Prometeo

figura mitolóxica

Na mitoloxía grega, Prometeo (en grego antigo Προμηθεύς, ‘previsión’, ‘prospeción’) é o Titán amigo dos mortais, honrado por roubar o lume dos deuses e dárllelo ós homes. Posteriormente foi castigado por Zeus por mor disto.

Prometeo nunha escultura de Nicolas-Sébastien Adam, 1762 (Louvre)

Prometeo era fillo de Xapeto e a oceánide Asia, ou da tamén oceánide Clímene. Era irmán de Atlas, Epimeteo e Menecio, ós que superaba en astucia e enganos. Non tiña medo ós deuses, e ridiculizou a Zeus por ser pouco espelido. Porén, Esquilo afirmaba no seu Prometeo encadeado que era fillo de Xea ou Temis. Segundo unha versión minoritaria, o xigante Eurimedonte violou a Hera cando aínda era unha nena e enxendrou a Prometeo, o que causou a furia de Zeus.

 
Óleo de Heinrich Friedrich Füger: Prometeo leva o lume á humanidade (Prometheus bringt der Menschheit das Feuer, ca. 1817).

Prometeo foi un gran benefeitor da humanidade. Urdiu un primeiro engano contra Zeus ó facer o sacrificio dun gran boi que dividiu a continuación en dúas partes: nunha delas puxo a pel, a carne e as vísceras, que agochou no bandullo do boi, e na outra puxo os ósos cubertos de gorentosa graxa. Deixou entón elixir a Zeus a parte que comerían os deuses. Zeus elixiu a capa de graxa e encheu de rabia cando viu que en realidade escollera os ósos. Dende aquela, os homes queiman nos sacrificios os ósos para llos ofrecer ós deuses, mais comen a carne.

Anoxado por este engano, Zeus privou ós homes do lume. Prometeo decidiu roubarllo, así que subiu ó monte Olimpo e colleuno do carro de Helios ou da forxa de Hefesto, e conseguiu devolverllo ós homes nun facho. Para vingarse por esta segunda ofensa, Zeus ordenou a Hefesto que fixese unha muller de arxila chamada Pandora. Zeus infundiulle vida e enviouna por medio de Hermes ó irmán de Prometeo, Epimeteo, en cuxa casa se atopaba a caixa de Pandora que contiña tódalas desgrazas (pragas, dor, pobreza, crime etcétera) coas que Zeus quería castigar á humanidade. Epimeteo casou con ela para acougar a ira de Zeus malia tela rexeitado unha primeira vez por mor das advertencias do seu irmán. Pandora acabaría abrindo a caixa, tal e como Zeus previra.

Tras vingarse así da humanidade, Zeus fíxoo tamén con Prometeo, a quen mandou levar ó Cáucaso para ser encadeado. Zeus envioulle unha aguia para que comese o fígado de Prometeo. Sendo el inmortal, o seu fígado volvíalle medrar cada noite, e a aguia volvía a comerllo cada día. Este castigo tiña que durar para sempre, mais Heracles pasou preto do lugar de camiño ó xardín das Hespérides e ceibouno disparando unha frecha á aguia. Desta volta, non lle importou a Zeus que Prometeo evitase o seu castigo, xa que a súa liberación proporcionoulle máis gloria a Heracles, quen era fillo de Zeus.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar