Saltar ao contido

Xosé Lodeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «José Telmo Lodeiro Fernández»)
Modelo:BiografíaXosé Lodeiro
Biografía
Nacemento21 de outubro de 1930 Editar o valor en Wikidata
Teis, España Editar o valor en Wikidata
Morte30 de setembro de 1996 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Membro de

BNE: XX883580 BUSC: lodeiro-1930-1996

Xosé Telmo Lodeiro Fernández, nado en Teis, Vigo, o 21 de outubro de 1930 e finado na mesma cidade o 30 de setembro de 1996, foi un pintor galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A súa mocidade discorreu no barrio de Teis. En 1958 emigrou a París e despois a Suíza. Regresou a Vigo e en 1963 celebrou a súa primeira exposición no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. Autodidacta, partiu dun primeiro período de autodescubrimento, no que pintou paisaxes, bodegóns e a vida campesiña, pero sen deixar de indagar na obra doutros artistas nacionais e internacionais. Foi defensor da democratización ou socialización da arte, e promocionou a celebración da primeira exposición de arte ao aire libre en Vigo en 1968. O seu compromiso social, que ofrecía unha alternativa artística á ditadura, engrandeceuno como artista. Asociouse a grupos antifranquistas (Asociación Cultural de Vigo) e ás propostas de popularización da arte da Estampa Popular Galega. Presentou cadros cheos de cores estridentes, inauditos e cunha linguaxe persoal. A sobriedade das súas figuras e a peculiaridade da súa representación sobre fondos ermos ou planos multicolores, caracterizounas como un tipo de representación propia e exclusiva. Creou tamén espazos apocalípticos, aos que dotou de dimensión crítica e carácter inaccesible. A súa nova xeometría converteuse en abstracción, que conseguiu a partir da depuración de elementos emocionais, persoais e referenciais.

A mediados dos setenta mudou a súa actitude de loita contra o mundo e buscou a maneira de se relacionar con el. Así cambiou a sensación de sufrimento e temor da súa obra por algo máis intelectual e menos fácil de explicar. Foi unha nova forma de militancia na que construíu a súa propia realidade valéndose da abstracción xeométrica. En 1974 marchou a Bos Aires, onde foi acollido por Luís Seoane e retomou a paisaxe como tema único, de novo con formas abstractas.

Nos derradeiros anos da década retomou o compromiso social e durante a Transición evolucionou cara a unha vertente independentista, que deu lugar unha pintura máis fría e conceptual, exposta coa dos artistas de Atlántica. En 1982 viaxou a México, onde volveu ao xeometrismo, coa repetición de estruturas simples e bandas de cor progresivamente máis cálidas. Entre 1989 e 1990 fixo representacións de cuadrículas de múltiples formas (de inspiración organicista) e cores puras e intensas, cunha disposición reiterada pero sen aparente colocación. En 1995 apareceu As flores, derradeira serie do autor, representado monumentalmente e con extravagancia cromática, tratados para provocar temor e inquietude.

En 1994 recibiu o Premio da Crítica no apartado de Artes Plásticas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]