Saltar ao contido

Ganimedes (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ganímedes (mitoloxía)»)
Zeus en forma de aguia raptando a Ganimedes

Ganimedes[1] identifícase na mitoloxía grega como un fermoso príncipe troiano, descendente de Dárdano e fillo de Tros[2] e Calírroe (unha filla do deus-río Escamandro, que discorre próximo a Troia). Algunhas tradicións recollen que Ganimedes era fillo de Laomedonte, tamén rei de Troia, neto de Tros; ou de Erictonio[3].

Tros e Calírroe tiveron, antes de Ganimedes, outros tres fillos: Cleopatra, Ilo e Asáraco[4]. Este Asáraco disque foi avó de Anquises e bisavó de Eneas[5].

Sendo aínda novo, case adolescente, Ganimedes atopábase coidando os rabaños do seu pai Tros nas montañas próximas a Troia [6], e aconteceu que Zeus se namorou del pois tiña sona de ser "a un deus semellante, o máis fermoso dos mortais"[7].

Converténdose en aguia, Zeus baixou voando do monte Olimpo e raptouno; outras fontes afirman que Zeus ordenou á súa aguia que fixese o traballo. Pero tamén se di que o rapto foi cousa de Minos, Tántalo ou Eos, por encargo de Zeus[8]. As primeiras fontes que describen o mito (Homero, na Ilíada) non mencionan a presenza da aguia e di, simplemente, que o raptaron os deuses para Zeus. Son as versións máis tardías (Pseudo-Apolodoro, Virxilio, Ovidio) as que engaden este dato[9].

"O rei dos deuses ardeu noutro tempo de amor polo frixio Ganimedes, e atopou algo que Xúpiter prefería ser antes que o que era. Porén, non se digna transformarse en ave, a non ser a que poida levar os seus raios. Sen tardar, tras bater o aire coas súas falsas ás, raptou ó Ilíada, que agora prepara tamén as bebidas e serve o néctar a Xúpiter, contra a vontade de Xuno [Hera]]"
Ovidio X, 155-161

Xa no Olimpo, Ganimedes foi nomeado copeiro dos deuses e era quen servía o néctar na copa do deus. Ata este momento, esta función era realizada pola deusa Hebe, deusa da xuventude[10]. Como pago polos seus servizos, Ganimedes recibiu a eterna xuventude e a inmortalidade [11], e foi ascendido os ceos na forma da constelación de Acuario, o augador[12].

E para compensar a Tros pola perda do fillo, Zeus regaloulle -a través do seu mensaxeiro Hermes- dúas eguas[13] ou dous cabalos[14], os máis veloces do mundo, que podían correr pola superficie da auga, os "mellores cabalos que existen baixo a aurora e o sol"[15]; ou ben unha cepa de ouro que fixera Hefesto[16]. Estas eguas foron o pago que esixiu Heracles a Tros por matar ó monstro que enviara Poseidón contra a cidade e salvar a Hesíone, filla de Tros, de ser sacrificada ó devandito monstro. Tros aceptou o pago pero logo, unha vez que Heracles acabara co monstro, negouse a entregarlle os animais[17].

Como vimos, na Ilíada tratábase de cabalos, sementais. Anquises levou ás súas eguas onda eles, ás agachadas, e conseguiu que as montasen, obtendo como resultado seis poldros, dos que regalou dous ó seu fillo Eneas. Nun momento da guerra de Troia, Esténelo e Diomedes enfróntanse a Eneas e Pándaro (neto de Príamo). Diomedes aspira a conseguir os cabalos divinos de Eneas e dille a Esténelo:

"Se Atenea concédeme a gloria de matar ós dous contén os nosos veloces cabalos... e lembra correr polos cabalos de Eneas e levalos desde o campo dos troianos ata os dos aqueos. ¡Non en van son da raza que Zeus, de ancha voz, deu a Tros en pago polo seu fillo Ganimedes, de modo que son os mellores cabalos que existen baixo a aurora e o sol! O seños de guerreiros Anquises roubou a súa semente facendo que cubrisen ás súas eguas ás agachadas de Laomedonte, e nacéronlle seis poldriños no seu palacio; el quedou con catro deles e criounos persoalmente nas súas cortes, mentres que a Eneas lle entregou os outros dous cabalos: se os capturásemos conquistaríamos entón unha eximia gloria"
Ilíada V, 260-274

Diomedes matou a Pándaro e deixou malferido a Eneas (ó que salvou en última instancia a súa nai [[Afrodita[[) e Esténelo captura os seus cabalos[18].

Ganimedes nas artes

[editar | editar a fonte]

O tema foi tratado ata a saciedade na cerámica, pintura e escultura desde a antigüidade ata o presente, e pode interpretarse como unha lexitimación da pederastia na Grecia antiga, coñecida, entendida e aceptada polo adolescente e a súa familia, e nada ten que ver coa pedofilia[19]. Lémbrese a recompensa recibida polo pai. En certos vasos de antes do período clásico, no denominado Estilo severo, pode observarse que tamén Hermes perseguía ó rapaz[20].

Nas primeiras representacións do mito, ata o século IV a. C., é o propio Zeus o autor do rapto. A partir desa data irase impoñendo a autoría da aguia, sexa o propio Zeus, sexa a aguia de Zeus; existen algúns vasos nos que é un cisne quen o fai, pero esta variante non terá continuidade.

En Roma abundarán as esculturas e relevos de Ganimedes como pastor, por veces acompañado dunha aguia ou un can, e tocado cun gorro frixio, indicador da súa orixe troiana. Coa implantación do Cristianismo non se deixará de representar, a pesar da homosexualidade evidente, pois se pode interpretar como unha alma pura. A imaxe do rapto apenas admite variacións entre as representacións renacentistas (por exemplo, nas portas de bronce da Basílica de San Pedro, Filarete, 1433; ou a escultura de Benvenuto Cellini) ata Rubens, Moreau, Thorvaldsen, etc.

Canto á literatura, aparece citado, sen nomealo, na traxedia Las Troyanas, de Eurípides, cando o coro, formado polas mulleres troianas capturadas e sorteadas como escravas dos gregos, lle botan en cara que, estando a carón de Zeus, non intercedeu polos seus compatriotas.

  1. "Ganimedes". Diciopedia do século 21 2. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 971. 
  2. Tros é o epónimo de Troia, a terra na que gobernaba era a Tróade e os seus habitantes pasaron de denominarse dárdanos a ser coñecidos como troianos.
  3. Hixino 271.
  4. Apolodoro III, 12.2.
  5. Ilíada XX, 240; Grimal, px. 128.
  6. Os distintos autores non concordan co lugar onde se producen os feitos. Para uns foi no monte Ida, na costa noroeste de Asia Menor (Anatolia), onde se fundaría a cidade de Troia; e para outros en Creta, en Eubea ou en Misia.
  7. Ilíada XX, 233.
  8. Grimal, s. v. Ganimedes.
  9. "A este último raptouno pola súa beleza Zeus por medio dunha aguia" (Apolodoro II, 12, 2); "O alado escudeiro de Xove [Xúpiter] levouno ó alto desde o Ida nas súas curvas poutas (Eneida V, 254-255).
  10. Dise que esta postergación de Hebe irritou á súa nai, Hera, pero as súas queixas non serviron de nada (Graves, px. 131).
  11. Hixino 224, 5.
  12. Graves, px. 131.
  13. Apolodoro II, 5.9; Eurípides: Las Troyanas 807.
  14. Grimal, s. v. Ganimedes.
  15. Ilíada V, 267.
  16. Con esta mesma cepa de ouro, Príamo subornaría ó seu irmán Titono para que mandase a Memnón na axuda de Troia (Graves, px. 739).
  17. Apolodoro II, 5.9.
  18. Ilíada V, 323.
  19. Raquel López Melero: Breve historia del mundo antiguo, Editorial Universitaria Ramón Areces (1ª ed. 2010, 3ª reimpr. 2017), px. 271-272.
  20. Elvira Barba, px. 112.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]