Cadafalso (arquitectura)
Un cadafalso[1] é unha fortificación ou baluarte de madeira das torres e murallas medievais. Penduraba apoiándose en canzorros ou trabes de madeira ou pedras que sobresaían, incrustadas no muro. Normalmente estaban cubertos e non adoitaban ser permanentes, senón instalarse durante un asedio. En tempos de paz, crese que os cadafalsos almacenábanse como elementos prefabricados.
Tiña unha finalidade militar, pois posuían pequenos vans ou seteiras tanto na parte frontal coma no chan. Isto, unido a que sobresaían respecto do lenzo da muralla ou torre, ampliaba o campo de tiro dos defensores ao longo da muralla e, especialmente, permitía un tiro vertical cara a abaixo sobre os atacantes das torres. No entanto, ao estaren feitos de madeira, ardían de xeito doado. Posteriormente, foron substituídos por matacáns, que eran permanentes e en pedra e que supuxeron unha mellora respecto dos cadafalsos.
En moitas construcións en pedra que sobreviviron da época medieval, delátase a existencia deste elemento pola presenza dos pequenos vans que regularmente puntean a fachada trazando a liña por baixo dun van máis grande que era a porta de acceso aos cadafalsos, como pode verse na españolas Torre de Pero Niño (Cantabria) ou na de Aldealseñor (Soria).[1]
Sobreviviron algúns cadafalsos medievais, incluíndo exemplos na torre setentrional do castelo de Stokesay, en Shropshire (Reino Unido) e en Laval (Francia). A cidadela interior de Carcasona, tamén en Francia, amosa cadafalsos reconstruídos en madeira.
Notas
editar- ↑ Termo en galego en Dicionario visual da construción, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2004
- Dicionario do románico aragonés
- Terminoloxía de castelos C
- A arte románica: Fortificacións Militares... Torres (Atalaias), Murallas e Castelos