Historia de Iocoama
A historia urbana de Iocoama ten a súa primeira mención en data de 1442, aínda que consta a súa existencia dende o século XI, coma unha pequena aldea de pescadores en terras pantanosas preto de Kanagawa, a terceira estación do Tokaido[1], principal vía de comunicación do Xapón dende o século XVII entre as dúas capitais, Edo (Toquio) e Kyoto. O Xapón do período Edo era unha nación pechada cara ao mundo.
Así permaneceu ata 1853 cando o comodoro Matthew Perry, ao mando dunha frota de navíos de guerra dos EUA, arriba á badía de Iocoama demandando do shogunato Tokugawa a apertura de portos ao comercio exterior[2]. Un tratado de paz e amizade asínase en 1854 establecendo Kanagawa coma primeiro porto. Pero as incomodidades que a proximidade do Tokaido podían supoñer para o confort dos comerciantes estranxeiros fixeron trasladar a Iocoama a construción do peirao. Daquela, o poboado contaba apenas cen casas.
En 1859 o porto de Iocoama deu inicio á historia propiamente urbana da vila[3], e con ela, á da modernización do Xapón da man do cosmopolitismo e os intercambios que acadou[4].
A nova cidade (en terreos de recheo arrebatados ao mar en 1667), arrodeada de canles para seguridade e vixilancia, compoñíase do asentamento dos estranxeiros ("Kannai") ao leste fronte aos peiraos, e o distrito comercial xaponés ao oeste, ao longo dunha rúa principal, a Honcho Dori[5]. Cara ao interior, coma unha illa no medio do campo, Miyozaki, o barrio do lecer.[6]
Axiña o crecemento resulta espectacular e, trala rápida reconstrución despois do lume de 1866 que a destrúe parcialmente, máis ordenado (Nakadori, ampla avenida no barrio estranxeiro). Un dos maiores barrios chineses do mundo crece cun trazo diagonal pegado a Kannai e ao antigo distrito do pracer reconvértese en parque público. Os estranxeiros estenden os seus barrios ás alturas de Yamate (sueste).
En 1872, o primeiro ferrocarril do Xapón circula entre Iocoama e Shinagawa (Toquio), poñendo de relevo a disposición da nova era Meiji (dende 1868) para a modernización do país. Deseguido impleméntanse plans de forte industrialización da faixa costeira entre Iocoama e Toquio (nova capital do Xapón). Ao mesmo tempo acompañados do conseguinte agrandamento da zona portuaria mediante sucesivos recheos[7][8].
En 1889 acadou oficialmente o estatuto de municipalidade e o réxime de extraterritorialidade dos barrios estranxeiros foi abolido.
En 1923, o gran terremoto que asolou a chaira de Kanto destrúe a urbe. Na reconstrución, os cascallos utilízanse para novos recheos, entre eles o novo parque Yamashita na ribeira do centro da cidade. En 1945 volve ser destruída polos bombardeos da aviación estadounidense.
A historia de recheos que dende o principio foi construíndo a Iocoama e o seu porto[9][10] ten coma último capítulo ata o de agora o proxecto Minato Mirai 21[11]. No nordés de Kannai, co obxectivo de abrir a cidade á fronte marítima, conta con varios rañaceos, entre eles o máis alto do Xapón (a Landmark Tower do 1993).
Cabe destacar tamén a renovación do máis antigo peirao coma terminal de cruceiros (Osanbashi do 2002), obra do arquitecto español Alejandro Zaera Polo.
Notas
editar- ↑ Imaxe Arquivado 26 de outubro de 2007 en Wayback Machine. de www.thetempleguy.com
- ↑ Imaxe en www.ocw.mit.edu
- ↑ Imaxe en www.library.ubc.ca
- ↑ "Yokohama Boomtown", artigo en www.ocw.mit.edu (en inglés).
- ↑ ocw.mit.edu
- ↑ ocw.mit.edu
- ↑ Mapa Arquivado 04 de abril de 2013 en Wayback Machine. en www.tois.nichibun.ac.jp
- ↑ Imaxe en tois.nichibun.ac.jp
- ↑ Imaxe en www.yohidevils.net
- ↑ "www.yokohamaport.org". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2008. Consultado o 16 de outubro de 2008.
- ↑ Imaxe en www.nippon2007.us