Aviaco (Aviación y Comercio S.A.) foi unha aeroliña española creada o 18 de febreiro de 1948 ao ser promulgada unha lei que rompía o monopolio do sector aeronáutico en España, que ata ese momento ostentaba a compañía Iberia. Posteriormente foi nacionalizada e pasou a depender de Iberia, ata que finalmente foi absorbida por esta en 1999.

Aviaco
IATA
AO
OACI
AYC
Indicativo
AVIACO
Fundación18 de febreiro de 1948
Fin das operacións1 de setembro de 1999
Aeroporto principalAeroporto de Madrid-Barajas

Historia

editar

A compañía constituíuse o 18 de febreiro de 1948, con sede no nº 1 da rúa Buenos Aires de Bilbao e un capital social de 100 millóns de pesetas. O seu primeiro presidente, Elías Ugartechea Isusi posuía dende decembro de 1946 permisos para realizar servizos aéreos nacionais non regulares, que transferiu á nova compañía.

O 1 de maio de 1948 Aviaco recibiu os seus primeiros avións, tres Bristol 170 Freighter Mk 21, cos que iniciou operacións dende Bilbao a Madrid e Barcelona. En 1949 Aviaco estableceu a súa base de operacións no Aeroporto de Madrid-Barajas, e iniciou rutas cara Canarias, Alacant e Badaxoz, ademais de ingresar na IATA.

En 1950 noméase presidente a José Pazó Montes, engádense 9 avións Sud-Est SE.161 Languedoc e créanse as rutas Madrid-Sevilla-Xerez, Madrid-Lugo-Santiago de Compostela, Madrid-Alacant-Orán e Barcelona-Bruxelas-Ámsterdam. En 1951 inícianse as rutas da cornixa cantábrica, cubrindo inicialmente a correspondencia Madrid-Lugo-Santiago de Compostela-Bilbao-Zaragoza-Barcelona, que posteriormente se dividiría en varias subrutas, e ademais creou a ruta Bilbao-Bordeos e Madrid-Vitoria.

Durante os anos 50, Aviaco crea rutas dende Madrid aos aeroportos de nova creación de Granada, Donostia, Asturias e Santander. Para cubrir toda esta demanda de rutas engadiu á súa frota avións de Havilland DH.114 Heron, Fokker F-27 e Convair 240/440 Metropolitan. Aviaco converteuse así na clave para a creación de liñas aéreas cos novos aeroportos que se construían en España. En 1954 o Instituto Nacional de Industria merca a metade máis unha das accións da compañía, integrándose ao ano seguinte todo o persoal no Montepío de Loreto. En 1959 Aviaco pasou a ser filial de Iberia, pasando a ser o seu director Carlos Texidor Rodríguez.

 
Caravelle de Aviaco.

En 1960 introdúcense os Sud Aviation Caravelle na compañía. No ano 1971 noméase presidente da aeroliña a Tomás Maestre Aznar, mentres que Joaquín Abril Martorell é nomeado director xerente. En 1973 o INI adquire o 67% do capital, nomeando como novo presidente a Fernando Liñán. En 1975 a compañía contaba con 27 avións (6 DC-8, 4 Caravelle, 12 DC-9 e 5 Fokker F-27).

Nos anos 80 Aviaco dedicouse a realizar voos chárter (que deixou de operar dende a creación de VIVA Air en 1988), voos regulares nacionais a aeroportos secundarios, e operacións de terceiro nivel cos Fokker 27 (especialmente nas liñas insulares das Canarias e Baleares), mentres que Iberia servía as rutas nacionais principais e os destinos internacionais. Iberia fíxose cargo de todos os servizos de Aviaco, administrativos, comerciais e técnicos.

A finais dos anos 90 Iberia levou a cabo unha reorganización do seu grupo. Aviaco comezou a operar conxuntamente os seus voos en código compartido IB/AO dende 1997, e finalmente Aviaco desapareceu como marca o 1 de setembro de 1999, sendo repintados todos os seus avións ás cores de Iberia.

Dos catro accidentes de aviación que houbo en Galicia, dous (o de Montrove en 1973 e o de o de Peinador en 1994) foron con aeronaves de Aviaco.

Frota histórica

editar