Hereward o Proscrito
Hereward o Proscrito (tamén coñecido como Hereward the Wake ou Hereward o Exiliado, c. 1035 – c.1072) foi un caudillo do s. XI da resistencia local á conquista normanda de Inglaterra. A base de Hereward mentres lideraba a rebelión contra os gobernantes normandos foi a Illa de Ely, e segundo a lenda deambulou polos pantanos, cubrindo o condado de Cambridge do norte, o condado de Lincoln do leste e Norfolk do sur, liderando a oposición popular contra Guillerme o Conquistador.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1032 Lincolnshire, Reino Unido |
Morte | 1072 (39/40 anos) |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography The Nuttall Encyclopædia >>>:Hereward the Wake Encyclopædia Britannica |
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde setembro de 2016) |
Hereward é un vello nome inglés composto dos elementos here, "exército", e weard "garda" (cognado do nome en antigo alto alemán Heriwart).[1] O epíteto "the Wake" co que é coñecido en inglés, rexístrase a finais do s. XIV, e pode significar "o vixilante", ou derivar da familia anglo-normanda Wake que máis tarde afirmou descender del.
Fontes primarias
editarExisten varias fontes primarias sobre a vida de Hereward, aínda que a precisión da súa información é difícil de avaliar. Elas son a versión da Crónica anglosaxoa escrita na Abadía de Peterborough (o "manuscrito E" ou Crónica de Peterborough), o Domesday Book (DB), o Liber Eliensis (Libro de Ely) e, moito máis detallada, a Gesta Herewardi (Gesta).
As fontes ás veces son mutuamente contraditorias. Por exemplo, o capítulo XXVII da Gesta data o ataque de Hereward á Abadía de Peterborough despois do Asedio de Ely, mentres que a Crónica de Peterborough (1070) o pon inmediatamente antes. Isto probablemente indica, como suxire o prefacio da Gesta, que as lendas orais contraditorias sobre Hereward xa eran correntes en Fenland a finais do s. XI e comezos do XII. Ademais, pode haber algunha toma de partido nos escritores antigos: os datos sobre Hereward na Crónica de Peterborough, por caso, foron escritos nun mosteiro do que se di que el o saqueou, uns cincuenta anos após a data do asalto.[2] Doutra banda, a versión orixinal da Gesta foi escrita como un eloxio explícito a Hereward; moita da súa información foi proporcionada por homes que o coñeceron persoalmente, principalmente, se se crer no prefacio, por un antigo compañeiro de armas e membro da anterior casa do seu pai, chamado Leofric o Diácono.[3][4]
Gesta Herewardi
editarA Gesta Herewardi ou Herwardi é un texto en latín medieval, probablemente escrito arredor de 1109–31.[5] O texto latino do s. XII pretende ser unha tradución dunha obra anterior (agora perdida) en inglés antigo, con baleiros no orixinal estragado, reenchidos coa historia oral. A copia preservada máis antiga da Gesta está nun manuscrito escrito a mediados do s. XIII na Abadía de Peterborough, xunto con outros materiais referidos á abadía. Este manuscrito do s. XIII é coñecido como o "Rexistro de Robert de Swaffham".
O que se sabe dos comezos da historia da Gesta provén do seu prólogo, segundo o cal o texto orixinal foi escrito en inglés antigo por Leofric, un sacerdote da casa de Hereward, quen deviño nun dos seus compañeiros de armas durante a resistencia que Hereward liderou contra Gillerme o Conquistador.[5] A obra de Leofric puídose precipitar pola morte de Hereward. O prólogo tamén informa que a versión inglesa máis antiga resultou moi estragada, aínda que non destruída: o superior do autor da Gesta ordenoulle ir á procura dos restos da obra de Leofric e traducilos ao latín. El fíxoo, mais, polas súas más condicións, ante a insistencia do seu superior, encheu as lagoas coa historia oral. Sostívose que o autor da Gesta foi Richard de Ely, e que o seu superior foi o bispo Hervey de Ely, quen oficiou de tal de 1109 a 1131.[5][6]
A versión da Gesta que existe hoxe é unha transcrición desta obra, a cal foi incorporada a un libro que contén estatutos e outros materiais relativos á Abadía de Peterborough coñecido como "Rexistro de Robert de Swaffham", aínda que tamén é chamado "o libro de Robert de Swaffham".[7] Segundo Janet D. Martin, o libro foi creado "arredor de 1250", e orixinalmente remataba coa Gesta Herewardi, pero no s. XIV angadiuse máis material alleo á historia do heroe.[8]
No s. XIX, W. D. Sweeting publicou, a partir de 1895, unha edición da Gesta en fascículos, como suplemento do Fenland Notes and Queries, unha revista trimestral publicada en Peterborough, da cal Sweeting nesa época era editor. Sweeting utilizou unha transcrición da Gesta feita por S. H. Miller, para publicar unha edición onde a transcrición e a tradución aparecían en columnas paralelas.[9]
Vida e lenda
editarFamilia
editarEn parte debido á falta de detalles, a súa vida converteuse nun imán para especuladores e estudosos afeccionados. As referencias máis antigas á súa liñaxe, na Gesta, faillo fillo de Edith, unha descendente de Oslac de York, e Leofric de Bourne, sobriño de Ralph the Staller. De maneira alternativa, tamén díxose que Leofric, conde de Mercia e a súa muller Lady Godiva eran os verdadeiros pais de Hereward. Non hai ningunha proba disto, e o abade Brand de Peterborough, de quen se afirma ser tío de Hereward, non parece ter relación con Leofric nin con Godiva. É improbable que, se Hereward fora membro desta familia prominente, a súa liñaxe non fose rexistrada.[10] Algunha investigación moderna suxere que foi anglo-danés, cun pai de Dinamarca, Asketil; como Brand é tamén un nome danés, ten senso que o abade fose irmán de Asketil. A aparente habilidade de Hereward para obter a axuda danesa tamén pode apoiar esta teoría.[11]
O nacemento de Hereward convencionalmente dátase en 1035/6 pois a Gesta sinala que foi exiliado por primeira vez en 1054, cando tiña 18 anos. Con todo, como o relato da Gesta da primeira parte do seu exilio (en Escocia, Cornualla e Irlanda) contén elementos fantásticos, é difícil saber se é fidedigno.[12] Peter Rex, na súa biografía de Hereward de 2005, di que as campañas nas cales hai información de que loitó preto de Flandres comezarían arredor de 1063, e suxire que, se tivera 18 na época do seu exilio, nacería en 1044/5.[13] Mais isto basearíase na suposición de que a primeira parte da historia é en gran medida ficticia.
Suponse que o seu sitio de nacemento foi en ou preto de Bourne, en Lincolnshire. O Domesday Book mostra que un home chamado Hereward posuía, como inquilino da Abadía de Peterborough, terras nas parroquias de Witham on Hill e Barholm with Stow na punta suroeste de Lincolnshire; antes do seu exilio, Hereward tamén alugaba terras da Abadía de Croyland, en Crowland, oito millas ao leste de Market Deeping, preto dos pantanos. Xa que as terras posuidas nas abadías podían estar espalladas en diferentes parroquias, a localización precisa das súas posesións persoais é incerta mais estaban seguramente nalgures do sur de Lincolnshire.
Exilio
editarSegundo a Gesta, Hereward foi exiliado cando tiña dezaoito anos por desobediencia ao seu pai e mal comportamento, o cal causara problemas na comunidade local. Foi declarado proscrito por Eduardo o Confesor. A Gesta conta varias historias sobre as súas supostas aventuras de mozo durante o exilio en Cornualla, Irlanda e Flandres. Elas inclúen unha loita cun enorme oso, e o rescate dunha princesa cornuallesa dun matrimonio non desexado. Moitos historiadores consideran ficción a maioría destes relatos.[14] Chegado a Flandres, uniuse a unha expedición contra "Scaldemariland" (probablemente illas no estuario de Scheldt). A historiadora Elizabeth van Houts cre que este aspecto da historia é consistente coa evidencia de expedicións conducidas por Roberto o Frisio en beneficio do seu pai Balduíno V, Conde de Flandres a comezos da década de 1060.[15] Peter Rex tamén acepta que estes acontecementos probablemente ocorreran.
Na época da invasión normanda a Inglaterra, aínda estaba exiliado en Europa, traballando como mercenario exitoso para Balduíno V. Segundo a Gesta participou en torneos en Cambrai.[15] Nalgún punto do seu exilio dise que Hereward casou con Turfida, unha muller galo-xermánica dunha familia rica de Saint-Omer.[15] Na Gesta dise que ela se namorou del antes de coñecelo, porque ouvira sobre as súas proezas.[14]
Regreso a Inglaterra
editarHereward regresou a Inglaterra a finais de 1069 ou en 1070. A Gesta di que descubriu que as terras da súa familia foran tomadas polos normandos e que o seu irmán fora matado e logo a súa cabeza fora posta nunha pica diante a porta da súa casa. Hereward vingouse dos normandos que mataran o seu irmán mentres eles ridiculizaban os ingleses nunha troula de bébedos. Presuntamente matou quince deles coa axuda dun cómplice. Logo reuniu seguidores e foi á Abadía de Peterborough para ser nomeado cabaleiro polo seu tío Brand. Regresou brevemente a Flandres para deixar que a situación arrefriase e despois volveu a Inglaterra.
O Gesta afirma que Frederick, o cuñado de William de Warenne xurou matar Hereward, mais Hereward anticipouse e matouno. Como a morte de Frederick a mans de Hereward tamén está atestada na Crónica de Hyde, o acontecemento é considerado "case con certeza" verídico.[16] O propio William máis tarde perseguiu Hereward, pero Hereward presuntamente abateuno do seu cabalo dun frechazo.[14]
En 1070 Hereward certamente participou na insurrección anti-normanda cuxa base estivo na Illa de Ely. En 1069 ou 1070 o rei danés Sweyn Estrithson enviou un pequeno exército para tentar establecer un campamento nesa illa. Parece que Hereward uniuse a el. Hereward atacou e saqueou a Abadía de Peterborough acompañado por homes locais e daneses de Sweyn. Mentres a Gesta di que isto ocorreu após a batalla principal en Ely, a Crónica de Peterborough di que foi antes. O consenso histórico é que o relato da Crónica é máis preciso.[17] Dise que a xustificación de Hereward foi que quería salvar os tesouros e reliquias da abadía da rapacidade dos normandos liderados polo novo abade normando que expulsara o seu tío Brand. Segundo a Gesta devolveu os tesouros saqueados da abadía despois de ter unha visión de San Pedro.[14] Porén, a Crónica de Peterborough di que o tesouro foi levado a Dinamarca.[18]
Hereward logo uniuse a un exército pequeno liderado por Morcar, o antigo conde saxón de Nortumbria que fora expulsado por Guillerme. Guillerme enviou un exército para negociar cos rebeldes. En 1071, Hereward e Morcar foron forzados a retirarse á súa fortaleza e montaron unha desesperada resistencia na Illa de Ely contra o goberno do Conquistador. Tanto a Gesta coma o Liber Eliensis afirman que os normandos fixeron un asalto frontal, axudados por unha enorme calzada de madeira dunha milla de longo, mais a calzada afundiuse baixo o peso das armaduras e os cabalos. O normandos entón tentaron intimidar os ingleses cunha bruxa, quen os maldixo desde unha torre de madeira, mais Hereward enxeñouse para pegar lume á torre, que derrubouse coa bruxa nela. O Gesta inclúe outros contos fantásticos sobre a coraxe de Hereward, incluíndo que se disfrazou de oleiro para espiar o rei que e fuxiu da catividade.
Dise que entón os normandos, probablemente liderados por un dos cabaleiros de Guillerme chamado Belasius (Belsar), subornaron os monxes da illa para revelaren unha ruta segura a través dos pantanos, o cal resultou na captura de Ely. Morcar foi encarcerado, mais dise que Hereward fuxira con algúns dos seus seguidores aos pantanos para continuar a súa resistencia. Esta fuxida é rexistrada por todas as fontes que se conservan .[18]
Hai evidencias da existencia dun antigo terraplén ao sur de Aldreth no cruzamento da vella calzada do pantano e Iram Drove. Este vestixio circular, coñecido como o Monte de Belsar, é un potencial sitio onde construiría un forte Guillerme para atacar desde alí Ely e Hereward.[19]
Vida posterior
editarHai relatos contraditorios sobre a vida de Hereward despois da caída de Ely. A Gesta di que tentou negociar con Guillerme mais que foi provocado a unha loita cun home chamado Ogger. A loita conduciu á súa captura e encarceramento. Os seus seguidores, porén, liberárono cando era transferido dun castelo a outro. O antigo carcereiro de Hereward persuadiu o rei de negociar unha vez máis, e finalmente foi perdoado por Guillerme e viviu o resto da súa vida en relativa paz. Tamén dise que casou cunha segunda muller despois que Turfida ingresou nun convento.[14] Dise que se chamaba Alftruda e era a viúva do conde Dolfin.[18]
Geoffrey Gaimar, na súa Estoire des Engleis, di polo contrario que Hereward viviu algún tempo como un proscrito nos pantanos, mais que cando estaba a piques de facer as paces con Guillerme, foi emboscado e matado por un grupo de cabaleiros normandos.[20] Tamén é posible que Hereward non recibira ningún perdón e fora ao exilio para sempre; este era de feito o destino de moitos ingleses prominentes após a Conquista.[21] Ogger ("Oger o Bretón"), xa sexa a persoa con quen se supón que loitou Hereward, ou un herdeiro, parece que tomaría as súas terras.[14] Joseph Harrop, en A New History of England de 1764, suxire que despois da súa fuxida de Ely, Hereward marchou a Escocia.[22]
Epíteto "the Wake"
editarO epíteto "the Wake" (en antigo inglés 'wæcnan') é atestado por primeira vez a finais do s. XIV na Crónica de Peterborough, onde o seu primeiro editor, Joseph Sparke, atribúeno ao, doutro xeito, descoñecido John of Peterborough.[23] Hai dúas teorías principais a respecto da orixe do alcume. A interpretación habitual é que significa "o vixilante".[24] Na novela de Charles Kingsley, Hereward adquíreo cando, coa axuda do seu criado Martin Lightfoot, frustra o intento dun grupo de cabaleiros que, celosos da súa fama, o tentan matar durante unha cazaría.[25] Unha segunda teoría é que o nome lle foi dado pola familia Wake, os terratenentes normandos que obtiveron as terras de Hereward en Bourne, Lincolnshire, despois da súa morte, para implicar unha conexión familiar e polo tanto lexitimar a súa reclamación da terra. O Wake afirmaron descenderen da filla que Hereward tería da súa segunda muller, Alftruda.[26]
Historicidade
editarA existencia de Hereward xeralmente no é discutida, aínda que a historia da súa vida, especialmente como é refundida na Gesta, case con certeza contén esaxeracións sobre as súas fazañas e algunhas francamente son ficción. Hugh M. Thomas sostén que a Gesta é unha historia sobre un heroe inglés, que pretende entreter e desenvolve unha fantasía de resistencia exitosa contra os normandos.[14] Hereward sempre é motivado por emocións sinceras, a diferenza dos seus inimigos, na súa loita mostra valores cabaleirescos. A súa coraxe suprema e viril constantemente é resaltada. Episodios potencialmente deshonrosos como o saqueo de Peterborough son desculpados, e mesmo borrados por historias como a da visión de San Pedro que o fai devolver o botín.[14]
O feito da participación de Hereward nos acontecementos de Ely é atestado en documentos antigos como o anal de 1071 da Crónica anglosaxoa. Outro texto da Crónica tamén refire a súa implicación no saqueo. As fontes antigas non din sobre el máis que estaba en Ely e que liderou a última banda da resistencia. L'Estoire des Engles (c. 1140) di que tivo unha familia nobre, pero non especifica máis. A xenealoxía alegada é proporcionada pola Gesta e a posterior Historia Croylandensis, aínda que con algunhas variacións. Cara ao s. XV, a familia Wake afirmaba descender del e elevaban a súa ascendencia afirmando que era o fillo de Leofric, conde de Mercia e de Lady Godiva.[18]
É posible que algunhas das historias sobre Hereward mutaran en relatos sobre Robin Hood ou que os influíran .[27] Hereward, porén, ficou como unha figura menor ata a época vitoriana, cando a idea da heroicidade anglosaxoa nativa se fixo popular. A novela de Charles Kingsley de 1865, Hereward the Wake: o último inglés elevou a Hereward á posición de heroe nacional. Esbozou a teoría de que as liberdades tradicionais inglesas foron destruídas polo "xugo normando", unha idea en realidade máis antiga, divulgada pola novela de Walter Scott Ivanhoe. Ambas as dúas novelas axudaron crear a imaxe dunha Inglaterra anglosaxoa romántica, violada pola tiranía normanda.[28] Despois da súa publicación, Hereward aparece en numerosas obras históricas populares.
Notas
editar- ↑ Room, Adrian (1992) Brewer's Names, London: Cassell, ISBN 0-304-34077-4
- ↑ Na Abadía de Peterborough, cinco ou seis anos despois de qu incendiárase a súa biblioteca, en 1116.
- ↑ Gesta Chapter I
- ↑ Gesta, Chapters I and XIX.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 van Houts, Elisabeth, "Hereward and Flanders", in Anglo-Saxon England 28, 1999, pp. 202ff.
- ↑ Thomas (1998) p. 214
- ↑ Martin, Janet D., The Cartularies and Registers of Peterborough Abbey, Northamptonshire Record Society, 1978, pp. 7–12.
- ↑ Martin 1978.
- ↑ Nótese que o prefacio da edición de Miller e Sweeting atribúen a autoría a Hugh Candidus, sen citar fontes para tal atribución.
- ↑ Freeman, E. A. (1870–1876), The History of the Norman Conquest of England, vol.
- ↑ Rex, Chap. 2 & 3 tamén pp. 208–209 contén árbores xenealóxicos da 'Casa de Leofric conde de Mercia' e 'a familia do abade Brand' respectivamente
- ↑ Rex, Peter (2005) Hereward: the last Englishman Chalford: Tempus, pp.54–55
- ↑ Rex, Peter, pp.58–9
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Hugh M Thomas, "The Gesta Herewardi, the English and their Conquerors", Anglo-Norman Studies 21: Proceedings of the Battle Conference 1998, pp.213ff.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 van Houts, Elisabeth, "Hereward and Flanders", in Anglo-Saxon England 28, 1999, pp. 202ff.
- ↑ Paul Dalton, John C. Appley, Outlaws in Medieval and Early Modern England: Crime, Government and Society, Ashgate Publishing, Ltd., 2009, pp.30–31.
- ↑ Hindley, G. (2006) The Anglo-Saxons: the Beginnings of the English Nation London: Robinson, p. 343
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 David Roffe, "Hereward 'the Wake' and the Barony of Bourne: a Reassessment of a Fenland Legend", Lincolnshire History and Archaeology, 29 (1994), 7–10.
- ↑ Cambridgeshire Historic Environment Record Belsar's Hill
- ↑ ibid.
- ↑ Rex, Peter (2005) Hereward: the last Englishman Chalford: Tempus, Chapter 10, ISBN 0-7524-3318-0
- ↑ Harrop (1764). A New History of England, from the time of its first invasion by the Romans to the year 1727. J. Harrop.
- ↑ "Obiit etiam Brando abbas Burgi, patruus dicti Hereward le Wake, cui ex regis collatione successit Turoldus."
- ↑ "Hereward the Wake" entry in Elizabeth Knowles, (2006), Oxford Dictionary of Phrase And Fable.
- ↑ Kingsley, Charles Hereward the Wake T. Nelson & Sons Ltd, Great Britain, pp. 75–78
- ↑ See King, E. "The Origins of the Wake Family: the early history of the barony of Bourne in Lincolnshire."
- ↑ See Holt, J. C. (1982) Robin Hood, London: Thames and Hudson, pp.64–75 and Keen, Maurice (1961) The Outlaws of Medieval Legend, London: Routledge.
- ↑ Popular Anti-Catholicism in Mid-Victorian England, Denis G. Paz (Stanford University Press), 1992 (pp. 2,3,64); Clare A. Simmons, Reversing the Conquest: Saxons and Normans in Nineteenth-Century British literature(University of Southern California), 1988