Saltar ao contido

Compostaxe

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Compost»)

Composteiro.

A compostaxe[1] é un proceso de xestión de lixo que consiste en reintegrar os materiais de refugallo orgánicos no proceso produtivo do solo como fertilizante en base a unha descomposición aerobia. En realidade, a compostaxe non é máis ca reproducir, nunhas circunstancias particulares e controladas, o proceso habitual da natureza para a xestión da materia orgánica en descomposición.

O material produto da compostaxe é o compost[2]. O estrume é unha variante particular de compost.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Composteiro artesanal

A compostaxe é un proceso de xestión de lixo, común a todo o século XX, pero particularmente difundido dende comezos do século XXI coma resposta ao problema do tratamento do lixo nas áreas urbanas e coma medida alternativa á incineración e ás súas consecuencias sobre o efecto invernadoiro.

O compost é un fertilizante que, combinado coa terra, outórgalle aos solos nutrientes necesarios para o cultivo e o desenvolvemento vexetal. A compostaxe pode realizarse sobre calquera volume de materia orgánica, pero as formas máis habituais son:

  • A compostaxe comunitaria, onde un concello ou autoridade xestiona a materia orgánica dunha poboación máis ou menos ampla.
  • A compostaxe caseira, onde as unidades familiares tratan os seus propios residuos.

A principal desvantaxe do primeiro é que, ao non controlar o proceso de selección de lixo, a compostaxe pode perder calidade e incluso estragarse por completo. A desvantaxe do segundo é que reduce a incidencia da compostaxe ao supor unha tarefa máis para os cidadáns e ao restinxir os participantes a aqueles que poidan darlle unha saída ao composto (propietarios de hortas e xardíns).

A técnica agrícola de utilización de abonos orgánicos xa era coñecida polos romanos. Catón, no seu tratado De agricultura, xa menciona o tratamento do esterco [3], e tamén así o denomina Shakespeare centos de anos máis tarde no Hamlet, empregando xa a palabra inglesa compost[4]. As técnicas tradicionais de cultivo da terra empregaron este sistema, e o procedemento de engadir estrume (mestura de esterco de animais con residuos vexetais, fundamentalmente toxo) ás leiras foi unha práctica común en Galicia ata finais do século XX.

Pero o desenvolvemento da compostaxe como técnica agrícola alternativa ao uso de fertilizantes químicos tivo que agardar ao comezo do século XX. O botánico e técnico agrícola Albert Howard realizou entre 1905 e 1939 diversos experimentos de descomposición aerobia con fins agrícolas nunha granxa na cidade de Indore, na actual India, onde demostrou que os cultivos producidos coa axuda de compost resultaban máis exitosos e resistentes ás enfermidades cós cultivados con abonos artificiais[5]. O método por el deseñado, coñecido como "compostaxe Indore", integra tres partes de residuos orgánicos vexetais e unha parte de esterco.

A partir dos seus experimentos comezan a desenvolverse asociacións de agricultura ecolóxica, coma a estadounidense Organic Farming and Gardening (1942) ou a británica Soil Association (1946). O movemento con todo non consegue unha ampla difusión ata que na década dos setenta as principais asociacións ecoloxistas mundiais comezan campañas de promoción e ata que na década dos noventa os gobernos occidentais comezan a integrar a práctica da compostaxe nos seus plans de tratamento de residuos.

Compoñentes da compostaxe

[editar | editar a fonte]

Para que a compostaxe se realice correctamente é necesario que exista un equilibrio entre os seus compoñentes e unha axeitada proporción de auga e aire. O equilibrio refírese aos materiais ricos en carbono e en hidróxeno. O recomendábel é que a proporción entre a achega de carbono e de hidróxeno sexa de 30:1, o que supón aproximadamente que debemos engadir tanta cantidade de materiais ricos en carbono coma en hidróxeno[6].

Son materiais ricos en hidróxeno a herba, o lixo xerado na cociña (restos de froita e verdura, casca de ovo, sobras do café e das infusións, faragullas de pan e varreduras), o esterco e excrementos do gando, argazos, as ortigas ou o toxo. Son materiais ricos en carbono a palla, as follas mortas, os restos de plantas vellas, o papel, o cartón, os anacos e achiñas de madeira e as cinzas da lareira.

Ademais, o monte de material en proceso de compostaxe debe estar sempre húmido (pero non lavado, de maneira que se se adoitan cubrir os composteiros e evitarlles así a choiva), así como aireado para que se produza unha correcta mestura e circulación de animais e bacterias corrompedoras no conxunto. Para facilitar unha correcta circulación do aire, moitos composteiros teñen fendas e furados nos seus laterais; tamén é axeitado remexer a mestura cada poucos días, e alternar durante o período de formación, materiais de diferentes texturas, impedindo a formación de estratos impermeábeis, coma capas de follas, capas de papel etc.

Non se deben incluír na compostaxe materiais inorgánicos (plásticos, metais), nin carne nin peixe (porque, aínda que si se descompoñen, producen desequilibrios na mestura e atraen animais non desexados), nin excrementos de cans, gatos ou humanos (porque poden transmitir enfermidades a través dos cultivos onde se use o compost), nin malas herbas ou plantas enfermas que poidan danar, ao remate, nos cultivos.

Fases da compostaxe

[editar | editar a fonte]
A mudanza de temperatura da noite e do día produce vapor sobre un montón de compost

O proceso de formación do compost depende fundamentalmente da calidade e diversidade dos materiais orgánicos, do volume, das condicións climatolóxicas externas e do grao de humidade e de aireación a que estea sometido a mestura. Nun proceso ideal, as fases da compostaxe serían[6]:

  1. descomposición inicial: actúan as bacterias psicrófilas, que viven en contornos sobre os 13º de temperatura. Ocúpanse da dixestión dos produtos ricos en carbono, co que fan aumentar a temperatura do monte de compost.
  2. descomposición media: actúan as bacterias mesofílicas, que viven en contornos situados entre os 20º e os 30º de temperatura. Son moi operativas, e conseguen altas taxas de descomposición a unha velocidade elevada. Tamén actúan nesta fase os vermes, as miñocas e algúns insectos. O seu traballo principal consiste en fragmentar a materia orgánica en elementos cada vez máis pequenos. Do seu traballo despréndese unha gran cantidade de calor.
  3. descomposición punta: se durante a descomposición media se deron as circunstancias de humidade, biodiversidade e aireación adecuadas, a temperatura ascenderá ata cifras comprendidas entre os 40º ou 70º, o que permitirá a aparición de bacterias termofílicas. Esta fase é moi curta, de como máximo unha semana, pero pode producirse repetidas veces se se consegue un bo remexido e aireación. As bacterias termofílicas acadan unhas taxas de descomposición moi elevadas, e nun tempo moi curto. Porén, a esta fase non sempre se chega, sen que por iso o resultado da compostaxe sexa necesariamente malo.
  4. descomposición final: aparecen tipos de bacterias parecidas a fungos coma os actinomicetos e os estreptomicetos, que producen antibióticos naturais. Tamén actúan nematodos, protozoos, ácaros, pequenas arañas, lesmas e caracois, pero particularmente distintas variedades de vermes e miñocas, coma a Eisenia foetida.

Modalidades da compostaxe

[editar | editar a fonte]
Composteiro de gran capacidade. Pode verse como está pechado para evitar a choiva e como presenta fendas laterais para facilitar a aireación

A compostaxe, tanto industrial ou comunitaria coma familiar, adopta diversas estratexias e procedementos en función da capacidade de recepción de material, da saída que se lle poida dar ao compost, e do perfil dos residuos orgánicos. Con todo, hai algúns métodos que poden servir de orientación[6]:

  • O método Indore. Desenvolvido polo británico Albert Howard nos anos 20, é principalmente indicado para comunidades que xeran gran cantidade de residuos vexetais. Consiste en compostar tres cuartos de materia vexetal e un cuarto de esterco do gando en capas alternadas de 15 cm e 5 cm respectivamente de espesor. Reméxese ás 6 e ás 12 semanas. Non acada grandes temperaturas, pero foi utilizado con rendemento por Howard para fertilizar extensións grandes de terreo na India.
  • O monte caseiro. É o método que require menos traballo. Consiste no amontoamento de material orgánico, sen preocuparse do equilibrio da mestura nin do seu coidado excesivo. A descomposición pode levar de entre seis meses a dous anos, e é axeitado para familias que produzan pouco material orgánico ou para o que non poidan ofrecen unha saída.
  • O monte quente. Similar ao anterior, esixe un coidado no equilibrio dos materiais achegados, e consegue o seu éxito nunha rápida descomposición, para o que a miúdo se lle engaden bacterias e axentes naturais.
  • O método rico en fibra. Desenvolvido nos anos noventa polo Centre for Alternative Technology de Gales, é o axeitado para familias que teñen unha alta produción de residuos de cociña e de papel, pero que carecen de xardín ou de horta. A mestura prodúcese con materiais procedentes da alimentación (hidróxeno) e con papel e cartón (carbono). Non é un método rápido e o proceso de formación de compost pode dilatarse durante un ano.
  • A vermicultura ou compostaxe por vermes. Método especial de compostaxe e redución de lixo orgánico que consiste no mantemento dunha poboación de vermes e miñocas, continuamente alimentados con materiais procedentes dos residuos alimentarios e de pequenas cantidades de achegas vexetais.
  1. "compostaxe". TERGAL. Consultado o 28/03/2019. 
  2. "compost". TERGAL. Consultado o 28/03/2019. 
  3. Catón. De agri cultura, cap. 5: Stercilinum magnum stude ut habeas
  4. William Shakespeare, Hamlet, Acto terceiro, escena cuarta Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine.: And do not spread the compost on the weeds, / To make them ranker. Forgive me this my virtue; (conversa de Hamlet coa súa nai)
  5. Clare Foster. Compost. Cassell Illustrated. Londres, 2002. Páxina 10.
  6. 6,0 6,1 6,2 Clare Foster. Compost. Cassell Illustrated. Londres, 2002.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Clare Foster. "Compost". Cassell Illustrated. Londres, 2002.