Unha tatuaxe é unha modificación da cor da pel, creando un debuxo, figura ou texto realizados con tinta ou algún outro pigmento baixo a epiderme dun humano ou animal.

Tatuaxes con motivos da Wikipedia.
Tatuaxe nas costas.

Historia

editar

As tatuaxes foron unha práctica eurasiática en tempos neolíticos, encontrándose incluso nalgunhas momias cunha antigüidade de ata 7.000 anos.

Algunhas culturas tribais creaban as tatuaxes cortando a pel e untando a ferida con tinta, cinza ou outro material, ou ben punzando a pel con ósos de animais.

Os europeos redescubriron a tatuaxe durante a exploración do Pacífico meridional nos anos 1770. Os mariñeiros tomáronos coma un símbolo identificativo na cultura europea tras a primeira guerra mundial.

Dende hai varias décadas a tatuaxe gañou sona como forma artística. Moitas galerías da arte contemporánea expoñen fotos e deseños de tatuaxes. Son moitas as competicións e exposicións a nivel mundial que se desenvolven todos os anos, como a convención internacional da tatuaxe de LondresArquivado 20 de novembro de 2020 en Wayback Machine..

Os deseños da tatuaxe producidos en masa que se venden aos tatuadores e estudios de tatuaxe coñécense co termo inglés "flash".

A palabra tatuaxe é orixinaria da palabra inglesa "tattoo", que á súa vez provén do termo samoano "tátau", que siginifica marcar ou golpear dúas veces (referíndose este último ao método tradicional de aplicar os deseños ou modelos). Os mariñeiros que viaxando polo Pacífico encontraron aos samoanos, e os que quedaron fascinados polas súas tatuaxes, equivocamente traduciron a palabra "tatau" coma tatuaxe. En xaponés a palabra usada para os deseños tradicionais ou aqueles deseños que son aplicados usando métodos tradicionais é "irezumi" (inxección de tinta), mentres que "tattoo" se usa para deseños de orixe no xaponés.

En galego, os entusiastas da tatuaxe poden referirse a estes como "tattoos", ou o termo castelanizado de "tatu", aínda que ningún destes dous termos están recollidos no Dicionario da Real Academia Galega.

Utilidade

editar
 
Tatuaxe dun preso de Auschwitz.

A utilidade das tatuaxes é diversa: identificación, cosmética, relixión e feiticería son os exemplos máis comúns. En ocasións, fíxose un mal uso da tatuaxe, como no caso do sistema de identificación dos xudeus nos campos de concentración durante a segunda guerra mundial.

Algúns animais tamén son tatuados en ocasións, normalmente por razóns identificativas. No caso dos animais domésticos, pode ser unha marca de propiedade. No caso dos animais para carne de consumo, acostuma ser por razóns sanitarias, ademais de identificativas.

Perdurabilidade

editar
 
Dous deseños abstractos

Actualmente, hai tatuaxes que desaparecen ó pouco tempo de debuxalos; non obstante, outros permanecen durante toda a vida salvo no caso de que sexan eliminados con láser. A razón de que estes últimos permanezan inmutables é que a tinta aséntase na capa da derme, situada baixo a epiderme. A epiderme é a capa externa da pel que renova constantemente as súas células. Emporiso, o metabolismo da derme non implica este tipo de recambio e, polo tanto, a tinta non se elimina.[1]

Tatuaxes naturais

editar

Segundo George Orwell, os mineiros que traballan o carbón presentaban tatuaxes características debidos ao po de carbón que penetraba nas feridas. De forma semellante, unha tatuaxe traumática prodúcese cando unha substancia, como o asfalto, pólvora, amálgama de prata...etc, se introduce baixo a pel e esta cicatriza deixando estas substancias dentro dela. Estas son particularmente difíciles de eliminar debido a que tenden a afondar polas diferentes capas da pel.

Tatuaxes de henna

editar

Estas tatuaxes son orixinarias de países como a India e países árabes, onde a tradición di que unhas noitas antes da voda, a noiva e as súas amigas reúnense para facerse estas tatuaxes nas mans e nos pés[2]. A súa durabilidade depende da calidade da henna, sendo normalmente de dúas semanas, con perda de cor progresiva.

  1. Veiga, Iria. "A ciencia detrás das tatuaxes". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2019. Consultado o 3 de xullo de 2019. 
  2. Administrador (2019-12-19). "Diferentes tipos de tatuajes temporales y cuánto duran • Tatuajes pequeños". Tatuajes pequeños (en castelán). Consultado o 2020-05-02. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar