Dionisio de Halicarnaso
O grego Dionisio de Halicarnaso (Διονύσιος Ἀλεξάνδρου Ἁλικαρνᾱσσεύς: Dionisio fillo de Alexandre de Halicarnaso, nado ca. -60 e finado ca. -7, foi un historiador, crítico literario e profesor de retórica. Viviu en Roma na época de César Augusto.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 60 a. C. Halicarnaso, Turquía |
Morte | 7 a. C. (52/53 anos) Roma, Italia |
Residencia | Roma (30 a. C.–) |
Actividade | |
Ocupación | historiador, escritor, orador |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarViaxou a Roma logo de finalizada a guerra civil, pasou vinte e dous anos estudando latín e literatura e preparando materiais para a súa historia. Durante ese período impartiu leccións de retórica e gozou da sociedade de personaxes moi distinguidos da época. A data da súa morte é descoñecida.
O seu gran traballo, titulado Ῥωμαική ἀρχαιολογία (Rhōmaikē arkhaiologia, Antigüidades romanas), abarca a historia de Roma desde o período mítico ata o comezo da Primeira guerra púnica.[1]
A obra foi dividida en 20 libros, dos cales os primeiros nove permanecen enteiros, o décimo e undécimo están case completos, e os restantes están incompletos nos extractos de Constantino Porfiroxéneta e un epítome descuberto por Angelo Mai nun manuscrito de Milán. Os tres primeiros libros de Apiano e Plutarco Vida de Camilo abarcan moito da vida de Dionisio.
O seu principal obxectivo foi reconciliar aos gregos co goberno do imperio romano, resaltando as cualidades dos seus conquistadores. De acordo con el, a historia é filosofía que se ensina con exemplos, esta idea tomouna seguindo o punto de vista dos retóricos gregos. Coidadosamente consultou as mellores fontes e o seu traballo e o de Tito Livio son os únicos que detallan a historia romana temperá.
O libro I ten un extenso prólogo onde expón a xustificación e o obxectivo da obra: cobre un baleiro, é de carácter didáctico, polémico e de agradecemento. É o propósito de Dionisio ensinar aos seus compatriotas gregos o carácter da fundación de Roma e os motivos da súa grande expansión. O noso autor considera que as etapas de fundación e de realeza son claves, e que estas non foron suficientemente desenvolvidas por outros historiadores, de feito o título da obra Romaniké Archaiología fainos pensar nos textos gregos que trataban sobre as fundacións dos pobos. Dionisio fai énfase nas orixes gregas de Roma e en que é o mérito -e non a Fortuna- o que lles conseguiu a hexemonía aos romanos. O historiador explica o éxito dos romanos polo feito de que eles perfeccionaran a herdanza grega no militar, o político e o cívico. As fontes de Dionisio son a analística romana (sobre todo a do s. I a.C.), Xerónimo de Cardia, Polibio, Timeo e Varrón, entre outros.
Dionisio é tamén o autor de varios tratados retóricos, nos cales demostra estudar a fondo os mellores modelos áticos:
- A Arte da Retórica (que é máis ben unha colección de ensaios de teoría retórica), incompleto, e certamente non todo o seu traballo.
- O Arranxo das palabras (Περὶ Συνθήσεως Ὀνομάτων), que trata sobre a combinación das palabras de acordo cos diferentes estilos de oratoria.
- Sobre a imitación (Περὶ Μιμήσεως, Peri Mimeseos), un traballo fragmentado que trata sobre os mellores modelos nos diferentes tipos de literatura e as maneiras pertinentes de imitalos.
- Comentarios sobre os oradores áticos (Περὶ τῶν Ἀττικῶν Ρητόρων), no cal unicamente trata de Lisias, Iseo, Isócrates e Dinarco.
- O estilo admirable de Demóstenes (Περὶ λεκτικῆς Δημοσθένους δεινοτῆτος, Perì lektikês Demosthenous deinotetos).
- Sobre o carácter de Tucídides (Περὶ Θουκιδίδου χαρακτῆρος), unha detallada pero, en conxunto, inxusta descrición.
Os dous últimos tratados son suplementados polas cartas a Cneo Pompeio Magno e Ameo (dúas).[2][3]
Estilo
editarA súa prosa é aticista, tinguida de clasicismo, os preceptos retóricos que el mesmo expón pretende levalos ao acto na súa Arqueología por medio da imitación dos modelos preferidos (Lisias, Isócrates e Demóstenes). Como Isócrates, evita o hiato e compón unha prosa periódica, de Demóstenes toma as metáforas atrevidas. Confire á historia o ton retórico e pracenteiro que desprezaba Polibio (o seu antimodelo).
Utiliza o presente histórico e abunda no uso do optativo e na atracción do relativo, tamén fai un uso clasicista dos modos e os tempos. O léxico, como é corrente no helenismo, combina palabras da linguaxe corrente coas da lingua poética. Como carecía de vocabulario técnico, na súa obra retórica, utiliza 'nomes metafóricos'; finalmente, distíngueo a amplificación adxectival (o que lle confire un ton ampuloso e perifrástico).
Notas
editar- ↑ Adolfo Domínguez Monedero: El tema de la colonización griega en las "Antigüedades romanas" de Dionisio de Halicarnaso.
- ↑ Carta a Pompeio: texto grego, con índice electrónico, no Proxecto Perseus. Empregando o rótulo activo "load", que se atopa na parte superior dereita, obtense axuda en inglés co vocabulario grego do texto.
- ↑ Sobre as expresións de Tucídides (Carta a Ameo): texto grego no Proxecto Perseus, coas características indicadas antes.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Dionisio de Halicarnaso. Historia antigua de Roma. Obra completa. Editorial Gredos. Madrid. (en castelán)
- Volumen I: Libros I-III. 1984. ISBN 978-84-249-0950-5. (en castelán)
- Volumen II: Libros IV-VI. 1984. ISBN 978-84-249-0951-2. (en castelán)
- Volumen III: Libros VII-IX. 1989. ISBN 978-84-249-1377-9. (en castelán)
- Volumen IV: libros X-XI y fragmentos de los libros XII-XX. 1988. ISBN 978-84-249-1368-7. (en castelán)
- – (2001). Sobre la composición literaria; Sobre dinarco; Primera carta a Ameo; Carta a Pompeyo Gémino; Segunda carta a Ameo. Editorial Gredos. Madrid. ISBN 978-84-249-2290-0. (en castelán)
- – (2005). Tratados de crítica literaria: Sobre los oradores antiguos; Sobre Lisias; Sobre Isócrates; Sobre Iseo; Sobre Demóstenes; Sobre Tucídides; Sobre la imitación. Editorial Gredos. Madrid. ISBN 978-84-249-2759-2. (en castelán)
Ligazóns externas
editar- Alexander Adam: Antigüidades romanas (Roman Antiquities, 1791).
- Sobre Dionisio de Halicarnaso: texto español; vista previa en Google Books.
- Dionisio de Halicarnaso: textos en grego e en francés, con introdución neste idioma, no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011). París, 1836. Nos textos de Dionisio que en lugar de mostrarse bilingües aparecen por separado en grego e en francés, os números en azul son rótulos activos que serven para cambiar dun idioma a outro.
- Dionisio de Halicarnaso no Proxecto Perseus.
- Dionisio de Halicarnaso na Biblioteca Virtual del Patrimonio Bibliográfico