo de Haroldo fose tirado ó mar, mais o lugar onde isto tivo lugar non se coñece con certeza.[114] Outra historia tradicional relata que Haroldo foi soterrado no cumio dun cantil.[116] Os monxes da abadía de Waltham, fundada por Haroldo, afirmaron anos despois que o seu corpo fora soterrado alí en segredo.[114] Outras lendas chegan a afirmar que Haroldo non pereceu en Hastings, senón que escapou e converteuse nun eremita en Chester[115]
Guillerme esperaba a rendición do resto de líderes ingleses trala vitoria, pero en lugar diso Edgar Ætheling foi proclamado rei polo Witenagemot,[118] co apoio dos condes Edwin e Morcar, de Stigand, o arcebispo de Canterbury, e de Ealdred, o arcebispo de York.[119] Guillerme avanzou entón cara a Londres, marchando pola costa de Kent. Derrotou a unha forza inglesa en Southwark pero non conseguiu asegurar a Ponte de Londres, polo que tivo que entrar na capital seguindo un camiño alternativo.[120] Seguiu polo val do Támese para cruzar o río en Wallingford, e achegouse a Londres polo noroeste.[121]. Tras varios enfrontamentos na cidade, os líderes ingleses rendéronse en Berkhamsted, Hertfordshire, e Guillerme foi proclamado rei de Inglaterra e coroado por Ealdred o 25 de decembro de 1066 na abadía de Westminster.[120]
Malia submisión dos nobres ingleses, os movementos de resistencia anglosaxoa continuaron durante varios anos.[122] Houbo rebelións en Exeter a finais de 1067, unha invasión por parte dos fillos de Haroldo Hadrada a mediados do ano 1068 e unha revolta en Northumbria en 1068.[123] En 1069 Guillerme tivo que enfrontarse a máis rebeldes en Northumbria, a unha frota invasora danesa, e a varias rebelións no sur e oeste de Inglaterra. Estes eventos, tratados por Guillerme de forma implacable, culminaron no masacre do norte a finais de 1069 e comezos de 1070 que devastou varias partes do norte de Inglaterra.[124] Unha última rebelión tivo lugar en 1070 liderada por Hereward o Proscrito en Ely, que foi derrotada tamén polo rei.[125]
Legado
[editar | editar a fonte]Guillerme fundou a abadía de Battle no lugar da batalla. Segundo fontes do século XII, Guillerme fixo o voto de fundar a abadía, e situar o altar maior da igrexa no lugar onde Haroldo falecera,[96] aínda que se considera máis probable que legados papais impuxeran a fundación da mesma no ano 1070.[126] A topografía do campo de batalla resultou alterada pola posterior construción da abadía, polo que a costa que defenderon as tropas inglesas quedou con menos pendente do que era no momento da batalla, e a crista do cumio tamén foi nivelada.[75] Trala disolución dos mosteiros no século XVI, as terras da abadía pasaron a mans seculares, que empregaron a edificación como residencia de campo.[127] En 1976 o terreo foi posto á venda e o goberno adquiriuno con axuda de varios doantes estadounidenses.[128] O campo de batalla e os terreos da abadía pasaron a estar baixo a administración da fundación English Heritage, manténdose abertos ó público.[129] O Tapiz de Bayeux representa unha narrativa en bordado dos eventos de Hastings, e foi probablemente comisionada por Odo de Bayeux pouco despois da batalla.[130] En tempos modernos comezou a facerse unha representación anual da Batalla de Hastings no lugar orixinal da batalla, á que asisten miles de participantes e espectadores cada ano.[131][132]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Algunhas fontes da época indican a data da súa morte no 4 de xaneiro.[10]
- ↑ A lista de navíos sobreviventes indica un número de 776 barcos, pertencentes a 14 nobres normandos.[29] Esta lista non inclúe o barco insignia de Guillerme, o Mora, que recibiu da súa muller Matilda de Flandres. O Mora aparece representado no Tapiz de Bayeux cun mascarón con forma de león.[30]
- ↑ O cometa aparece representado no Tapiz de Bayeux, conectado coa coroación de Haroldo, aínda que realmente apareceu posteriormente a este feito, do 24 de abril ata o 1 de maio de 1066. A imaxe do tapiz é a representación máis antiga que se conserva do cometa Halley.[33]
- ↑ A maioría de historiadores modernos están de acordo nesta data,[35][36][37][38][39][40] aínda que algunhas fontes da época indican que o desembarco de Guillerme tivo lugar o 29 de setembro.[41]
- ↑ A maioría de crónicas coetáneas indican o lugar do desembarco en Pevensey. Só a versión E da Crónica anglosaxoa indica que o desembarco tivo lugar en Hastings.[41] A maioría de crónicas modernas tamén indican que o exército de Guillerme desembarcou en Pevensey.[30][36][37][38][39][42][43][44][45][46][47][48]
- ↑ Deses 35, 5 faleceron na batalla: Roberto de Vitot, Engenulfo de Laigle, Roberto FitzErneis, Roger fillo de Turold e Taillefer.[62]
- ↑ O número de 400 000 indícase en Romance de Rou de Wace, e o número de 1 200 000 procede de Carmen de Hastingae Proelio.[66]
- ↑ Varios deles pereceron na batalla: Haroldo, Gyrth, Leofwine, Godric o sheriff, Thurkill de Berkshire, Breme e un só coñecido como o "fillo de Helloc".[62]
- ↑ Este foi o nome popularizado por Edward Freeman,[77] un historiador vitoriano que escribiu un dos recontos da batalla considerado como un dos máis definitivos.[78]
- ↑ Existe tamén unha historia que indica que a primeira loita en Hastings foi entre un menestrel chamado Taillefer e algúns soldados ingleses que procede de tres fontes: o Carmen de Hastingae Proelio, o Romance de Rou de Wace e o reconto do século XII de Enrique de Huntingdon.[88] Esta historia ten dúas versións. Nunha delas Taillefer entreten ó exército normando antes da batalla facendo malabarismos cunha espada pero entón mata a un soldado inglés enviado para matalo. Na outra historia o menestrel carga contra os ingleses e mata a dous deles antes de perecer.[82]
- ↑ Outros exemplos de fuxidas simuladas inclúen os da Batalla de Arques sobre o ano 1052, a Batalla de Messina en 1060 e a Batalla de Cassel en 1071.[94]
- ↑ O Tapiz presenta evidencias dunha restauración no século XIX que modificou a posición da frecha a través do ollo da figura representada, o que se suma a súa imprecisión neste aspecto.[101]
- ↑ A crónica de Amado non se considera totalmente fiable xa que tamén afirma que o duque Guillerme comandou a uns 100 000 soldados na batalla de Hastings.[103]
- ↑ Unha tradición do século XII afirma que a cara de Haroldo non estaba recoñecible e que Edith a Fermosa, a súa muller de feito, foi levada ata o campo de batalla para identificar o seu corpo por marcas corporais que só ela coñecía.[106]
- ↑ Marren indica que é posible que o lugar da tumba estivera localizado xusto baixo a Abadía de Battle.[116]
- ↑ Vitalis afirma que no bando de Guillerme pereceron 15 000 soldados dun total de 60 000 que tomaron parte na batalla.[117]
- Referencias
Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.
- ↑ Bates 1982, pp. 8–10
- ↑ 2,0 2,1 Crouch, David (2007). The Normans: The History of a Dynasty (en inglés). Hambledon & London. pp. 15–16. ISBN 1-85285-595-9.
- ↑ Bates 1982, p. 12
- ↑ Bates 1982, pp. 20–21
- ↑ Hallam, Elizabeth M.; Everard, Judith (2001). Capetian France 987–1328 (2ª ed.). Nova York: Longman. p. 53. ISBN 0-582-40428-2.
- ↑ Williams, Ann (2003). Æthelred the Unready: The Ill-Counselled King. Londres: Hambledon & London. p. 54. ISBN 1-85285-382-4.
- ↑ Huscroft 2005, p. 3
- ↑ Stafford 1989, pp. 86–99
- ↑ Fryde, E. B.; Greenway, D. E.; Porter, S.; Roy, I. (1996). Handbook of British Chronology (3ª ed.). Cambridge University Press. p. 29. ISBN 0-521-56350-X.
- ↑ Barlow, Frank (1970). Edward the Confessor. Berkeley, CA: University of California Press. p. 250. ISBN 0-520-01671-8.
- ↑ 11,0 11,1 Higham 2000, pp. 167–181
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Ibeji, Mike (17 de febreiro de 2011). "1066". BBC History (en inglés).
- ↑ Walker 2000, pp. 136–138
- ↑ Huscroft 2009, pp. 132–133
- ↑ Stafford 1989, pp. 86–87
- ↑ Bates 2001, pp. 103–104
- ↑ Bates 2001, pp. 73–77
- ↑ Higham 2000, pp. 188–190
- ↑ Huscroft 2005, pp. 12–14
- ↑ Walker 2000, pp. 144–145
- ↑ Walker 2000, pp. 154–158
- ↑ 22,0 22,1 Nicolle, David (1999). Medieval Warfare Source Book: Warfare in Western Christendom. Dubai: Brockhampton Press. pp. 69–71. ISBN 1-86019-889-9.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 Marren 2004, pp. 55–57
- ↑ Coredon, Christopher (2007). A Dictionary of Medieval Terms & Phrases. Woodbridge, Reino Unido: D. S. Brewer. p. 154. ISBN 978-1-84384-138-8.
- ↑ 25,0 25,1 Gravett 1992, pp. 28–34
- ↑ Walker 2000, pp. 144–150
- ↑ Walker 2000, pp. 158–165
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Bates 2001, pp. 79–89
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 Gravett 1992, pp. 20–21
- ↑ 30,0 30,1 30,2 Marren 2004, pp. 91–92
- ↑ Huscroft 2009, pp. 120–122
- ↑ Douglas 1964, p. 181
- ↑ Musset, Lucien; Rex, Richard (tradutor) (2005). The Bayeux Tapestry. Woodbridge, Reino Unido: Boydell Press. p. 176. ISBN 1-84383-163-5.
- ↑ Douglas 1964, p. 192
- ↑ Gravett 1992, p. 50
- ↑ 36,0 36,1 Huscroft 2009, p. 123
- ↑ 37,0 37,1 Barlow, Frank (1988). The Feudal Kingdom of England 1042–1216 (4ª ed.). Nova York: Longman. p. 81. ISBN 0-582-49504-0.
- ↑ 38,0 38,1 Stenton, F. M. (1971). Anglo-Saxon England (3ª ed.). Oxford University Press. p. 591. ISBN 978-0-19-280139-5.
- ↑ 39,0 39,1 Thomas 2007, p. 35
- ↑ Douglas 1964, p. 195
- ↑ 41,0 41,1 Lawson 2002, p. 176
- ↑ Bennett 2001, p. 37
- ↑ Gravett 1992, pp. 47–49
- ↑ Huscroft 2005, p. 15
- ↑ Stafford 1989, p. 100
- ↑ Bates 2001, p. 86
- ↑ Walker 2000, p. 166
- ↑ Rex 2005, p. 221
- ↑ Lawson 2002, p. 179
- ↑ Carpenter, David (2004). The Struggle for Mastery: The Penguin History of Britain 1066–1284. Nova York: Penguin. p. 72. ISBN 0-14-014824-8.
- ↑ Marren 2004, p. 93
- ↑ Huscroft 2009, p. 124
- ↑ Marren 2004, pp. 94–95
- ↑ 54,0 54,1 Lawson 2002, pp. 180–182
- ↑ 55,0 55,1 Marren 2004, pp. 99–100
- ↑ Bennett 2001, p. 25
- ↑ 57,0 57,1 Lawson 2002, pp. 163–164
- ↑ Bennett 2001, p. 26
- ↑ Marren 2004, pp. 89–90
- ↑ Gravett 1992, p. 27
- ↑ Marren 2004, pp. 108–109
- ↑ 62,0 62,1 62,2 Marren 2004, pp. 107–108
- ↑ Gravett 1992, pp. 15–19
- ↑ Gravett 1992, p. 22
- ↑ Gravett 1992, pp. 24–25
- ↑ 66,0 66,1 Lawson 2002, p. 128
- ↑ Lawson 2002, pp. 130–133
- ↑ Marren 2004, p. 105
- ↑ 69,0 69,1 Gravett 1992, pp. 29–31
- ↑ Marren 2004, p. 52
- ↑ Bennett, Matthew; Bradbury, Jim; DeVries, Kelly; Dickie, Iain; Jestice, Phyllis (2006). Fighting Techniques of the Medieval World AD 500–AD 1500: Equipment, Combat Skills and Tactics. Nova York: St Martin's Press. pp. 21–22. ISBN 978-0-312-34820-5.
- ↑ 72,0 72,1 72,2 Lawson 2002, pp. 183–184
- ↑ Marren 2004, p. 114
- ↑ Lawson 2002, pp. 212–213
- ↑ 75,0 75,1 Gravett 1992, p. 91
- ↑ Marren 2004, p. 101
- ↑ 77,0 77,1 Lawson 2002, p. 57
- ↑ Lawson 2002, p. 129
- ↑ Freeman, Edward A. (1869). The History of the Norman Conquest of England: Its Causes and Results III. Oxford: Clarendon Press. pp. 743–751. OCLC 186846557.
- ↑ Marren 2004, p. 157
- ↑ 81,0 81,1 81,2 Gravett 1992, p. 59
- ↑ 82,0 82,1 Marren 2004, p. 116
- ↑ 83,0 83,1 Lawson 2002, pp. 186–187
- ↑ Huscroft 2009, pp. 125–126
- ↑ 85,0 85,1 Bennett 2001, p. 40
- ↑ "Description of Battle Abbey and Battlefield". English Heritage. Consultado o 30 de setembro de 2016.
- ↑ 87,0 87,1 Lawson 2002, pp. 190–191
- ↑ 88,0 88,1 88,2 88,3 88,4 88,5 88,6 88,7 Gravett 1992, p. 64
- ↑ Lawson 2002, p. 192
- ↑ 90,0 90,1 90,2 90,3 90,4 90,5 90,6 Gravett 1992, p. 41
- ↑ 91,0 91,1 Gravett 1992, pp. 65–67
- ↑ 92,0 92,1 Bennett 2001, p. 42
- ↑ Gravett 1992, p. 68
- ↑ 94,0 94,1 94,2 94,3 94,4 Gravett 1992, pp. 72–73
- ↑ Marren 2004, pp. 127–128
- ↑ 96,0 96,1 96,2 96,3 Bennett 2001, p. 43
- ↑ Marren 2004, p. 130
- ↑ 98,0 98,1 98,2 98,3 98,4 Gravett 1992, pp. 76–78
- ↑ Marren 2004, pp. 131–133
- ↑ Marren 2004, p. 135
- ↑ 101,0 101,1 Lawson 2002, pp. 207–210
- ↑ Marren 2004, p. 138
- ↑ 103,0 103,1 Rex 2005, pp. 256–263
- ↑ Marren 2004, p. 137
- ↑ Walker 2000, pp. 179–180
- ↑ 106,0 106,1 Gravett 1992, p. 80
- ↑ 107,0 107,1 107,2 Lawson 2002, pp. 217–218
- ↑ 108,0 108,1 108,2 Huscroft 2009, p. 130
- ↑ 109,0 109,1 Marren 2004, p. 152
- ↑ 110,0 110,1 Lawson 2002, pp. 219–220
- ↑ Walker 2000, pp. 180–181
- ↑ Nicolle, David (1987). The Normans. Oxford, Reino Unido: Osprey. p. 20. ISBN 1-85532-944-1.
- ↑ Rex 2005, p. 253
- ↑ 114,0 114,1 114,2 Huscroft 2009, p. 131
- ↑ 115,0 115,1 Gravett 1992, p. 81
- ↑ 116,0 116,1 116,2 Marren 2004, p. 146
- ↑ 117,0 117,1 Marren 2004, pp. 147–149
- ↑ Bennett 2001, p. 91
- ↑ Douglas 1964, pp. 204–205
- ↑ 120,0 120,1 Douglas 1964, pp. 205–206
- ↑ Bennett 2001, p. 45
- ↑ Douglas 1964, p. 212
- ↑ Bennett 2001, pp. 49–50
- ↑ Bennett 2001, pp. 51–53
- ↑ Bennett 2001, pp. 57–60
- ↑ Coad 2007, p. 32
- ↑ Coad 2007, pp. 42–46
- ↑ Coad 2007, p. 48
- ↑ Marren 2004, p. 165
- ↑ Coad 2007, p. 31
- ↑ "Normans fight Saxons... and the rain". BBC News. 13 de outubro de 2000. Consultado o 22 de agosto de 2013.
- ↑ Richards, Stuart (14 de outubro de 2006). "King Harold and William square up". BBC News. Consultado o 22 de agosto de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Hastings |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bates, David (1982). Normandy Before 1066 (en inglés). Londres: Longman. ISBN 0-582-48492-8.
- Bates, David (2001). William the Conqueror (en inglés). Stroud, Reino Unido: Tempus. ISBN 0-7524-1980-3.
- Bennett, Matthew (2001). Campaigns of the Norman Conquest. Essential Histories (en inglés). Oxford: Osprey. ISBN 978-1-84176-228-9.
- Coad, Jonathan (2007). Battle Abbey and Battlefield. English Heritage Guidebooks (en inglés). Londres: English Heritage. ISBN 978-1-905624-20-1.
- Douglas, David C. (1964). William the Conqueror: The Norman Impact Upon England (en inglés). Berkeley: University of California Press. OCLC 399137.
- Gravett, Christopher (1992). Hastings 1066: The Fall of Saxon England. Campaign (en inglés) 13. Oxford: Osprey. ISBN 1-84176-133-8.
- Higham, Nick (2000). The Death of Anglo-Saxon England (en inglés). Stroud, Reino Unido: Sutton. ISBN 0-7509-2469-1.
- Huscroft, Richard (2005). Ruling England 1042–1217 (en inglés). Londres: Pearson/Longman. ISBN 0-582-84882-2.
- Huscroft, Richard (2009). The Norman Conquest: A New Introduction (en inglés). Nova York: Longman. ISBN 1-4058-1155-2.
- Lawson, M. K. (2002). The Battle of Hastings: 1066 (en inglés). Stroud, UK: Tempus. ISBN 0-7524-1998-6.
- Marren, Peter (2004). 1066: The Battles of York, Stamford Bridge & Hastings. Battleground Britain (en inglés). Barnsley, Reino Unido: Leo Cooper. ISBN 0-85052-953-0.
- Stafford, Pauline (1989). Unification and Conquest: A Political and Social History of England in the Tenth and Eleventh Centuries (en inglés). Londres: Edward Arnold. ISBN 0-7131-6532-4.
- Rex, Peter (2005). Harold II: The Doomed Saxon King (en inglés). Stroud, Reino Unido: Tempus. ISBN 978-0-7394-7185-2.
- Thomas, Hugh (2007). The Norman Conquest: England after William the Conqueror. Critical Issues in History (en inglés). Lanham: Rowman & Littlefield Publishers, Inc. ISBN 0-7425-3840-0.
- Walker, Ian (2000). Harold the Last Anglo-Saxon King (en inglés). Gloucestershire, Reino Unido: Wrens Park. ISBN 0-905778-46-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "1066 Battle of Hastings, Abbey and Battlefield". English Heritage (en inglés).