Saltar ao contido

Anuro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anura»)
Anuro
Rango fósil: Triásico - Actualidade

Litoria caerulea
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Subclase: Lissamphibia
Orde: Anura
Distribución en verde
Distribución en verde

Distribución en verde
Subordes

Archaeobatrachia
Mesobatrachia
Neobatrachia
 –
Lista de familias de Anuros

Os anuros (Anura do grego antigo ἀ(ν-) a(n-) (negación) e οὐρά ourá 'cola') son unha orde de anfibios, coñecidos vulgarmente como ras e sapos. Caracterízanse por carecer de cola, por presentar un corpo curto e moi ensanchado, e unhas patas posteriores moi desenvolvidas e adaptadas para o salto. Os anuros son o grupo máis numeroso de anfibios; estímase que existen máis de 5.000 especies, repartidas en 48 familias.[1] A maioría pasa a súa vida dentro ou preto da auga. O seu tamaño pode variar dende uns escasos 8,5 milímetros, como é o caso das especies do xénero Eleutherodactylus,[2] ata talles que superan os 30 centímetros, destacando a Conraua goliath, o anuro máis grande do mundo.[3]

Ras e sapos

[editar | editar a fonte]

Os nomes «ra» e «sapo» referíanse nun principio ós dous tipos de anuros que aparecen na Península Ibérica: as ras típicas (as do xénero Ra), e os sapos típicos (os do xénero Bufo); pero na actualidade úsanse para outros grupos de forma indiscriminada e arbitraria. «Ra» adoita referirse ás especies máis gráciles, de pel húmida e lisa, boas saltadoras, e de hábitos acuáticos. «Sapo» fai referencia ás especies de pel máis seca e rugosa, máis robustas, menos áxiles e que acostuman habitar no chan húmido escavando galerías. Polo tanto, esta distinción entre ras e sapos non é unha discriminación que teña validez taxonómica.[4]

Alimentación e reprodución

[editar | editar a fonte]

A súa alimentación baséase en invertebrados, tanto acuáticos como terrestres.

Teñen unha fecundación externa que se efectúa na auga. O amplexus (forma de aparearse dos anuros) pode ser axilar ou inguinal. Os ovos son postos na auga, en cordóns, como fan os sapos, ou en paquetes como fan as ras e presentan dimensións e formas diferentes segundo a familia ou especie.

Evolución

[editar | editar a fonte]

As primeiras ras verdadeiras coñecidas datan do Xurásico Inferior, Vieraella, e do Xurásico Medio.[5]

Características

[editar | editar a fonte]

Pódense distinguir pola ausencia de cola e por presentaren un corpo curto e moi ensanchado. Os dous pares de patas son moi diferentes entre si, adquirindo un maior desenvolvemento e robustez o par posterior, que, ademais, se encontra adaptado ao salto. As patas anteriores rematan en catro dedos, mentres que as posteriores fano en cinco.

Existen máis de 5 200 especies de anuros, repartidos en 33 familias. Os anuros son o grupo máis numeroso de anfibios. A maioría pasa a súa vida dentro ou cerca da auga. O seu tamaño é variable. Entre os máis pequenos atopamos á ra coqui, mentres que a maior ra é a Conraua goliath.

O nome común "ra" pódese referir a calquera membro da orde Anura (anfibios sen cola) exceptuando as especies que teñen pel rugosa no dorso, e que son menos acuáticas cand adultas, coñecidas como "sapos".

Así a todo, a diferenza entre as denominacións ra e sapo non ten fundamento taxonómico. Os diferentes usos da palabra ra e sapo débense á discrepancia entre a clasificación vernácula e a clasificación científica do grupo Anura. Ademais, a maioría das especies de anuros viven en países tropicais, onde a diversidade de familias é moito máis grande que en zonas temperadas. Ao se orixinar nun país temperado, o idioma galego non dispón de termos adecuados para denominar a maioría das formas de anuros.

A boca é moi ancha, con dentes diminutos ou sen eles, dependendo das especies, e cunha lingua protráctil. Os ollos están provistos de pálpebras, e os oídos non levan pavillóns externos, diferenciándose unicamente unha membrana timpánica superficial.

Os cágados ou cabezolos (fase larvaria) levan unha vida acuática, con respiración branquial, mentres que os adultos son terrestres, de respiración pulmonar (e cutánea); a reprodución, incluso nos sapos, faise sempre na auga.

Exemplos representativos de anfibios anuros son a ra común, a ra de Santo Antón (pequena, de cor verde brillante e que vive oculta entre as pólas das árbores), o sapo común, o sapo parteiro (o macho transporta os ovos da posta ata que nacen os cágados) e a pipa americana (que incuba os ovos en ocos da pel do dorso).

Clasificación das familias de Anura

[editar | editar a fonte]

Listaxe das familias de Anura, seguindo as subordes:

Especies representativas

[editar | editar a fonte]

Algunhas especies de anuros pertencentes a diferentes familias:

  1. Frost, Darrel R. 2013. Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 5.6 (9 January 2013). Electronic Database accessible at http://research.amnh.org/vz/herpetology/amphibia/?action=references&o_id=1. American Museum of Natural History, New York, USA.
  2. Lynch, J. D. (1976) The species groups of the South American frogs of the genus Eleutherodactylus (Leptodactylidae). Occasional Papers of the Museum of Natural History 61: 1-24.
  3. Sabater-Pi, J. (1985) Contribution to the biology of the Giant Frog (Conraua goliath, Boulenger). Amphibia-Reptilia, 6(2), 143-153.
  4. Arnold, E. N. e J. A. Burton (1978). Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S.A. p. 275. ISBN 84-282-0488-8. 
  5. Ana María Báez. 2013. Anurans from the Early Cretaceous Lagerstätte of Las Hoyas, Spain: New evidence on the Mesozoic diversification of crown-clade Anura. Cretaceous Research, Volume 41, Pages 90–106.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Díaz, J. A. e Santos, T. (1998): Zoología. Aproximación evolutiva a la diversidad y organización de los animales. Madrid: Editorial Síntesis. ISBN 84-7738-591-2

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

En inglés

[editar | editar a fonte]