Chourizo

embutido típico da Península Ibérica e Latinoamérica

O chourizo é un embutido típico da Península Ibérica e Latinoamérica, unha especie de salchicha curada (ben ó aire, ben afumada) e que está elaborada basicamente de carne do porco picada e adobada con especias.

Chourizos frescos

Tipos de chourizo

editar

Chourizo galego

editar

O chourizo galego caracterízase por ser un produto artesanal e moi vencellado á cultura da matanza do porco. Os anacos de carne que se aproveitan do despece empréganse para facer chourizos. As pezas máis grandes de carne conservábanse en sal como o touciño ou os lacóns. Os anacos de carne picábanse antigamente con coitelo e despois con máquina manual e con eles facíase unha pasta que era condimentada con pimentón doce e picante, ás veces tamén con allo. Cos intestinos do porco facíanse os chourizos. Os chourizos de intensa cor vermella eran curados, deixados secar e ás veces afumados na lareira. Este xeito de conservación deixaba que o produto se poidese aproveitar durante moito máis tempo e facía do chourizo un ingrediente da cociña tradicional galega. Así o chourizo empregábase en cocidos e como acompañamento doutros pratos. Co tempo o chourizo foi gañando aceptación na cociña como embutido de calidade e así toda a carne do porco chegaba a empregarse para facer chourizos xurdindo outras variedades e novas receitas como os chourizos crioulos que non levan pimentón e son consomidos sen curación algunha á grella.

Chourizo ceboleiro ou de cabazo

editar

Tipo de chourizo feito principalmente de carne e cebola pero que pode levar tamén outros ingredientes como cabaza, nabo etc[1].

Artigo principal: Zorza.

Unha variedade moi importante na cociña é a masa dos chourizos sen embutir pero con pimentón á que se chama zorza. Faise fritida.

Variedades iberoamericanas

editar

As máis coñecidas fóra de Europa son as versións mexicana e caribeña, nas que a carne de porco non se pica e o adobo é distinto.

 
Posto de venda de choripanes na Plaza de Mayo, Buenos Aires

Algúns dos chourizos típicos son o chourizo crioulo (que se consome sen curar -nin desecar nin afumar-, xa que se pon case fresco a cociñar nos asados) e o chourizo bombón, que é unha variedade reducida (e frecuentemente máis adubada) do chourizo crioulo.

Na Arxentina, Paraguai e o Uruguai, e máis tarde tamén en Bolivia, Chile, o Perú, o chourizo crioulo deuse en comer en forma de choripán (sándwich de chourizo entre medio dun pan, normalmente pan branco e redondo). Pódenselle engadir condimentos e prebes varios, entre os que destacan o chimichurri, cogomelos, cogombros, pemento, maionesa, salsa brava etc.) Ademais, hai unha versión do choripán, que leva o chourizo cociñado á "bolboreta", é dicir, cortado de xeito lonxitudinal, pero sen separar por completo ámbalas dúas partes (e que se asemella na forma a unha bolboreta). Na Arxentina tamén existen variedades de chourizos semellantes aos ibéricos (curados), e entre estas as máis coñecidas son o chourizo colorado e o chourizo candelario.

O chourizo é un elemento importante na cociña mexicana, pois chega a ser incluído en calquera das comidas do día e case sempre acompáñase de tortillas. A cidade de Toluca está especializada na elaboración deste embutido, pero tamén é fabricada por un sinfín de pequenas empresas familiares en moitas partes do país. Hai unha gran variedade de presentacións do chourizo vermello, tal como lle chaman alí, aínda que a cor pode variar un pouco ata case chegar a un laranxa. O termo chourizo, coloquialmente tende a ser confundido e intercambiarse co termo longaínza, aínda que esta última sexa un tipo de embutido máis longo. Na gastronomía mexicana, tamén hai un chourizo verde, aída este tende a ser máis rexional e menos coñecido. Na linguaxe coloquial e argot mexicano, o termo chourizo pode significar dende unha 'serie innumerable de algo' (por exemplo: "...presentou un chourizo de excusas") ata ter connotacións fálicas, entre outros.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar