Cadro de Punnett
O cadro de Punnett é un diagrama que se usa para predicir os resultados dun cruzamento xenético cando se coñecen os xenotipos dos gametos. Recibe ese nome polo xenetista británico Reginald C. Punnett, que o ideou. Con este diagrama podemos saber as probabilidades de que se orixine un descendente cun determinado xenotipo nun cruzamento xenético. O cadro de Punnett é unha táboa na que se obteñen todas as posibles combinacións entre os alelos maternos e paternos de cada xene estudado nun cruzamento con herdanza mendeliana.
Cruzamento monohíbrido
editarO cruzamento monohíbrido é o cruzamento entre dous heterocigotos para un xene (Aa x Aa). No exemplo o xenotipo de ambos os organismos é Ab, polo que tanto o proxenitor materno coma o paterno producirán os gametos A e a na mesma cantidade e coa mesma probabilidade de combinárense cos do outro proxenitor ao chou. Colócanse nas columnas os gametos dun proxenitor e nas ringleiras os do outro proxenitor e nos cadros centrais as combinacións da posible descendencia. Cóntase a probabilidade de cada descendente no total, que neste caso é AA 25% (ou 1/4), Aa 50% (ou 1/2), e aa 25% ou 1/4.[1]
Paterno | |||
---|---|---|---|
A | a | ||
Materno | A | AA | Aa |
a | Aa | aa |
Cando un dos proxenitores é homocigoto non é necesario repetir unha ringleira ou columna co mesmo gameto. Nun cruzamento Aa x aa, o individuo Aa produciría gametos A e a, pero o individuo aa só produciría gametos a, polo que o cadro quedaría así e as probabilidades da descendencia serían Aa 50% (ou 1/2) e aa 50% (ou 1/2).
Paterno | |||
---|---|---|---|
a | |||
Materno | A | Aa | |
a | aa |
O cadro de Punnett dá as probabilidades dos xenotipos, pero para calcular as dos fenotipos deberemos saber tamén cal é a relación de dominancia entre os alelos. Para xenes clásicos dominantes/recesivos as letras maiúsculas adoitan indicar os fenotipos dominantes, que son os que se expresan enmascarando aos alelos recesivos.
Cruzamento dihíbrido
editarCando no cruzamento estudado están implicados dous ou máis xenes o número de ringleiras e columnas do cadro é maior (haberá tantas como gametos distintos). Por exemplo, nun cruzamento dihíbrido entre dous heterocigotos para dous xenes, é dicir, AaBb x AaBb, cada proxenitor producirá catro gametos, que son AB, Ab, aB e ab, polo que o cadro será de 4 x 4, e haberá 16 cadriños no cadro de Punnett. E se hai dominancia de A e B sobre a e b, as combinacións fenotípicas estarán na proporción 9:3:3:1.[1] O cadro de Punnet só se pode aplicar desta manera cando os xenes son independentes (cumpren a lei da distribución independente dos caracteres de Mendel), pero non se son xenes ligados, que se tenden a herdar xuntos por estar no mesmo cromosoma.
Método da árbore
editarOutro modo de resolver cruzamentos de dihíbridos e multihíbridos é o método da árbore, no que se poden saber as probabilidades dos xenotipos que se obterán na descendencia multiplicando as probabilidades para cada xenotipo nos distintos xenes.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Strickberger. Genética. 2ª ed. Omega. Páxinas 120, 131. ISBN 84-282-0369-5.
- Campbell, Neil. Biology (7th ed.). Benjamin-Cummings Publishing Company. ISBN 978-0-8053-7146-8. OCLC 71890442.