Rotíferos
Rotiferos | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Philodina alimentándose | ||||||||
Clasificación científica | ||||||||
| ||||||||
Clases | ||||||||
Os Rotíferos ou Rotifera constitúen un filo de animais pseudocelomados microscópicos (entre 0,1 e 0,5 mm) acuáticos. O nome de rotífero provén do latín rota (roda) e ferre (levar), é dicir, “portadores de rodas”, en referencia ao seu aparato succionador, a coroa, que lembra unha coroa real ou unha serra dentada circular.
Foron descubertos por John Harris en 1696 (Hudson e Gosse, 1886), de quen se conservan debuxos datados en 1703, a pesar de que o achado adoita atribuírse de xeito equivocado a Leeuwenhoek.
Características
[editar | editar a fonte]Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Os rotíferos presentan simetría bilateral e corpo posúe unha cabeza, un tronco e unha cola ou pé. Os machos son raros e nalgunhas especies non se coñecen. Pódense diferenciar unhas especies doutras polo tipo de coroa que aparece na cabeza, pola forma do corpo e pola cuberta cuticular externa.
Cabeza
[editar | editar a fonte]O centro da cabeza non posúe cilios e leva o nome de rexión apical e está rodeada pola coroa de cilios. Na cabeza tamén ten unhas prolongacións dos órganos retrocerebrais.
Tronco
[editar | editar a fonte]O tronco é cilíndrico ou aplanado é presenta unha cuberta ou cutícula que varía dunhas especies a outras. Nalgúns casos é como unha caixa e noutros aparece segmentada en aneis o que lle permite cambiar a forma e lonxitude do corpo. No tronco poden aparecer unha ou dúas antenas dorsais e outras antenas laterais.
O pé ou cola
[editar | editar a fonte]O pé está cuberto de aneis cuticulares que remata ou nuns dedos que se moven nas especies nadadoras ou nun disco adhesivo nas especies fixas ou sésiles.
Aparato dixestivo
[editar | editar a fonte]Adoitan ter un tubo dixestivo moi completo, con boca, farinxe moi diferenciada con moitas pezas móbiles que fan o papel de mandíbulas. A coroa está composta de cilios que, ao moverse, crean pequenas correntes que atraen as partículas do contorno cara a ela. Da coroa pasan a unha farinxe e desta ao aparato mastigador denominado mástax, onde se trituran as partículas succionadas, para despois ser dixeridas no estómago e finalmente excretados os residuos pola cloaca. A coroa tamén a utilizan para desprazarse pola auga, a modo de turbohélice. No extremo oposto á coroa se distingue un pé (xeralmente un par de pés) co cal poden aferrarse ao substrato.
Cutícula
[editar | editar a fonte]Existen rotíferos cunha cutícula relativamente grosa e ríxida que dan ao animal un aspecto capsular; outros son flexibles e de aspecto e movemento vermiforme. Aínda que a gran maioría de rotíferos son nadadores, algúns son sésiles e viven no interior de tubos ou cápsulas xelatinosas. Arredor de 25 especies son coloniais (como Sinantherina semibullata).
Reprodución
[editar | editar a fonte]Na maioría de especies os machos son escasos, de forma que a reprodución por partenoxénese é bastante común. Ademais existe un marcado dimorfismo sexual xa que os machos existentes acostuman ter o aparato dixestivo atrofiado, e a súa existencia limítase á produción de esperma. A vida dunha femia oscila entre as 1-2 semanas. Algunhas especies son xerobiontes, é dicir, os seus ovos fertilizados se enquistan e crean formas de resistencia capaces de sobrevivir aos períodos de seca nos que o hábitat acuático desaparece por motivos estacionais. Ó ser rehidratados emerxen rapidamente (en menos de dúas horas) como organismos con capacidade natatoria. Algunhas especies producen un derivado do azucre trehalosa co que crean unha substancia xelatinosa que axuda a resistir á falta de auga ambiental.
Órganos sensoriais
[editar | editar a fonte]En toda a superficie do corpo hai moitas terminacións nerviosas. As cerdas teñen células sensoriais no seu pé. Na rexión apical teñen fosetas ciliadas con función quimiorreceptora, e tamén aparecen pelos sensoriais nalgúns casos. Os ollos poden aparecer en varios lugares como no cerebro, na coroa ou laterais. Moitos rotíferos presentan fototactismo positivo, é dicir nadan cara a luz.
Distribución
[editar | editar a fonte]Actualmente coñécense unhas 1.500-2.000 especies de rotíferos repartidos polas augas doces de todo o mundo, e incluso hai rotíferos de auga salgada ou de hábitats semiterrestres, entre os musgos e liques.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Rotíferos |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rotíferos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Meglitsch P.A.: Zoología de invertebrados. Ed. Pirámide.