Manuel I Comneno Megas, O Grande (28 de novembro de 1118? - 24 de setembro de 1180) emperador bizantino entre 1143 e 1180. Foi o cuarto fillo de Xoán II Comneno e Piroska -bautizada como Irene ao converterse á fe ortodoxa-, a filla do Rei Ladislau I de Hungría.

Modelo:BiografíaManuel I Comneno

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Μανουήλ Α' Κομνηνός Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento28 de novembro de 1118 Editar o valor en Wikidata
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Morte24 de setembro de 1180 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Emperador bizantino
8 de abril de 1143 – 24 de setembro de 1180
← Xoán II ComnenoAleixo II Comneno → Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónEmperador Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaDinastía Ducas-Comneno Editar o valor en Wikidata
CónxuxeBerta de Sulzbach (1146 (Gregoriano)–1159 (Gregoriano))
Maria de Antioquia Editar o valor en Wikidata
FillosMaria Comnena
 () Berta de Sulzbach
Alexios Komnenos
 ()
Aleixo II Comneno
 () Maria de Antioquia Editar o valor en Wikidata
PaisXoán II Comneno Editar o valor en Wikidata  e Piroska da Hungria Editar o valor en Wikidata
IrmánsAleixo Comneno
Andrónico Comneno
Isaac Comneno
Eudokia Komnene
Maria Komnene
Theodora Komnene Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteVlastenský slovník historický (pt) Traducir
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Meyers Konversations-Lexikon, 4th edition (1885–1890) (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
BNE: XX5623352 WikiTree: Komnenos-3

Manuel foi un xeneral valente e ata destacou aínda máis por ser un hábil diplomático e estadista do Imperio Bizantino. Famoso polo seu carisma e pola súa paixón por Occidente, trabou amizade persoal co Emperador alemán Conrado III, e ata curou as súas feridas despois do fracaso da Segunda Cruzada. Adoutrinado coa idea dun Imperio universal, e cunha paixón polo debate teolóxico, foi tamén quizais o único Cabaleiro-emperador segundo as normas da cabalaría da época de Bizancio. El é un representante dunha nova clase de gobernantes bizantinos que estiveron baixo a influencia do contacto cos cruzados occidentais. O costume gardado na súa corte non se inspirou pola opulencia bizantina tradicional. Amou as tradicións occidentais e celebrou torneos e xustas, mesmo participando neles, algo estraño e inquietante a ollos dos bizantinos.

Considerabelmente menos piadoso que o seu pai, Xoán II Comneno, foi un emperador enérxico e brillante que distinguiu posibilidades en todas partes, e cuxa perspectiva optimista conformou a súa visión da política exterior bizantina.

Certos comentaristas e historiadores criticaron algúns dos seus obxectivos tan pouco realistas, en particular a súa proposta de invasión de Exipto como proba dos seus soños de grandeza a unha escala inaccesíbel. Con todo, para Manuel, tales iniciativas eran tentativas simplemente ambiciosas de aproveitar as circunstancias que se lle presentaron.

Téndose distinguido na guerra do seu pai fronte aos turcos selxúcidas, foi elevado á categoría de emperador en detrimento do seu irmán máis vello. Dotado dun físico refinado e gran coraxe persoal, dedicouse incondicionalmente a unha carreira militar. Esforzouse por restaurar pola forza das armas o predominio do Imperio Bizantino nos países do Mediterráneo, e estivo implicado en conflitos bélicos cos seus veciños en todas as frontes do Imperio.

A Segunda Cruzada e Reinaldo de Chatillon

editar

A primeira proba para o reinado de Manuel chegou en 1144 cando tivo que facer fronte a unha demanda de Raimundo, príncipe de Antioquía que esixía a cesión dos territorios de Cilicia. Con todo, ese mesmo ano, o condado de Edesa (tamén Cruzado) foi absorbido pola crecente presión musulmá de Imad al-Din Atabeg Zengi. Co flanco oriental en perigo, a Raimundo só lle quedou a opción dunha visita humillante a Constantinopla, pois a axuda inmediata desde occidente era impensábel. Non tivo máis remedio que tragarse o seu orgullo e pedir a protección do emperador. Tras someterse a Manuel, prometéuselle o apoio solicitado e aseguraouse a súa dependencia de Bizancio.

Con todo, Manuel decidiu non proseguir máis aló nos seus éxitos iniciais en oriente, pois os acontecementos en occidente requirían a súa presenza urxentemente. En 1147 permitiu o paso polos seus dominios de dous exércitos da Segunda Cruzada, baixo o emperador Conrado III e o rei Lois VII de Francia. Na época, aínda había membros da corte bizantina que recordaban o paso da Primeira Cruzada. A cruzada fora un episodio que marcou a memoria colectiva da época e que fascinara á tía de Manuel Ana Comnena, que describe a algúns líderes da mesma na súa Alexíada, unha biografía do seu pai, o avó de Manuel, Aleixo I Comneno. Moitos bizantinos temían á cruzada, e esta impresión resultaba reforzada polos numerosos actos de vandalismo e roubos levados a cabo polas tropas na súa marcha polo territorio bizantino. As tropas bizantinas seguiron aos cruzados intentando vixiar e controlar o seu comportamento, ás que se uniron outras forzas en Constantinopla para defender a capital. Esta decisión foi razoábel, pero aínda así, producíronse moitos choques violentos entre francos e gregos, dos que ao parecer foron responsábeis os dous bandos, e que estiveron a piques de precipitar un conflito aberto entre Manuel e os cruzados. Manuel, con prudencia, reforzara a súa alianza con Conrado, casando coa cuñada deste, Berta de Sulzbach. Pero Conrado morrería en 1152 e malia os repetidos intentos, non puido chegar a un acordo similar co seu sucesor Frederico I Barbarroxa.

A atención de Manuel tivo que volverse a Antioquía de novo en 1156, nesta ocasión por mor dun feito atroz: Reinaldo de Chatillon, o novo príncipe de Antioquía, invadiu a provincia bizantina de Chipre e, tras saquear ao illa e desposuíla de todas as súas riquezas, o seu exército mutilou aos superviventes non sen antes obrigalos a recomprar os seus rabaños a prezos exorbitantes co pouco que lles quedaba. Manuel respondeu a este ataque no seu estilo enérxico típico. Reuniu un enorme exército e non perdeu o tempo en marchar sobre o Principado de Antioquía. De feito, a velocidade do seu avance foi tal que sorprendeu aos armenios de Cilicia, cuxo príncipe participara no ataque a Chipre.

As noticias do avance bizantino chegaron a Antioquía. Reinaldo, sabedor de que non podería resistir nin esperar o apoio do rei de Xerusalén, Balduíno III (pois este non aprobara o ataque a Chipre), decidiu que a única saída era a submisión. Presentouse ante o emperador vestido de saco e rogando o perdón. Manuel aceptou perdoalo se pasaba a ser vasalo imperial. Manuel non só desexaba recuperar Antioquía para o Imperio, senón que tamén pretendía utilizar aos latinos e a Occidente en xeral para reforzar a posición do Imperio. Tiña especial interese en conseguir que os cruzados actuasen en Exipto, un territorio sobre o que Bizancio non interviñera durante séculos.

Satisfeito cos resultados, Manuel volveu a Constantinopla, derrotando tamén aos turcos que o sorprenderon polo camiño. Ao ano seguinte expulsou os selxúcidas de Isauria. Pero a situación nos Balcáns e en occidente requiriu entón a súa atención.

A campaña de Italia

editar

En 1148 o emperador atacou a Roxerio II de Sicilia cuxa frota tomara Corfú e saqueara varias cidades gregas, e derrotouno co apoio de Venecia. Ao ano seguinte, recuperou Corfú e preparou a súa ofensiva contra os normandos sicilianos. Cun exército de mercenarios italianos invadiu Sicilia e Apulia, grazas ao apoio de baróns locais descontentos.

 
Moeda de Manuel I.

Varias cidades, como Bari que fora unha cidade bizantina ata a súa toma polos normandos en 1071, abriron as súas portas ao exército imperial. E aínda que o proceso de conquista se detivo por causa dalgunha derrota, Manuel conseguiu manter algún territorio no sur de Italia, o que se asegurou por unha paz en 1155. Reforzado polo seu éxito, soñou coa restauración do Imperio romano aínda que fose á custa da unión das dúas igrexas, algo que chegou a ofrecer ao papa no curso das negociacións. A unión significaría a aceptación do emperador bizantino como máxima autoridade secular sobre todos os cristiáns; pero o papa considerábase el só como autoridade máxima. Para poder chegar a un acordo, Manuel tería que aceptar a supremacía do papa nalgún modo, e isto resultaba inaceptábel, ata para un emperador tan pro-occidental como Manuel, sobre todo, tendo en conta a actitude anti-occidental de boa parte da poboación greco-ortodoxa. En calquera caso, unha derrota en Brindisi en 1156 puxo fin ao restaurado imperio bizantino en Italia, e cara a 1158, as tropas orientais xa deixaran Italia. Trala morte de Manuel, os normandos de Sicilia volverían invadir o territorio bizantino en 1185, saqueando Tesalónica.

Co fin de debilitar o poder de Venecia sobre o comercio imperial, Manuel asinou acordos con Pisa e Xénova. Para contrarrestar as aspiracións de Frederico I, apoiou ás cidades libres de Italia. Pero non conseguiu que os italianos apoiasen os seus intereses; con todo, nunha breve guerra contra os venecianos, conseguiu expulsalos do mar Exeo.

O resultado final da súa campaña italiana foi bastante limitado. A cidade de Ancona pasou a ser unha base bizantina en Italia. Os normandos de Sicilia, danados, aceptaron a paz durante o resto do reinado de Manuel. Todo iso tivera un custo enorme en diñeiro, para só producir escasos resultados.

A fronteira do Danubio: a derrota de Hungría e a prosperidade do Imperio

editar

Na súa fronteira setentrional, Manuel fixo un grande esforzo por conservar as conquistas de Basilio II uns cen anos antes.

 
Europa bizantina - na parte superior dereita pode verse o Danubio

Obrigou os serbios rebeldes á vasalaxe (1150-1152) e lanzou ataques constantes sobre Hungría coa intención de anexionar o seu territorio ata o río Sava. Nas guerras de 1151-1153 e 1163-1168, Manuel levou ás súas tropas ata Hungría, penetrando moito no seu territorio e obtendo un cuantioso botín de guerra. En 1168, unha importante vitoria en Zemun permitiulle asinar unha paz, pola que obtiña Dalmacia e outros territorios fronteirizos. O herdeiro ao trono húngaro Bela foi enviado a Constantinopla para ser educado na corte de Manuel, e trazouse un plan para casalo coa súa filla María. Bela tomou o nome de Aleixo e o título de déspota, pero cando o emperador tivo un fillo home, deixouse de lado este plan.

En conxunto, Manuel logrou éxitos importantes nos Balcáns, o que lle permitiu reforzar a seguridade de Grecia e Bulgaria. Estas provincias viviron unha fase de esplendor que duraría ata final de século. De feito, calculouse que Bizancio no século XII era máis rico e próspero que nunca antes desde a invasión persa en tempos de Heraclio, uns cincocentos anos antes. Aínda que as cidades iniciaran unha tímida recuperación desde fins do século IX, a derrota de Manzikert (1071) e as guerras civís anteriores a Aleixo I Comneno interromperon o proceso. Só os éxitos dos Comnenos detiveron o afundimento definitivo do Imperio, e grazas a estes recuperouse a vida urbana. A poboación de Constantinopla achegábase ao medio millón de habitantes en tempos de Manuel, o que a convertía na maior cidade de Europa con diferenza, e seguía crecendo. O carácter cosmopolita da capital viuse reforzado pola chegada de mercadores italianos e cruzados camiño de Terra Santa.

 
Os beneficios da paz: unha igrexa rural bizantina. Durante o reinado de Manuel I edificáronse numerosas igrexas.

Os venecianos e outros italianos abriron os portos do Exeo ao comercio cos reinos cruzados de Outremer e o Exipto fatimí. Estes comerciantes demandaron produtos en toda Grecia, Macedonia e as illas. Tesalónica, a segunda cidade do Imperio, celebraba unha famosa feira estival que atraía comerciantes de todos os Balcáns. En Corinto, a produción de seda animou a economía local. Todo iso debeuse aos emperadores Comneno e á 'Pax Byzantina' firmemente establecida no núcleo do seu Imperio.

A invasión de Exipto

editar

En 1169 Manuel enviou unha expedición conxunta co rei Amalarico I de Xerusalén contra Exipto. A expedición supuxo unha extraordinaria demostración de poder por parte do Imperio, a causa do grande exército e frota enviados, pero tamén significou un gran custo para os bizantinos.

Aínda que un ataque a tan longa distancia do centro do Imperio podería parecer algo extraordinario, pode comprenderse pola política de Manuel que buscaba aproveitarse dos latinos para asegurarse a supervivencia do Imperio. Unha invasión exitosa de Exipto ofrecería moitas vantaxes ao Imperio. Primeiro, evitaría unha alianza islámica que expulsase aos cruzados. Segundo, a riqueza de Exipto era tal que os ingresos a obter (ata compartidos cos cruzados) compensaban o esforzo realizado. Ademais, a alianza ligaría aínda máis aos cruzados co Imperio.

A invasión de Exipto esperaba contar tamén con certo apoio da poboación local copta que levaba vivindo máis de cincocentos anos baixo o poder musulmán. Pero o fracaso na cooperación plena entre cruzados e bizantinos fixo que a operación fracasase. Os bizantinos só levaron provisións para tres meses; pero cando os cruzados estiveron preparados, xa se estaban acabando aquelas. A alianza mantívose, e fixéronse novos plans, pero non se levaron a cabo.

En xeral, as relacións do reinado de Manuel Comneno adoitan prestar pouca atención á expedición de Exipto, debido ao seu fracaso e á importancia doutros asuntos, como o ascenso de Venecia e dos turcos selxúcidas. Con todo, as consecuencias do fracaso foron moi serias. Manuel investira moito tempo, diñeiro e homes no devandito ataque, recursos que se poderían aproveitar mellor contra os turcos de Anatolia.

O sultán selxúcida Kilij Arslan II aproveitou a ocasión para eliminar os seus rivais e reforzar o seu poder en Asia Menor. Pouco despois, o ascenso dun xove xeneral kurdo, Saladino, só sería posíbel grazas ao seu control de Exipto, o que lle permitiría expulsar aos cruzados de Xerusalén, cambiando o equilibrio do poder no Mediterráneo oriental para sempre.

O 17 de setembro de 1176 Manuel foi derrotado por Kilij Arslan II na batalla de Miriocéfalo (Myriokephalon). Este desastre foi un serio revés persoal, desde entón, Manuel empeorou de saúde para morrer en 1180.

Valoración do seu mandato

editar

Manuel foi un valente xeneral e un hábil diplomático e estadista. Famoso polo seu carisma e a súa atracción por occidente, chegou a ser amigo persoal do emperador Conrado III. Convencido da idea do imperio universal e apaixonado polo debate teolóxico, foi o representante dun novo tipo de emperador bizantino, influenciado polo contacto cos cruzados occidentais. Amaba os costumes occidentais, e así organizou torneos, e mesmo participou neles, malia que os bizantinos non aprobaban este comportamento.

Malia os seus éxitos militares, Manuel logrou poucas conquistas para o Imperio; de feito, conseguiu que moitos dos seus inimigos se unisen na súa contra. As súas vitorias compensáronse con derrotas, e nalgúns casos á custa de grandes gastos. Foi moi criticado por subir os impostos, gastados nas súas aventuras de expansión exterior; todo iso chegou a poñer as finanzas públicas en perigo.

 
O Imperio bizantino baixo Manuel I.

Os problemas aos que deu lugar a súa política compensáronse en parte cos seus éxitos, sobre todo nos Balcáns. Pero, tendo en conta o posterior afundimento do Imperio, parece que sería mellor utilizar con máis coidado os recursos dispoñíbeis. O seu política pro-occidental deu lugar a reaccións en contra en todo o Imperio, ata o punto de que o ascenso de Andrónico I Comneno foi celebrado cunha masacre de latinos en Constantinopla. Todos estes feitos, xunto con outros posteriores, levarían á ocupación do Imperio na Cuarta Cruzada.

Manuel foi recordado polos latinos como o soberano máis poderoso do mundo. Durante o seu reinado freou todos os intentos externos de atacar o Imperio; con todo, no leste, as súas vitorias foron eclipsadas pola derrota de Miriocéfalo en 1176. Á súa morte, o Imperio era unha gran potencia, próspero, coas súas fronteiras seguras; pero tamén tiña graves problemas. No interior, a corte precisaba un gran líder que mantivese o sistema unido, e trala morte de Manuel a estabilidade viuse perigosamente comprometida desde dentro. Algúns dos seus inimigos externos esperaban calquera oportunidade para atacar, sobre todo os turcos de Anatolia e os normandos de Sicilia. sería necesario un emperador forte para reconstruír o tesouro imperial e facer fronte a todas estas ameazas. Desgraciadamente para Bizancio, non chegaría un líder desas características.

Familia

editar

Manuel casou, en primeiras nupcias en 1146, con Bertha de Sulzbach, unha cuñada de Conrado III de Alemaña. Ela morreu en 1159. Deulle dous fillos:

Manuel casou en segundas nupcias en 1161, cunha filla de Raimundo e Constanza de Antioquía, María (que adoptou logo o nome de Xena). Tiveron un fillo e sucesor Aleixo II Comneno.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
Imperio Bizantino

Segue a:
Xoán II Comneno
Manuel I Comneno
Precede a:
Aleixo II Comneno
Dinastía Ducas-Comneno