Historia de Armenia
A historia de Armenia abrangue a historia de Armenia e a dos seus estados predecesores. Iníciase coas culturas neolítica do sur do Cáucaso, tales como a cultura Shulaveri-Shomu, seguido das culturas Kura-Araxes e Trialeti na chamada Idade de Bronce.
Historia de Armenia | |
Mapa de Armenia de 1869 | |
Historia | Armenia |
Categoría | Historia de Armenia |
A Idade de Ferro durou dende o século IX até o 585 a. C. co Reino de Urartu, cando foi substituído pola dinastía Oróntida. Tralo dominio do imperio persa e do imperio macedonio, a dinastía Artáxida deu orixe ao Reino de Armenia no ano 190 a. C.. Este reino tivo a súa máxima influencia durante o reinado de Tigranes II, antes de caer baixo o dominio romano.
No ano 301, a Armenia arsácida foi a primeira nación soberana en aceptar o cristianismo como relixión de estado e esta unión entre estado e relixión manteríase ata a actualidade, pois a Igrexa apostólica armenia sempre foi unha grande defensora do nacionalismo armenio. Os armenios caeron máis tarde baixo dominio dos bizantinos, persas, e a hexemonía islámica, pero restabeleceron a súa independencia coa dinastía Bagrátida. Logo da caída do reino en 1045, e a posterior conquista de Armenia por parte dos turcos selxúcidas en 1064, os armenios estabeleceron un reino en Cilicia, onde estabeleceron relacións cordiais cos europeos e prolongaron a súa existencia como entidade independente até 1375.
A chamada Grande Armenia foi máis tarde dividida entre o Imperio Otomán e o Imperio Ruso. A finais do século XIX e comezos do XX os armenios sufriron un xenocidio por parte dos otománs. Como resultado, 1,5 millóns de armenios foron asasinados, e o resto dos armenios occidentais dispersáronse por todo o mundo a través de Siria e o Líbano.
A actual Armenia, cuxo territorio actual corresponde a gran parte de Armenia oriental, obtivo a independencia unha vez máis en 1918, co establecemento da República Democrática de Armenia, e logo en 1991, coa República de Armenia.
Orixes
editarA lingua armenia é unha póla illada do grupo lingüístico indoeuropeo. Se, na maioría dos idiomas, a palabra "armenios" se emprega para describir a estas persoas, os armenios denomínanse a si mesmos "Hay" (en alfabeto armenio: "Հայ" en plural: "Hayer," Հայեր"). Este nome semella provir do heroe nacional epónimo Haïk. Ademais, "Armenia" é escrito "Հայաստան" en armenio, e pronúnciase "Hayastán". De acordo coa tradición armenia, Haïk é fillo de Torgom, fillo de Gomer, fillo de Xafet, que é un fillo de Noé, e os armenios teñen habitado a rexión ao pé do monte Ararat, logo do Diluvio.[1]
Prehistoria
editarO altiplano armenio mostra pegadas de asentamentos da época neolítica. Os arqueólogos refírense á cultura Shulaveri-Shomu da rexión de Transcaucasia central como a primeira cultura coñecida na zona, datada aproximadamente entre o -6000 e o -4000
Idade de Bronce
editarOutra cultura primitiva foi a chamada cultura Kura-Araxes, asignada ao período -4000 - -2200, e máis tarde desenvolta na cultura Trialeti (-2200 - -1500).
Entre os anos -1500 e -1200, a cultura Hayasa-Azzi existía na metade occidental da Altiplanicie armenia, con frecuentes enfrontamentos co Imperio hitita. Entre o -1200 e o ano -800, a maior parte de Armenia foi unida baixo unha confederación de reinos, que as fontes asirias chamaron Nairi ("terra dos ríos", en asirio).
Idade de Ferro
editarO Reino de Urartu floreceu no Cáucaso e a parte oriental de Asia Menor entre o século -XIX e o -585 no Altiplano Armenio. O fundador do Reino de Urartu, Aramé, uniu todos os principados do altiplano armenio e outorgouse a si mesmo o título de "Rei de Reis", título tradicional dos reis urartios. Os urartios estabeleceron a súa soberanía sobre a totalidade de Taron e Vaspurakan. O principal rival de Urartu foi o Imperio neo-asirio.
Durante o reinado de Sarduri I (-834--828), Urartu convertérase nun estado forte e organizado, e imponse impostos ás tribos veciñas. Sarduri fixo da cidade de Tushpa (a moderna Van) capital de Urartu. O seu fillo, Ishpuinis, estendeu as fronteiras do estado polo que logo sería coñecida como a zona de Tigranocerta e Urmia. O rei Menuas (-810--785) estendeu o territorio urartián cara ao norte, cara aos campos de Araratian. Deixou máis de 90 inscricións empregando a escritura cuneiforme mesopotámica escritas na lingua urartiana. Outro rei, Argishtis I de Urartu, conquistou Latakia aos hititas, e chegou a Biblos, Fenicia, construíndo Erebuni no ano -782 usando os prisioneiros de guerra.
O Imperio Asirio invadiu máis tarde Urartu, no ano -612, e fíxose cargo da capital, Van, cara ao -585. Este feito rematou de xeito efectivo coa soberanía de Urartu.
Idade Antiga
editar- Artigo principal: Reino de Armenia.
Logo da caída de Urartu, o Reino de Armenia foi gobernado pola dinastía Oróntida, que goberna o estado entre os anos -585 e -190 Baixo esta dinastía, Armenia foi ás veces un estado independente, e outras unha satrapía do Imperio Persa.
Dinastía Artáxida
editarDespois da destrución do Imperio selxúcida, un estado grego helenístico sucesor de Alexandre o Grande de curta duración, foi fundado un estado armenio de corte helenístico en -190 Os primeiros reis foron artáxidas, dinastía fundada por Artaxias I (-190/-189 - -160/159). Ao mesmo tempo, creouse un reino divido e independente en Occidente, coñecido como Armenia Inferior, mentres que o principal reino adquiriu o nome da Grande Armenia.
Cos novos reis iniciouse un programa de expansión que ía chegar ao seu cénit un século máis tarde. As súas adquisicións son relatadas polo historiador grego Estrabón: Zariadris conquistou Acilisene e todo o «territorio arredor de Antitauros», é dicir, posibelmente o distrito de Muzur ao oeste do río Éufrates. Artaxias tomou terras dos medos, os iberos, e os sirios. A continuación, tivo enfrontamentos cos habitantes do Ponto, a Siria Seléucida e Capadocia. Foi incluído no tratado que seguiu á vitoria dun grupo de reis anatolios sobre Farnaces -181, que perdeu todos os seus territorios no oeste. Artaxias foi un monarca ambicioso con grande influencia na política internacional da época.
No seu cénit, entre o -9 e o ano -66, a Grande Armenia estendeu o seu imperio sobre partes da rexión do Cáucaso e a zona que agora é Turquía oriental e central, ademais do noroeste de Irán, Palestina, Siria e o Líbano, que forman o chamado Segundo Imperio Armenio. Por un tempo, Armenia foi un dos estados máis poderosos no Oriente romano.
O enfrontamento coa República Romana era inevitábel, e os armenios perderon a guerra no -66, pero conservando a súa soberanía. O rei Tigranes II o Grande seguiu a gobernar Armenia como aliado de Roma, até a súa morte no -55 Máis tarde, no ano 1, Armenia permanece baixo o control romano até que se estabelece a dinastía arsácida.
Durante a alianza con Roma, o pobo armenio adoptou ideas políticas, filosóficas e relixiosas occidentais. Segundo Estrabón, todo o mundo en Armenia fala «o mesmo idioma».[2]
Dinastía arsácida de Armenia
editarArmenia, pola súa posición xeográfica, é a miúdo un foco da discordia entre Roma e Partia. De feito, os partos subxugaron Armenia entre os anos 37 e 47, cando os romanos retomaron o control do reino. Baixo a soberanía do emperador Nerón, os romanos emprenderon unha campaña (55-63) contra o Imperio parto, que invadira o reino aliado de Armenia. Logo de conquistar (ano 60) e de novo perder Armenia dous anos despois, os romanos enviaron lexións XV Apollinaris desde Pannonia a Gnaeus Domitius Corbulo, legado de Siria. Corbulo, coas lexións XV Apollinaris, III Gallica, V Macedonica, X Fretensis e XXII, invadiu os territorios de Vologases I de Partia, que devolveu o reino armenio a Tiridates, fundador da dinastía arsácida.
Outra campaña foi dirixida polo emperador Lucio Vero entre os anos 162 e 165, despois de que Vologases IV de Partia invadise Armenia e instalase ao seu fiscal xeral no trono. Para contrarrestar a ameaza parta, Vero estableceuse polo leste. O seu exército obtivo importantes vitorias e retomaron a capital. Sohaemus, un cidadán romano de ascendencia armenia, foi instalado como o novo rei de Armenia, súbdito de Roma.
O Imperio Sasánida persa ocupou Armenia no 252 e a mantivo no seu poder até a reconquista romana do 287. Un século despois, no ano 387, o reino dividiuse entre o Imperio Romano Oriental e o persa. A Armenia occidental converteuse pronto nunha provincia do Imperio Romano, baixo o nome de Armenia Menor. A Armenia oriental seguirá a ser un reino de Persia até o 428, cando a nobreza local derrocou ao rei, e os sasánidas instalaron un gobernador no seu lugar.
Segundo a tradición, a igrexa apostólica armenia foi fundada por dous dos doce apóstolos de Xesús, Tadeu e Bartolomeu, que predicaron o cristianismo en Armenia entre os anos 40 e 60 Entre o século I e o IV, a Igrexa armenia foi dirixida polos chamados patriarcas.
Cristianización baixo a dinastía Arsácida
editarEn 301, Armenia converteuse na primeira nación que adoptou o cristianismo como relixión de estado. Estableceuse unha igrexa que aínda existe con independencia da igrexa católica e a igrexa ortodoxa, ao rexeitar o Concilio de Calcedonia no ano 451. A igrexa apostólica armenia é unha parte da comuñón ortodoxa oriental.
O primeiro Catholicos da igrexa armenia foi San Gregorio o Iluminador que, logo de ser perseguido a causa das súas crenzas polo rei pagán de Armenia, e exiliado nun pozo de Khor Virap, obtivo o título de «Iluminador», ao evanxelizar toda Armenia, comezando polo rei que o condenara.
Durante os períodos históricos de perda de identidade territorial, a Igrexa armenia ten sido a encargada de preservar e protexer a súa identidade única.
Nos anos 405-406, o futuro político de Armenia parece ser incerto. Coa axuda do rei de Armenia, Mesrop Mashtots inventou un alfabeto único para adaptarse ás necesidades da poboación. Ao facelo, iniciouse unha nova Idade de ouro de fornecemento da identidade e pertenza nacional armenia.
No século V, o Xa sasánida Iazdeguerd II tratou de vencellar a cristiá Armenia ao resto do imperio mediante a imposición da relixión zoroástrica. Os armenios rebeláronse guiados por Vartan Mamikonian. Iazdeguerd enviou o seu enorme exército a Armenia, onde se enfrontou na batalla de Avarayr cuns 66.000 rebeldes armenios, na súa maior parte campesiños. Mamikonian morreu no campo de batalla provocando o derrubamento da moral armenia, sen ningunha posibilidade contra un exército composto por entre 180.000 e 220.000 soldados, incluíndo inmortais e elefantes de guerra.
Malia ser unha derrota militar, a batalla de Avarayr e a posterior guerra de guerrillas en Armenia finalmente desembocaron no Tratado de Nvarsak (484), que garantiu a liberdade relixiosa aos armenios.
Idade Media
editarImperio Bizantino e Armenia bagrátida
editar- Artigo principal: Armenia bagrátida.
Reino armenio de Cilicia
editar- Artigo principal: Reino Armenio de Cilicia.
Para escapar da morte ou da servidume a mans dos que asasinaran o seu parente Gagik II, rei de Ani, un armenio chamado Roupen, con algúns dos seus compatriotas entraron nas gargantas dos montes Tauros e logo en Tarso de Cilicia. O gobernador bizantino do lugar deulles refuxio e así, desde o 1080 ata o 1375, o foco do nacionalismo armenio desprazouse cara ao sur, formando o Reino armenio de Cilicia.
Despois de que os membros da primeira cruzada aparecesen en Asia Menor, os armenios mantiveron unha estreita cooperación cos estados cristiáns para que a cruzada europea triunfase no sueste de Asia Menor, ata que foi conquistada polos estados musulmáns. O conde Balduíno, que co resto dos cruzados pasaba por Asia Menor con destino a Xerusalén, foi recibido como salvador por Thoros de Edessa, un gobernante armenio da fe grega ortodoxa. Como os cruzados eran hostís cos selxúcidas e os bizantinos, os armenios colaboraron coa cruzada. Cando Thoros foi asasinado, Balduíno converteuse no primeiro gobernante do reino cruzado de Edessa. Parece que os armenios foron favorables ao goberno de Balduíno e dos cruzados en xeral, e algúns deles loitaron xunto aos cristiáns en Europa. Cando foi tomada Antioquía (1097), Constantino, fillo de Roupen, recibiu o título de barón dos cruzados.
A fracasada terceira cruzada e outros acontecementos deixaron Cilicia como única presenza cristiá importante en Oriente Medio. As grandes potencias, como Bizancio, o Sacro Imperio Romano Xermánico, o Papado e mesmo o Califato Abbasída disputaron a influencia sobre o estado e foron os primeiros en recoñecer a León II, príncipe da Armenia menor, como rei lexítimo. Como resultado, concedeuse unha coroa tanto por parte do Sacro Imperio como por Bizancio. Representantes de toda a cristiandade e varios estados musulmáns acudiron á coroación, subliñando a importancia que o estado cilicio gañara co paso do tempo.
A autoridade armenia mantívose en contacto cos cruzados, que recibiron a súa axuda en varias cruzadas. Cilicia prosperou significativamente baixo o dominio armenio e converteuse no último vestixio do estado armenio medieval. Cilicia sempre mantivo unha identidade claramente armenia, comezando polos reis, que eran coroados co nome de "Rei de Cilicia dos armenios".
Na Armenia menor, a cultura armenia estivo en estreito contacto coa cultura europea dos cruzados e coa cultura helénica de Cilicia. Mentres as familias católicas estendían a súa influencia sobre Cilicia, o papa propúxose unir os armenios ao catolicismo. Esta situación dividiu o reino entre os seus habitantes, uns a favor dos católicos e outros pola igrexa apostólica.
A soberanía de Armenia durou ata o ano 1375, cando os mamelucos de Exipto, beneficiándose da inestabilidade política na Armenia Menor, invadírona.
Idade Contemporánea
editarArmenia oriental
editarImperio Sasánida
editarImperio Ruso
editar- Artigo principal: Armenia rusa.
A raíz da guerra Ruso-Persa (1826-1828), territorios da Armenia histórica, baixo control persa, centrados en Iereván e o lago Sevan, incorporáronse a Rusia. En virtude da lei de Rusia, a área que corresponde aproximadamente ao territorio armenio dos tempos modernos chamouse "provincia de Ereván". Os súbditos armenios do Imperio Ruso viviron nunha relativa seguridade, en comparación cos seus parentes otománs, aínda que os enfrontamentos cos tártaros e os kurdos eran frecuentes até comezos do século XX.
Durante o século XIX e comezos do XX, os rusos idearon un ambicioso plan para continuar a súa expansión na terra de Armenia, coa fin de chegar ás cálidas augas do Mediterráneo. Isto causou un novo conflito entre os imperios ruso e otomán, que finalmente culminaron na guerra Ruso-Turca (1828-1829). Como consecuencias da guerra, o Imperio Otomán cedeu unha pequena parte da tradicional patria armenia ao imperio Ruso. Esta zona foi coñecida como Armenia oriental, mentres que a Armenia occidental permaneceu baixo soberanía otomá.
Armenia occidental
editarO movemento de liberación nacional armenio
editar- Artigo principal: Movemento de liberación nacional armenio.
O movemento de liberación nacional armenio foi o esforzo armenio para liberar a patria histórica de Armenia oriental da Transcaucasia e a Asia Menor dos rusos e otománs e restablecer un estado armenio independente. O movemento de liberación nacional dos pobos balcánicos e a inmediata intervención das potencias europeas na cuestión oriental tivo un poderoso efecto sobre o até entón reprimido movemento nacional armenio no Imperio Otomán e contribuíu ao desenvolvemento dunha ideoloxía de liberación nacional. O movemento nacional de Armenia, ademais dos seus heroes individuais, é unha actividade organizada en torno a tres partes representadas do pobo armenio, o Partido Social Demócrata Hunchakian, Armenakan e a Federación revolucionaria armenia, que foi o máis influente entre os tres. Aqueles armenios que non apoiaron as aspiracións de liberación nacional ou se declararan neutrais foron nomeados chezoks.
En 1839, a situación dos armenios otománs mellorou lixeiramente, logo de que Abdul Mejid I levara a cabo importantes reformas nos seus territorios. Porén, sultáns posteriores, como Abdul Hamid II detiveron as reformas e levaron a cabo violentas matanzas, agora coñecidas como masacres hamidianas (1894-1896).
Século XX
editarXenocidio armenio (1915-1917)
editar- Artigo principal: Xenocidio armenio.
En 1915, o Imperio Otomán levou a cabo sistematicamente o despois chamado xenocidio armenio, no que pereceron 1,5 millóns de armenios. A limpeza étnica durante os derradeiros anos do Imperio Otomán é un xenocidio, cunha onda de masacres nos anos 1894 a 1896, que culminou cos sucesos de 1915 a 1923. Coa primeira guerra mundial en curso, os turcos otománs acusaron aos armenios cristiáns de aliarse coa Rusia imperial, e empregaron este pretexto para considerar a toda a poboación armenia como inimiga dentro do seu imperio. Os acontecementos de 1915 e 1923 son considerados polos armenios e pola gran maioría dos historiadores occidentais como asasinatos en masa. As autoridades turcas, porén, sosteñen que as mortes foron o resultado dunha guerra civil, xunto coas doenzas e coa fame, con baixas sufridas por ambas as partes.
O número exacto de mortos é difícil de estabelecer. Estímase por moitas fontes que preto dun millón de armenios pereceron nos campamentos, sen contar ás persoas mortas noutros lugares. A maioría das estimacións sitúan o número total de mortes entre 800.000 e 1,5 millóns. Estes eventos conmemóranse tradicionalmente cada ano o 24 de abril, o día do mártir cristián armenio.
República Democrática de Armenia (1915-1917)
editar- Artigo principal: República Democrática de Armenia.
A chamada República Democrática de Armenia foi o primeiro estado moderno armenio. Xurdiu en 1918, co colapso do Imperio Ruso trala Revolución rusa de 1917 e despois da disolución da República Federativa Democrática Transcaucásica. A nova república limitaba coa República Democrática de Xeorxia ao norte, coa República Democrática de Acerbaixán ao leste, o Imperio Persa ao sur, e o Imperio Otomán ao oeste. Eventualmente, a nación estivo en guerra con todos os seus veciños, agás Persia, produto de conflitos limítrofes. Estes conflitos significaron a perda do 50% do seu territorio inicial. A Primeira República Armenia deixou de existir en novembro de 1920, cando foi invadida por Acerbaixán.
Armenia na Unión Soviética (1922-1991)
editar- Artigo principal: República Socialista Soviética de Armenia.
A República Federal Socialista Soviética de Transcaucasia disolveuse en 1936, e como consecuencia, Armenia converteuse nunha república da Unión Soviética co nome de República Socialista Soviética de Armenia.
A transición cara ao comunismo foi difícil para Armenia e para a maioría das outras repúblicas da Unión Soviética. As autoridades soviéticas puxeran aos armenios baixo estrita vixilancia. Case non existía a liberdade de expresión, menos aínda durante o goberno de Iosif Stalin. Calquera individuo que fose sospeitoso da utilización ou a introdución da retórica ou elementos nacionalistas nas súas obras era etiquetado como propagandista traidor, e algúns foron enviados a Siberia durante o imperio stalinista. Até Zabel Yessayan, un escritor que tivo a sorte de escapar da limpeza étnica durante o xenocidio armenio, foi rapidamente enviado a Siberia logo de volver á súa patria desde Francia.
A Armenia Soviética participou na segunda guerra mundial co envío de centos de milleiros de soldados á primeira liña coa fin de defender a "patria soviética". A URSS tamén tivo algúns aspectos positivos. Armenia, unha nación que se atopara baixo dominación estranxeira durante centos de anos, e non estaba lista para seren un estado independente compartindo fronteira cun estado Turco hostil, mantívose baixo control soviético e foi protexida da Turquía kemalista.
Armenia tamén se converteu nunha grande beneficiaria da economía soviética, en especial cando esta estaba no seu mellor momento. As aldeas provinciais gradualmente convertéronse en pobos que pouco a pouco se transformaron en cidades. Tamén a paz entre Armenia e Acerbaixán chegou, aínda que fose temporalmente. Durante este tempo, en Armenia había unha importante minoría acerí, na súa maior parte concentrada en Iereván. Asemade, Acerbaixán tiña unha poboación armenia minoritaria, concentrada en Bakú, Kirovabad, e Nagorno-Karabakh. Este cambio demográfico foi progresando dramaticamente durante e despois da primeira guerra de Nagorno-Karabakh.
Moitos armenios tiñan aínda sentimentos nacionalistas, a pesar de que era moi perigoso expresalos publicamente. O 24 de abril de 1965, decenas de milleiros de armenios encheron as rúas de Iereván para lembrar os horrores vividos polos seus antergos durante o xenocidio armenio de 1915. Esta foi a primeira manifestación pública na URSS que defendía os intereses colectivos nacionais nun lugar.
A finais do decenio de 1980, Armenia foi vítima da contaminación.
Durante o goberno de Mikhail Gorbachev, coa introdución do glasnost e a perestroika, as manifestacións públicas fixéronse máis comúns. Milleiros de armenios en Iereván demostraron a incapacidade para facer fronte a simples preocupacións ecolóxicas a causa da URSS. Máis tarde, co conflito de Karabakh, fixeron unha das manifestacións con máis sabor nacionalista. Moitos armenios comezaron a esixir a condición de Estado.
O 23 de agosto de 1990 foi renomeada como República de Armenia, e permaneceu na URSS até un ano despois.