Serlio

Arquitecto e tratadista italiano (1475-1554)

Sebastiano Serlio, coñecido como Serlio, nado en Boloña o 6 de setembro de 1475 e finado en Fontainebleau arredor de 1554,[1][2] foi un arquitecto e teórico da arquitectura renacentista italiana. A súa sona débese a un tratado titulado I Sette libri dell'architettura (en galego, Os sete libros da arquitectura) que tivo unha importante difusión contribuíndo a espallar a linguaxe clasicista e as novas tendencias maneirista por toda Europa.

Modelo:BiografíaSerlio

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de setembro de 1475 Editar o valor en Wikidata
Boloña, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte1554 Editar o valor en Wikidata (78/79 anos)
Fontainebleau, Francia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto, Mestre de obras, escritor, pintor, deseñador Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1511 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata - 1554 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Серлио Себастьяно)
Biblioteca dixital BEIC Editar o valor en Wikidata
BNE: XX884660

Pasa por ser o gran difusor do vitruvianismo e realizou o primeiro manual ilustrado de arquitectura.[2] Tamén formou parte do equipo de arquitectos de orixe italiana que construíron o palacio de Fontainebleau.

Traxectoria

editar

Aínda son escasas as novas sobre a biografía de Serlio e, en particular, sobre o período de formación en Boloña, como futuro pintor. Tras abandona-la súa cidade natal, marchou traballar a Pesaro, e chegou a Roma cara ao 1514. Resulta complicado coñece-los feitos na súa estadía en Roma, aínda que semella certo que formou parte do círculo de Baldasarre Peruzzi, do que foi aprendiz durante seis anos[2] e do que conseguiu planos e debuxos artquitectónicos que despois empregou na redacción do seu tratado, segundo recoñeceu o propio Serlio.

Marcha a Venecia

editar

Tras escapar do saqueo de Roma (1527), en 1528 refuxiouse, así como outros artistas, en Venecia onde chegou canso e enfermo até tal punto que pensou oportuno ditar testamento.[3] No Véneto, onde permaneceu até 1541, viaxou até Istria e Dalmacia[2] e frecuentou intelectuais, escritores e artistas como Tiziano, Michele Sanmicheli, Aretino e Francisco de Hollanda e tamén ambientes de inspiración evanxélica e antipapal.[4] Aínda que non foi quen de establecerse profesionalmente no difícil ambiente veneciano, contribuíu a difundir a linguaxe arquitectónica clasicista da escola romana en Venecia, publicando en 1528 nove táboas dedicadas ás ordes arquitectónicas gravadas por Agostino Veneziano,[5] que tiveron unha gran difusión e, en 1537 e en 1540, os dous primeiros volumes do seu tratado (Libro IV e Libro III) na prensa de Francesco Marcolini de Forlì. As oportunidades profesionais foron poucas e parece que estivo involucrado no proxecto de Palazzo Zen, que normalmente se lle atribúe,[6] e tamén no da igrexa de San Francesco della Vigna.

En 1539, Serlio marchou a Vicenza e moi probablemente coñeceu a Palladio.

Francia

editar
 
O patio interno do Castelo de Ancy-le-Franc

Pouco despois, no 1541, colleu cara a Francia, onde o chamara Francisco I primeiro en calidade de asesor para a construción do castelo de Fontainebleau mais despois se converteu en "pintor e arquitecto xefe do rei".[2] En realidade, Serlio non tivo xeito de realizar obras significativas para o rei, por mor da oposición dos mestros construtores franceses que o suplantaron en varias, atopándose, para a súa decepción, cada vez máis excluído da vida artística da corte, a pesar de recoñecérselle o seu papel no deseño e na dirección da construción de vairios castelos, incluído o castelo de Ancy-le-Franc e, sobre todo, o hotel de Grand Ferrara do palacio de Fontainebleau.[7]

 
Ventá serliana da Galería Vittorio Emanuele III (Messina).

Finalmente, sen ter unha actividade concreta na Corte, adicouse á realización do seu tratado e, tamén, deseñou obras para outros clientes da nobreza como o muro que circunda o pequeno xardín da abadía de Chaalis, onde un dos seus principais mecenas, o cardeal Hipólito II de Este, residiu en 1544.[8] Trala morte do rei, o seu sucesor Henrique II marxinouno.

Sen nada que facer, marchou cara a Lión, onde residiu entre 1549 e 1553 e na que se adicou a escribir e publicar varios dos volumes do seu tratado de arquitectura.[9] Malia non participar en ningunha obra durante a estancia lionesa, o seu libro Extraordinario Libro publicado por Jean de Tournes, en 1551,[10] tivo unha grande influencia nos gustos dos notables lioneses durante os séculos seguintes.[11]

En 1552, o cardeal François de Tournon (1489-1562) pediulle a construción do Castelo de Roussillon, composto por tres edificios dos cales dous están unidos por unha ponte, ademais de arcadas e no que presentou as súas ideas innovadoras características do Renacemento (escaleiras de honra, balaustradas, frontóns, grutescos).

Mais a súa maior contribución foi o seu tratado de arquitectura en 8 volumes, escrito coa intención de servir de manual ilustrado para arquitectos. Tivo moita influencia en Francia, nos Países Baixos e Inglaterra onde foi considerado un gran modelo da arquitectura renacentista italiana.

Ao final da súa vida dedicouse á construción de teatros. As ilustracións de arquitectura escénica que aparecen en diferentes libros representando unha escena “cómica”, unha escena “tráxica” e unha escena “satírica” que se inspiraba en modelos antigos, por exemplo Vitruvio,[12] influíron nos pintores da súa época.

Finalmente, acabou retornando a Fontainebleau, onde morreu. Na memoria dos arquitectos permaneceu por mor dos seus escritos teóricos e por un motivo arquitectónico: o serliano.

I Sette libri dell'architettura

editar

A importancia cultural de Serlio está ligada ao seu tratado coñecido como I Sette libri dell'architettura di Sebastiano Serlio bolognese (en galego, Os sete libro de arquitectura de Sebastián Serlio de Boloña), cuxos libros individuais foron publicados a partir de 1537, nunha orde irregular.

Foi o primeiro tratado sobre arquitectura cuxo propósito era máis práctico que teórico e o primeiro en codificar as cinco ordes. Destaca polo seu ton pragmático, pola súa intención didáctica e pola grande importancia que se lle dá ás imaxes que prevalecían sobre o texto, dando como resultado un paso importante e anticipatorio non só na historia dos tratados arquitectónicos, senón tamén na historia do gravado, en xeral. Difundiu a linguaxe de Bramante e Rafael por toda Europa, intentando unificar os esquemas da tradición clásica cos elementos da arquitectura moderna e ofrecendo un amplo repertorio de motivos, incluída a fachada, formada por un arco central e dous ocos laterais arquitrabados, que leva o nome de serliana porque é coñecida e difundida a través das ilustracións do seu tratado.

Libro IV

editar
 
Fachada de igrexa (Xilografía do libro IV publicada en Venecia en 1537).

O primeiro en publicarse, en 1537, foi o Libro IV, adicado ao rei de Francia Francisco I que lle dou 300 ducados,[2] e que titulou como Regole generali di architettura (Normas xerais de arquitectura). Está adicado ás ordes arquitectónicas e á súa teoría, en cuxa elaboración tivo presente a Vitruvio, mais tamén o traballo dos contemporáneos e, en particular, as obras e debuxos de Peruzzi e Bramante, adquiridos durante o longo período romano. O libro ilústrase, tamén, con proxectos propios, de carácter máis ou menos teórico, incluíndo algúns palacios en cuxas fachadas Serlio combina a linguaxe clasicista da escola romana coa tradición veneciana, dando vida a un modelo que influirá no desenvolvemento arquitectónico da tipoloxía do palazzo veneciano. Son importantes as noticias sobre a técnica de decoración pictórica das fachadas. Para comprender a importancia do tratado de Serlio cómpre lembrar como o libro IV foi traducido ao flamengo apenas dous anos despois da primeira edición, ao alemán en 1542, ao francés en 1545, e ao español en 1550.[13]

A partir deste primeiro tomo, Serlio presentou o plan xeral da obra que pretende desenvolver.

Libro III

editar

O seguinte foi o Libro III (Terzo libro, nel quale si figurano e si descrivono le antiquità di Roma -Terceiro libro, no que se amosan e describen as antigüidades de Roma-) publicado en 1540 e adicado, de novo, a Francisco I, valeulle unha invitación del para ir a Francia, á Corte en Fontainebleau. Xunto ás ilustracións dos monumentos antigos, atópanse edificios modernos, incluíndo as plantas das obras de Bramante, Rafael e de Peruzzi para San Pedro do Vaticano. Especialmente importantes, dende o punto de vista documental, son os debuxos que ilustran algúns dos proxectos orixinais de Bramante, como o do Tempietto di San Pietro en Montorio.

Libros I e II

editar

Os libros I e II (Il primo ed il secondo libro d'Architettura -O primeiro e segundo libros de Arquitectura-) están, un adicado á xeometría e fundamentos matemáticos da arquitectura e outro á perspectiva e a escenografía. Completáronse durante a súa estadía en Fontainebleau e publicáronse en París en 1545 nunha edición bilingüe, así como o seguinte libro V, coa tradución do arquitecto Jean Martin que nos anos seguintes será o primeiro tradutor francés de Vitruvio.[13]

As ilustracións de arquitectura escénica que deu no seu Segundo Libro, representando unha escena “cómica”, unha escena “tráxica” e unha escena “satírica” inspirada en concepcións antigas, influíron nos pintores da súa época.

Libro V

editar

Publicouse tamén en Francia, en 1547, o libro V e tamén nunha edición bilingüe. Trata das diferentes formas dos templos sagrados en varios tipos cun plan central e lonxitudinal, presentando 12 solucións ilustradas que seguen un fío lóxico partindo do templo circular para continuar coas formas elípticas, pentagonais, hexagonais, octogonais, coas combinacións xeométricas e coas plantas cruzadas e lonxitudinais.

Libro Extraordinario

editar
 

En 1551, publicouse en Lión o, denominado, Libro Extraordinario, un apéndice non incluído no plan editorial que Serlio propuxera trece anos antes. Trátase dunha verdadeira antoloxía de licenzas manieristas, no que Serlio manifesta a súa forza inventiva e un certo espírito antivitruviano, propondo sorprendentes solucións arquitectónicas baseadas no uso dos muros almofadillados e da orde rústica. É un libro feito case exclusivamente de imaxes, impresas a partir de matrices de cobre, que contén 50 proxectos de portais monumentais acompañados de breves subtítulos e unha introdución en italiano e francés.

Libro VII

editar

Daquela, trala morte de Francisco I, xa vello e en difícil situación financeira, no período lionés, Serlio vendeu os seus manuscritos ao anticuario Jacopo Strada que imprimiu, postumamente, en Frankfurt, o Libro VII (1575)[14] que trata dende palacios e vilas -é dicir, "vivendas de tódolos tipos de persoas"-, até o planeamento urbanístico.

Xunto a moitas solucións arquitectónicas, Serlio tamén presenta variacións "ao xeito de Francia" aceptando elementos da tradición edificatoria que atopou en Francia nunha ecléctica convivencia de diferentes estilos. Hai dúas versións escritas a man do libro que parecen demostrar, nas imaxes, unha evolución desde a década dos 40, cara ao abandono das "licenzas" manieristas.

Libro VI

editar

O Libro VI, elaborado durante o período de Lión en dúas versións sucesivas,[5] trata sobre arquitectura civil como o Libro VII e, en particular, das "habitacións de todo tipo de persoas". Despois da morte de Jacopo Strada, permaneceu inédito durante séculos, aínda que se supón que tivo certa difusión, tanto en Francia[5] como en Italia, por exemplo entre os arquitectos cremoneses do século XVI Francesco e Giuseppe Dattaro.[15][16]

Libro VIII

editar

Serlio tamén deixou un estudo sobre Castramentatio, reconstruíndo a estrutura do campamento militar romano segundo as indicacións de Polibio. O manuscrito, ilustrado e listo para ser impreso foi erroneamente valorado por Strada, quen non foi quen de publicalo como o Libro VIII do Tratado, adicado á arquitectura militar. O manuscrito con texto latino e italiano consérvase en Múnic.[5]

A importancia do traballo teórico de Serlio, que tivo unha difusión sen precedentes, empequeneceu a súa obra como arquitecto. En particular, a que tivo a oportunidade de exercer en Francia, aínda que nun ambiente profesional e técnico pouco implicado na linguaxe arquitectónica clasicista e cheo de dificultades para o arquitecto italiano. A definición do corpus das obras feitas en Francia, entre certezas e atribucións, segue en curso.

 
O portal sobrevivente do edificio "Grande Ferrare" en Fontainebleau

O traballo no que foi capaz de manifestar as súas habilidades de deseño, creando unha síntese entre dúas culturas construtivas, foi o Castelo de Ancy-le-Franc, comezado en 1546, preto de Tonnerre, en Borgoña, para o cultivado mecenas Antoine III de Clermont,[17] no que os elementos tipolóxicos e construtivos tipicamente franceses conviven cunha linguaxe arquitectónica moi culta que fai referencia á arquitectura romana antiga e moderna. O patio interno, por exemplo, é unha reinterpretación do patio superior bramantesco do Belvedere (patio da Pigna), con pilastras dobres, nunha secuencia xeralmente definida como "travata ritmica".

Outras obras arquitectónicas:

  • Traballos no castelo de Fontainebleau. Son atribuñidos a Serlio, aínda que con dúbidas, o "patio do cabalo branco" e un gran portal chamado "Portico di Serlio".
  • O Hôtel de Ferrare, en Fontainebleau (Grande Ferrare) (1544-1546, destruído agás o portal) que estableceu en Francia a forma prototípica do Hôtel particulier durante máis dun século.
  • Palazzo dell'Avaro en Boloña
  • Traballos no xardín da Abadía de Chaalis
  • Proxecto para o Château de Roussillon

Serlio escenógrafo

editar

A contribución serliana á historia da escenografía teatral merece ser lembrada como un paso fundamental na evolución da escena renacentista. Xa en 1539, en Vicenza, Serlio colaborara na construción dun teatro temporal, feito de madeira para a representación de Intermezzi, con pasaxes de carrozas alegóricas e danzas mouras, que se inspirara nas solucións do teatro grecorromano: unha das maiores estruturas concibidas até entón.

Mais, no seu Secondo Libro di Perspectiva, ilústranse as súas teorías sobre a "nova" escenografía, introducindo o uso de perspectivas e escenas tridimensionais, nun escenario inclinado. Isto resultou moi novidoso porque se ben é certo que, antes que el, outros estilistas -por exemplo, o seu propio mestre Baldassarre Peruzzi- empregaran xa fondos simples pintados en perspectiva, esta era de xeito bidimensional coa presenza, como moito, dalgúns poucos elementos en relevo.

As súas ilustracións das teorías de Vitruvio sobre os tres tipos fundamentais de escenografía do teatro romano (tráxica, cómica e satírica) converteranse, a pesar das críticas doutros escenógrafos e arquitectos (por exemplo, Daniele Barbaro que lle criticou a inxenuidade de non ter feito que o punto de vista da escenografía coincidise co punto de vista do espectador) nun punto de referencia decisivo para a práctica teatral dos anos vindeiros, dirixida a conciliar, como o resto da cultura artística daquel tempo, modelos de latinidade clásica e as novas necesidades de representacións realistas do mundo.

Galería

editar
  1. Argan, Giulio Carlo (1936). "SERLIO, Sebastiano". treccani.it (en italiano). (Argan dá como lugar da morte, Lión). Consultado o 1-7-2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Germann 1919, p. 106
  3. Chastel (1983), p. 219
  4. Tafuri (1985).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Deswarte-Rosa (2004)
  6. Frommel (2001)
  7. Pérouse de Montclos (2001)
  8. Babelon 2006, pp. 40-41
  9. Iacono & Furone 1999, p. 132
  10. "Livre extraordinaire". architectura.cesr.univ-tours.fr (en francés). Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2022. Consultado o 22 de outubro de 2022. 
  11. Iacono & Furone 1999, p. 137
  12. "Les dix livres d'architecture ([Reprod.]) / de Vitruve ; corr. et trad. nouvellement en françois avec des notes et des fig. Libro V, capítulo VIII, p. 170". gallica.bnf.fr (en francés). Consultado o 22 de outubro de 2022. 
  13. 13,0 13,1 Biffi (2001)
  14. Lemerle, Frédérique (2014). Centre d'Études Supérieures de la Renaissance Université François-Rabelais, ed. "Les livres de l'architecture". Architectura. Architecture, textes et images. (en francés) (Tours). ISSN 2115-8304. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2019. Consultado o 01 de xullo de 2020. 
  15. Faliva, Alberto (2005). Collegio degli Ingegneri della Toscana, eds. "Evangelismo nell'arte della Cremona del Cinquecento - Sintesi ed immaginazione spaziale in architettura, pittura e scultura, dall'antico all'arte Moderna" (PDF). Bollettino Ingegneri (en italiano) (Florencia) (8/9): 8–16. 
  16. Faliva, Alberto (2007). Collegio degli Ingegneri della Toscana, ed. "Jacopo Sansovino e altri dodici casi. Un altro medioevo (questa volta rinascimentale)" (PDF). Bollettino Ingegneri (en italiano) (Florencia) (11): 11–25. 
  17. Frommel (1998)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Babelon, Jean-Pierre (2006). Primatice à Chaalis (en francés). París: Nicolas Chaudun éditeur. ISBN 2-35039-027-6. 
  • Biffi, M. (2001). "Sulla formazione del lessico architettonico italiano: la terminologia dell’ordine ionico nei testi di Francesco di Giorgio Martini". En Guardo, R. (coord.). Le parole della scienza. Scritture tecniche e scientifiche in volgare (secoli XIII-XV). Atti del Convegno (Lecce, 16-18 aprile, 1999) (en italiano). Lecce: Congedo Editore. pp. 253–255. 
  • Chastel, André (1983). Il sacco di Roma. Colección: saggi (en italiano). Turín: Einaudi. ISBN 978-8806562830. 
  • Deswarte-Rosa, Sylvie (dir.) (2004). Sebastiano Serlio à Lyon, architecture et imprimerie. Volume 1 (Le Traité d'architecture de Sebastiano Serlio, une grande entreprise éditoriale au XVIe siècle). Lión: Mémoire Active. ISBN 2-908185-56-3. 
  • Frommel, Sabine (1998). Sebastiano Serlio architetto (en italiano). Milán: Electa. ISBN 8843554735. 
  • Frommel, Sabine (2001). "Sebastiano Serlio e il palazzo Zen a Venezia" (PDF). Annali di Architettura: rivista del Centro Internazionale di Studi di Architettura "Andrea Palladio" (en italiano) (13): 53–69. ISSN 1124-7169. Archived from the original on 03 de outubro de 2006. Consultado o 01 de xullo de 2020. 
  • Germann, Georg (1991). Vitruve et le vitruvianisme: introduction à l'histoire de la théorie. Colección: Architecture (en francés). Lausana: Presses Polytechniques et Universitaires Romandes. ISBN 9782880742102. 
  • Iacono, Giuseppe; Furone, Salvatore Ennio (1999). Les marchands banquiers florentins et l'architecture à Lyon au seizième siècle (en francés). París: Publisud. ISBN 978-2-86600-683-9. OCLC 406439976. 
  • Perouse de Montclos, Jean-Marie (2001). "Serlio à Fontainebleau". Annali di Architettura: rivista del Centro Internazionale di Studi di Architettura "Andrea Palladio" (en francés) (13): 71–80. ISSN 1124-7169. 
  • Tafuri, Manfredo (1985). Venezia e il Rinascimento (en italiano). Turín: Einaudi. ISBN 8806588915. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar